A perspicacia axúdanos a conservar a calma
Despiden un adestrador de baloncesto por culpa de non poñer freo ó seu enfado.
Un neno colle unha perrencha por non saírse coa súa.
Unha nai berra co seu fillo por ter o cuarto desordenado.
TODOS vimos alguén perder os nervios e é posible que nós mesmos os perdésemos nalgunha ocasión. Sabemos que temos que controlar o noso carácter, pero se alguén nos molesta ou nos ofende parece que nos sentimos co dereito de estar anoxados con eles. De feito, un artigo da Asociación Americana de Psicoloxía vai máis alá e di que “a ira é unha emoción humana completamente normal e ás veces saudable”.
O apóstolo Paulo escribiu algo que parece darlle pé a esta forma de pensar. Admitindo que hai ocasións nas que nos poderiamos irritar, di: “Cando vos enfadedes, non pequedes. Non deixedes que se poña o sol mentres aínda estades enfadados” (Efesios 4:26). Estaba dicindo Paulo que non hai nada de malo en liberar a ira? Ou máis ben estaba dicindo que hai que controlala?
DEBERIAMOS POÑERNOS FURIOSOS?
Cando Paulo deu este consello, é posible que tivese en mente o que se escribira neste salmo: “Tremede e non pequedes” (Salmo 4:5 [4:4, TNM]). Entón, que quería dicir? El mesmo seguiu explicando: “Desfacédevos de todo tipo de rencor amargo, furia, ira, gritos e palabras ofensivas, e tamén de toda maldade” (Efesios 4:31). Estaba animando os cristiáns a que non desen renda solta á ira. É curioso o que segue dicindo a Asociación Americana de Psicoloxía: “As investigacións que se fixeron demostraron que non controlar a ira fai que a situación empeore e sexa máis violenta”.
Como podemos desfacernos da ira e das súas malas consecuencias? O sabio rei Salomón de Israel escribiu: “A perspicacia do home frea a súa furia, e é un xesto fermoso que el pase por alto unha ofensa” (Proverbios 19:11, TNM). Como nos axuda a “perspicacia do home” cando estamos botando fume?
A PERSPICACIA. O REMEDIO PARA CALMAR A IRA
A perspicacia é a habilidade de ver o que hai envolto nunha situación, implica ver máis alá da superficie, do que hai a simple vista. Como nos axuda cando nos ofenden ou provocan?
Cando vemos unha inxustiza é normal enfadarse. Pero se nos deixamos levar polas emocións e reaccionamos mal, pode que acabemos feríndonos a nós mesmos ou a outra persoa. Tal e como un lume descontrolado pode devorar unha casa, un arrebato de rabia pode destruír a nosa reputación e as relacións que temos con outros, incluso a nosa amizade con Deus. Por iso, se notamos que nos empeza a ferver o sangue, debemos parar e pensar. Coñecer tódolos detalles posibles do que está a pasar seguro que nos axudará a controlar as nosas emocións.
O pai de Salomón, o rei David, estivo a punto de ser culpable do asasinato de Nabal se non fose porque alguén foi onda el a explicarlle a situación. David mailos seus homes protexeran as ovellas de Nabal no deserto de Xudea. Cando chegou a rapa das ovellas, David pediulle un pouco de comida a Nabal. Cal foi a súa resposta? “¿Seica vou coller eu o meu pan e a miña auga e as ovellas que matei para os meus tosquiadores e darllos a unha xente que nin sei de onde vén?” Vaia cara máis dura! No momento en que David escoitou isto, colleu uns catrocentos homes e puxeron rumbo para exterminar a Nabal e ós da súa casa (1 Samuel 25:4-13).
Abigail, a muller de Nabal, soubo o que pasou e foi ver a David. Cando chegou onda el e os seus homes, caeu ós seus pés e dixo: “Permite á túa serva que che fale; escoita as palabras da túa serva”. Despois explicoulle o parvo e necio que era o seu home e díxolle que se arrepentiría se tomaba a xustiza pola súa man (1 Samuel 25:24-31).
Que máis cousas viu David nas palabras de Abigail que axudaron a calmar a situación? Primeiro, viu que Nabal era insensato dende que naceu. E segundo, viu que podería ser culpable de sangue se se vingaba. Ó igual ca David, é posible que algo che enfureza. Que deberías facer nesa situación? Un artigo da Clínica Mayo sobre o control da ira di: “Detente por un momento, colle aire e conta ata dez”. O mellor é parar e pensar na causa do problema e nas consecuencias. Permítelle á perspicacia calmar e disipar a túa ira (1 Samuel 25:32-35).
Na actualidade, moitos contan cunha axuda parecida á de David. Sebastian —que estivo nunha prisión de Polonia con 23 anos— explica como puido controlar o seu xenio e as emocións intensas que tiña grazas ó estudo da Biblia: “O primeiro que facía era pensar no problema. Despois intentaba aplicar o que dicía a Biblia. Descubrín que é a mellor guía que existe”.
Aplicar os consellos da Biblia axudarache a controlar as túas fortes emocións
Setsuo seguiu a mesma técnica. El di: “Andaba a berros no traballo cando alguén me enfadaba. Agora que estudiei a Biblia, en vez de berrar pregúntome: ‘De quen é a culpa realmente? Non será cousa miña?’”. Facerse esas preguntas calmou o seu xenio e foi capaz de conter toda esa ira que se lle subía á cabeza.
A ira pode ser unha emoción moi forte, pero os consellos da Palabra de Deus aínda o son máis. Se aplicas o que di a Biblia e lle pides axuda a Deus, estarás permitindo que a perspicacia calme ou controle a túa ira.