BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w21 novembro
  • Sigamos mostrándonos amor leal uns a outros

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Sigamos mostrándonos amor leal uns a outros
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2021
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • A QUEN DEBEMOS MOSTRARLLE AMOR LEAL?
  • QUE APRENDEMOS DO LIBRO DE RUT SOBRE MOSTRAR AMOR LEAL?
  • COMO PODEMOS MOSTRAR AMOR LEAL NA ACTUALIDADE?
  • COMO NOS BENEFICIA MOSTRAR AMOR LEAL?
  • Rut e Noemí
    Aprendamos das historias da Biblia
  • Axudáronse en momentos difíciles
    Sirve a Xehová con valor
  • Contido de Rut
    A Biblia. Tradución do Novo Mundo
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2021
w21 novembro

ARTIGO DE ESTUDO

Sigamos mostrándonos amor leal uns a outros

“Tratádevos uns a outros con amor leal e misericordia” (ZAC. 7:9, TNM).

CANCIÓN sjj 107 Imitemos o amor de Xehová

AVANCEa

1, 2. Que boas razóns temos para mostrarnos amor leal uns a outros?

TEMOS boas razóns para mostrarnos amor leal uns ós outros. Podemos ver algunhas delas nos seguintes proverbios inspirados: “Que o amor leal e a fidelidade non te abandonen [...]; entón, ós ollos de Deus e do home, conseguirás aprobación e a fama de ser moi perspicaz”; “O home de amor leal benefíciase a si mesmo” e “Quen busca con empeño xustiza e amor leal encontrará vida” (Prov. 3:3, 4, TNM; 11:17, nota, TNM; 21:21, TNM).

2 Nestes proverbios encontramos tres razóns polas que deberiamos mostrar amor leal. A primeira, porque nos fai valiosos ós ollos de Xehová. A segunda, porque nos beneficiamos a nós mesmos, por exemplo, axúdanos a conseguir amizades duradeiras. E a terceira, porque recibiremos bendicións no futuro, incluída a vida eterna. Así que, temos boas razóns para obedecer este consello de Xehová: “Tratádevos uns a outros con amor leal e misericordia” (Zac. 7:9, TNM).

3. Que preguntas imos responder neste artigo?

3 Neste artigo veremos a resposta a estas catro preguntas: A quen debemos mostrarlle amor leal? Que aprendemos do libro de Rut sobre mostrar amor leal? Como podemos mostrar amor leal na actualidade? Como nos beneficia mostrar amor leal?

A QUEN DEBEMOS MOSTRARLLE AMOR LEAL?

4. Como imitamos o amor leal de Xehová? (Marcos 10:29, 30).

4 O artigo anterior axudounos a entender que Xehová só lles mostra amor leal ós que o aman e o serven (Dan. 9:4). Desexamos “[imitar] a Deus como fillos queridos” (Ef. 5:1). Así que queremos mostrarlles amor leal ós nosos irmáns e irmás (le Marcos 10:29, 30).

5, 6. Que entenden as persoas en xeral por lealdade?

5 Estarás de acordo en que canto mellor coñezamos o que significa o amor leal, mellor poderemos mostrárllelo ós nosos irmáns. Para entender mellor o que significa o amor leal imos comparalo co que a maioría da xente pensa que é a lealdade. Vexamos un exemplo.

6 Pode que hoxe digamos que alguén é un empregado leal se traballou para a mesma compañía durante moitos anos. Aínda así, durante todos eses anos poida que nunca coñecese a ningún dos xefes. Quizais tampouco estea sempre de acordo coas decisións que estes toman. Non lle ten cariño á empresa, pero é feliz con ter un traballo que lle dea diñeiro. Seguirá traballando alí ata que se xubile, a menos que reciba unha oferta mellor doutra compañía.

7, 8. a) Que impulsa a alguén a mostrar amor leal? b) Por que analizaremos algunhas pasaxes do libro de Rut?

