BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w26 marzo páxs. 26-31
  • Por que podemos ser felices cando nos odian?

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Por que podemos ser felices cando nos odian?
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • POR QUE NOS ODIAN ALGÚNS?
  • POR QUE PODEMOS SER FELICES CANDO NOS ODIAN?
  • Unha carta que nos pode axudar a aguantar fielmente ata o fin
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Como nos axuda Xehová a aguantar
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • “Escollede hoxe a quen ides servir”
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Recorda que Xehová é o “Deus vivo”
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
w26 marzo páxs. 26-31

1-7 DE XUÑO DE 2026

CANCIÓN sjj 111 Os motivos da miña ledicia

Por que podemos ser felices cando nos odian?

“Felices vós cando [...] a xente vos odie” (LUC. 6:22).

OBXECTIVO

Comprender por que podemos ser felices aínda que outros nos odien por servir a Xehová.

1. Que dixo Xesús e por que nos sorprende?

NO SEU Sermón do Monte, Xesús dixo: “Felices vós cando [...] a xente vos odie” (Luc. 6:22). Estas palabras seguro que sorprenderon as persoas que o escoitaban, porque a ninguén lle gusta que o odien. Entón, por que dixo Xesús aquilo? Esa é unha boa pregunta sobre a que pensar, porque hoxe en día os seguidores de Xesús somos odiados por moitas persoas. Así que vexamos por que nos odian e por que podemos ser felices a pesar diso.

POR QUE NOS ODIAN ALGÚNS?

2, 3. Cal é unha razón pola que os cristiáns somos perseguidos, e como podería afectar isto a nosa maneira de ver a quen se opón a nós? (Xoán 16:2, 3).

2 Ódiannos porque adoramos a Xehová. Xesús dixo o seguinte daqueles que perseguirían e incluso matarían a algúns dos seus seguidores: “Non chegaron a coñecernos nin ó Pai nin a min” (le Xoán 16:2, 3). Quen ten realmente a culpa da oposición contra o pobo de Deus? Satanás, “o deus deste sistema” (2 Cor. 4:3, 4). El cega as persoas e non lles deixa ver a verdade sobre Xehová, e ademais inflúe nelas para que se opoñan ós que si o coñecen e o queren (Xoán 8:42-44). Como pode cambiar isto a maneira na que vemos os que se opoñen a nós? Por un lado, darnos conta de que están sendo enganados axúdanos a non odialos.

3 Vexamos o exemplo de Pavel,a un irmán que vive nun país onde a nosa obra está prohibida. Como el nunca deixou de adorar fielmente a Xehová, arrestárono, pegáronlle brutalmente e metérono nunha cela de illamento durante meses. Agora el conta: “Teño claro que a persecución é culpa dos intentos demoníacos de acabar coa adoración pura. Paréceme que a maioría das persoas que traballan no sistema penitenciario non nos odian, simplemente están facendo o seu traballo”. Un irmán de Croacia que aguantou a dura persecución de seus pais non crentes conta: “Agora entendo que o meu inimigo é realmente Satanás e non meus pais” (Ef. 6:12).

4. Que podemos aprender do exemplo de Xesús e do discípulo Esteban? (Ver tamén a imaxe).

4 Nós non odiamos os que nos perseguen. De feito, quizais nos sintamos motivados a orar por eles (Mat. 5:44). Sobre isto, podemos aprender moito do exemplo de Xesús e do discípulo Esteban. Mentres estaba cravado no madeiro de tortura polos soldados romanos, Xesús pediu en oración: “Pai, perdóaos” (Luc. 23:34). Xesús estáballe pedindo a seu Pai que perdoase a aqueles soldados que estaban encargados de executalo. Quizais tamén estivese pensando nos que estaban entre a multitude berrando que tiña que morrer porque estaban influenciados polos inimigos del. Deuse conta de que en realidade esas persoas non sabían o que estaban facendo. De forma parecida, o discípulo Esteban pediulle a Deus que perdoase os homes que o ían matar (Feit. 7:58-60). Respondeu Xehová a estas oracións? Si, moitos dos que estaban implicados no xuízo e na execución de Xesús arrepentíronse máis tarde, puxeron fe nel e bautizáronse (Feit. 2:36-41). E polo menos unha das persoas que aprobaron a execución de Esteban, Saulo de Tarso, fíxose cristián e arrepentiuse profundamente das cousas terribles que fixera (1 Tim. 1:13).

