Solucionarás as diferenzas e promoverás a paz?
XEHOVÁ anima os cristiáns a que busquen a paz, quere que sexa un aspecto clave na súa vida. Cando os seus verdadeiros adoradores son pacíficos, desfrutan de abundante paz. Isto fai que a congregación cristiá sexa atraente para os que desexan unha vida sen conflitos.
Por exemplo, un destacado curandeiro de Madagascar fixouse na harmonía que se respiraba entre as testemuñas de Xehová e pensou: “Se algunha vez pertencese a algunha relixión sería esta”. Co tempo, deixou as prácticas espiritistas, regularizou a súa situación marital e chegou a ser un servo de Xehová, o Deus da paz.
Coma este home, cada ano miles de persoas encontran na congregación cristiá a paz que tanto necesitan. Aínda así, a Biblia deixa claro que os “celos amargos e un espírito conflitivo” poden destruír as amizades e crear problemas dentro da congregación (Sant. 3:14-16). Pero a Biblia tamén nos dá bos consellos para evitar este tipo de problemas e promover a paz. Para saber como aplicalos, vexamos primeiro uns exemplos da vida real.
PROBLEMAS E SOLUCIÓNS
“Custoume levarme ben cun irmán co que traballaba. Unha vez mentres andabamos a berros, chegaron dúas persoas e presenciaron a nosa discusión” (CHRIS).
“Unha irmá coa que predicaba regularmente de repente deixou de quedar comigo para predicar. Despois, xa non me dirixía a palabra e non sabía por que” (JANET).
“Estaba nunha chamada con tres persoas. Un deles despediuse e pensei que xa colgara. Despois empecei a falar mal del, pero resulta que aínda seguía ó teléfono” (MICHAEL).
“Na nosa congregación dúas pioneiras comezaron a ter problemas. Nunha ocasión, unha empezou a berrarlle á outra. Iso foi moi desanimador para os demais” (GARY).
Poida que penses que eses incidentes non teñen importancia. Aínda así, cada un deles puido causarlles un profundo dano emocional ós implicados e perturbar a paz da congregación. Alegrarache saber que estes irmáns fixeron as paces grazas a que seguiron a guía da Biblia. Que consellos bíblicos pensas que lles axudaron a logralo?
“Non rifedes polo camiño.” (Xén. 45:24) Xosé deulle este consello ós seus irmáns cando volvían xunta seu pai. Que sabias palabras! Cando alguén non controla as súas emocións e se irrita con facilidade podería empeorar a situación e facer que os demais se enfaden. Chris deuse conta de que ás veces lle resultaba difícil ser humilde e seguir as instrucións. Como quería cambiar, desculpouse co irmán co que discutiu e traballou duro para controlar o seu xenio. Vendo os esforzos de Chris, o seu compañeiro de traballo tamén fixo cambios. Agora desfrutan de servir xuntos a Xehová.
“Onde non se fai xuntanza, malógranse os plans.” (Prov. 15:22; A Biblia, SEPT, 2021) Janet parouse a pensar e concluíu que necesitaba aplicar este principio na súa vida. Decidiu facer “xuntanza”, é dicir, ir falar coa outra irmá. Nesa conversa, Janet invitouna a abrirse e preguntoulle se fixera algo que a molestara. Ó principio, a situación era algo tensa, pero a cousa foi a mellor cando falaron con calma. A irmá decatouse de que mal entendera un asunto no que Janet non tivera nada que ver. Desculpouse e agora volven ser amigas e serven a Xehová en equipo.
“Se estás levando a túa ofrenda ó altar e alí te acordas de que teu irmán ten algo contra ti, deixa a túa ofrenda diante do altar e vaite. Primeiro, fai as paces co teu irmán.” (Mat. 5:23, 24) Xesús deu este consello no Sermón do Monte. Michael sentiuse devastado cando caeu na conta do desconsiderado e pouco amable que fora. Decidiu facer o que fose necesario para arranxar a situación. Así que foi falar co irmán que ferira e desculpouse con el. Que pasou? O irmán perdoou a Michael de corazón e volveron ser amigos.
“Seguide soportándovos uns ós outros e perdoándovos con xenerosidade incluso se alguén ten motivos para queixarse doutro.” (Col. 3:12-14) Lembras as dúas pioneiras que andaban a berros? Un ancián axudoulles con cariño a entender que estaban incomodando os irmáns. Recordoulles a importancia de que fosen pacientes unha coa outra e que contribuísen a manter a paz na congregación. Aceptaron o consello e puxérono en práctica. Agora lévanse ben e seguen predicando xuntas as boas noticias.
Se alguén te fire ou che fai sentir mal, pode que o principio de Colosenses 3:12-14 sexa un bo punto de partida. Moitas persoas déronse conta de que, se somos humildes, seremos capaces de perdoar e esquecer. E se xa o intentamos e non fomos capaces? O principio bíblico de Mateo 18:15 pode axudarche. Aínda que aquí Xesús está a falar principalmente de pecados graves, describe algo que podemos facer todos se temos un problema cun irmán. Simplemente nos aconsella ir onda el e, con cariño e humildade, intentar falar do tema e resolvelo.
A Biblia contén outra chea de suxestións prácticas. Moitas delas implican mostrar “o froito do espírito santo”. Estas cualidades son “o amor, a felicidade, a paz, a paciencia, a amabilidade, a bondade, a fe, a apracibilidade, o autocontrol” (Gál. 5:22, 23). Igual que o aceite serve para que unha máquina funcione con suavidade, estas cualidades que veñen de Xehová fan que as nosas relacións sexan máis fluídas.
A VARIEDADE DE PERSONALIDADES ENRIQUECE A CONGREGACIÓN
Cada un de nós ten a súa propia personalidade. Temos diferentes cualidades, formas de ver as cousas e de expresarnos, algo que pode enriquecer as nosas amizades. Pero sendo realistas, esas diferenzas tamén poden levar a conflitos. Un ancián de experiencia dá este exemplo: “Unha persoa tímida pode pasalo mal cando está cunha persoa moi aberta. Aínda que poida parecer irrelevante, este feito pode levar a problemas serios”. Cres que é inevitable que as persoas con personalidades diferentes teñan problemas? Analicemos o exemplo de dous apóstolos. Como era Pedro? Quizais pensamos que era directo e impulsivo. E Xoán? Seguro que imaxinamos alguén cariñoso e que normalmente medía as súas palabras e feitos. Tiñan diferentes personalidades, pero traballaron moi ben xuntos (Feit. 8:14; Gál. 2:9). Do mesmo xeito, os cristiáns con personalidades totalmente opostas tamén poden traballar ben xuntos.
E que podes facer se na túa congregación hai alguén que di ou fai algo que te irrita? Sería bo que lembrases que Cristo morreu por esa persoa e que ti tamén debes mostrarlle amor (Xoán 13:34, 35; Rom. 5:6-8). Así que en vez de dar por perdida unha amizade ou intentar evitar unha persoa, pregúntate: “Está facendo algo que dane ou moleste a Xehová? Ten malicia e quere que esteas incómodo a propósito? Ou simplemente temos personalidades distintas? Que boas cualidades podo imitar del?”.
Esta última pregunta é clave. Se esa persoa é extravertida e ti máis calada, por que non saes con ela a predicar e así ves como empeza conversas? E se esa persoa é máis xenerosa ca ti? Por que non te fixas na felicidade que sente cando é xenerosa cos maiores, enfermos e necesitados e intentas imitala? A cuestión é que, aínda tendo personalidades diferentes, ti maila outra persoa poderedes ter unha relación máis estreita se vos centrades no positivo. Pode ser que nunca sexades mellores amigos, pero así teredes unha relación máis saudable. Isto axudará a promover a paz, tanto entre vós como na congregación.
No primeiro século, parece que Evodia e Síntique tiveron personalidades moi distintas. Aínda así, o apóstolo Paulo animounas a ter “a mesma forma de pensar como seguidoras do Señor” (Filip. 4:2). Nós tamén queremos adorar a Xehová xunta os nosos irmáns e promover a paz!
PONLLE FREO ÁS DIFERENZAS
Os malos sentimentos que temos cara a outros son coma as malas herbas que nacen nun fermoso xardín, temos que arrancalos de raíz. Se deixamos que o rencor e a amargura boten raíces no noso corazón, iso podería afectar a congregación enteira. Se amamos a Xehová e os nosos irmáns, faremos todo canto estea na nosa man para protexer a paz da congregación.
Se es humilde e tratas de estar en paz cos demais, poida que te sorprendas cos bos resultados.
Cando intentamos facer as paces cos demais, quizais nos levemos unha sorpresa do ben que funciona. Vexamos o exemplo dunha Testemuña: “Pareceume que unha irmá me estaba a tratar coma se fose unha nena. Molestábame moitísimo que me vise así. Canto máis me enfadaba, máis brusca era con ela. Pensei: ‘Non me está mostrando o respecto que merezo, así que eu tampouco llo vou mostrar a ela’”.
Esta irmá comezou a meditar nas súas accións. “Empecei a ver os meus propios defectos e decepcioneime comigo mesma. Entendín que tiña que cambiar o meu punto de vista. Despois de orarlle a Xehová sobre o tema, compreille un detalliño á irmá e escribinlle unha tarxeta pedíndolle perdón pola miña mala actitude. Démonos un abrazo e decidimos pasar páxina. Dende entón xa non volvemos ter máis problemas”.
Todo o mundo necesita paz. Pero cando alguén ataca o seu orgullo ou a súa reputación moitas persoas reaccionan dun xeito que non é pacífico. Isto é habitual no caso da xente que non serve a Xehová, pero no seu pobo a paz e a unidade deben prevalecer. Deus inspirou a Paulo para que escribise: “Suplícovos que vos portedes dunha maneira digna da chamada que recibistes: sede completamente humildes, apracibles e pacientes, soportádevos uns ós outros con amor e facede todo o posible por manter a unidade que produce o espírito mediante o vínculo da paz” (Ef. 4:1-3). Ese “vínculo da paz” ten un valor incalculable. Por iso, fortalezamos ese vínculo e poñámonos a meta de solucionar calquera diferenza que poida xurdir entre nós.