9-15 DE MARZO DE 2026
CANCIÓN sjj 45 O sentir do meu corazón
Ti podes gañar contra os sentimentos negativos!
“Que home tan desgraciado son!” (ROM. 7:24).
OBXECTIVO
Aprender a loitar contra pensamentos e sentimentos negativos.
1, 2. Como se sentía Paulo ás veces, e como nos pode axudar o seu exemplo? (Romanos 7:21-24).
QUE se che vén á mente cando pensas no apóstolo Paulo? Pensas nun misioneiro valente, nun bo mestre ou en alguén que escribiu moitos libros da Biblia? Dende logo, estas descricións son certas, pero Paulo ás veces tamén se sentiu triste, desanimado ou preocupado. Igual que moitos de nós, algunhas veces el tamén loitaba contra sentimentos negativos.
2 Le Romanos 7:21-24. Na súa carta ós romanos, Paulo falou dalgúns dos seus sentimentos cos que nos podemos sentir identificados. Aínda que era un cristián fiel e de verdade quería obedecer a Deus, como era imperfecto, éralle difícil facer sempre o que Xehová esperaba del. Ademais poñíase moi triste cando pensaba no que fixera antes de ser cristián e ás veces frustrábase por un problema que tiña e que non ía a mellor.
3. Que imos ver neste artigo? (Ver tamén “IDEA IMPORTANTE”).
3 A pesar da súa loita interna, Paulo non deixou que os seus pensamentos negativosa o dominasen. Neste artigo responderemos as seguintes preguntas: Que facía que Paulo ás veces se sentise desgraciado? Como puido el loitar contra os seus sentimentos negativos? E, como podemos facelo nós?
QUE FACÍA QUE PAULO TIVESE SENTIMENTOS NEGATIVOS?
4. Que fixo que Paulo tivese sentimentos negativos?
4 Cousas que fixo no pasado. Antes de facerse cristián, Paulo, a quen se lle coñecía como Saulo, fixo cousas das que se arrepentiría máis tarde. Por exemplo, viu como mataban ó fiel Esteban e pensaba que era o correcto (Feit. 7:58; 8:1). Ademais, perseguiu a moitos cristiáns e tratounos con crueldade (Feit. 8:3; 26:9-11).
5. Como se sentiu Paulo polas cousas que fixera no pasado?
5 Despois de facerse cristián, o apóstolo Paulo sentíase culpable por todo o que fixera no pasado. E isto quizais lle molestase aínda máis a medida que pasaban os anos. Por exemplo, cando escribiu a súa primeira carta ós corintios arredor do 55 n. e. dixo: “Non merezo ser chamado apóstolo, porque perseguín a congregación de Deus” (1 Cor. 15:9). Uns 5 anos máis tarde, na súa carta ós efesios, describiuse coma alguén “inferior ó menos importante de tódolos santos” (Ef. 3:8). Cando lle escribiu a Timoteo díxolle que “[blasfemara], [perseguira] o seu pobo e [fora] arrogante” (1 Tim. 1:13). Podes imaxinar como se sentiu Paulo cando visitaba unha congregación e coñecía a aqueles que perseguira ou a familiares deles?
6. Que máis lle preocupaba a Paulo? (Ver tamén a nota).
6 Unha espiña na carne. Paulo comparou algo que lle facía estar moi angustiado cunha “espiña na carne” (2 Cor. 12:7). Non dixo que era exactamente o que lle causaba tanta dor, pero podía ser un problema físico, emocional ou outra cousa que o preocupase.b
7. Por que lle era difícil a Paulo facer sempre o que estaba ben? (Romanos 7:18, 19).
7 As súas imperfeccións. Paulo sentíase mal cando cometía erros, pero esforzábase moito por mellorar a súa personalidade (le Romanos 7:18, 19). Dixo que ás veces non facía o que quería facer e que noutras ocasións facía o que non debía. Admitiu que estaba intentando constantemente facer o correcto e non seguir os seus malos desexos (1 Cor. 9:27). Aínda así, cometeu erros. Podemos imaxinar canto se desanimaba cando dicía ou facía algo que se esforzara moito por evitar ou cambiar.
COMO LOITOU PAULO CONTRA OS SENTIMENTOS NEGATIVOS?
8. Que lle axudou a Paulo a mellorar a súa personalidade?
8 Como indicou nas súas cartas, Paulo meditou en como o espírito de Deus podía axudar ós cristiáns a deixar de pensar nos seus malos desexos e a mellorar a súa personalidade (Rom. 8:13; Gál. 5:16, 17). Tamén deixou claro que desexos e que cousas deben evitar os cristiáns para agradarlle a Xehová (Gál. 5:19-21, 26). Isto mostra que Paulo pensou en como necesitaba mellorar. Seguramente estudou as Escrituras para encontrar consellos sobre que cambios tiña que facer e como facelos. Podemos estar seguros de que aplicaba o que ensinaba.
9, 10. Que lle axudou a Paulo a loitar contra os sentimentos negativos? (Efesios 1:7). (Ver tamén a imaxe).