Un irmán con mazaduras na súa cara orando na súa cela. Hai un garda cerca del.

Podemos orar polos que nos perseguen igual que fixo Xesús e o seu discípulo Esteban (ver o parágrafo 4).


5. Que podes aprender da experiencia de César?

5 Hoxe en día Xehová segue respondendo as oracións que facemos polos que se opoñen a nós. Fixémonos na experiencia de César, un irmán que vive en Venezuela. Seu pai opoñíase moito a el por ser Testemuña. El conta: “Miña nai era todo o que unha esposa e unha nai debería ser. Aínda que sempre poñía o Reino en primeiro lugar, nunca deixou de atender o noso pai. Ela ensinounos ós nosos irmáns e a min a respectalo e a obedecelo a menos que nos pedise facer algo que fose en contra da vontade de Deus”. Cos anos, a actitude do pai de César empezou a cambiar. El segue dicindo: “Un día, despois de abrirlle o meu corazón a Xehová en oración, díxenlle a meu pai se quería estudar a Biblia. É difícil describir como me sentín cando dixo que si”. Co tempo seu pai bautizouse. Non tódolos que se opoñen fan cambios coma estes pero algúns si que teñen unha mellor opinión sobre nós cando ven a nosa boa conduta e que falamos con respecto. Que contentos nos poñemos cando pasa isto! Ademais, canto nos alegra pensar que Xehová, “o que xulga a terra enteira” con misericordia, quizais axude a esas persoas a coñecelo (Xén. 18:25).

6. Segundo Marcos 13:13, cal é outra razón pola que nos odian?

6 Ódiannos porque respectamos a Xesús. Xesús dixo que os verdadeiros cristiáns serían odiados “porque [levan] o [seu] nome” (le Marcos 13:13, nota). A que se refería Xesús ó usar a palabra nome? Referíase á súa reputación e autoridade como Rei do Reino de Deus. É por iso que somos odiados por xente que confía en líderes humanos e non en quen escolleu Xehová para gobernar o Universo, Xesucristo. El xa leva gobernando como Rei do Reino dende 1914 e pronto eliminará a tódolos gobernos rivais que rechazaron a súa autoridade.

7, 8. Por que son tratadas mal algunhas testemuñas de Xehová? (Xoán 15:18-20). (Ver tamén as imaxes).

7 Ódiannos porque non queremos ser como as persoas do mundo de Satanás. Xesús explicoulles ós seus seguidores que serían odiados porque “non [eran] parte do mundo” (le Xoán 15:18-20). Igual que os primeiros cristiáns, nós rechazamos a actitude, conduta e maneira de falar tan pouco apropiada deste mundo. É por isto que a moitos irmáns os tratan mal no traballo ou na escola (1 Ped. 4:3, 4). Pero estamos contentos de que algúns que antes se opoñían a nós cambiasen a súa maneira de pensar e chegasen a admirarnos pola nosa postura.

8 Fíxate no que lle pasou a un irmán de América Central chamado Ignacio. No seu colexio había un profesor que se burlou del durante anos por vivir seguindo as normas de Deus. Pero antes de que Ignacio se graduase, este profesor preguntoulle como puido vivir de acordo cos principios da Biblia nun ambiente tan difícil. Ignacio explicoulle que el ve as normas de Deus como unha protección. Despois invitouno a unha reunión de congregación e, para a súa sorpresa, aceptou e foi! O profesor estaba tan impresionado polo cariño que había na congregación que seguiu indo ás reunións. Máis tarde, o propio profesor foi quen sufriu oposición por estudar a Biblia, pero el seguiu facéndose máis amigo de Xehová e, co tempo, bautizouse.

Serie de imaxes: Unha escenificación de Ignacio na escola. 1. El sentado en silencio e con respecto mentres o seu profesor se burla del diante dos seus compañeiros. 2. Máis tarde, o profesor de Ignacio escoitándolle atentamente

Sen importar a nosa idade podemos ser valentes e defender a nosa fe (ver o parágrafo 8).b


9, 10. a) Cal é outra razón pola que somos diferentes do mundo de Satanás? b) Que podemos aprender do exemplo do apóstolo Paulo?

