A historia de Noé e o Diluvio. É só un mito?
O que di a Biblia
O Diluvio foi un suceso real. Deus causouno para destruír a xente mala, pero díxolle a Noé que construíse unha arca para que a xente boa e os animais puidesen salvarse (Xénese 6:11-20). Podemos estar seguros de que o Diluvio foi real porque está rexistrado na Biblia, que “está inspirada por Deus” (2 Timoteo 3:16).
Realidade ou mito?
A Biblia indica que Noé foi unha persoa real. Tamén explica que o Diluvio pasou de verdade, e que non foi unha simple lenda ou mito.
Os escritores da Biblia crían que Noé foi unha persoa real. Por exemplo, os escritores Esdras e Lucas foron experimentados historiadores, e incluíron a Noé nas xenealoxías da nación de Israel (1 Crónicas 1:4; Lucas 3:36). Mateo e Lucas tamén incluíron nos seus Evanxeos as cousas que dixo Xesús sobre o Diluvio (Mateo 24:37-39; Lucas 17:26, 27).
Ademais, o profeta Ezequiel e o apóstolo Paulo mencionaron a Noé coma un exemplo de fe e de xustiza (Ezequiel 14:14, 20; Hebreos 11:7). Tería sentido que eses escritores puxesen alguén que nunca existiu coma exemplo a seguir? Non moito. Noé e outros homes e mulleres de fe son exemplos que debemos imitar precisamente porque foron persoas reais (Hebreos 12:1; Santiago 5:17).
A Biblia dá detalles específicos do Diluvio. O relato bíblico do Diluvio non empeza cunha expresión como: “Érase unha vez”, coma se fose un conto. Máis ben, a Biblia indica o ano, o mes e o día de varios sucesos relacionados co Diluvio (Xénese 7:11; 8:4, 13, 14). Tamén menciona as dimensións da arca que construíu Noé (Xénese 6:15). Estes detalles demostran que a Biblia fala do Diluvio coma unha realidade, e non coma un mito.
Por que sucedeu o Diluvio?
A Biblia di que antes do Diluvio “a maldade dos homes medraba na terra” (Xénese 6:5). Tamén di que “a terra estaba toda enviciada ós ollos de Deus” porque estaba chea de violencia e inmoralidade sexual (Xénese 6:11; Xudas 6, 7).
A Biblia di que moitos deses problemas estaban causados por anxos malvados que deixaron o ceo para ter relacións sexuais con mulleres. Eses anxos tiveron fillos, chamados nefilim, que lle fixeron moito dano á xente que vivía na Terra naquel tempo (Xénese 6:1, 2, 4). Deus decidiu limpar a terra de maldade e permitir que as persoas boas puidesen empezar de cero sen malas influencias (Xénese 6:6, 7, 17).
Sabía a xente que ía vir un Diluvio?
Si. Deus díxolle a Noé o que pasaría e deulle instrucións para que construíse unha arca para que el e a súa familia puidesen sobrevivir (Xénese 6:13, 14; 7:1-4) Noé advertiu ás persoas da destrución que se lles viña enriba, pero non lle fixeron caso (2 Pedro 2:5). A Biblia di: “Non fixeron caso ata que veu o Diluvio e os destruíu a todos” (Mateo 24:37-39).
Como era a arca de Noé?
A arca era coma unha caixa longa e rectangular. Medía uns 133 metros de longo, 22 metros de ancho e 13 metros de alto.a A arca estaba feita de madeira resinosa e cuberta por dentro e por fóra de betume. Tiña tres pisos e varios compartimentos. Había unha porta no lateral e posiblemente ventás na parte alta, ó longo de toda a arca. Parece probable que o teito fose un pouco máis alto no centro que nos bordos para que a auga escorregase e non se acumulase (Xénese 6:14-16).
Canto tempo lle levou a Noé construír a arca?
A Biblia non di canto tempo lle levou a Noé construír a arca, pero é probable que lle levase varias décadas. Noé tiña máis de 500 anos cando naceu o seu primeiro fillo e 600 anos cando veu o Diluvio (Xénese 5:32; 7:6).b
Deus díxolle a Noé que construíse a arca cando os seus tres fillos xa eran maiores e estaban casados, o que puido levar uns cincuenta ou sesenta anos (Xénese 6:14, 18). Se usamos esta posibilidade como base, parece razoable pensar que a construción da arca durase uns corenta ou cincuenta anos.
a A Biblia dá as medidas da arca en cóbados. O “cóbado estándar hebreo medía 44,45 cm” (The Illustrated Bible Dictionary, Revised Edition, Part 3, páxina 1635. Revisado e editado por N. Hillyer).
b Para saber máis sobre canto tempo viviron personaxes coma Noé, mira o artigo “Los personajes bíblicos: ¿de veras vivieron tanto?” da revista La Atalaya do 1 de decembro de 2010 (dispoñible en español).