Escenas da Terra Prometida
Bos e malos exemplos dos nenos de Xiloh
CANDO pensas nas cidades, aldeas e outras zonas da Terra Prometida, que persoas se che veñen á cabeza? Seguramente persoas adultas que se mencionan nos relatos bíblicos. Pero que pasa cos nenos? Imaxínaste como era a súa vida naquela época?
A imaxe de arriba pode axudarnos a imaxinar como era a vida para a xente nova que se menciona na Biblia. Algúns foron bos exemplos para os cristiáns e outros un sinal de advertencia. O outeiro con forma redonda que hai no medio é o lugar onde estaba Xiloh.
Cando os israelitas entraron por primeira vez na Terra Prometida montaron o tabernáculo en Guilgal, preto de Xericó (Xosué 4:19). Pero cando se dividiu a Terra Prometida entre as tribos, o tabernáculo —o centro de adoración en Israel— desprazouse a Xiloh (Xosué 18:1). Xiloh localizábase a uns 30 km ó norte de Xerusalén, nas montañas da rexión de Efraím. Homes e mulleres viaxaban a Xiloh e grandes grupos de persoas reuníanse no val situado ó sur de onde se cre que estaba o tabernáculo (Xosué 22:12). Podes imaxinar os nenos facendo esta viaxe?
Pois algúns nenos si que a facían. Un deles era o pequeno Samuel. Seus pais, Elcanah mais Ana, vivían nunha vila que estaba máis aló das montañas ó oeste de Xiloh. Tódolos anos viaxaban ata aquí, e con eles tamén ía a outra muller de Elcanah e os seus fillos. Despois dalgún tempo, Xehová contestou a oración de Ana e deulle un neno, ó que chamou Samuel. Máis adiante, os seus pais trouxérono a Xiloh para que vivise e servise no tabernáculo xunto co sumo sacerdote Elí (1 Samuel 1:1–2:11).
Aínda que o pequerrecho tiña tarefas asignadas no tabernáculo, seguro que tamén tivo ocasións de percorrer os montes que había cerca (1 Samuel 3:1, 15). Algúns deses outeiros estaban cheos de oliveiras. Tamén había unha pequena atalaia de pedra dende a que os agricultores e pastores podían vixiar os seus campos e rabaños. Pero tamén nos podemos imaxinar o pequeno Samuel subíndose a ela para desfrutar das vistas (compara con 2 Crónicas 20:24). Este debeu ser un bo sitio para ver os animais que estaban en liberdade.
Daquela había máis árbores ca agora, e incluso bosques máis densos por onde andaban as bestas (Xosué 17:15, 18). Sabémolo polo que lle pasou a Eliseo cando se converteu no profeta principal de Deus. Pasou por esta zona cando estaba subindo de Xericó a Betel, a uns 16 km de Xiloh. A xente de Betel adoraba un becerro de ouro. Como recibirían a Eliseo? (1 Reis 12:27-33; 2 Reis 10:29) Parece que as persoas de alí odiaban o profeta de Xehová, e os seus fillos tiñan a mesma mala actitude.
O relato de 2 Reis 2:23 ,24 di que un grupo de nenos insultou ó profeta dicindo: “¡Sube, calvo! ¡Sube, calvo!”. Como resposta, Eliseo “mirounos e maldiciunos no nome do Señor. Entón saíron dous osos da carballeira e destrozaron a corenta e dous de entre os rapaces”. Os osos pardos sirios son moi violentos cando se asustan ou cando os seus cachorros se senten ameazados (2 Samuel 17:8; Proverbios 17:12; 28:15). Xehová usounos para castigar os rapaces que desprezaron o seu profeta porque era unha demostración de que tamén desprezaban a Xehová
O feito de que nos montes arredor de Xiloh houbese animais salvaxes que puidesen matar nenos axúdanos a entender canta fe demostraron os pais de Samuel ó traelo para que servise no tabernáculo.
Outra persoa que tamén amaba a Xehová e tiña unha gran fe era o xuíz Xefté. Vivía na rexión montañosa de Galaad, ó leste do Xordán. Xefté pediulle axuda a Xehová para derrotar os amonitas e prometeu que lle entregaría a primeira persoa que saíse da súa casa a recibilo despois de volver da batalla. E a primeira que saíu da casa foi a súa filliña. Así que entregou a súa única filla ó tabernáculo en Xiloh, onde viviu e serviu fielmente durante anos (Xuíces 11:30-40).
Queremos imitar o amor e a fe tanto de Samuel como da filla de Xefté e aprender do mal exemplo dos 42 delincuentes que se burlaron do profeta de Xehová nesa mesma rexión (compara con 1 Corintios 10:6, 11).
[Créditos da imaxe]
Pictorial Archive (Near Eastern History) Est.
[Créditos da imaxe]
Pictorial Archive (Near Eastern History) Est.
[Créditos da imaxe]
Safari Zoo, Ramat-Gan, Tel Aviv