Sabíalo?
Como sabían en tempos bíblicos cando comezaban os anos e os meses?
PARA os hebreos que vivían na Terra Prometida, o ano civil empezaba coa época na que se araba e sementaba a terra. Isto coincidía con parte do que hoxe son os meses de setembro e outubro.
Para calcular a duración dun mes, guiábanse polo ciclo da Lúa, que dura uns 29 ou 30 días, e guiábanse polo Sol para calcular canto duraba un ano. Pero un calendario lunar de 12 meses é máis curto que o ano solar, así que necesitaban facer que os dous durasen o mesmo. Para conseguilo, engadían días ou un mes cada certo tempo, quizais antes de empezar o ano seguinte. Con este sistema, o calendario coincidía coas épocas nas que se sementaba a terra e recollían as colleitas.
Pero nos días de Moisés, Xehová díxolle ó seu pobo que o ano relixioso comezaría no mes de abib, ou nisán, que coincide con parte do que hoxe son os meses de marzo e abril (Éx. 12:2; 13:4). Neste mes celebrábase unha festa relacionada coa recollida da cebada (Éx. 23:15, 16).
Un experto chamado Emil Schürer explicou que era fácil saber cando había que engadir un mes extra no calendario. No seu libro The History of the Jewish People in the Age of Jesus Christ, (175 B.C.–A.D. 135), dixo: “A festa da Pascua, que se celebraba na lúa chea do mes de nisán (14 de nisán), tiña que coincidir sempre despois do equinoccio de primavera. Así que se ó final do ano se sabía que a Pascua caería antes dese equinoccio, os xudeus engadían un mes antes de nisán”.
As testemuñas de Xehová teñen en conta este método para saber cal é a data correcta da Cea do Señor, que se celebra na primavera e corresponde ó 14 de nisán segundo o calendario hebreo. Despois, díselles ás congregacións de todo o mundo con suficiente antelación cal é esa data.a
Entón, como sabían os hebreos cando acababa un mes e empezaba o seguinte? Na actualidade, poida que só teñamos que mirar un calendario impreso ou a aplicación do calendario nun dispositivo electrónico. Pero en tempos bíblicos non era tan fácil.
Na época do Diluvio, os meses duraban 30 días (Xén. 7:11, 24; 8:3, 4). Máis tarde, para os hebreos os meses non sempre duraban 30 días. No seu calendario, o mes comezaba en canto se empezaba a ver a lúa crecente despois da lúa nova. Por iso os meses eran de 29 ou 30 días.
Nunha ocasión, David e Ionatán falaron de que ía comezar un novo mes. Dixeron: “Mañá é lúa nova” (1 Sam. 20:5, 18). Así que parece que no século XI antes da nosa era calculaban os meses con antelación. Como podían saber os israelitas cando ía comezar o seguinte mes? Atopamos máis información na Mishná, un conxunto de leis orais e tradicións xudías. Aí di que, despois do exilio en Babilonia, o Sanedrín (o tribunal supremo xudeu) encargábase desta decisión. Había sete meses nos que o tribunal se reunía moi cedo a mañá do día 30 de cada mes. Eses homes eran os responsables de decidir cando comezaría o seguinte mes. En que se baseaban para tomar esa decisión?
Había homes nalgúns lugares altos e nas montañas arredor de Xerusalén que se encargaban de mirar o ceo de noite para ver cando aparecía por primeira vez a lúa crecente xusto despois da lúa nova. Entón, avisaban rapidamente o Sanedrín. Cando o Sanedrín cría que tiña suficientes informes de que se vira a lúa crecente, anunciaban o comezo dun novo mes. Pero, que ocorría se non se podía ver o ceo porque estaba nubrado ou había néboa? Se pasaba iso, decidíase que o mes en curso tería 30 días. Así, o novo mes podería comezar ó día seguinte.
A Mishná explica que a decisión do Sanedrín anunciábase cun sinal de lume no alto do Monte das Oliveiras, preto de Xerusalén. Ademais, usábanse fogueiras noutros lugares altos por todo Israel para espallar a noticia. Co paso do tempo, tamén se empezaron a usar mensaxeiros. Deste xeito, os xudeus en Xerusalén e noutras partes sabían que empezara un novo mes, e así todos podían celebrar as festas ó mesmo tempo.
A táboa que vén a continuación pode axudarche a entender mellor como se relacionan entre si os meses, as festas e as estacións do calendario hebreo.
a Mira a revista La Atalaya do 15 de febreiro de 1990, páxina 15, e o artigo “Preguntas de los lectores” do 1 de novembro de 1977.