BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • ijwbq artigo 161
  • Que podemos aprender das mulleres que aparecen na Biblia?

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Que podemos aprender das mulleres que aparecen na Biblia?
  • Preguntas sobre a Biblia
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • O que di a Biblia
  • Tivo o valor de aceptar
    Sirve a Xehová con valor
Preguntas sobre a Biblia
ijwbq artigo 161
Algunhas das mulleres que aparecen na Biblia

Que podemos aprender das mulleres que aparecen na Biblia?

O que di a Biblia

A Biblia fala de moitas mulleres das que podemos aprender leccións importantes (Romanos 15:4; 2 Timoteo 3:16, 17). Neste artigo veremos un resumo do que fixeron algunhas delas. Moitas deixáronnos un bo exemplo que podemos imitar, pero outras foron un mal exemplo que pode servirnos de advertencia (1 Corintios 10:11; Hebreos 6:12).

  • A muller de Lot

  • A xulamita

  • Abigail

  • Ana

  • Dalilah

  • Déborah

  • Ester

  • Eva

  • Iael

  • Iezabel

  • Lea

  • Cando viviron as mulleres que aparecen na Biblia

  • María (a irmá de Marta e de Lázaro)

  • María (a nai de Xesús)

  • María Madalena

  • Marta

  • Míriam

  • Rahab

  • Raquel

  • Rebeca

  • Rut

  • Sara

A muller de Lot

A muller de Lot

Quen foi? A Biblia non di o seu nome. Pero si que explica que tivo dúas fillas e que vivía coa súa familia na cidade de Sodoma (Xénese 19:1, 15).

Que fixo? Desobedeceu un mandato de Deus. El decidira destruír Sodoma e as cidades que estaban ó redor polos terribles actos de inmoralidade sexual que cometían os seus habitantes. Como Deus quería moito a Lot e a súa familia, enviou dous anxos a Sodoma para sacalos de alí e levalos a un lugar seguro (Xénese 18:20; 19:1, 12, 13).

Os anxos dixéronlles a Lot e á súa familia que saísen de alí e que non mirasen para atrás, porque se o facían ían morrer (Xénese 19:17). Pero a muller de Lot “mirou para atrás, e trocouse en estatua de sal” (Xénese 19:26).

Que podemos aprender dela? O que lle pasou á muller de Lot recórdanos que é moi perigoso deixar que as cousas materiais sexan máis importantes que obedecer a Deus. Por iso, Xesús deu esta advertencia: “Acordádevos da muller de Lot” (Lucas 17:32).

A xulamita

A xulamita

Quen foi? A xulamita era unha rapaza campesiña moi guapa. Ela é a protagonista do libro bíblico O Cantar dos Cantares. A Biblia non di o seu nome.

Que fixo? Ela foille fiel ó pastor do que estaba enamorada (O Cantar dos Cantares 2:16). Era tan guapa que o rei Salomón, que era moi rico, fixouse nela e intentou conquistala (O Cantar dos Cantares 7:7 [7:6, TNM]). Aínda que algúns intentaron que escollese a Salomón, ela negouse. Amaba ó humilde pastor e foille leal (O Cantar dos Cantares 3:5; 7:11 [7:10, TNM]; 8:6).

Que podemos aprender dela? A pesar da súa beleza e de que non pasou desapercibida, seguiu sendo modesta. Ela non deixou que a presión doutros nin a posibilidade de conseguir riquezas e fama influísen nos seus sentimentos. Controlou as súas emocións e mantívose limpa moralmente.

Abigail

Abigail

Quen foi? Abigail era a muller dun home rico pero cruel que se chamaba Nabal. Era sensata e humilde. Non só era moi guapa, senón que tamén tiña cualidades que lle agradan a Xehová (1 Samuel 25:3).

Que fixo? Actuou con sabedoría e intelixencia, e así evitou unha traxedia. Abigail e Nabal vivían na rexión na que David, o futuro rei de Israel, se escondía dos seus inimigos. Mentres David e os seus homes estiveron alí, protexeron dos ladróns os rabaños de Nabal. Pero cando David enviou mensaxeiros para pedirlle a Nabal algo de comida, el tratounos mal e negouse a dárllela. Entón David enfadouse moito e xuntou os seus homes coa intención de ir matar a Nabal e a tódolos homes da súa casa (1 Samuel 25:10-12, 22).

Cando Abigail soubo o que fixera o seu home, actuou moi rápido. Primeiro deulles comida ós seus criados para que llela levasen a David e ós seus homes, e despois ela foi detrás para suplicarlle a David que lles mostrase misericordia (1 Samuel 25:14-19, 24-31). Ó recibir o seu regalo, ver a súa humildade e escoitar o consello sabio que ela lle deu, David deuse conta de que Deus a estaba usando para evitar unha traxedia (1 Samuel 25:32, 33). Pouco despois, Nabal morreu e Abigail casou con David (1 Samuel 25:37-41).

Que podemos aprender dela? Aínda que Abigail era guapa e rica non se cría superior ós demais. Para manter a paz estivo disposta a pedir perdón por algo que non fora culpa súa. Ante unha situación moi tensa actuou con calma, tacto, valentía e intelixencia.

  • ▸ Para saber máis sobre Abigail, le o artigo “Una mujer sensata”.

Ana

Ana

Quen foi? Ana era a muller de Elcanah e a nai de Samuel, que chegou a ser un profeta moi importante no antigo Israel (1 Samuel 1:1, 2, 4-7).

Que fixo? Como Ana levaba moitos anos casada pero non tiña fillos, acudiu a Deus en busca de consolo. O seu marido tiña outra muller que se chamaba Peninah, e ela si que tivera fillos. Peninah tratábaa moi mal, pero Ana oroulle a Deus para que a consolase. De feito, prometeulle que se lle daba un fillo, ela levaríao ó tabernáculo para que servise alí. O tabernáculo era unha tenda desmontable que usaban os israelitas para adorar a Deus (1 Samuel 1:11).

Deus contestou a oración de Ana e deulle un fillo que se chamou Samuel. Ana cumpriu a súa promesa e levou a Samuel ó tabernáculo, cando aínda era un neno, para que servise alí (1 Samuel 1:27, 28). Tódolos anos, Ana facíalle a Samuel unha túnica sen mangas e leváballa. Co tempo, Deus bendiciu a Ana con cinco fillos máis, tres nenos e dúas nenas (1 Samuel 2:18-21).

Que podemos aprender dela? As oracións sinceras de Ana axudáronlle a aguantar as dificultades. A súa oración de agradecemento que aparece en 1 Samuel 2:1-10 mostra a gran fe que tiña.

  • ▸ Para saber máis sobre Ana, le o artigo “Le abrió su corazón a Jehová”.

  • ▸ Para saber por que permitiu Deus a poligamia no pasado, le o artigo “¿Aprueba Dios la poligamia?”.

Dalilah

Dalilah

Quen foi? Dalilah era unha muller da que se enamorou Sansón, un xuíz israelita (Xuíces 16:4, 5).

Que fixo? Aceptou que os filisteos lle desen cartos a cambio de traizoar a Sansón, a quen Deus estaba usando para liberar os israelitas dos filisteos. Xehová déralle a Sansón unha forza extraordinaria, e os filisteos non conseguían vencelo (Xuíces 13:5). Por iso lle pediron axuda a Dalilah.

Os filisteos subornaron a Dalilah para que descubrise por que Sansón era tan forte. Ela aceptou os cartos, e despois de varios intentos conseguiu descubrir cal era o segredo de Sansón (Xuíces 16:15-17). Máis tarde, contóullelo ós filisteos, e eles capturárono e metérono no cárcere (Xuíces 16:18-21).

Que podemos aprender dela? Dalilah era avariciosa, egoísta, desleal e traizoou a un servo de Xehová. Ninguén debería imitar o seu exemplo.

Déborah

Déborah

Quen foi? Déborah era unha profetisa que usou Xehová, o Deus de Israel, para dicirlle ó seu pobo o que quería que fixese. A través dela, Xehová tamén lles axudou ós israelitas a solucionar problemas que tiñan entre eles (Xuíces 4:4, 5).

Que fixo? A profetisa Déborah apoiou con valentía os servos de Deus. Xehová pediulle que mandase chamar a Barac para dicirlle que guiase o exército israelita na loita contra os cananeos (Xuíces 4:6, 7). Cando Barac lle pediu a Déborah que fose con el, ela non tivo medo e estivo disposta a ir (Xuíces 4:8, 9).

Deus fixo que os israelitas gañasen. Despois, Déborah compuxo polo menos unha parte da canción que ela e Barac cantaron para contar o que pasara. Nesa canción mencionou o que fixera Iael, outra muller valente que tivo un papel moi importante na derrota dos cananeos (Xuíces 5).

Que podemos aprender dela? Déborah foi valente e estivo disposta a sacrificarse por outros. Animou os demais a facer o que está ben ós ollos de Deus. E cando o facían, dáballes o mérito a eles.

  • ▸ Para saber máis sobre Déborah, le o artigo “Me levanté como madre en Israel”.

Ester

Ester

Quen foi? Ester era unha muller xudía que o rei persa Axuero escolleu para casar con ela e que fose raíña.

Que fixo? A raíña Ester usou a súa influencia para evitar que se acabase co seu pobo. Descubriu que se emitira unha lei na que se establecía un día específico para matar a tódolos xudeus do Imperio persa. Este plan malvado foi idea de Hamán, que era o primeiro ministro (Ester 3:13-15; 4:1, 5). Pero Ester, coa axuda do seu primo maior Mardoqueo, estivo disposta a arriscar a súa vida e faloulle deste plan malvado ó seu marido, o rei Axuero (Ester 4:10-16; 7:1-10). Entón, Axuero deixou que Ester e Mardoqueo emitisen outra lei que lles permitía ós xudeus defenderse. Ó final, os xudeus derrotaron os seus inimigos (Ester 8:5-11; 9:16, 17).

Que podemos aprender dela? A raíña Ester púxonos un moi bo exemplo de valentía, humildade e modestia (Salmo 31:25 [31:24, TNM]; Filipenses 2:3). Como era moi guapa e tiña unha posición moi importante, puido volverse orgullosa, pero non o fixo. Seguiu sendo humilde e pediu consello e axuda. Falou co seu home con tacto e respecto, pero ó mesmo tempo foi valente. Tivo o valor de identificarse como xudía nun tempo no que era moi perigoso facelo.

  • ▸ Para saber máis sobre Ester, le os artigos “Defendió al pueblo de Dios” e “Actuó con sabiduría, valor y altruismo”.

Eva

Eva

Quen foi? Eva foi a primeira muller que existiu e tamén a primeira que se menciona na Biblia.

Que fixo? Eva desobedeceu un mandato directo de Deus. Tanto ela como o seu home, Adán, eran humanos perfectos. Tiñan a capacidade de tomar decisións e a habilidade de cultivar boas cualidades, como o amor e a sabedoría (Xénese 1:27). Eva sabía que Deus lle dixera a Adán que había unha árbore da que non podían comer, porque senón morrerían. Pero Satanás enganouna e fíxolle crer que iso era mentira. De feito, chegou a pensar que se desobedecía a Xehová viviría mellor. Así que comeu do froito e convenceu ó seu marido para que fixese o mesmo (Xénese 3:1-6; 1 Timoteo 2:14).

Que podemos aprender dela? O exemplo de Eva móstranos o perigoso que é seguir pensando nos malos desexos. Eva permitiu que medrase nela un forte desexo de ter algo que non lle pertencía e iso fixo que desobedecese un mandato directo de Deus (Xénese 3:6; 1 Xoán 2:16).

Iael

Iael

Quen foi? Iael era a muller de Héber, un home que non era israelita. Ela apoiou con valentía o pobo de Deus.

Que fixo? Iael foi valente cando Sísera, o xefe do exército cananeo, entrou no campamento no que ela estaba. Sísera perdera a batalla contra Israel e estaba buscando un sitio onde refuxiarse e descansar. Iael invitouno a entrar na súa tenda e, mentres durmía, matouno (Xuíces 4:17-21).

O que fixo Iael cumpriu as seguintes palabras da profetisa Déborah: “Nas mans dunha muller porá o Señor a Sísera” (Xuíces 4:9). Por actuar así, díxose dela: “Bendita sexa entre as mulleres” (Xuíces 5:24).

Que podemos aprender dela? Iael demostrou que tiña iniciativa e que era valente. O que lle pasou deixa claro que Xehová pode facer o que sexa necesario para cumprir as profecías.

Iezabel

Iezabel

Quen foi? Iezabel era a muller de Acab, o rei de Israel. Ela non era israelita e non adoraba a Xehová. De feito, adoraba a Baal, un deus cananeo.

Que fixo? A raíña Iezabel era unha muller dominante, cruel e violenta. Promovía a adoración a Baal e a inmoralidade sexual dos seus adoradores. Ademais, intentou que todos deixasen de adorar a Xehová, o Deus verdadeiro (1 Reis 18:4, 13; 19:1-3).

Para conseguir o que quería, Iezabel dicía mentiras e mataba a outras persoas (1 Reis 21:8-16). Pero tal e como Deus predixera, ela morreu de forma violenta e non foi enterrada (1 Reis 21:23; 2 Reis 9:10, 32-37).

Que podemos aprender dela? O exemplo de Iezabel sérvenos de advertencia. Foi unha muller tan corrupta e malvada, que o seu nome aínda se relaciona hoxe en día cunha persoa descarada, inmoral, que non respecta a autoridade e á que non lle importa facer o que está mal.

Lea

Lea

Quen foi? Lea era a primeira muller do patriarca Xacob. El tamén casou con Raquel, a irmá pequena de Lea (Xénese 29:20-29).

Que fixo? Lea era a nai de seis dos fillos varóns de Xacob (Rut 4:11). Xacob non quería casar con Lea, senón con Raquel. Pero Labán, o pai delas, fixo que Lea se intercambiase por Raquel. Cando Xacob se deu conta de que Labán o enganara para que casase con Lea, foi falar con el. Labán explicoulle que non era costume que a filla máis nova casase antes que a máis vella. Unha semana despois, Xacob casou con Raquel (Xénese 29:26-28).

Xacob quería máis a Raquel que a Lea (Xénese 29:30). Por iso Lea estaba celosa e competía contra a súa irmá polo amor e a atención de Xacob. Deus vía como se sentía Lea e bendiciuna con sete fillos, seis nenos e unha nena (Xénese 29:31).

Que podemos aprender dela? Lea oroulle a Deus e faloulle do que lle preocupaba. Por iso, aínda que tiña unha situación familiar moi difícil, puido sentir que Deus lle estaba axudando (Xénese 29:32-35; 30:20). O que lle pasou a Lea mostra de maneira moi realista os problemas que provoca a poligamia, algo que Deus só permitiu durante un tempo. Deus quere que o matrimonio estea formado só por un home e unha muller (Mateo 19:4-6).

  • ▸ Para saber máis sobre Lea, le o artigo “Dos hermanas rivales ‘edificaron la casa de Israel’”.

  • ▸ Para saber por que permitiu Deus a poligamia durante un tempo, le o artigo “¿Aprueba Dios la poligamia?”.

María (a irmá de Marta e de Lázaro)

María (a irmá de Marta e de Lázaro)

Quen foi? María era unha boa amiga de Xesús, igual que o seu irmán Lázaro e a súa irmá Marta.

Que fixo? María demostrou en moitas ocasións que apreciaba a Xesús, o Fillo de Deus. Ela confiaba en que Xesús puido evitar a morte do seu irmán Lázaro, e estivo presente cando Xesús o resucitou. A súa irmá Marta criticouna porque preferiu escoitar a Xesús en vez de axudarlle coas tarefas da casa. Pero Xesús felicitou a María por poñer en primeiro lugar as cousas espirituais (Lucas 10:38-42).

Noutro momento, María demostrou que era moi hospitalaria cando botou pola cabeza e polos pés de Xesús un “aceite perfumado moi caro” (Mateo 26:6, 7). Algúns acusárona de malgastar os cartos, pero Xesús defendeuna e dixo: “En calquera lugar do mundo onde se prediquen estas boas noticias, tamén se contará o que fixo esta muller, e será recordada” (Mateo 24:14; 26:8-13).

Que podemos aprender dela? María esforzouse por ter unha fe moi forte. Ela puxo a adoración a Deus por encima de calquera outra cousa. Ademais, foi humilde e incluso estivo disposta a gastar moitos cartos para darlle honra a Xesús.

María (a nai de Xesús)

María (a nai de Xesús)

Quen foi? María era unha rapaza xudía. Cando deu a luz a Xesús aínda era virxe, porque concibira o Fillo de Deus de maneira milagrosa.

Que fixo? María foi humilde e fixo o que Deus lle dixera. Estaba comprometida con Xosé cando se lle apareceu un anxo e lle dixo que quedaría embarazada e daría a luz ó Mesías que tanto se esperaba (Lucas 1:26-33). Ela aceptou de boa gana esta responsabilidade. Despois de nacer Xesús, María e Xosé tiveron catro fillos e polo menos dúas fillas, así que María deixou de ser virxe (Mateo 13:55, 56). Aínda que desfrutou dun privilexio único, nunca quixo que a tratasen de maneira especial, nin durante o ministerio de Xesús nin durante os primeiros anos da congregación cristiá.

Que podemos aprender dela? María era unha muller fiel que estivo disposta a aceptar unha responsabilidade moi grande. Ademais, coñecía moi ben as Escrituras. De feito, parece que citou delas unhas 20 veces cando dixo as palabras que aparecen en Lucas 1:46-55.

  • ▸ Para saber máis sobre María, le o artigo “Lecciones que aprendemos de María”.

María Madalena

María Madalena

Quen foi? María Madalena era unha seguidora fiel de Xesús.

Que fixo? María Madalena era unha das mulleres que viaxaban con Xesús e cos seus discípulos. Era moi xenerosa e usou o que tiña para axudarlles a cubrir as súas necesidades (Lucas 8:1-3). Seguiu a Xesús ata o final do seu ministerio e estivo cerca del cando o mataron. Tivo o privilexio de ser unha das primeiras persoas que viu a Xesús cando resucitou (Xoán 20:11-18).

Que podemos aprender dela? María Madalena era moi xenerosa, apoiou o ministerio de Xesús e permaneceu leal a el.

Marta

Marta

Quen foi? Marta era a irmá de Lázaro e de María. Os tres vivían cerca de Xerusalén, na aldea de Betania.

Que fixo? Marta era moi amiga de Xesús, de feito, el “queríalles moito a Marta, á súa irmá e a Lázaro” (Xoán 11:5). Ela era unha muller moi hospitalaria. Nunha das visitas que lles fixo Xesús, a súa irmá María decidiu poñerse a escoitalo en vez de axudarlle a atender as tarefas da casa. Entón Marta falou con Xesús para queixarse de que María non lle estaba axudando, pero el corrixiu a Marta con cariño (Lucas 10:38-42).

Cando Lázaro enfermou, Marta e a súa irmá mandaron que alguén fose avisar a Xesús, porque estaban seguras de que el podía curalo (Xoán 11:3, 21). Pero Lázaro morreu. Despois Marta falou con Xesús, e o que dixo demostrou que confiaba moito na promesa da resurrección e en que Xesús podía devolverlle a vida ó seu irmán (Xoán 11:20-27).

Que podemos aprender dela? Marta esforzouse moito por ser hospitalaria, aceptou de boa gana os consellos que lle deron e falou abertamente dos seus sentimentos e da súa fe.

  • ▸ Para saber máis sobre Marta, le o artigo “He creído”.

Míriam

Míriam

Quen foi? Míriam era a irmá de Moisés e de Aarón. É a primeira muller á que na Biblia se lle chama profetisa.

Que fixo? Como era profetisa, Míriam transmitía as mensaxes de Deus. Era unha muller moi importante en Israel. Cando Deus destruíu o exército israelita no Mar Vermello, ela cantou unha canción de vitoria xunto cos homes (Éxodo 15:1; 15:21 [20, 21, TNM]).

Tempo despois, motivados polo orgullo e os celos, Míriam e Aarón empezaron a criticar a Moisés. Pero Deus estábaos escoitando e corrixiunos (Números 12:1-9). Castigou a Míriam con lepra, porque parece que foi ela a que empezou coas críticas. Entón, Moisés suplicoulle a Deus que a curase, e el curouna. Míriam tivo que estar en corentena sete días, e despois puido volver ó campamento de Israel (Números 12:10-15).

A Biblia mostra que Míriam aceptou a corrección. Séculos máis tarde, Deus mencionou o importante que fora Míriam cando lles recordou ós israelitas: “Mandei á túa fronte a Moisés, a Aharón e a Miriam” (Miqueas 6:4).

Que podemos aprender dela? O que lle pasou a Míriam demostra que Deus está atento ó que lles dicimos a outros servos seus e tamén ó que falamos sobre eles. Ademais, ensínanos que para agradar a Deus temos que evitar ser orgullos e sentir celos, porque senón poderiamos botar a perder a reputación doutros.

Rahab

Rahab

Quen foi? Rahab era unha prostituta que vivía na cidade cananea de Xericó e que chegou a ser unha serva de Xehová.

Que fixo? Rahab escondeu a dous israelitas que estaban espiando aquela rexión. Fíxoo porque escoitara falar de como Xehová, o Deus de Israel, liberara o seu pobo de Exipto e de como os protexera da tribo dos amorreos.

Rahab axudou a estes israelitas e suplicoulles que a salvasen a ela e á súa familia cando viñesen a destruír Xericó. Eles aceptaron, pero puxéronlle estas condicións: non podía falarlle a ninguén daquela misión secreta, ela e a súa familia debían quedar dentro da súa casa cando os israelitas atacasen a cidade e tiña que deixar colgando da súa ventá unha corda vermella que identificaría cal era a súa casa. Rahab fixo todo isto, e ela e a súa familia sobreviviron cando os israelitas conquistaron Xericó.

Tempo despois, Rahab casou cun israelita e chegou a ser antepasada do rei David e de Xesucristo (Xosué 2:1-24; 6:25; Mateo 1:5, 6, 16).

Que podemos aprender dela? A Biblia mostra que Rahab é un exemplo de fe moi grande (Hebreos 11:30, 31; Santiago 2:25). A súa historia demostra que Deus está disposto a perdoar, que non fai diferenzas entre as persoas e que bendice os que confían nel, sen importar o seu pasado.

  • ▸ Para saber máis sobre Rahab, le o artigo “Fue declarada justa por obras”.

Raquel

Raquel

Quen foi? Raquel era unha das fillas de Labán e a muller preferida do patriarca Xacob.

Que fixo? Raquel casou con Xacob e tivo dous fillos con el, que foron dous dos cabezas de familia das 12 tribos de Israel. Ela coñeceu a Xacob cando estaba coidando os rabaños do seu pai (Xénese 29:9, 10). Raquel era máis atractiva que a súa irmá maior, Lea (Xénese 29:17).

Xacob enamorouse de Raquel e estivo disposto a traballar sete anos para poder casar con ela (Xénese 29:18). Pero Labán enganou a Xacob para que primeiro casase con Lea, aínda que despois permitiulle casar con Raquel (Xénese 29:25-27).

Xacob quería máis a Raquel e ós seus dous fillos que a Lea e ós seus fillos (Xénese 37:3; 44:20, 27-29). Iso fixo que houbese rivalidade entre elas (Xénese 29:30; 30:1, 15).

Que podemos aprender dela? Aínda que Raquel tiña unha situación familiar moi difícil, non deixou de confiar en que Deus escoitaría as súas oracións (Xénese 30:22-24). O que lle pasou a Raquel mostra que a poligamia causa moitos problemas nas familias. Tamén nos ensina o sabio que foi Xehová cando puxo esta norma para o matrimonio: cada home debe ter unha soa muller (Mateo 19:4-6).

  • ▸ Para saber máis sobre Raquel, le o artigo “Dos hermanas rivales ‘edificaron la casa de Israel’”.

  • ▸ Para saber por que permitiu Deus a poligamia durante un tempo, le o artigo “¿Aprueba Dios la poligamia?”.

Rebeca

Rebeca

Quen foi? Rebeca era a muller de Isaac, e tiveron dous fillos xemelgos: Xacob e Esaú.

Que fixo? Rebeca fixo a vontade de Deus, incluso cando era difícil. Un día, cando estaba sacando auga dun pozo, un home pediulle un pouco de auga. Rebeca deulla rapidamente e incluso se ofreceu a sacar auga para que bebesen os seus camelos (Xénese 24:15-20). Aquel home era servo de Abrahán e fixera unha viaxe moi longa para encontrar unha muller para Isaac, o fillo de Abrahán (Xénese 24:2-4). Este servo oráralle a Deus para pedirlle que lle axudase. Cando viu o traballadora e o hospitalaria que era Rebeca, deuse conta de que Deus contestara a súa oración e de que ela era a escollida para casar con Isaac (Xénese 24:10-14, 21, 27).

Cando Rebeca soubo por que viñera aquel home, aceptou ir con el e casar con Isaac (Xénese 24:57-59). Co tempo, Rebeca tivo dous nenos xemelgos. Deus díxolle que o fillo maior, Esaú, serviría o máis novo, Xacob (Xénese 25:23). Cando Isaac decidiu darlle a súa bendición a Esaú, que era o primoxénito, Rebeca fixo o necesario para asegurarse de que fose Xacob quen recibise esa bendición, porque sabía que esa era a vontade de Deus (Xénese 27:1-17).

Que podemos aprender dela? Rebeca era unha muller modesta, traballadora e hospitalaria. Estas cualidades fixeron que fose unha boa esposa, nai e serva do Deus verdadeiro.

  • ▸ Para saber máis sobre Rebeca, le o artigo “Estoy dispuesta a ir”.

Rut

Rut

Quen foi? Rut era unha muller moabita que marchou da súa terra e deixou os seus deuses para ser serva de Xehová en Israel.

Que fixo? Rut demostrou que quería moito á súa sogra, Noemí. Por culpa da fame que había en Israel, Noemí, o seu home e os seus dous fillos tiveran que marchar de alí e ir a Moab. Despois, os fillos casaron con dúas mulleres moabitas: Rut e Orpah. Co tempo, o home de Noemí e os seus dous fillos morreron, así que as tres quedaron viúvas.

Cando se acabou a fame en Israel, Noemí decidiu volver alí. Rut e Orpah querían ir con ela, pero Noemí pediulles que volvesen cos seus familiares. Orpah fíxolle caso (Rut 1:1-6, 15). Pero Rut decidiu non deixar a súa sogra, porque lle quería moito e ademais quería adorar o Deus de Noemí, Xehová (Rut 1:16, 17; 2:11).

Como Rut era unha nora leal e moi traballadora, enseguida se gañou unha boa reputación na cidade natal de Noemí, en Belén. Boaz, un home rico que tiña moitas terras, fixouse nela e quedou tan impresionado que lle deu comida para que comesen ela e Noemí (Rut 2:5-7, 20). Co tempo, Rut casou con Boaz e chegou a ser antepasada do rei David e de Xesucristo (Mateo 1:5, 6, 16).

Que podemos aprender dela? Como Rut quería moito a Noemí e a Xehová, estivo disposta a deixar a súa terra e a súa familia. Rut demostrou ser unha muller traballadora, leal e fiel a Deus, incluso cando pasou por momentos difíciles.

  • ▸ Para saber máis sobre Rut, le os artigos “A donde tú vayas yo iré” e “Una mujer excelente”.

Sara

Sara

Quen foi? Sara era a muller de Abrahán e a nai de Isaac.

Que fixo? Sara estivo disposta a marchar de Ur, unha cidade rica onde levaba unha vida cómoda. Fíxoo porque tiña fe na promesa que Deus lle fixera ó seu home, Abrahán. Deus dixéralle a Abrahán que marchase de Ur e que fose á terra de Canaán. Prometéralle que o bendiciría e que faría que a súa familia se convertese nunha gran nación (Xénese 12:1-5). Por aquela época é probable que Sara tivese uns 60 anos. A partir dese momento, ela e o seu home viviron en tendas de campaña e ían movéndose dun lugar a outro.

Aínda que esa vida era perigosa, Sara apoiou a decisión de Abrahán de obedecer o que Deus lles mandara (Xénese 12:10, 15). Durante moitos anos, Sara non tivo fillos, e iso fíxoa sentir moi triste. Pero Deus prometera bendicir a descendencia de Abrahán (Xénese 12:7; 13:15; 15:18; 16:1, 2, 15). Co tempo, Deus confirmou que Sara tería un fillo de Abrahán, e iso foi o que pasou. Tívoo cando xa pasara a idade na que unha muller pode ter fillos. De feito, ela tiña 90 anos e o seu home 100 (Xénese 17:17; 21:2-5). Ó neno chamáronlle Isaac.

Que podemos aprender dela? O exemplo de Sara ensínanos que sempre podemos confiar en que Deus cumprirá as súas promesas, aínda que parezan imposibles (Hebreos 11:11). Tamén é un bo exemplo para as mulleres casadas, porque mostra o importante que é o respecto dentro do matrimonio (1 Pedro 3:5, 6).

  • ▸ Para saber máis sobre Sara, le os artigos “Una mujer hermosa” e “Dios la llamó ‘Princesa’”.

Cando viviron as mulleres que aparecen na Biblia

  1. Eva

    Eva

  2. O Diluvio (2370 a. n. e.)

  3. Sara

    Sara

  4. A muller de Lot

    A muller de Lot

  5. Rebeca

    Rebeca

  6. Lea

    Lea

  7. Raquel

    Raquel

  8. O éxodo dos israelitas (1513 a. n. e.)

  9. Míriam

    Míriam

  10. Rahab

    Rahab

  11. Rut

    Rut

  12. Déborah

    Déborah

  13. Iael

    Iael

  14. Dalilah

    Dalilah

  15. Ana

    Ana

  16. O primeiro rei de Israel (1117 a. n. e.)

  17. Abigail

    Abigail

  18. A xulamita

    A xulamita

  19. Iezabel

    Iezabel

  20. Ester

    Ester

  21. María (a nai de Xesús)

    María (a nai de Xesús)

  22. O bautismo de Xesús (29 n. e.)

  23. Marta

    Marta

  24. María (a irmá de Marta e de Lázaro)

    María (a irmá de Marta e de Lázaro)

  25. María Madalena

    María Madalena

  26. A morte de Xesús (33 n. e.)

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir