10-16 DE AGOSTO DE 2026
CANCIÓN sjj 122 Manteñámonos firmes e fieis
Como manternos leais cando se poña a proba a nosa fe
“Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras que levan á vida eterna” (XOÁN 6:68).
OBXECTIVO
Analizar como podemos manternos leais a Xehová cando pasemos por problemas que poñan a proba a nosa fe.
1, 2. Que pasou cando Xesús estaba ensinando en Capernaúm?
“ISTO que está dicindo é inaceptable! Non queremos escoitalo” (Xoán 6:60). Así reaccionaron moitos discípulos de Xesús cando escoitaron o que lles estaba ensinando en Capernaúm. El dixéralles: “Se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue terá vida eterna, e eu resucitareino no último día” (Xoán 6:53, 54).
2 Os que se sentiron ofendidos polo que dixo Xesús deixaron de seguilo. Entón, non tiñan ningunha fe nel? En realidade, antes deste incidente, houbo algunhas persoas, incluídos os discípulos de Xesús, que quedaron tan impresionadas polo que Xesús fixera que dixeron: “Está claro que este é o Profeta que tiña que vir ó mundo” (Xoán 6:14). Así que si que tiñan fe en Xesús pero, cando esta foi posta a proba, non se mantiveron leais a el.
3. Como reaccionaron os apóstolos ás palabras de Xesús, e por que? (Ver tamén a imaxe).
3 Os apóstolos reaccionaron de maneira diferente ás palabras de Xesús. Cando el lles preguntou se tamén querían marchar, Pedro respondeulle: “Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras que levan á vida eterna. Nós cremos e sabemos que ti es o Santo de Deus” (Xoán 6:68, 69). Fíxate en que Pedro non mencionou que el e os demais apóstolos entendesen por completo o significado das palabras de Xesús cando lles dixo que necesitaban comer a súa carne e beber o seu sangue. Sen importar o que comprendesen naquel momento, decidiron manterse leais a el. Por que? Porque estaban seguros de que era “o Cristo de Deus” (Luc. 9:20, 35).
Aínda que moitos discípulos abandonaron a Xesús, Pedro e os outros apóstolos mantivéronse leais (ver o parágrafo 3).
4. Que pode poñer a proba a nosa lealdade a Xehová?
4 A nosa lealdade a Xehová pode verse posta a proba de moitas maneiras diferentes. Por exemplo, como reaccionamos cando hai un cambio de entendemento dun versículo da Biblia ou un cambio na maneira na que está organizada a predicación? Ou como reaccionamos cando nos custa entender por que Xehová permitiu que sucedese algo que nos fixo sufrir moito? A nosa fe tamén se pode ver posta a proba se un bo amigo da congregación nos fai dano ou se alguén a quen respectamos nos trata dunha maneira que nos parece inxusta.
5. Pon un exemplo de por que a nosa fe necesita unha base forte (Colosenses 1:23).
5 Para entender mellor a importancia de ter unha base forte para a nosa fe, pensa na construción dun edificio nunha zona onde adoita haber terremotos. Ese edificio necesitará ter bos cimentos para manterse en pé. De igual maneira, para superar as situacións que poñen a proba a nosa fe, como as que mencionamos no anterior parágrafo, esta necesita ter unha base sólida. Se seguimos facendo cada vez máis forte esa base, seguiremos sendo servos de Xehová firmes e leais cando pasemos por situacións difíciles (1 Cor. 15:58; le Colosenses 1:23).
6. Que lles axudou ós apóstolos a manterse leais a Xesús?
6 Que lles axudou ós apóstolos a manterse leais a Xesús cando moitos outros o abandonaron? Eles estaban convencidos de que Xehová merecía a súa adoración porque é quen creou todo. Tamén de que Xesús, quen ten “palabras que levan á vida eterna”, é o Fillo de Deus e de que conta con todo o apoio de Xehová. Agora, en vez de analizar diferentes maneiras nas que a nosa fe pode ser posta a proba, centrémonos en tres verdades que nos axudarán a manternos firmes sen importar as dificultades ás que teñamos que facer fronte. Estas son: 1) Xehová é o Creador de tódalas cousas, 2) a Biblia está inspirada por Deus e 3) a organización das Testemuñas de Xehová é a que Deus apoia hoxe en día. Se estamos totalmente convencidos destas tres verdades, manterémonos leais cando pasemos por cousas que poñan a proba a nosa fe.
