A2
Características desta tradución
A Tradución do Novo Mundo das Escrituras Gregas Cristiás presentouse en inglés no ano 1950. E en 1961, publicouse a edición completa da Tradución do Novo Mundo das Santas Escrituras. Desde entón, millóns de persoas puideron desfrutar dunha versión das Santas Escrituras exacta e fácil de entender, traducida a máis de 300 idiomas a partir das linguas orixinais.
O Comité de Tradución da Biblia do Novo Mundo deuse conta de que era necesario facer unha tradución que chegase ós corazóns dos lectores actuais. Para conseguir este obxectivo, tiveron en conta estes criterios:
Utilizar un vocabulario actual e fácil de entender. Por exemplo, algunhas Biblias ás veces utilizan un vocabulario que xa non é habitual. Iso fai que o lector non sempre entenda con facilidade o significado do texto. Por exemplo, algunhas Biblias utilizan a palabra gracia, pero esta palabra non é fácil de entender. Por esta razón, utilizouse a expresión “bondade inmerecida”, que transmite o significado da palabra orixinal dunha maneira máis fácil de entender (2 Corintios 6:1; Tito 2:11). No idioma orixinal, a palabra que significa literalmente “carne” pode transmitir varias ideas. Nesta tradución buscouse unha opción máis natural dependendo do contexto para axudar a entender ben o significado. Por exemplo, nalgúns casos traduciuse como “corpo” ou “punto de vista humano” e deixouse a opción literal nunha nota a pé de páxina (Mateo 26:41; 1 Corintios 15:39; 2 Corintios 5:16).
A expresión ter piedade podería entenderse mal porque normalmente está relacionada coa compaixón, e iso podería dar a entender que a devoción relixiosa ten que estar motivada por ese sentimento. Por iso, para evitar esta interpretación, nesta tradución utilízase “devoción a Deus” (1 Timoteo 2:10). Ademais, en vez de utilizar a palabra iniquidade que aparece noutras traducións da Biblia, esta tradución utiliza a palabra “maldade” (Tito 2:14; Hebreos 1:9). En Gálatas 5:19-21 usáronse expresións como “inmoralidade sexual”, “conduta descarada”, “pelexas” e “arrebatos de ira” para traducir as expresións do idioma orixinal dunha maneira clara e actual. A lista das características que terían as persoas que aparece en 2 Timoteo 3:1-5 tamén se traduciu con palabras fáciles de entender.
Traducir de maneira clara as expresións bíblicas. Por exemplo, ás veces algunhas Biblias traducen a palabra grega Hades con expresións que poden transmitir unha idea equivocada sobre o que pasa cando morremos. Algunhas traducións da Biblia utilizan expresións como inferno, pero no idioma orixinal a palabra Hades fai referencia ó lugar simbólico no que descansan os mortos. Por iso, nesta tradución traduciuse esta palabra como “Tumba”, en maiúscula, e mantívose a palabra do idioma orixinal nas notas a pé de páxina (Mateo 16:18; Feitos 2:27).
Algunhas Biblias din que Xesús morreu cravado nunha cruz ou que foi crucificado, pero as palabras cruz e crucificado non transmiten correctamente a maneira na que Xesús foi executado. Por iso, nesta tradución utilizáronse expresións como “madeiro de tortura” e “cravárono no madeiro” para deixar claro que Xesús non morreu nunha cruz (Lucas 24:20; Xoán 19:17).
Nos Evanxeos repítese varias veces unha expresión que no idioma orixinal transmitía a idea de apertar os dentes por un sentimento de rabia. Por iso, nesta tradución traduciuse como “cheo de desesperación e de rabia” (Mateo 22:13; 24:51; Lucas 13:28). Ademais, nesta tradución usáronse as equivalencias actuais para falar das horas do día e mantívose nunha nota a forma que se usaba en tempos bíblicos para referirse ás horas (Lucas 23:44; Feitos 3:1).
Algunhas traducións da Biblia traducen a palabra hebrea néfesh e a grega psiqué como “alma”. Dependendo do contexto, estas palabras poden referirse 1) a unha persoa, 2) á vida dunha persoa, 3) a un animal, 4) ós desexos ou ó apetito dun ser vivo e 5) a un morto. Pero como hai tantas ideas equivocadas sobre a alma, nesta tradución decidiuse traducir a palabra psiqué tendo en conta cada contexto, e nalgúns casos deixouse a palabra alma nunha nota (Mateo 6:25; Romanos 11:3; 1 Corintios 15:45; Apocalipse 12:11). Aínda así, nalgúns contextos poéticos ou moi coñecidos, deixouse alma no texto principal cunha nota que fai referencia ó glosario ou que contén outra posible tradución (Mateo 22:37; Colosenses 3:23; Apocalipse 6:9).
Facilitar a lectura. Nesta tradución, intentáronse traducir os nomes propios dunha maneira que facilite a lectura. Por exemplo, na palabra Ramá eliminouse o h ó final para axudarlle ó lector a saber que sílaba hai que acentuar (Mateo 2:18). E nalgúns nomes cambiouse o m ó final da palabra por un n para facilitar a lectura, como por exemplo Adán, Abrahán, Cainán e Matusalén (Lucas 3:34, 36, 37, 38).
Tódolos versículos desta Biblia traducíronse con moito coidado, orándolle a Deus para pedir a súa guía e cun profundo respecto polo traballo tan bo que fixo o Comité de Tradución da Biblia do Novo Mundo.
Outras características desta tradución:
A maioría das notas desta tradución da Biblia divídense nestas categorías:
“Ou” Formas alternativas de traducir unha palabra ou expresión do hebreo, arameo ou grego que basicamente transmiten a mesma idea (Mateo 1:1, nota en “historia”).
“Ou quizais” Formas alternativas de traducir unha palabra ou expresión que transmiten unha idea diferente á do texto principal pero que tamén é válida (Lucas 12:11, nota en “asembleas públicas”).
“Lit.” Tradución palabra por palabra do hebreo, arameo ou grego. Tamén pode facer referencia ó significado básico dunha expresión no idioma orixinal (Marcos 6:48, nota en “madrugada”).
Significado e información adicional Significado dos nomes (Mateo 1:21, nota en “Xesús”), detalles sobre pesos e medidas (Lucas 19:13, nota en “minas”), a quen se refire un pronome (Mateo 3:16, nota en “el”), información útil e referencias ó glosario e ós apéndices (Mateo 5:22, nota en “Guehena”; Mateo 5:26, nota en “moediña”).
A primeira sección, titulada “Introdución á Palabra de Deus”, contén un resumo dalgunhas verdades básicas da Biblia. Despois do texto inspirado está a “Táboa dos libros da Biblia” e o “Glosario”. O Glosario axuda ó lector a entender o uso específico que se lles dá a algunhas expresións na Biblia. Os apéndices conteñen estas seccións: “Criterios para a tradución da Biblia”, “Características desta tradución”, “Como chegou a Biblia ata nós”, “O nome de Deus nas Escrituras Gregas Cristiás” e “A vida de Xesús na terra”. Ademais, conteñen mapas, táboas e outra información útil para os estudantes da Biblia que queiran investigar máis.
Ó principio de cada libro da Biblia hai un resumo do contido do libro coas ideas principais de cada capítulo e cos versículos correspondentes. Isto permite que o lector teña unha idea xeral do contido do libro.