O pim confirma a historicidade bíblica
NOS días do rei Saúl, os israelitas tiñan que afiar as súas ferramentas de metal onda os filisteos que eran ferreiros. A Biblia di: “Afiar unha rella e unha eixada custáballes dous tercios de siclo, e un tercio unha macheta e unha cuña” (1 Samuel 13:21).
A palabra hebrea orixinal para “dous tercios de siclo” é pim e aparece na Biblia tan só unha vez. Pero, que era un pim? Non se soubo nada desta palabra ata 1907, cando nunha escavación na antiga cidade de Guézer se encontrou un pim, é dicir, unha medida de peso. Os tradutores da Biblia do pasado tiveron problemas para verter esta palabra. Por exemplo, a versión do Rei Xacobe traduciu 1 Samuel 13:21 da seguinte forma: “E tiñan unha lima para os picos, e para o arado, e para as forcadas, e para as machadas, e para afiar as aguilladas”.
Os expertos da actualidade saben que o pim é unha unidade de medida que ten unha masa de 7,82 gramos, ou aproximadamente dous terzos de siclo, a unidade hebrea básica de medida. Os israelitas tiñan que pagar ós filisteos un pim de prata para afiar as súas ferramentas. O siclo deixouse de usar cando caeu o Reino de Xudá e a súa capital, Xerusalén, no 607 a. n. e. Entón, como demostra o peso do pim que se pode confiar no texto hebreo?
Algúns eruditos sosteñen que as Escrituras Hebreas, incluíndo o primeiro libro de Samuel, non contan a verdade sobre a antiga nación de Israel. Argumentan que foron escritas cando a cultura grega xa tiña unha grande influencia, entre 100 e 300 anos antes de Cristo. Defenden que as Escrituras Hebreas son pura ficción.
En relación coa medida do pim que se menciona en 1 Samuel 13:21, William Dever, un catedrático en arqueoloxía e antropoloxía do Oriente Próximo, comenta: “É imposible que escritores que viviron moito tempo despois se inventasen esta historia porque daquela ninguén coñecía estas medidas. É máis, nin sequera se podía entender esta palabra ata 1907, cando os arqueólogos descubriron a primeira pedra que tiña inscrita a palabra pîm. Non ten sentido que a Biblia hebrea fale deste peso se as historias fosen inventadas moito tempo despois. Algúns poden pensar que non importa se este relato é exacto ou non porque é un detalle pequeno. Pero todos sabemos que a historia se constrúe a partir dos detalles”.a
[Nota]
a What Did the Biblical Writers Know & When Did They Know It?, escrito por William Dever.
[Imaxe]
A medida dun pim equivale a dous terzos de siclo.