BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w24 decembro páxs. 26-29
  • Nunca deixei de aprender

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Nunca deixei de aprender
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Subtítulos
  • A NOSA FAMILIA COÑECE A VERDADE
  • APRENDENDO DE XEHOVÁ NOS CONGRESOS
  • EMPEZANDO NO SERVIZO A TEMPO COMPLETO
  • SEGUÍN APRENDENDO EN BETEL
  • APRENDENDO DA MIÑA MULLER
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
w24 decembro páxs. 26-29
Joel Adams.

BIOGRAFÍA

Nunca deixei de aprender

RELATADO POR JOEL ADAMS

AGRADÉZOLLE moito a Xehová o privilexio de telo como o meu “Grande Instrutor” (Is. 30:20, TNM). El ensínalles ós seus servos a través da súa Palabra, da bonita creación e da súa organización. E tamén utiliza os irmáns para axudarnos. Aínda que xa teño case 100 anos, sigo beneficiándome da instrución que Xehová nos dá de todas estas maneiras. Déixame que che explique a que me refiro.

Coa miña familia en 1948

Nacín en 1927 nunha pequena vila cerca de Chicago, Illinois, Os Estados Unidos. Papá e mamá tiveron cinco fillos: Jetha, Don, Karl, Joy e eu. Todos estabamos decididos a servir a Xehová. Por exemplo, Jetha asistiu á segunda clase do Curso de Galaad en 1943. Don, Karl e Joy empezaron a servir no Betel de Brooklyn, Nova York, en 1944, 1947 e 1951 respectivamente. O bo exemplo deles e o dos meus pais impresionoume moito.

A NOSA FAMILIA COÑECE A VERDADE

Papá e mamá lían a Biblia, amaban a Deus e animábannos a facer o mesmo. Aínda así, papá perdera o respecto polas igrexas despois de servir como soldado en Europa durante a Primeira Guerra Mundial. Como mamá lle estaba tan agradecida a Deus de que papá volvese vivo da guerra, díxolle: “Veña, vamos á igrexa como o faciamos antes”. Pero papá contestoulle: “Acompáñote ata alí, pero non vou entrar”. Ela preguntoulle: “E logo?”. El contestoulle: “Durante a guerra, líderes relixiosos da mesma relixión bendicían os soldados que loitaban en bandos contrarios. A quen apoiaría Deus?”.

Outro día, mentres mamá estaba na igrexa, dúas testemuñas de Xehová petaron á nosa porta. Eles ofrecéronlle a papá dous libros que se chamaban Light e que analizaban as profecías do libro de Apocalipse. A papá interesáronlle e colleunos. Cando mamá viu os libros empezou a lelos. Un día leu un anuncio no periódico local no que se invitaba a estudar a Biblia coa axuda dos libros Light a quen estivese interesado, así que ela decidiu ir. Cando chegou, unha muller maior abriu a porta. Levantando un dos libros, mamá preguntoulle: “Estudades isto?”. Entón, a muller díxolle: “Si ruliña, pasa”. A semana seguinte, mamá levounos con ela ós meus irmáns e a min e empezamos a ir regularmente.

Nunha das reunións, o que a dirixía pediume que lese o Salmo 144:15, que di que os que serven a Xehová son felices. Ese versículo impresionoume, igual que o fixeron tamén 1 Timoteo 1:11 (TNM), que di que Xehová é o “Deus feliz” e Efesios 5:1, que nos anima a facernos “imitadores de Deus”. Cheguei á conclusión de que tiña que alegrarme de servir o meu Creador e agradecerlle o privilexio de poder facelo. Estas son as dúas cousas que intentei ó longo de toda a miña vida.

A congregación que tiñamos máis cerca estaba en Chicago, a 32 quilómetros. Aínda así asistiamos, e o meu coñecemento da Biblia foi medrando. Recordo que, nunha ocasión, o que dirixía a reunión díxolle a Jetha que comentase. Ó escoitala, pensei: “Isto tamén o sabía eu. Podería ter levantado a man e participado”. Así que empecei a prepararme e a dar os meus propios comentarios. E, o que aínda é máis importante, crecín en sentido espiritual xunto ós meus irmáns. Finalmente bauticeime no ano 1941.

