COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS
Labores de socorro no ano 2022. O amor dos irmáns en acción
1 DE XANEIRO DE 2023
A Biblia predixo que os nosos días estarían marcados por guerras, terremotos, pestes e outras “cousas espantosas” (Lucas 21:10, 11). Esta profecía tamén se seguiu cumprindo no ano de servizo 2022.a Por exemplo, a guerra na Ucraína continuou e isto afectou a vida de millóns de persoas. A maior parte do mundo aínda se estaba recuperando da pandemia da COVID-19. Ademais, moita xente viuse afectada polos desastres naturais, como por exemplo, os terremotos en Haití ou as tormentas en América Central, Filipinas e no sueste de África. Como lles axudaron as testemuñas de Xehová ós afectados?
Durante o ano de servizo 2022, a nosa organización deulle axuda ás vítimas de máis de 200 desastres! En total, gastamos case 12 millóns de dólares en labores de socorro.b Vexamos como se usaron as doazóns para axudarlles ás vítimas de dous desastres.
Terremotos en Haití
O 14 de agosto de 2021, un terremoto de magnitude 7,2 golpeou o sur de Haití. Desgraciadamente morreron dúas irmás e un irmán. Os que sobreviviron tiveron que facerlle fronte ós danos físicos e ás consecuencias emocionais causadas polo desastre. Un irmán chamado Stephane recorda: “Morreu tanta xente na cidade que houbo varios funerais cada semana durante máis de dous meses”. Outro irmán, que se chama Éliézer, comenta: “Moitos irmáns quedaron sen casa, sen roupa, sen zapatos e sen outras cousas básicas. A xente vivía con medo, xa que durante meses houbo moitas réplicas do terremoto”.
A nosa organización deseguida se puxo mans á obra. A sucursal de Haití repartiu máis de 53 toneladas de alimentos, así como tendas, lonas, colchóns e cargadores solares para teléfonos móbiles. Ademais, durante o ano de servizo 2022, reconstruíronse ou reparáronse máis de 100 casas. Gastáronse máis de un millón de dólares nestes labores de socorro.
Distribución de comida en Haití.
Os nosos irmáns están moi agradecidos. Lorette di: “O terremoto destruíu a nosa casa e o noso negocio. Non tiñamos nada que comer. Pero a organización de Xehová deunos todo o que necesitabamos”. Micheline comenta: “O terremoto estragou a chaboliña onde viviamos os meus dous fillos mais eu. Non sabía que facer, así que lle pedín axuda a Xehová en oración e El respondeume a través da súa organización. Agora temos unha casa de xeito na que vivir. Vou facer todo o que poida para amosarlle a Xehová o agradecida que estou”.
Os labores de socorro non pasaron desapercibidos polas autoridades locais. O alcalde de L’Asile dixo: “Felicítovos polo rápido que viñestes axudar e polo respectuosos que sodes coas autoridades. Alégrame ver que mirades pola xente e non polos cartos. Facedes as cousas por amor”.
A tormenta tropical Ana golpea Malaui e Mozambique
O 24 de xaneiro de 2022, a tormenta tropical Ana causou derrubamentos en Mozambique e logo dirixiuse a Malaui. O ciclón causou intensas choivas e ventos de máis de 100 quilómetros por hora. Tamén tirou torres de alta tensión, arrastrou pontes e provocou grandes inundacións.
A tormenta afectou a máis de 30.000 testemuñas de Xehová de Malaui e Mozambique. Charles, un irmán que axudou nas tarefas de socorro, di: “Cando vin o sufrimento dos irmáns e todo o que perderan, sentinme moi triste. Pensei que non podía facer nada por eles”. A situación era moi delicada, xa que a tormenta arrasara cos cultivos e coas poucas reservas de comida que tiñan. Moita xente quedou sen casa. Por desgraza, un irmán perdeu a súa muller e a dúas filliñas cando envorcou o barco no que ían.
A casa dunha parella de Testemuñas en Mozambique despois da tormenta.
A súa casa nova.
A tormenta foi terrible. Á unha da mañá, en Nchalo (Malaui), a familia Sengeredo escoitou asustada como corría a auga: desbordáranse dous ríos! O irmán Sengeredo decidiu que tiñan que marchar da casa. Foi unha decisión moi acertada, xa que pouco despois a casa derrubouse pola corrente. Todo o que tiñan estragouse ou levouno a auga. Entón, a familia decidiu ir ó Salón do Reino, que normalmente está a uns trinta minutos camiñando dende a súa casa. Pero desta vez tardaron dúas horas. Aínda que chegaron cansos e empapados, todos estaban a salvo.
As sucursais de Malaui e Mozambique deseguida comezaron cos labores de socorro. Pedíronlles ós superintendentes e anciáns que avaliasen que cousas lles facían falta ós irmáns e tamén que lles desen ánimo e axuda espiritual. Asignáronse varios Comités de Socorro para supervisar as tarefas. Grazas a estes comités, os irmáns comezaron a recibir comida e outras cousas necesarias. Gastáronse máis de 33.000 dólares en axuda humanitaria e máis de 300.000 dólares en reparar e reconstruír casas.
Os Comités de Socorro administraron moi ben os cartos. Isto foi especialmente importante a causa da grande inflación. Por exemplo, durante os primeiros sete meses dos traballos de socorro, o prezo da fariña de millo subiu cerca dun 70%, aínda sendo un alimento básico en Malaui. O prezo do combustible tamén subiu. Para aforrar cartos, os irmáns mercaron comida e materias na zona e en grandes cantidades. Deste xeito, aforraron os custos do transporte e conseguiron algúns descontos.
Os labores de socorro chegaron ó corazón dos irmáns. Felisberto, un irmán de Mozambique, di: “Na miña vida vin unha organización que dese tanto: materiais de construción, transporte, man de obra, comida e bos consellos. Esta axuda é unha mostra perfecta do amor que Xesús describiu en Xoán 13:34, 35”. Ester, unha viúva de Malaui que perdeu a súa casa, explica: “Estaba desesperada porque non tiña cartos para facer outra casa. Pero cando os irmáns viñeron e me fixeron unha casiña nova, sentinme coma se xa estivese no Paraíso”.
Ata que chegue o novo mundo seguiremos vendo aínda máis desastres (Mateo 24:7, 8). Pero grazas ás túas xenerosas doazóns, estamos seguros de que o pobo de Xehová sempre terá a axuda que necesite. En donate.jw.org explícanse diferentes formas de facer doazóns. Moitas grazas pola túa xenerosidade.
a O ano de servizo 2022 comezou o 1 de setembro de 2021 e rematou o 31 de agosto de 2022.
b Tódalas cantidades de diñeiro deste artigo son en dólares americanos.