XEHOVÁ É O CREADOR
7. Que nos recorda Apocalipse 4:11, pero que pode pasar cando nos enfrontemos a situacións que poñan a proba a nosa fe?
7 Le Apocalipse 4:11. Este texto recórdanos que Xehová creou tódalas cousas. Este feito por si só xa fai que el mereza a nosa adoración. E cando meditamos no seu impresionante poder chegamos a estar convencidos de que pode salvarnos de calquera situación difícil. Pero Satanás encheu este mundo de propaganda deseñada para facernos dubidar da existencia de Deus. Os científicos quizais incluso afirmen que a vida xurdiu por si soa. Se non estamos totalmente convencidos de que Xehová é o Creador e de que nos quere, quizais empecemos a dubidar disto e de se nos axudará cando pasemos por problemas (Heb. 11:6).
8, 9. Que deberías facer se empezas a dubidar de se Xehová é o Creador? (Ver tamén a imaxe).
8 Se empezas a dubidar de se Xehová é o Creador, actúa de inmediato. Investiga profundamente nas nosas publicacións para encontrar información sobre a demoledora evidencia de que Xehová creou tódalas cousas. Encontrarás moita información que pode facer máis forte a túa fe neste asunto nos folletos Como empezou a vida? e A orixe da vida. Cinco preguntas que merecen resposta. Tamén verás máis probas na serie “Deseñouno alguén?” en jw.org. Jessica, unha irmá noviña dos Estados Unidos, conta: “Despois de ler o folleto A orixe da vida, estaba convencida de que as probas apuntaban a que hai un deseñador intelixente. Xa o sabía, pero despois de analizar os razoamentos que aparecen no folleto, non me quedou ningunha dúbida”. A outros axudoulles moito repasar o libro ¿Existe un Creador que se interese por nosotros? Quizais xa estudaches algunha vez estas cousas, pero por que non o volves facer?
9 Para o teu próximo proxecto de estudo persoal, por que non analizas as probas que demostran a existencia de Deus? Esta investigación non só fará que esteas máis convencido de que Xehová existe, senón que tamén aprenderás máis da súa personalidade (Rom. 1:20). Ademais, poderás utilizar o que aprendas para axudarlles a outros cando teñan dúbidas neste asunto. O que aprendemos de todo isto é que Xehová nos deu moitísimas probas para demostrarnos que el é o noso Creador.
Nebula: IAC/RGO/David Malin Images; fish and car: Mercedes-Benz USA; plane: Kristen Bartlett/University of Florida
Quizais xa liches o folleto Como empezou a vida?, pero por que non o volves facer? (Ver o parágrafo 8).
XEHOVÁ INSPIROU A BIBLIA
10. Por que é moi importante a Biblia para nós? (2 Timoteo 3:16, 17).
10 Le 2 Timoteo 3:16, 17. A Biblia é unha mensaxe de Xehová para a humanidade. Responde preguntas importantes sobre a vida, dinos cal é a súa vontade e tamén que quere que fagamos. Nós cremos que Xehová é o autor da Biblia, o que fai que este sexa o libro máis importante para nós. Por iso queremos estar seguros de entendela ben e esforzarnos ó máximo por aplicala na nosa vida.
11. Que te convence de que a Biblia foi inspirada por Deus?
11 Por que estamos convencidos de que Xehová inspirou a Biblia? Por moitas razóns. A Palabra de Deus é precisa historicamente e tamén cando fala da natureza (Luc. 3:1, 2; Xob 26:7). Ademais é o libro máis distribuído de tódolos tempos, a pesar dos incontables esforzos de Satanás por eliminalo. Foi escrita por uns 40 homes diferentes durante un período duns 1600 anos e, aínda así, a súa mensaxe é coherente. Aínda que se escribiu hai moitos anos, os seus consellos seguen axudando a millóns de persoas hoxe en día (Prov. 13:20; 15:21; Mat. 7:12). Por outro lado, cumpríronse moitas das súas profecías, o que demostra de novo que podemos confiar nela (Xos. 23:14). Así que podemos estar absolutamente seguros de que a Biblia vén de Deus!
12. Que deberiamos facer se empezamos a dubidar de se a Biblia foi inspirada por Deus?
12 Que deberiamos facer se empezamos a dubidar de se a Biblia foi inspirada por Deus? Temos que orarlle a Xehová e actuar de acordo co que lle pedimos. Fíxate no que conta un irmán chamado Jordan, que foi criado como Testemuña: “Non creo automaticamente en todo o que me din só porque mo conten meus pais ou outras persoas. Necesito asegurarme das cousas por min mesmo. Sendo totalmente honesto, ás veces aínda teño dúbidas, pero neses momentos esfórzome por investigar nas nosas publicacións para encontrar as respostas”. Canto máis nos convenzamos de que Xehová inspirou a Biblia, máis forte faremos a base da nosa fe (1 Cor. 3:12, 13).