APRENDENDO DE XEHOVÁ NOS CONGRESOS

Recordo especialmente o Congreso de 1942 en Cleveland, Ohio. Había máis de 50 localidades dos Estados Unidos conectadas por teléfono. A nosa familia aloxouse en tendas de campaña cerca do lugar do Congreso, igual que moitas outras familias. Aínda estabamos na Segunda Guerra Mundial, e as testemuñas de Xehová estaban sendo cada vez máis perseguidas. Pola noite, vin a grupos de irmáns aparcar os seus coches cos faros orientados cara a fóra do campamento. Todos quedaran en que habería alguén en cada coche para facer garda durante a noite. Se xurdía algún problema, os irmáns acenderían os faros para cegar os atacantes e tocarían a bucina. Desta maneira, os demais poderían acudir para axudar. Eu pensei: “Que ben preparado está o pobo de Xehová para calquera situación!”. Ó final non pasou nada malo e, como me sentía seguro, puiden durmir.

Anos máis tarde, recordando aquel Congreso, deime conta de que miña nai non demostrara ningún medo ou nervios ante aquela situación. Ela confiou totalmente en Xehová e na súa organización. Nunca esquecerei o seu bo exemplo.

Pouco antes deste Congreso, ela fixérase pioneira regular. Así que lles prestou especial atención ós discursos que falaban sobre o servizo a tempo completo. De camiño a casa, ela dixo: “Gustaríame seguir sendo pioneira, pero non son capaz de facelo ó mesmo tempo que coido ben da nosa casa”. Por iso nos preguntou se lle axudariamos. Dixemos que si, así que nos asignou a cada un limpar un ou dous cuartos antes do almorzo. Despois de que marchásemos para o colexio ela aseguraríase de que a casa estivese limpa, e despois iría predicar. Aínda que era unha muller moi ocupada, nunca descoidaba os seus fillos. Cando chegabamos á casa para comer e despois da escola, sempre estaba aí para nós. Algúns días, despois de ir a clase, iamos predicar con ela. Isto axudounos a entender o que implica ser pioneiro.

EMPEZANDO NO SERVIZO A TEMPO COMPLETO

Fíxenme pioneiro regular cando tiña 16 anos. A pesar de que papá aínda non se fixera Testemuña, interesábase por saber como me ía. Unha tarde díxenlle que, a pesar de que me esforzara moito, non encontrara ninguén que quixese estudar a Biblia. Despois de facer unha pausa, pregunteille: “Gustaríache estudar comigo?”. Quedou pensando durante un momento e contestou: “Non encontro ningún motivo para non facelo”. Para min foi un privilexio moi especial que meu pai fose o meu primeiro estudante.

Estudamos xuntos o libro “La verdad os hará libres”. Despois dun tempo, deime conta de que meu pai estaba axudándome a ser un mellor estudante e mestre. De feito, unha noite despois de ler un parágrafo, díxome: “Xa sei o que di o libro. Pero como sabes que é certo?”. Non estaba preparado para contestar esta pregunta, así que lle dixen: “Agora mesmo non podo demostrarcho, pero para a seguinte clase debería ter unha resposta”. E así foi. Encontrei versículos que apoiaban o que estiveramos estudando. A partir dese momento, aprendín a investigar para así preparar mellor o curso. Isto axudounos a meu pai e a min a ser mellores estudantes da Biblia. El aplicou o que aprendeu e bautizouse en 1952.

SEGUÍN APRENDENDO EN BETEL

Marchei da casa de meus pais cando tiña 17 anos. Para ese mesmo tempo, Jetha fixérase misioneira, e Don betelita.a A ambos lles encantaba a súa asignación. Isto foi algo que me animou moito. Así que enchín as solicitudes para servir en Betel e para ir ó Curso de Galaad, e deixei que Xehová decidise. Cal foi a súa resposta? No ano 1946, invitáronme a servir en Betel.