7 A diferenza entre a lealdade da que falamos no parágrafo 6 e o amor leal é a motivación dunha persoa. Que motivou os servos de Deus en tempos bíblicos a mostrar amor leal? Os que demostraron esta calidade non o fixeron por obrigación, senón porque tiñan o desexo de facelo. Pensa por exemplo en David. O seu corazón motivouno a mostrarlle amor leal ó seu querido amigo Ionatán aínda que o pai deste quería matalo. E anos despois de que Ionatán morrese, David seguiu mostrándolle amor leal ó fillo del, Mefibóxet (1 Sam. 20:9, 14, 15; 2 Sam. 4:4; 8:15; 9:1, 6, 7).

8 Podemos aprender moito sobre o amor leal vendo algúns sucesos do libro bíblico de Rut. Que leccións podemos aprender das persoas que aparecen neste libro? E como podemos aplicalas na nosa congregación?b

QUE APRENDEMOS DO LIBRO DE RUT SOBRE MOSTRAR AMOR LEAL?

9. Por que pensou Noemí que Xehová estaba contra ela?

9 No libro de Rut lemos a historia de Noemí, da súa nora Rut e dun servo de Deus chamado Boaz, que era parente do marido de Noemí. Pola falta de alimento que houbo en Israel, Noemí, o seu marido e seus dous fillos mudáronse a Moab. Alí o home dela morreu. Os seus dous fillos casaron, pero tristemente tamén morreron (Rut 1:3-5; 2:1). Estas traxedias fixeron que Noemí se afundise cada vez máis na súa dor. Chegou a tal punto que pensou que Xehová estaba en contra dela. Pensaba que a súa desgraza botáralla “enriba a man do Señor”. Tamén dixo: “O Omnipotente encheume de amargura” e “o Señor declarou contra min e acarrexoume o mal o Todopoderoso” (Rut 1:13, 20, 21).

10. Como reaccionou Xehová ante as amargas palabras de Noemí?

10 Como reaccionou Xehová ante as amargas palabras de Noemí? El non a abandonou. Máis ben, mostroulle empatía. Xehová entende que “a chantaxe [ou opresión] pode facer tolea-lo Sabio” (Ecl. 7:7). Aínda así, Noemí necesitaba axuda para ver que Xehová estaba do seu lado. Como lle axudou Xehová? (1 Sam. 2:8) El motivou a Rut a botarlle unha man e a demostrarlle amor leal a Noemí. De boa gana e con moito cariño, Rut axudoulle á súa sogra a recuperar a estabilidade emocional e espiritual. Que aprendemos do que fixo Rut?

11. Por que axudan os irmáns bondadosos ós que están tristes ou desanimados?

11 O amor leal motívanos a axudarlles ós que están desanimados. Igual que Rut quedou con Noemí, moitos irmáns da actualidade axudan de boa gana ós irmáns da congregación que están tristes ou desanimados. Quérenos moito e están dispostos a facer o que sexa por apoialos (Prov. 12:25; 24:10). Isto está de acordo co que nos animou a facer o apóstolo Paulo, cando dixo: “Que consoledes ós deprimidos, que apoiedes ós débiles e que sexades pacientes con todos” (1 Tes. 5:14).

Un irmán escoitando con atención mentres outro irmán se expresa.

Podemos axudar a un irmán desanimado se o escoitamos (ver o parágrafo 12)

12. En moitos casos, cal é a mellor maneira de axudar a un irmán que está desanimado?

12 En moitos casos, a mellor maneira na que podes axudar a un irmán que está desanimado é escoitalo e facerlle saber que o queres moito. Xehová valora moito o que fas por axudar a un dos seus servos fieis (Sal. 41:2 [41:1, TNM]). Proverbios 19:17 di: “Quen é bo co pobre préstalle ó Señor, que lle reparará cumpridamente a débeda”.

