Todd Aki/Moment Open via Getty Images
DESEÑOUNO ALGUÉN?
O sistema de filtración da manta
As mantas aliméntanse mentres nadan recollendo coa boca unha mestura de auga do mar e plancto. A mestura choca cun filtro que fai rebotar o plancto cara a garganta da manta para poder comelo. O resto da auga continúa movéndose a través do filtro e bótaa polas branquias. A pesar de que hai plancto moito máis pequeno que os buratos dos seus filtros, as mantas conseguen conservalo igualmente. Segundo o periodista científico Ed Yong, esa habilidade é “algo que debería ser imposible”.
Pensa nisto: O sistema de filtración das mantas ten unhas partes que son coma cinco arcos con peites polos dous lados. Algunhas das púas destes peites apuntan cara a fóra e outras cara a dentro. Esas púas separan a auga do mar facendo que parte pase por riba delas e parte entre elas, creando así pequenos remuíños.
Cando o plancto ou outra comida choca contra o borde das púas, rebota e volve a corrente de auga que se move máis rápido e acaba na garganta da manta. Desta maneira pode tragalo. Incluso o plancto que é tan pequeno que pasaría entre as púas chega a garganta porque os remuíños fan que se mova tan rápido que rebota e volve á corrente. Sen este sistema de filtración, a manta non podería coller as partículas que se perden entre as púas e estas volverían ó mar.
Ademais, o sistema de filtración das mantas é resistente a obstrucións e límpase só, sen importar o rápido que nade a manta ou canto plancto haxa na auga.
Os científicos intentan copiar o sistema de filtración das mantas para deseñar filtros que limpen augas residuais e consigan extraer os microplásticos.
Que dirías? É o sistema de filtración das mantas resultado da evolución? Ou deseñouno alguén?