9 Aínda que ás veces Paulo sentíase desanimado, había cousas que lle axudaban a ser feliz. Por exemplo, alegrábase moito cando escoitaba cousas boas sobre as congregacións de lonxe (2 Cor. 7:6, 7). Tamén o facía feliz a súa amizade cos irmáns e irmás e sabía que tiña a aprobación de Xehová (2 Tim. 1:4). Paulo era feliz porque servía a Deus “cunha conciencia limpa” (2 Tim. 1:3). Aínda cando estaba prisioneiro en Roma, animou os seus irmáns a que se “[alegrasen] sempre no Señor” (Filip. 4:4). Ó ler as súas palabras, podemos percibir que non pensaba sempre nos seus problemas e nos seus erros. Está claro que cando lle viñan pensamentos negativos, era capaz de pensar rapidamente noutras cousas que lle facían feliz.
10 Outra cousa que lle axudaba a Paulo a loitar contra os sentimentos negativos era que recordaba que Xehová o quería e que el tamén se podía beneficiar do rescate (Gál. 2:20; le Efesios 1:7). Como resultado, confiaba en que Xehová perdoaría os seus pecados, pasados e futuros, por medio do sacrificio de Xesús (Rom. 7:24, 25). A pesar dos erros que cometera no pasado e das súas imperfeccións, Paulo podía “[darlle] servizo sagrado” a Deus con alegría (Heb. 9:12-14).
Aínda que Paulo se sentía culpable polas cousas malas que fixera no pasado, sentíase mellor cando meditaba no rescate (ver os parágrafos 9 e 10).
11. Por que nos anima o exemplo de Paulo?
11 Igual que Paulo, poida que sintamos que temos que loitar continuamente por non pensar, dicir ou facer algo que non lle gusta a Xehová. Poida que tamén teñamos ganas de dicir: “Que [...] desgraciado son!”. Unha irmá que tiña 26 anos chamada Elizac explicou como se sentiu: “Anímame moito pensar na situación de Paulo. Tranquilízame saber que non son a única que se sente así. É outro recordatorio máis de que Xehová coñece as dificultades polas que pasan os seus servos”. Que podemos facer para ter unha conciencia limpa e ser felices a pesar de ter sentimentos negativos coma Paulo?
COMO PODEMOS LOITAR CONTRA OS SENTIMENTOS NEGATIVOS?
12. Como nos axuda manter unha boa rutina espiritual a loitar contra os nosos sentimentos negativos?
12 Mantendo unha boa rutina espiritual. Se nos esforzamos por ter unha boa rutina espiritual, seranos máis fácil centrarnos no positivo. Podemos comparar isto con manter unha rutina de hábitos saudables que nos axude a estar ben fisicamente. Normalmente sentímonos mellor cando comemos ben, facemos exercicio regularmente e durmimos o suficiente. De maneira parecida, todos sabemos o ben que nos sentimos cando lemos a Palabra de Deus regularmente, cando nos preparamos, imos e participamos nas nosas reunións e cando predicamos. Facer todo isto anímanos e axúdanos a loitar contra os sentimentos negativos (Rom. 12:11, 12).
13, 14. Como lles axudou a algúns cristiáns fieis ter unha boa rutina espiritual?
13 Vexamos o exemplo de John, a quen lle diagnosticaron un tipo de cancro pouco común cando tiña 39 anos. Ó principio, tivo que loitar contra sentimentos negativos. Preguntábase: “Como podo estar enfermo sendo tan novo?”. Para aquel entón, seu fillo só tiña 3 anos. Que animou a John? El conta: “A pesar de que estaba moi cansado, asegurábame de que fósemos a tódalas reunións, de que predicásemos e de que fixésemos a adoración en familia cada semana. Faciamos isto incluso cando era moi difícil”. Mirando atrás, John fai a seguinte reflexión: “Nunha situación difícil, ó principio podemos sentirnos impactados e moi desanimados. Pero esta sensación vai desaparecendo e os pensamentos angustiosos son substituídos pola forza e o amor de Xehová. El tamén pode axudarche a ser forte, igual que me axudou a min”.
14 Eliza, de quen falamos antes, di: “Cada vez que vou ás reunións e fago o meu estudo persoal, recordo que Xehová me escoita e me ama de verdade. Isto faime moi feliz”. Nolan, un superintendente de circuíto de África, explica que lles axudou a el e á súa muller Diane: “Esforzámonos por manter a nosa rutina espiritual incluso cando estamos desanimados. Xehová sempre nos mostra claramente que nos está axudando a sentirnos felices. Intentamos recordar que el sempre nos vai axudar e bendicir, non sabemos como, pero sabemos que o fará”.
