BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • Xoán 8
  • A Biblia, SEPT

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

Xoán 8:1

Notas

  • *

    A perícopa 7:53-8:11, anque na actualidade forma parte do cuarto evanxeo, non é xoánica, senón que pertence á tradición sinóptica. Probablemente nun principio formara parte do evanxeo de Lucas, en torno ós sucesos dos últimos días de Xesús en Xerusalén (Lc 20:1; 21:1-37; 22:53), cando Xesús residía no Monte das Oliveiras (Lc 21:37; comparar con Xn 8:1).

Xoán 8:29

Índices

  • Guía de estudo

    Desfruta da vida para sempre! Libro, lección 16

Xoán 8:31

Índices

  • Guía de estudo

    Desfruta da vida para sempre! Libro, lección 18

    A Atalaia,

    1/11/2013,

    1/3/2012,

Xoán 8:32

Índices

  • Guía de estudo

    Desfruta da vida para sempre! Libro, lección 29

Xoán 8:44

Índices

  • Guía de estudo

    Desfruta da vida para sempre! Libro, lección 26

Traducións alternativas

Fai clic no número dun versículo para mostrar as traducións alternativas.
  • A Biblia, SEPT
  • Dispoñible en Tradución do Novo Mundo (nwt)
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 5
  • 6
  • 7
  • 8
  • 9
  • 10
  • 11
  • 12
  • 13
  • 14
  • 15
  • 16
  • 17
  • 18
  • 19
  • 20
  • 21
  • 22
  • 23
  • 24
  • 25
  • 26
  • 27
  • 28
  • 29
  • 30
  • 31
  • 32
  • 33
  • 34
  • 35
  • 36
  • 37
  • 38
  • 39
  • 40
  • 41
  • 42
  • 43
  • 44
  • 45
  • 46
  • 47
  • 48
  • 49
  • 50
  • 51
  • 52
  • 53
  • 54
  • 55
  • 56
  • 57
  • 58
  • 59
A Biblia, SEPT
Xoán 8:1-59

Evanxeo segundo San Xoán

8 E Xesús saíu para o Monte das Oliveiras.* 2 Pero á alborada, presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el; el sentouse e empezou a ensinar.

3 Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no medio e medio e 4 preguntáronlle:

—Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. 5 Moisés, na Lei, mandounos apedrar a esta xente. ¿Ti que dis?

6 Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. 7 Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:

—Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra, 8 E, abaixándose outra vez, escribía na terra. 9 Pero eles, ó que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio. 10 Ergueuse entón e preguntoulle:

—Muller ¿onde van? ¿Ninguén te condenou?

11 Ela respondeulle:

—Ninguén, Señor.

Díxolle Xesús:

—Tampouco eu non te condeno: vaite e desde agora non peques máis.

12 Xesús faloulles outra vez:

—Eu son a luz do mundo: quen me segue, non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida.

13 Dixéronlle entón os fariseos:

—Ti fas de testemuña en causa propia: o teu testemuño non vale.

14 Xesús replicoulles:

—Anque eu faga de testemuña en causa propia, o meu testemuño é válido, porque eu ben sei de onde vin e a onde vou; mentres que vós non sabedes de onde veño nin onde vou. 15 Os vosos xuízos seguen normas humanas, mentres que eu non xulgo a ninguén. 16 E aínda que eu xulgase, o meu xuízo sería válido, porque non sería eu só a xulgar, senón eu e mais quen me mandou. 17 E na vosa Lei está escrito que o testemuño de dúas testemuñas é valedeiro. 18 Eu dou testemuño de min mesmo, pero tamén o dá o Pai que me mandou.

19 Entón eles preguntáronlle:

—¿Onde está teu Pai?

Xesús respondeulles:

—Nin me coñecedes a min, nin a meu Pai; se me coñecesedes a min, coñeceriades tamén a meu Pai.

20 Estas cousas díxoas el cando ensinaba no templo, no adro do tesouro; e ninguén o prendeu, porque aínda non chegara a súa hora.

21 Díxolles outra vez:

—Eu voume e habédesme buscar e morreredes no voso pecado: onde eu vou, vosoutros non podedes vir.

22 Dicían entón os xudeus:

—¿El irase matar, porque di “onde vou eu, vosoutros non podedes vir”?

23 El seguiulles dicindo:

—Vós sodes de aquí abaixo, eu son de alá arriba; vós sodes deste mundo, eu non son deste mundo. 24 Díxenvos que habedes morrer nos vosos pecados; como non creades que “Eu son”, morreredes nos vosos pecados.

25 Preguntáronlle entón:

—¿Pero, logo, ti quen es?