9 Outra razón pola que destacamos por ser diferentes do mundo de Satanás é porque somos neutrais no que ten que ver coa política e as guerras (Xoán 18:36). Seguindo o consello de Romanos 13:1, esforzámonos por obedecer as leis do noso país. Aínda así, como cristiáns, somos neutrais en asuntos políticos e por iso non nos presentamos ás eleccións nin votamos a ningún candidato. Por que? Porque somos leais a Xehová e ó seu Reino gobernado por Cristo. Moitas testemuñas de Xehová acabaron no cárcere pola súa fe, pero aínda así, seguen predicando mentres están alí. Desta maneira imitan o apóstolo Paulo que pasou anos en arresto domiciliario e tamén en prisión (Feit. 24:27; 28:16, 30). El seguiu predicándolle a calquera que o escoitase, incluíndo os gardas, os funcionarios dos tribunais, os gobernadores, os reis e quizais incluso algún oficial do emperador romano Nero (Feit. 9:15).

10 De maneira parecida, hoxe os irmáns que están no cárcere predícanlles a todos aqueles que os escoiten, incluíndo xuíces, funcionarios do goberno e gardas. Un irmán que pasou máis de seis anos en prisión por manterse politicamente neutral dixo que non consideraba o tempo que pasou no cárcere como un castigo, senón coma unha asignación de Xehová para encontrar os de corazón sincero. Que felices podemos ser se Deus nos usa para darlles a coñecer a esas persoas as boas noticias! (Col. 4:3) Vexamos outras razóns que temos para estar felices incluso cando nos odian por servir a Xehová.

POR QUE PODEMOS SER FELICES CANDO NOS ODIAN?

11. Como pode fortalecer a nosa fe pasar por persecución? Pon un exemplo.

11 Sabemos que o odio deste mundo cumpre co que se profetizou na Biblia. Xehová predixo na primeira profecía rexistrada na Biblia que Satanás e a súa descendencia simbólica (tódolos que o seguen) odiarían a aqueles que amasen e servisen a Xehová (Xén. 3:15). Xesús a miúdo confirmou a veracidade desas palabras proféticas tal e como podemos ver nos catro Evanxeos (Mat. 10:22; Mar. 13:9-12; Luc. 6:22, 23; Xoán 15:20). E outros escritores da Biblia tamén fixeron o mesmo (2 Tim. 3:12; Sant. 1:2; 1 Ped. 4:12-14; Xud. 3, 17-19). Polo tanto, non nos sorprende que nos persigan, máis ben estamos felices de que se cumpra o que di a Biblia pois isto asegúranos que estamos servindo o Deus verdadeiro. Unha irmá que vive nun país onde a nosa obra está prohibida conta: “Cando me dediquei a Xehová sabía que me enfrontaría á persecución nalgún momento. Así que as probas non me intimidaron nin me sorprenderon”. Seu home era un dos moitos que se opoñían a ela. El tratábaa mal e queimoulle a Biblia e algunhas publicacións. Pero en vez de recuar polo medo, a fe da nosa irmá fíxose máis forte (Heb. 10:39). Ela di: “Estaba profetizado que habería persecución, así que sabía que tiña que suceder. Pasar por ela convenceume de que esta é a relixión verdadeira”.

12. Que lle axudou a un irmán a aguantar a persecución?

12 Aínda que esperamos que nos persigan, quizais nos custe aguantar. Un irmán escribiu o seguinte do tempo que estivo en prisión: “Ás veces, sentíame deprimido ou preocupado e simplemente choraba”. Que lle axudou a aguantar? El conta: “Sempre oraba [...]. Empezaba cada mañá facendo unha. Durante o día oraba se se me presentaba algunha situación difícil e cando me enfadaba ó ver inxustizas, encerrábame no baño e facía outra”. O noso irmán tamén meditou en exemplos de integridade tanto da antigüidade como dos nosos días. Iso axudoulle a aguantar a persecución e a conseguir a paz que Xesús lles prometeu ós seus seguidores (Xoán 14:27; 16:33).

