Rut
2 Noemí tiña un familiar por parte do seu home Elimélec que se chamaba Boaz e que era moi rico.
2 Rut, a moabita, díxolle a Noemí: “Por favor, déixame ir ós campos para ver se atopo a alguén que me permita rebuscar* entre as espigas que van quedando atrás”. E Noemí respondeulle: “Vai, miña filla”. 3 Así que ela foi a un campo e púxose a rebuscar detrás dos que facían a colleita. Resulta que por casualidade chegou a un terreo que era de Boaz, o familiar de Elimélec. 4 Xusto nese momento chegou Boaz, que viña de Belén, e díxolles ós traballadores: “Que Xehová estea con vós”. E eles contestáronlle: “Que Xehová te bendiga”.
5 Entón Boaz preguntoulle ó encargado dos que facían a colleita: “De que familia é esta rapaza?”. 6 O encargado respondeulle: “É unha moabita que veu con Noemí da terra de Moab. 7 Ela pediume: ‘Por favor, podería rebuscar e xuntar as espigas cortadas* que van deixando atrás os que están facendo a colleita?’. E non parou de traballar dende que chegou esta mañá ata hai un momento, que se sentou no caseto para descansar un pouquiño”.
8 Despois Boaz díxolle a Rut: “Escoita, filliña. Non vaias rebuscar a outro campo, non marches de aquí. Queda cerca das miñas traballadoras. 9 Estate pendente de cal é o campo no que están traballando e vai con elas. Mandeilles ós rapaces que non te molesten*. Cando teñas sede, vai beber dos recipientes de auga que enchan os rapaces”.
10 Ó escoitar iso, ela botouse ó chan, inclinou a cabeza e preguntoulle: “Por que te portas tan ben comigo? Por que te preocupas por min, se son unha estranxeira?”. 11 Boaz contestoulle: “Contáronme todo o que fixeches pola túa sogra desde que morreu o teu home, e tamén que deixaches a teu pai, a túa nai e a terra na que naciches para vivir cun pobo que non coñecías. 12 Que Xehová che pague o que fixeches. E que Xehová, o Deus de Israel, che dea unha recompensa completa*, porque buscaches refuxio debaixo das súas ás”. 13 E ela díxolle: “Meu señor, gustaríame ter a túa aprobación, porque me consolaches a min, a túa serva, e porque me tranquilizaches coas túas palabras*, aínda que nin sequera son unha das túas servas”.
14 Ó chegar a hora de comer, Boaz díxolle: “Ven aquí, colle un pouco de pan e móllao no vinagre”. Así que ela sentouse ó lado dos que estaban facendo a colleita. Boaz deulle gran tostado e ela comeu ata que quedou satisfeita, e incluso lle sobrou. 15 Cando Rut se levantou para seguir coa rebusca, el mandoulles ós seus traballadores: “Deixádelle que tamén rebusque entre as espigas cortadas* e non a molestedes. 16 Ademais, asegurádevos de sacar algunhas espigas dos feixes e deixádeas caer para que ela as recolla. E non intentedes impedirllo”.
17 Ela seguiu rebuscando no campo ata a tardiña. Cando lle sacou o gran* a todo o que recollera, había máis ou menos un efá* de cebada. 18 Despois colleu a cebada e marchou para a cidade, e ensinoulle á súa sogra o que recollera. Tamén sacou a comida que lle sobrara despois de quedar satisfeita e deulla.
19 Entón a súa sogra preguntoulle: “Onde fuches hoxe facer a rebusca? Onde estiveches traballando? Que Deus bendiga a quen foi tan bo contigo”. Así que Rut contoulle onde estivera traballando. Díxolle: “Hoxe traballei no campo dun home que se chama Boaz”. 20 Cando escoitou iso, Noemí díxolle: “Que sexa bendicido por Xehová, quen non deixou de mostrarlles amor leal nin ós vivos nin ós mortos”. E engadiu: “Ese home é familiar noso. É un dos nosos recompradores*”. 21 Despois Rut a moabita contoulle: “Tamén me dixo: ‘Queda cerca dos meus traballadores ata que recollan toda a miña colleita’”. 22 E Noemí díxolle á súa nora: “Si, filliña, é mellor que vaias coas súas traballadoras. Así non te molestarán noutro campo”.
23 Así que Rut seguiu facendo a rebusca cerca das traballadoras de Boaz ata que acabou a colleita da cebada e a do trigo. E seguiu vivindo coa súa sogra.