Xesús contestoulles:

—O que vos veño dicindo desde o comezo. 26 Moito tería que falar de vós e xulgalo; mais quen me mandou é veraz e eu só lle falo ó mundo do que lle oín a El.

27 Pero eles non coñeceron que lles falaba do Pai. 28 Entón Xesús continuou:

—Cando ergáde-lo Fillo do Home, entón comprenderedes que “Eu son”, e que non fago nada pola miña conta, senón que falo do que o Pai me ensinou. 29 E quen me mandou está comigo: non me deixou só, pois eu fago sempre o que a El lle agrada.

30 Ó dicir estas cousas, moitos creron nel.

31 E ós xudeus que creran nel dicíalles Xesús:

—Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus; 32 e coñeceréde-la verdade e a verdade faravos libres.

33 Eles respondéronlle:

—Somos semente de Abraham e endexamais non fomos escravos de ninguén; ¿como, logo, dis ti “seredes libres”?

34 Respondeulles Xesús:

—Con toda verdade volo aseguro: quen comete o pecado é escravo. 35 E o escravo non queda para sempre na casa; o fillo queda para sempre. 36 Logo, se o Fillo vos libera, seredes libres de verdade. 37 Ben sei que sodes semente de Abraham, pero tratades de me matar, porque a miña palabra non prende en vós. 38 Eu falo do que vin onda o Pai; e vós facéde-lo que oístes de voso pai.

39 Eles respondéronlle:

—O noso pai é Abraham.

Xesús replicoulles:

—Se fosedes fillos de Abraham fariáde-las obras de Abraham, 40 mais agora procurades matarme, a min, que vos dixen a verdade que oín de Deus: iso non o fixo Abraham. 41 Vós facéde-las obras de voso pai.

Dixéronlle:

—Nós non nacemos da prostitución: temos un pai, Deus.

42 Contestoulles Xesús:

—Se o voso pai fose Deus, amariádesme a min porque eu de Deus saín e veño. Pois non vin por min mesmo, senón que El me enviou. 43 ¿Por que non comprendéde-la miña fala? Porque non podedes escoita-la miña palabra. 44 Vós sodes de voso pai o Satán, e queredes realiza-los desexos de voso pai. Este foi asasino desde o comezo e non afincou na verdade, que nel non hai verdade. Se fala falsidade, fala do seu, pois é mentireiro e pai da mentira. 45 Polo contrario, a min, porque vos digo a verdade, non me credes. 46 ¡Veña! ¡Que probe un de vós que estou en pecado! Se vos falo a verdade, ¿por que non me credes? 47 Quen é de Deus, escoita as palabras de Deus; por iso vós non escoitades, porque non sodes de Deus.

48 Os xudeus replicáronlle:

—¿Non dicimos con razón que ti es un samaritano e que te-lo demo no corpo?

49 Xesús respondeulles:

—Eu non teño demo ningún, eu respecto a meu Pai; e vós estádesme inxuriando. 50 Eu non procuro o meu prestixio: hai quen o fai xa, e El fará xustiza. 51 Con toda verdade volo aseguro: quen fai caso da miña palabra, non morrerá endexamais.

52 Entón dixéronlle os xudeus:

—Agora si que vemos que te-lo demo: Abraham morreu e os profetas tamén, e ti dis “quen fai caso da miña palabra, non morrerá endexamais”. 53 ¿Seica es ti máis có noso pai Abraham, que morreu? E os profetas tamén morreron ¿Por quen te queres facer pasar?

54 Xesús respondeu:

—Se eu me dou gloria a min mesmo, a miña gloria nada vale: pero quen me dá gloria é meu Pai, de quen vós dicides que é voso Deus. 55 Pero non o coñecedes, mentres que eu si o coñezo. Se dixese que non o coñezo, sería un mentireiro, coma vós; pero eu coñézoo e axústome á súa palabra. 56 Voso pai Abraham encheuse de ledicia na esperanza de ve-lo meu día; viuno e alegrouse.

57 Dixéronlle entón os xudeus:

—¿Aínda non tes cincuenta anos e xa viches a Abraham?

58 Xesús contestoulles:

—Con toda verdade volo aseguro: antes que Abraham chegase a existir, “Eu son”.

59 Entón colleron pedras para llas tiraren, pero Xesús agachouse e saíu do Templo.

Publicacións en galego (1986-2026)
Pechar sesión
Iniciar sesión
  • Galego
  • Compartir
  • Axustes
  • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
  • Termos de uso
  • Política de privacidade
  • Axustes de privacidade
  • JW.ORG
  • Iniciar sesión
Compartir