A ORGANIZACIÓN DAS TESTEMUÑAS DE XEHOVÁ É A QUE DEUS APOIA HOXE EN DÍA
13. Que deberiamos facer se empezamos a dubidar de cal é o pobo de Deus hoxe en día?
13 Se algunha vez dubidamos de se a organización das Testemuñas de Xehová é a que Deus está usando hoxe en día, debemos actuar rapidamente. Podemos resolver as nosas dúbidas facéndonos preguntas como: “Quen está realmente esforzándose por vivir de acordo coas normas da Biblia? Que organización basea as súas crenzas só no que di a Biblia? Quen está facendo a vontade de Xehová hoxe en día?” (2 Tim. 4:3, 4; Mat. 7:20, 21).
14. Como están cumprindo as testemuñas de Xehová o que se predixo en Mateo 24:14?
14 En relación con quen está facendo a vontade de Deus hoxe en día, podemos preguntarnos: “Quen está realizando o labor de predicar que Xesús predixo que se levaría a cabo nos últimos días?” (Mat. 24:14). A resposta é evidente: Deus está usando as testemuñas de Xehová para facelo. Somos os únicos que estamos predicando as boas noticias do Reino de Deus en máis de 240 países e territorios, e levamos facéndoo durante máis de 100 anos baixo o seu goberno. A predicación sempre foi o máis importante para o pobo de Deus (Mat. 28:19, 20).
15. Como axudan hoxe en día as testemuñas de Xehová a que o nome de Deus sexa santificado? (Mateo 6:9; Isaías 43:10).
15 Le Mateo 6:9 e Isaías 43:10. É un honor para nós ser chamados testemuñas de Xehová e ser identificados así polo nome persoal de Deus. Nun tempo no que a maioría da xente non coñece este nome, nós restaurámolo ó lugar que lle corresponde na Biblia, respectando as máis de 7000 veces que aparece no texto orixinal.
16. Por que podemos dicir que as testemuñas de Xehová están cumprindo o mandamento de Xoán 13:34, 35? (Ver tamén a imaxe).
16 Le Xoán 13:34, 35. Tendo en conta o odio e a división que hai neste mundo, o amor e a unidade da nosa irmandade é un milagre que desfrutamos hoxe en día. Aínda que somos de diferentes partes do mundo e temos diferentes circunstancias na vida, facemos todo o posible por mostrarnos paz e amor entre nós. Algunha vez visitaches outra congregación cando estabas de viaxe? Se o fixeches, seguro que te deches conta do amor e da unidade que hai sempre entre os irmáns sen importar de onde sexan. Isto mostra claramente que Xehová está usando as súas Testemuñas para cumprir coa súa vontade hoxe en día. Ter isto en conta pode axudarnos a manternos leais a Deus cando se poña a proba a nosa fe.
O amor e a unidade da nosa irmandade é un milagre que desfrutamos hoxe en día (ver o parágrafo 16).a
NON DEIXES NUNCA A XEHOVÁ
17, 18. Por que situacións poida que teñamos que pasar, pero que podemos afirmar con confianza?
17 Vivimos en tempos críticos e difíciles de soportar, así que estes últimos días van ser moi complicados para todos (2 Tim. 3:1, 13). Pode que teñamos que enfrontarnos a outras situacións difíciles. Quizais a organización de Deus tome decisións que non entendamos por completo ou poida que un irmán ou unha irmá nos faga sentir feridos ou incomprendidos. É posible que non consigamos ver a solución a estes problemas ou que non saibamos por que pasan estas cousas.
18 Aínda que nos sintamos tristes e angustiados cando pasamos por estas situacións, podemos seguir sendo leais a Xehová se estamos completamente seguros de que el é o Creador, de que a Biblia é a súa Palabra e de que as testemuñas de Xehová son o seu pobo. Igual que Pedro lle dixo a Xesús, nós tamén lle podemos dicir a Deus: “E onda quen imos ir? Ti tes palabras que levan á vida eterna”.
CANCIÓN sjj 123 Sexamos fieis e submisos á orde teocrática
a DESCRICIÓN DA IMAXE: Unha nai e a súa filla que están viaxando nun bus alégranse ó ver a outras Testemuñas predicando.