BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • Lucas 22
  • A Biblia, SEPT

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

Lucas 22:19

Índices

  • Guía de estudo

    Desfruta da vida para sempre! Libro, lección 28

Lucas 22:20

Índices

  • Guía de estudo

    Desfruta da vida para sempre! Libro, lección 28

Lucas 22:32

Índices

  • Guía de estudo

    A Atalaia (estudo),

    9/2023, páxs. 24-25

Traducións alternativas

Fai clic no número dun versículo para mostrar as traducións alternativas.
  • A Biblia, SEPT
  • Dispoñible en Tradución do Novo Mundo (nwt)
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 5
  • 6
  • 7
  • 8
  • 9
  • 10
  • 11
  • 12
  • 13
  • 14
  • 15
  • 16
  • 17
  • 18
  • 19
  • 20
  • 21
  • 22
  • 23
  • 24
  • 25
  • 26
  • 27
  • 28
  • 29
  • 30
  • 31
  • 32
  • 33
  • 34
  • 35
  • 36
  • 37
  • 38
  • 39
  • 40
  • 41
  • 42
  • 43
  • 44
  • 45
  • 46
  • 47
  • 48
  • 49
  • 50
  • 51
  • 52
  • 53
  • 54
  • 55
  • 56
  • 57
  • 58
  • 59
  • 60
  • 61
  • 62
  • 63
  • 64
  • 65
  • 66
  • 67
  • 68
  • 69
  • 70
  • 71
A Biblia, SEPT
Lucas 22:1-71

Evanxeo segundo San Lucas

22 Aproximábase a festa dos Ázimos, chamada tamén a Pascua.

2 Os sumos sacerdotes e mailos letrados andaban buscando como quitalo do medio, porque lle tiñan medo á xente.

3 Nisto Satanás apoderouse de Xudas, chamado o Iscariote, que formaba parte dos Doce, 4 e foi falar cos sumos sacerdotes e cos oficiais da garda sobre o xeito de entregalo. 5 Eles alegráronse, e acordaron darlle cartos. 6 El aceptou, e andaba vendo a ocasión de entregárllelo sen que a xente se decatase.

7 Chegou o día dos Ázimos, e había que inmola-lo año pascual. 8 Mandou a Pedro e a Xoán, dicíndolles:

—Ide prepara-la cea pascual.

9 Eles preguntaron:

—¿Onde queres que a preparemos?

10 El respondeu:

—Mirade, cando entredes na cidade, havos saír ó paso un home, levando unha ola de auga. Seguídeo ata a casa onde entre, 11 dicídelle ó dono da casa: “O Mestre mándanos preguntar: ¿Onde está o lugar no que poida come-la Pascua cos meus discípulos?”. 12 El havos mostrar no sobrado unha sala grande, xa disposta: facede alí os preparativos.

13 Foron eles, atoparon todo tal como lles dixera, e prepararon a Pascua.

14 Cando chegou a hora, púxose á mesa cos seus apóstolos. 15 Díxolles:

—¡Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer! 16 Porque vos digo que xa non a volverei comer ata que chegue o seu cumprimento no Reino de Deus.

17 E collendo unha copa, deu gracias e dixo:

—Tomade e repartídea entre vós, 18 pois asegúrovos que non volverei beber do producto da viña ata que chegue o Reino de Deus.

19 E collendo pan, deu gracias, partiuno e déullelo, dicindo:

—Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria de min.

20 E despois de cear, fixo o mesmo coa copa, dicindo:

—Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós.

21 Pero mirade o que vos digo: a man do que me entrega está aquí, sobre a mesa, a carón meu. 22 Porque o Fillo do Home vaise, conforme o determinado; pero ¡ai daquel que o entrega!

23 Entón empezaron a discutir entre eles, sobre quen podería se-lo que ía facer iso.

24 Armouse tamén unha discusión entre eles sobre a quen deles debían considerar máis importante. Pero el díxolles:

25 —Os reis dos xentís asobállanos, e os tiranos fanse chamar benfeitores. 26 Pero vós non fagades iso; non: que o maior entre vós sexa coma o máis pequeno, e o que goberna, coma quen serve. 27 Pois, ¿quen é máis importante, o que está á mesa ou quen o serve? ¿Acaso non é o que está na mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve.

28 Pois vós sóde-los que quedastes comigo nas miñas probas. 29 E, coma o meu pai o dispuxo para min, así eu teño disposto para vós un reino, 30 para que, cando eu sexa rei, comades e bebades na miña mesa, e sentedes en tronos para xulga-las doce tribos de Israel.

31 ¡Simón, Simón, mira que Satanás vos reclamou para vos peneirar coma o trigo! 32 Pero eu roguei por ti, para que a túa fe non falle; e ti, ó que te arrepintas, debes confirma-los teus irmáns.

33 Díxolle el:

—Señor, estou disposto a ir á cadea e á morte contigo.

34 Respondeulle Xesús:

—Ten por seguro que hoxe, antes de que o galo cante, negarás tres veces que me coñeces.

35 E logo preguntoulles a todos:

—Cando vos mandei sen bolsa, alforxas e calzado, ¿sentistes falta de algo?

Eles responderon:

—De nada.

36 El continuou:

—Pois agora quen teña unha bolsa, que a colla e que colla tamén unha alforxa; e quen non teña espada, que venda o seu manto e que merque unha. 37 Porque vos aseguro que é preciso que se cumpra en min aquilo que está escrito: “Foi contado entre os malfeitores”. E o tocante a min vaise cumprir.

38 Eles dixéronlle:

—Señor, temos aquí dúas espadas.

Contestoulles:

—Basta. Xa está ben.

39 Despois de saír, foise como facía sempre ó Monte das Oliveiras, seguido dos seus discípulos. 40 Cando chegaron ó sitio, díxolles:

—Rogade que non caiades na tentación.

41 E arredándose deles, coma un tiro de pedra, púxose a rogar axeonllado:

42 —Meu Pai, se queres, arreda de min este cáliz. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa.

43 E un anxo do ceo aparecéuselle para confortalo. 44 E cheo de angustia, pregaba con máis teima aínda, mentres suaba coma pingas de sangue que esvaraban ata o chan.

45 Erguéndose da oración, volveu onda os discípulos e atopounos durmidos por mor da tristeza. 46 Díxolles:

—¿Como é que estades a durmir? Erguédevos e rogade, para que non caiades na tentación.

47 Estaba aínda falando, cando apareceu xente; á fronte deles viña o chamado Xudas, un dos Doce; e achegouse a Xesús, para lle dar un bico. 48 Pero Xesús díxolle:

—Xudas, ¿cun bico entréga-lo Fillo do Home?

49 Entón os seus acompañantes, decatándose do que pasaba, preguntáronlle:

—Señor, ¿sacámo-las espadas?

50 E un deles feriu ó criado do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita.

51 Pero Xesús díxolle:

—Deixádeos facer.

E tocándolle a orella, sandoulla.

52 Entón díxolles ós que viñan contra el, sumos sacerdotes, oficiais da garda do templo e anciáns:

—Viñéstesme prender con paos e espadas, coma se fose un bandido. 53 Pero eu estiven a diario convosco no templo, e non me puxéste-las mans enriba. Ben: esta é a vosa hora, e o poder das tebras.

54 Prendérono e levárono á casa do Sumo Sacerdote. Pedro seguíao de lonxe. 55 Encenderon lume no medio do patio, e sentaron arredor; e Pedro sentou tamén no medio deles. 56 Pero unha criada, viuno sentado a carón do lume, cravou os ollos nel e dixo:

—Este tamén andaba con el.

57 El negouno dicindo:

—Muller, eu non o coñezo.

58 Pouco despois viuno outro criado, e dixo:

—Ti es deles tamén.

Pero Pedro exclamou:

—Non, home, non son.

59 Unha hora máis tarde, aínda volveu insistir outro criado:

—Si, seguro que andaba con el, que é galileo.

60 Pedro replicou:

—Pero home, eu non che sei de que falas.

E no intre, estando aínda el a falar, cantou o galo. 61 O Señor, volvéndose, mirou a Pedro, e este acordouse das súas palabras: “antes de que o galo cante hoxe, ti hasme negar tres veces”. 62 Saíu para fóra, e chorou amargamente.

63 Os homes que o tiñan preso burlábanse del e mallábano; 64 tapábanlle a cara e preguntábanlle:

—Fai agora de profeta: ¿quen che zoupou?

65 E aldraxábano, dicíndolle outras moitas cousas.

66 Cando se fixo de día, reuniuse o Consello dos anciáns do pobo, os sumos sacerdotes e mailos letrados, e acordaron levalo ó Sanedrín. 67 E dixéronlle:

—Se ti e-lo Mesías, dínolo.

El contestoulles:

—Se volo digo, non me ides crer; 68 se vos fago preguntas, non me ides responder. 69 Pero desde agora o Fillo do Home estará sentado á dereita do Todopoderoso.

70 Preguntáronlle todos:

—¿Logo es ti o Fillo de Deus?

El respondeu:

—Vós o dicides: eu son.

71 Eles exclamaron:

—¿Para que máis testemuñas? Xa llo oímos nós mesmos da súa boca.

Publicacións en galego (1986-2026)
Pechar sesión
Iniciar sesión
  • Galego
  • Compartir
  • Axustes
  • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
  • Termos de uso
  • Política de privacidade
  • Axustes de privacidade
  • JW.ORG
  • Iniciar sesión
Compartir