Ó longo dos anos tiven diferentes asignacións como betelita, o que fixo que aprendese moitas cousas. De feito, nos 75 anos que levo servindo aquí, ensináronme a imprimir libros e a levar a contabilidade. Tamén aprendín a comprar materiais que se necesitan en Betel e a enviar obxectos importantes a outros lugares. Pero, por riba de todo, desfruto da educación bíblica que recibimos durante a adoración matinal e outros programas.

Ensinando nun Curso para anciáns de congregación

Tamén aprendín moito de Karl, o meu irmán máis novo, que chegou a Betel en 1947. El era un excelente estudante e mestre da Biblia. Unha vez pedinlle axuda para un discurso que me asignaran. Expliqueille a Karl que recopilara moita información pero que non sabía ben como usala. El axudoume a encontrar unha solución ó preguntarme: “Joel, cal é o tema do discurso?”. Rapidamente captei o punto: debía utilizar só a información que me axudase a explicar o tema do discurso e descartar o resto. Nunca esquecín esta lección.

Para ser felices en Betel temos que participar todo o posible na predicación. Desta maneira podemos ter experiencias animadoras. Unha que recordo moi ben pasou unha tarde no Bronx, na cidade de Nova York. Un irmán e eu fomos visitar unha muller que aceptara as revistas A Atalaia e Despertade! Presentámonos dicindo: “Esta tarde estámoslle axudando á xente a aprender cousas edificantes sobre a Biblia”. Ela contestou: “Se vindes falar sobre a Biblia, entrade”. Lemos e conversamos sobre diferentes textos que falan acerca do Reino de Deus e do futuro novo mundo. Está claro que isto a impresionou, xa que invitou a moitos dos seus amigos a que nos acompañasen a semana seguinte. Máis tarde, o seu marido e ela fixéronse testemuñas de Xehová.

APRENDENDO DA MIÑA MULLER

Decidín que quería casar e, 10 anos despois, encontrei a irmá adecuada. Que me axudou a atopar unha boa esposa? Orarlle a Xehová e pensar no que poderiamos lograr como matrimonio.

Con Mary na obra de circuíto

Despois do Congreso de 1953 no Estadio dos Yankees, coñecín unha irmá chamada Mary Aniol. Jetha e ela estiveran na segunda clase do Curso de Galaad, e enviáranas xuntas como misioneiras ó mesmo lugar. Mary faloume con moito entusiasmo das súas asignacións no Caribe como misioneira e dos cursos bíblicos que dirixiu ó longo dos anos. A medida que nos iamos coñecendo máis, démonos conta de que os dous tiñamos as mesmas metas. O noso amor foi medrando, e casamos en abril de 1955. En moitos sentidos, Mary resultou ser un regalo de Xehová e un exemplo que imitar. Ela era feliz en calquera asignación que lle daban, traballaba moi duro, interesábase sinceramente polos demais e sempre mantivo a Xehová e o seu Reino en primeiro lugar (Mat. 6:33). Servimos na obra de circuíto durante tres anos e, en 1958, invitáronnos como matrimonio a Betel.

Joel e Mary Adams.

Puiden aprender moito de Mary. Por exemplo, ó principio do noso matrimonio decidimos ler xuntos a Biblia, uns 15 versículos de cada vez. Despois de que un de nós lese a porción, falabamos sobre iso e sobre como aplicalo na nosa vida. Moitas veces Mary contábame cousas que ela aprendera no Curso de Galaad ou no seu servizo como misioneira. Estas conversacións axudáronme a mellorar os meus discursos e a saber como animar as irmás (Prov. 25:11).

A miña querida Mary morreu no ano 2013. Canto desexo volver a vela no novo mundo! Mentres tanto, estou decidido a nunca deixar de aprender e a seguir confiando en Xehová con todo o meu corazón (Prov. 3:5, 6). Anímame e alégrame pensar no que fará o pobo de Xehová no novo mundo. Seguro que o noso Grande Instrutor nos ensinará moitas cousas e aprenderemos sobre el. Non podo estarlle máis agradecido por todo o que me ensinou ata agora e polas súas moitas mostras de bondade inmerecida.

a Mira a biografía de Jetha Sunal na revista La Atalaya do 1 de marzo de 2003, páxinas 23 a 29 (dispoñible en español).

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir