Nehemías
1 Estas son as palabras de Nehemías*, o fillo de Hacalías: era o mes de quisleu*, no ano 20, e eu estaba no castelo* de Susa. 2 Por aquel tempo chegou Hananí, un dos meus irmáns, con outros homes de Xudá. Pregunteilles polos xudeus que volveran do desterro e tamén por Xerusalén. 3 Eles responderon: “Os que volveron do desterro e que agora viven naquela provincia* están nunha situación terrible e humillante. As murallas de Xerusalén están desfeitas e as portas foron queimadas”.
4 Cando escoitei isto, senteime e púxenme a chorar. Estiven moitos días lamentándome, facendo xaxún* e orándolle ó Deus dos ceos. 5 E dixen: “Oh, Xehová, Deus dos ceos, o Deus grande e impoñente, que cumpre o seu pacto e que lles mostra amor leal ós que o aman e obedecen os seus mandamentos. 6 Por favor, mantén os teus oídos atentos e os teus ollos ben abertos, e escoita a oración do teu servo, a oración que che fago hoxe. Día e noite oro polos teus servos, os israelitas, e confeso os pecados que cometeu o pobo de Israel contra ti. Pecamos, tanto eu como a casa do meu pai. 7 Está claro que nos botamos a perder e que pecamos contra ti ó desobedecer os mandamentos, as normas e as decisións xudiciais* que lle deches ó teu servo Moisés.
8 ”Por favor, recorda o que lle dixeches* ó teu servo Moisés: ‘Se me sodes infieis, eu dispersareivos polos pobos. 9 Pero se volvedes a min e obedecedes os meus mandamentos, aínda que se vos dispersase ata o último recuncho da terra, eu xuntareivos e traereivos ó lugar que escollín para o meu nome’. 10 Eles son os teus servos e o teu pobo. Ti rescatáchelos coa túa gran forza e co teu poder*. 11 Xehová, por favor, mantén os teus oídos atentos á oración do teu servo, e escoita tamén a oración dos teus servos que queren respectar* o teu nome. Por favor, fai que hoxe lle vaia ben ó teu servo e que o rei se compadeza de min”.
Nesa época eu era copeiro do rei.