Rut mantense ó lado de Noemí, a súa sogra, mentres Orpah volve a Moab. Rut dille a Noemí: “A onde vaias ti, irei tamén eu” (ver o parágrafo 13)

13. A diferenza de Orpah, como mostrou amor leal Rut? (Ver a imaxe da portada da revista).

13 Conseguimos comprender mellor o que abarca o amor leal ó analizar o que lle pasou a Noemí despois da morte do seu marido e dos seus dous fillos. Cando Noemí soubo “que o Señor se lembrara do seu pobo e lles dera pan”, decidiu volver á súa terra (Rut 1:6). As súas dúas noras empezaron a viaxe de volta con ela. Pero, de camiño, Noemí insistiulles tres veces en que volvesen a Moab. Que sucedeu? Na Biblia lemos: “E bicou Orpah á súa sogra, pero Rut apegouse a ela” (Rut 1:7-14). Orpah fixo o que lle dixera Noemí e volveu a Moab. Pero Rut fixo máis do que lle pedira Noemí. Ela tamén era unha persoa libre e podía volver a Moab, pero o amor leal motivouna a quedar con Noemí e axudarlle (Rut 1:16, 17). Rut non tomou esta decisión por obrigación, senón porque quería. A súa decisión foi un acto de amor leal verdadeiro. Que podemos aprender deste relato?

14. a) Na actualidade, que decidiron facer moitos irmáns cariñosos? b) Segundo Hebreos 13:16, que sacrificios lle agradan a Deus?

14 O amor leal vai máis alá do que se espera. Igual que no pasado, na actualidade hai moitos cristiáns que escollen mostrar amor leal ós seus irmáns, incluso ós que non coñecen persoalmente. Por exemplo, cando chega a noticia dun desastre natural inmediatamente queren saber como poden colaborar. Ou cando un irmán da congregación pasa por problemas económicos, rapidamente tratan de saber o que necesita e de axudarlle de maneiras prácticas. Igual que os macedonios do primeiro século, fan máis do que se espera deles dando “incluso máis do que [poden]” con tal de axudarlles ós irmáns (2 Cor. 8:3). Que contento debe estar Xehová cando ve como demostran amor leal! (le Hebreos 13:16).

COMO PODEMOS MOSTRAR AMOR LEAL NA ACTUALIDADE?

15, 16. Como mostrou Rut que non ía renderse?

15 Podemos aprender varias leccións ó analizar como lle axudou Rut a Noemí. Vexamos algunhas.

16 Non te rendas. Cando Rut se ofreceu para acompañar a súa sogra a Xudá, ela intentou impedirllo. Pero Rut non se rendeu. Cal foi o resultado? “E viu Noemí que teimaba no de ir con ela e deixou de porfiar” (Rut 1:15-18).

17. Que nos vai axudar a non rendernos con facilidade?

17 A lección: Fai falta paciencia para axudar a alguén que está deprimido, pero non debemos rendernos. Por exemplo, pode que unha irmá que necesita axuda ó principio non queira aceptala.c Aínda así, o amor leal motivaranos a facer todo o posible por estar ó seu lado (Gál 6:2). E esperamos que co tempo acepte a nosa axuda e ánimo.

18. Que tivo que causarlle moita dor a Rut?

18 Non o tomes como algo persoal. Cando Noemí e Rut chegaron a Belén, Noemí encontrouse con algúns antigos veciños e díxolles: “Marchei chea e o Señor fíxome voltar baldeira” (Rut 1:21). Imaxina como se debeu sentir Rut ó escoitar esas palabras de Noemí! Ela fixera todo o que estaba nas súas mans por axudarlle: chorara con ela, consoláraa e camiñara durante moitos días ó seu lado. A pesar de todo iso, Noemí dixo: “O Señor fíxome voltar baldeira”. Con estas palabras, Noemí non estaba valorando a axuda de Rut, quen estaba ó seu lado. Que triste se debeu sentir Rut! Aínda así, ela seguiu ó seu lado.

19. Que nos axudará a manternos a carón de alguén que está desanimado?

19 A lección: Na actualidade, pode que unha irmá que está desanimada nos fale de maneira ferinte a pesar dos nosos esforzos por axudarlle. Pero intentamos non tomalo como algo persoal. Quedamos ó seu lado e pedímoslle a Xehová que nos axude a atopar a maneira de animala (Prov. 17:17).

Serie de imaxes: 1. Boaz falando con Rut mentres ela recolle espigas nun campo. 2. Un ancián falando cunha irmá no Salón do Reino.

