TEXTOS BÍBLICOS EXPLICADOS
Xeremías 29:11 | “Soamente eu coñezo os proxectos que eu planeo para vós”
“‘Porque sei moi ben o que teño en mente para vós’, afirma Xehováa. ‘Quero que teñades paz, non calamidade. Quero darvos un futuro e unha esperanza”. (Xeremías 29:11, Tradución do Novo Mundo).
“Soamente eu coñezo os proxectos que eu planeo para vós —é o Señor quen fala—, proxectos de fartura e non de desgracia, de darvos un porvir e unha esperanza” (Xeremías 29:11, A Biblia, SEPT).
Significado de Xeremías 29:11
Xehová asegúralles ós seus adoradores que ten preparado para eles un futuro cheo de paz. Aínda que estas palabras foron escritas para as persoas no pasado, seguen expresando os pensamentos de Deus hoxe en día. El é “o Deus que dá esperanza” (Romanos 15:13). De feito, deixou rexistradas estas promesas na Biblia “para que teñamos esperanza” dun futuro mellor (Romanos 15:4).
Contexto de Xeremías 29:11
Estas palabras son parte dunha carta para os israelitas que foran levados presos dende Xerusalén a Babilonia (Xeremías 29:1).b Deus díxolles ós exiliados que non poderían volver ó seu fogar en moito tempo e que debían construír casas, plantar terreos e ter fillos (Xeremías 29:4-9). Pero tamén engadiu: “Tan axiña como se lle cumpran a Babilonia os setenta anos, heivos facer unha visita, para cumprir convosco a miña promesa de vos traer outra vez a este lugar”, é dicir, a Xerusalén (Xeremías 29:10). Desta maneira Deus aseguroulles que non se esquecería deles e que a súa esperanza de volver a casa se cumpriría (Xeremías 31:16, 17).
Deus mantivo a promesa que lles dera ós israelitas. Como el profetizara, Babilonia foi conquistada polo rei persa Ciro (Isaías 45:1, 2; Xeremías 51:30-32). Despois diso, Ciro permitiu que os xudeus volvesen ó seu fogar. Despois de 70 anos de cativerio, volveron a Xerusalén (2 Crónicas 36:20-23; Esdras 3:1).
O feito de que Deus cumprise a promesa de Xeremías 29:11 dálles confianza a aqueles que esperan o cumprimento das súas promesas hoxe en día. Entre estas está a de vivir nun mundo cheo de paz grazas ó Reino de Deus en mans de Xesucristo (Salmo 37:10, 11, 29; Isaías 55:11; Mateo 6:10).
Ideas equivocadas sobre Xeremías 29:11
Idea equivocada: Deus ten un plan para cada un de nós.
Realidade: Deus deixa que cada un decida por si mesmo o que vai facer coa súa vida. As súas palabras rexistradas en Xeremías 29:11 referíanse ós israelitas que estaba en Babilonia como grupo. Deus tiña en mente un futuro pacífico para ese grupo de persoas (Xeremías 29:4). Aínda así, permitiu que cada persoa decidise se quería beneficiarse desta promesa ou non (Deuteronomio 30:19, 20; Xeremías 29:32). Aqueles que elixiron buscar a Deus fixérono orándolle cun corazón sincero (Xeremías 29:12,13).
Le Xeremías capítulo 29 coas notas explicativas e as referencias cruzadas.
b Acerca de Xeremías 29:11, unha obra de consulta bíblica di: “É difícil atopar outra promesa máis fermosa na Biblia que exprese a tenra compaixón de Yahweh [Xehová] cara a aqueles exiliados e que lles dea por fin unha razón para ser optimistas e ter esperanza” (The Expositor’s Bible Commentary, volume 7, páxina 360, escrito por Michael L. Brown).