BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • Marcos 11
  • A Biblia, SEPT

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

Traducións alternativas

Fai clic no número dun versículo para mostrar as traducións alternativas.
  • A Biblia, SEPT
  • Dispoñible en Tradución do Novo Mundo (nwt)
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 5
  • 6
  • 7
  • 8
  • 9
  • 10
  • 11
  • 12
  • 13
  • 14
  • 15
  • 16
  • 17
  • 18
  • 19
  • 20
  • 21
  • 22
  • 23
  • 24
  • 25
  • 26
  • 27
  • 28
  • 29
  • 30
  • 31
  • 32
  • 33
A Biblia, SEPT
Marcos 11:1-33

Evanxeo segundo San Marcos

11 E cando se aproximaban a Xerusalén, cerca de Betfagué e de Betania, ó pé do Monte das Oliveiras, mandou a dous discípulos 2 dicíndolles:

—Ide á aldea que tendes aí por fronte, e ó que entredes, ides atopar atado un burro que ninguén montou aínda; soltádeo e traédeo. 3 Se alguén vos pregunta por que o facedes, dicídelle: “Precísao o Señor, pero de seguida o mandará de volta”.

4 Foron alá, atoparon o burro atado a un portal e desatárono. 5 Algúns dos que andaban por alí, preguntáronlles:

—¿Que facedes aí desatando o burriño?

6 Eles contestáronlle tal como Xesús lles mandara. 7 E leváronlle o burro a Xesús, que montou nel así que o cubriron cos seus mantos. 8 Moitos estendían tamén os seus mantos no camiño, para que lle servisen de alfombras; e outros, ramallos cortados nas chousas. 9 E tanto os que ían diante coma os de detrás, exclamaban:

—¡Hosanna! ¡Bendito o que vén no nome do Señor! 10 ¡Bendito o reino do noso pai David que chega! ¡Hosanna no ceo!

11 Entrou en Xerusalén e foi ó templo. E despois de dar unha volta por alí, como xa ía sendo tarde, saíu cos Doce para Betania.

12 Ó outro día despois de saír de Betania, sentiu fame. 13 Vendo de lonxe unha figueira cuberta de follas, achegouse por se acaso atopaba algo; pero non atopou nada fóra de follas, por non ser tempo de figos. 14 Entón dixo:

—Nunca máis ninguén coma os teus froitos.

E os discípulos escoitárono.

15 Chegaron a Xerusalén, e, entrando no templo, empezou a botar de alí os tendeiros e compradores, derrubando as mesas dos cambistas e os postos dos vendedores de pombas. 16 E non permitía que ninguén pasase polo templo carrexando cousas. 17 E púxose a ensinar, dicindo:

—¿Non está escrito: a miña casa será a casa de oración para tódolos pobos? Pois vós convertéstela en cova de bandidos.

18 Ó que o souberon, os sumos sacerdotes e mailos letrados, buscaban o xeito de acabar con el, pois tíñanlle moito medo, porque todo o mundo estaba admirado de canto ensinaba. 19 E á tardiña saíu da cidade.

20 Ó pasaren pola mañá cedo, viron a figueira seca desde a raíz. 21 Pedro acordouse e díxolle a Xesús:

—Mestre, mira para aí: a figueira que maldiciches, está seca.

22 Xesús respondeu:

—Tede fe en Deus. 23 Pois asegúrovos que se alguén lle di a este monte: “arríncate de aí e bótate no mar” sen dubidar no seu corazón, senón crendo que se cumprirá o que di, así se fará. 24 Por iso dígovos: canto pidades na oración, crede que o conseguiredes, e darásevos. 25 E cando esteades de pé facendo oración, perdoade, se algo tedes contra outros; para que tamén vos perdoe as vosas culpas o voso Pai que está no ceo.

26 —

27 Chegaron de novo a Xerusalén, e mentres andaba polo templo, foron onda el os sumos sacerdotes, letrados e senadores, 28 e preguntáronlle:

—¿Con que autoridade fas esas cousas? ¿Quen che deu tal autoridade?

29 Xesús respondeulles:

—Vouvos facer unha pregunta nada máis, respondédema e logo dígovos eu con que autoridade fago estas cousas. 30 O bautismo de Xoán, ¿era cousa de Deus ou dos homes? Veña, ide respondendo.

31 Eles razoaban entre si, dicindo: “Se respondemos de Deus, vainos preguntar: e daquela ¿por que non crestes no que dicía? 32 ¿Reponderemos entón: dos homes?” (Pero tiñan que andar con moito tino co pobo, que consideraba profeta a Xoán).

33 E contestáronlle a Xesús:

—Non sabemos.

Xesús replicou:

—Pois eu tampouco non vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.

Publicacións en galego (1986-2026)
Pechar sesión
Iniciar sesión
  • Galego
  • Compartir
  • Axustes
  • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
  • Termos de uso
  • Política de privacidade
  • Axustes de privacidade
  • JW.ORG
  • Iniciar sesión
Compartir