Como poden os anciáns cristiáns imitar a Boaz? (ver os parágrafos 20 e 21)

20. Que lle deu a Rut as forzas para seguir adiante?

20 Anima cando sexa o momento correcto. Rut demostráralle amor leal a Noemí, pero agora ela mesma tamén necesitaba ánimo. Por iso, Xehová motivou a Boaz para animala. Díxolle: “Que o Señor bendiga o teu proceder e sexa completo o teu galardón da parte do Señor, Deus de Israel, xa que viñeches ampararte baixo as súas ás”. Esas palabras cariñosas chegáronlle ó corazón a Rut. Ela respondeulle: “[Confortáchesme] e [...] falaches ó corazón da túa serva” (Rut 2:12, 13). As palabras de Boaz no momento correcto déronlle a Rut as forzas que necesitaba para seguir adiante.

21. Segundo Isaías 32:1, 2, que farán os anciáns por amor?

21 A lección: Os que demostran amor leal a outros ás veces tamén necesitan ánimo. Igual que Boaz lle confirmou a Rut que os seus esforzos non pasaran desapercibidos, os anciáns que están atentos agradecerán e recoñecerán a axuda que dan os irmáns cariñosos a outros. Esas palabras de ánimo daralles a forza que necesitan para seguir cara adiante (le Isaías 32:1, 2).

COMO NOS BENEFICIA MOSTRAR AMOR LEAL?

22, 23. Como cambiou a actitude de Noemí, e por que? (Salmo 136:23, 26, TNM).

22 Despois dalgún tempo, Boaz deulles unha boa cantidade de comida a Rut e a Noemí (Rut 2:14-18). Cal foi a reacción de Noemí ante ese xeneroso regalo? Ela dixo: “Bendito sexa do Señor, pois non esqueceu a súa piedade cos vivos nin cos mortos” (Rut 2:20a). Canto cambiou a actitude de Noemí! Tempo atrás dixera entre bágoas: “O Señor declarou contra min”. Pero agora dixo toda contenta: “Non esqueceu a súa piedade [ou ‘amor leal’] cos vivos nin cos mortos”. Que puido levar a Noemí a cambiar de actitude?

23 Noemí chegou a entender que Xehová nunca a abandonara. El usara a Rut para darlle a axuda que necesitaba durante a súa viaxe a Xudá (Rut 1:16). Noemí tamén viu a man de Xehová cando Boaz lles axudou a ela e a Rut (Rut 2:19, 20b). Seguro que pensou: “Agora doume conta de que Xehová nunca me deixou! Estivo comigo todo este tempo!” (le Salmo 136:23, 26, TNM). Que agradecida debeu sentirse Noemí de que Rut e Boaz non se rendesen nin deixasen de animala! Seguro que os tres quedaron moi contentos de que ela recuperase a alegría e as forzas para seguir servindo a Xehová.

24. Por que queremos seguir mostrándolles amor leal ós nosos irmáns?

24 Que aprendemos do libro bíblico de Rut sobre o amor leal? O amor leal motívanos a non dar por perdidos os irmáns que están desanimados. Tamén nos move a facer sacrificios para axudarlles. Os anciáns deben animar con cariño os que están mostrándolles amor leal a outros. Cando vemos que alguén recupera as forzas en sentido espiritual, sentímonos moi felices (Feit. 20:35). Pero, cal é a razón principal para seguir mostrando amor leal? Imitar e agradar a Xehová, que está “cheo de amor leal” (Éx. 34:6, TNM; Sal. 33:22).

QUE RESPONDERÍAS?

  • En que se diferenza o amor leal e a lealdade?

  • Como podemos imitar os exemplos de amor leal de Boaz e Rut?

  • Como nos beneficia mostrar amor leal?

CANCIÓN sjj 130 Perdoemos os demais

a Xehová quere que lles mostremos amor leal ós irmáns da congregación. Podemos entender mellor que é o amor leal se analizamos como algúns servos de Xehová do pasado mostraron esta calidade. Neste artigo veremos que podemos aprender dos exemplos de Rut, Noemí e Boaz.

b Para entender mellor as leccións deste artigo, animámoste a ler os capítulos 1 e 2 de Rut.

c Como estamos analizando o exemplo de Noemí, falamos dunha irmá que necesita axuda, pero estes consellos tamén lles aplican ós irmáns.

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir