Como tratan as testemuñas de Xehová as persoas que xa non son da súa relixión?
Esforzámonos por tratar a tódalas persoas con amor, amabilidade e respecto. Se unha testemuña de Xehová xa non é tan regular na súa adoración a Deus como antes ou mesmo se xa non o adora, tomamos a iniciativa para falar con elaa, asegurámoslle que a queremos e intentamos axudarlle a que queira estar de novo preto de Xehová (Lucas 15:4-7).
Nalgúns casos, unha persoa pode facer algo que a leve a ser sacada da congregación (1 Corintios 5:13). Aínda así, como amamos tanto os nosos irmáns espirituais, intentamos axudarlles de antemán para que non cheguen a verse nesa situación. E incluso se iso ocorre, seguimos tratando a esa persoa con amor e respecto tal e como a Biblia nos anima a facer (Marcos 12:31; 1 Pedro 2:17).
Que fai que unha persoa sexa sacada da congregación?
A Biblia indica con claridade que se un cristián comete un pecado grave e non quere cambiar, debe ser sacado da congregaciónb (1 Corintios 5:11-13). Tamén explica cales son os pecados graves que poden levar ata ese punto como, por exemplo, o adulterio, a borracheira, o asasinato, a violencia doméstica e o roubo (1 Corintios 6:9, 10; Gálatas 5:19-21; 1 Timoteo 1:9, 10).
Así e todo, non se saca da congregación de forma automática a unha persoa que cometeu un pecado grave. Primeiro, os anciáns da congregaciónc intentan axudarlle a cambiar a súa conduta (Romanos 2:4). Tamén intentan chegarlle ó corazón con amabilidade, bondade e apracibilidade (Gálatas 6:1). Facelo así pode axudarlle á persoa a darse conta do seu erro e motivala a arrepentirse (2 Timoteo 2:24-26). En cambio, se a pesar de repetidos esforzos por axudarlle, a persoa segue facendo cousas que a Biblia di que están mal e non se arrepinte, debe ser sacada da congregación. Neste caso, os anciáns simplemente lle anuncian á congregación que esa persoa xa non é testemuña de Xehová.
Os anciáns intentan chegarlle ó corazón da persoa que cometeu un pecado tratándoa con amabilidade, bondade e apracibilidade.
Que resultados ten sacar da congregación a alguén que decide seguir practicando un pecado? En primeiro lugar, a congregación mantén as normas de limpeza moral de Deus e protéxese da influencia negativa desa persoa (1 Corintios 5:6; 15:33; 1 Pedro 1:16). Ademais, ser sacado pode motivala a facer os cambios necesarios e deixar de practicar o que está mal (Hebreos 12:11).
Como tratan as testemuñas de Xehová os que foron sacados da congregación?
A Biblia di que os cristiáns deberían deixar de relacionarse con calquera que sexa sacado da congregación, ata o grao de “nin sequera [comer] con esa persoa” (1 Corintios 5:11). Por iso, aínda que non socializamos coas persoas que foron sacadas, non as ignoramos por completo. Máis ben, tratámolas con respecto e sempre son benvidas ás nosas reunións, onde quizais algunhas testemuñas de Xehová decidan saudalas.d Así mesmo, a persoa pode falar cos anciáns para que lle axuden a volver á congregación.
Os que foron sacados da congregación son benvidos ás nosas reunións.
Que ocorre se unha persoa é sacada da congregación pero o seu cónxuxe ou os seus fillos seguen sendo testemuñas de Xehová? Aínda que a persoa xa non adora a Deus con eles, continúan sendo unha familia. Como seguen vivindo no mesmo fogar, a relación co seu cónxuxe e cos seus fillos mantense, polo que todos deberían seguir tratándose con amor.
A persoa que xa non forma parte da congregación, pode pedir que os anciáns a visiten. Estes daranlle consellos baseados na Biblia con cariño e animarano a arrepentirse e achegarse de novo a Deus (Zacarías 1:3). Se deixa de facer o que está mal e demostra un desexo sincero de vivir segundo o que di a Biblia, pode volver a ser de novo parte da congregación. Os irmáns perdoarano con bondade e daranlle consolo, tal como fixeron os cristiáns de Corinto cando un pecador cambiou a súa conduta (2 Corintios 2:6-8).
Como se senten agora os que foron sacados?
Mira o que din algunhas testemuñas de Xehová que foron sacadas da congregación e despois decidiron volver a Deus.
“Cando decidín volver á congregación pensaba que os anciáns quererían saber todo o que fixera durante as décadas que estivera fóra. Pero, en lugar diso dixéronme: ‘Queremos que te centres en seguir adiante’. Despois desa conversación sentinme moi tranquila” (María, Os Estados Unidos).
“A congregación estaba moi feliz de que volvese. Sentinme moi valorado. Os meus irmáns espirituais axudáronme a sentir que Xehová me perdoara e a centrarme no futuro. Os anciáns sempre estiveron aí para consolarme. Axudáronme a recuperar a miña amizade con Xehová e a ver que aínda me valora e me quere.” (Malcom, Serra Leoa).
“Alégrame saber que Xehová quere tanto o seu pobo que se asegura de que a súa organización permaneza moralmente limpa. Aínda que haxa persoas que, como non o entenden pensan que é unha medida moi dura, é necesario e amoroso sacar da congregación a aqueles que cometen pecados. Estou moi agradecida de que o noso Pai celestial sexa un Deus amoroso e perdoador” (Sandi, Os Estados Unidos”).
a Aínda que neste artigo usamos o xénero feminino, a información é aplicable a ambos sexos.
b Antes, diciamos que se expulsaba a unha persoa que pecaba e non se arrepentía. Pero agora simplemente usamos as palabras da Biblia e dicimos que foi sacada da congregación.
c Os anciáns son cristiáns maduros que ensinan o que di a Biblia e coidan do pobo de Xehová axudándoo e animándoo. Non reciben ningún salario polo seu labor (1 Pedro 5:1-3).
d En casos extremos, pode ocorrer que unha persoa deixe a congregación e, ademais, intente facer cousas que a danen, que desanime os que seguen sendo parte dela ou que siga promovendo activamente a mala conduta. Cando iso sucede, seguimos o mandato bíblico de nin sequera saudar a esa persoa (2 Xoán 9-11).