15. Que é posible que teñamos que facer para loitar contra os pensamentos negativos? Pon un exemplo.
15 Se seguimos tendo pensamentos negativos, quizais teñamos que facer algo máis. Por exemplo, imaxina que che doen as costas. Pode que che axude andar tódolos días, pero quizais necesites facer algo máis. Para saber que é o que che provoca esa dor, poida que teñas que investigar sobre o tema ou incluso ir ó médico. De maneira parecida, para saber como loitar contra os sentimentos negativos recorrentes é posible que teñamos que investigar na Biblia e nas nosas publicacións, e incluso falar cun cristián maduro. Vexamos que máis nos pode axudar.
16. Que che pode axudar a identificar a causa dos teus pensamentos negativos? (Salmo 139:1-4, 23, 24, TNM). (Ver tamén a imaxe).
16 Orando para que Xehová nos axude a entender o que necesitamos en realidade. O rei David sabía que Xehová o coñecía moi ben, por iso pediulle axuda para saber cal era a causa dos seus “pensamentos angustiosos” (le Salmo 139:1-4, 23, 24, TNM). Nós tamén podemos pedirlle a Xehová que nos axude a identificar cal é a causa dos nosos pensamentos negativos e como podemos superalos. Podemos preguntarnos: “Que é o que me preocupa en realidade? Hai algo que me provoque pensamentos negativos? Cando me veñen ese tipo de pensamentos, intento cambialos por outros que me fagan feliz?”.
17. Sobre que temas podemos estudar para que nos axuden a pensar en cousas animadoras? (Ver tamén a imaxe).
17 Adaptando o estudo persoal ás nosas necesidades. Ás veces é bo estudar sobre algunha das calidades de Xehová que nos poida animar. Por exemplo, ó apóstolo Paulo axudoulle moito meditar no rescate e no perdón de Xehová. Ti podes facer o mesmo. Usa a Guía de estudo para as testemuñas de Xehová, o Índice de las publicaciones Watch Tower ou calquera outra ferramenta de estudo dispoñible no teu idioma para buscar sobre temas como a misericordia, o perdón e o amor leal de Xehová. Cando encontres artigos que che poidan axudar, fai unha lista con eles. Pona nun lugar visible e estuda eses artigos cando te empeces a sentir mal. Intenta aplicar o que les ás túas circunstancias (Filip. 4:8).
Estuda temas que che axuden a superar os pensamentos negativos (ver o parágrafo 17).
18. Sobre que temas estudaron algúns cristiáns?
18 Eliza, de quen falamos antes, fixo un proxecto no seu estudo persoal sobre Xob. Ela di: “Síntome moi identificada con Xob. El tivo un problema tras outro. Pero incluso no seu peor momento e sen saber por que lle estaban pasando esas cousas, nunca deixou de confiar en Xehová” (Xob 42:1-6). Diana, mencionada antes, conta: “O meu marido mais eu estamos facendo un proxecto de estudo usando o libro Acerquémonos a Jehová. Agradecemos moito que Xehová nos estea moldeando igual que un oleiro o fai co barro. En vez de centrarnos no decepcionados que estamos con nós mesmos, intentamos imaxinar a Xehová moldeándonos e tratando de facernos mellores persoas. Pensar así achéganos a el” (Is. 64:7 [64:8, TNM]).
MIREMOS CARA Ó FUTURO CON CONFIANZA
19. Como é posible que nos sintamos ás veces, pero de que podemos estar seguros?
19 Incluso se temos unha boa rutina espiritual e un bo programa de estudo axustado ás nosas necesidades, non podemos esperar que os pensamentos e sentimentos negativos desaparezan por completo. Pode que sigamos tendo días nos que nos sintamos desesperados! Aínda así, coa axuda de Xehová podemos deixar de pensar en cousas tristes e sentirnos en calma. Podemos estar seguros de que a maioría dos días desfrutaremos da nosa vida e estaremos felices porque temos unha boa amizade con Xehová e porque sabemos que está contento co que facemos por el.
20. Que estás decidido a facer?
20 Decidámonos a non deixarnos controlar polos sentimentos negativos sobre o noso pasado, os nosos problemas ou as nosas imperfeccións. Coa axuda de Xehová, podemos ter os nosos sentimentos negativos baixo control (Sal. 143:10). Cantas ganas temos de vivir no novo mundo, cando todo o que pensemos nos fará felices. Nese momento poderemos despertar cada mañá sen ningún pensamento que nos angustie e felices de servir o noso amoroso Deus, Xehová!
CANCIÓN sjj 34 Seguirei no camiño da integridade
a IDEA IMPORTANTE: Neste artigo, coa expresión “sentimentos negativos” referímonos a sentimentos ocasionais de tristeza e cambios de ánimo que poidamos sentir. Non nos referimos á depresión crónica, que é unha enfermidade moi seria.
b As palabras de Paulo indican que sufría algún problema na vista, o que puido facerlle difícil escribir cartas e seguir predicando (Gál. 4:15; 6:11). Ou quizais estaba preocupado por culpa do que andaban dicindo del os mestres falsos (2 Cor. 10:10; 11:5, 13). Aínda que non sabemos a que se estaba referindo exactamente, si que sabemos que ás veces se sentía triste.
c Cambiáronse algúns nomes.