13. Que pode axudarnos a vencer o odio?

13 O amor que temos por Xehová e entre nós é mais forte que o odio. Ata o seu último alento, Xesús amou a seu Pai con todo o seu corazón. Tamén amaba os seus amigos (Xoán 13:1; 15:13). Cando temos un amor así tanto por Xehová como polos nosos irmáns, tamén somos capaces de vencer e aguantar o odio. Como? Para responder a esta pregunta vexamos o exemplo do apóstolo Paulo.

14. Que lle axudou a Paulo a manterse firme incluso cando o ían matar?

14 Xusto antes de ser executado, Paulo escribiulle ó seu querido amigo Timoteo: “O espírito que Deus nos dá non produce covardía, senón que produce poder [e] amor” (2 Tim. 1:7). A que se refería con iso Paulo? Estaba dicindo que se un cristián quere moito a Xehová, ese amor pode impulsalo a estar disposto a facerlle fronte a situacións moi duras (2 Tim. 1:8). Sen dúbida, o amor que Paulo lle tiña a Xehová axudoulle a facerlle fronte á morte con valor e séndolle fiel a el ata o final (Feit. 20:22-24).

15. Hoxe en día, como se están mostrando os nosos irmáns amor desinteresado uns ós outros? (Ver tamén a imaxe).

15 Non hai dúbida de que queremos moito ós nosos irmáns que se manteñen firmes a pesar da persecución. Hoxe en día algúns poñen voluntariamente a súa vida en risco polos seus irmáns, coma cando Áquila e Priscila arriscaron as súas vidas por Paulo (Rom. 16:3, 4). Por exemplo, en Rusia, moitos foron ata os xulgados para animar ós que foran arrestados. Cando unha irmá que fora arrestada viu a un grupo moi grande dos seus irmáns e irmás no xulgado, estaba tan emocionada que quedou sen palabras durante un tempiño. O amor desinteresado dos seus irmáns deulle forzas cando máis as necesitaba. Que felices podemos estar de ter un amor que é máis forte que o odio!

Unha irmá sendo escoltada cara ó interior dunha furgoneta por dúas policías mentres un grupo de irmáns e irmás aplauden.

Incluso nos lugares onde a nosa obra está prohibida ou restrinxida os nosos irmáns demostraron un amor desinteresado uns polos outros (ver o parágrafo 15).c


16. Por que dixo o apóstolo Pedro que os que son maltratados por servir a Deus teñen motivos para ser felices? (1 Pedro 4:14).

16 Sabemos que Deus está contento con nós cando aguantamos o odio (le 1 Pedro 4:14). O apóstolo Pedro dixo que os que aguantaban ser maltratados por servir a Deus tiñan motivos para estar felices. Como pode ser iso posible? Porque ese maltrato é proba de que o espírito de Deus “está sobre [nós]”. Pedro soubo o que é ter a aprobación de Xehová e soportar persecución. Pouco despois do Pentecostés do ano 33 n.e. mandaron a garda xudía do templo para arrestar a Pedro e a outros apóstolos por predicar. Pero Pedro defendeu con valor a súa fe (Feit. 5:24-29). Incluso despois de que lles desen unha malleira, el e mailos seus compañeiros apóstolos non deixaron de predicar. Máis ben, alegráronse porque Deus “consideráraos dignos de sufrir por falar do nome de Xesús”. Nós tamén podemos ser felices cando pasemos por probas (Feit. 5:40-42).

17. Que lle dixo Xesús ós seus discípulos a noite antes da súa morte?

17 A noite antes da súa morte, Xesús díxolle ós seus discípulos: “Meu Pai vai amar a quen me ama, e eu amareino” (Xoán 14:21). Que ganas temos de que chegue o momento no que todo o mundo ame a Xehová e Xesús e nós sexamos amados, e non odiados, por servir a Deus! (2 Tes. 1:6-8) Mentres tanto, recordemos tódalas razóns que temos para ser felices cando nos odien.

QUE RESPONDERÍAS?

  • Por que odiaban ós seguidores de Xesús?

  • Por que é o noso amor máis forte ca o odio?

  • Por que podemos ser felices cando nos odien?

CANCIÓN sjj 149 A canción da vitoria

a Cambiáronse algúns nomes.

b DESCRICIÓN DA IMAXE: Unha recreación de Ignacio predicándolle ó seu profesor.

c DESCRICIÓN DA IMAXE.: Unha recreación de irmáns e irmás apoiando a outra que está sendo arrestada pola súa fe.

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir