BIOGRAFÍA
Xehová axudounos a florecer en calquera lugar onde nos plantaron
“FLORECE onde te planten”. Este pode ser un consello un pouco estraño. Pero Mats e Ann-Catrin, un matrimonio de Suecia, foron “plantados” moitas veces. En que sentido? E como lles axudou este consello?
Os Kassholm asistiron ó Curso Bíblico de Galaad da Watchtower en 1979, e durante anos foron “plantados”, ou asignados a servir, en Irán, Mauricio, Myanmar, Tanzania, Uganda e Zaire. Foi en Galaad cando o instrutor Jack Redford lles deu o consello que tanto lles axudou cando foron “plantados”, “arrancados” e “replantados” moitas veces. Deixemos que eles nolo conten.
Mats, por favor, cóntanos como coñeciches a verdade.
Mats: Meu pai viviu en Polonia durante a Segunda Guerra Mundial e viu moita hipocrisía na igrexa católica. Aínda así, moitas veces dicía: “A verdade ten que estar aí fóra nalgún lado!”. Co tempo puiden comprobar que tiña razón. Nunha ocasión comprei varios libros de segunda man e un deles titulábase La verdad que lleva a vida eterna. Chamoume moito a atención o título e lin todo o libro esa mesma noite. Pola mañá sabía que encontrara a verdade!
Desde abril de 1972 lin moitas máis publicacións das Testemuñas de Xehová e atopei as respostas ás miñas preguntas sobre a Biblia. Sentíame coma o comerciante da comparación que utilizou Xesús, quen despois de encontrar unha perla de moito valor, vendeu todo o que tiña para poder comprala. Eu “vendín” os meus plans de estudar unha carreira universitaria para chegar a ser doutor e así poder comprar a “perla”, é dicir, a verdade que encontrara (Mat. 13:45, 46). Bauticeime o 10 de decembro de 1972.
En menos dun ano, meus pais e meu irmán pequeno tamén estudaron a Biblia e bautizáronse. En xullo de 1973 empecei a servir como pioneiro regular. Había unha pioneira moi guapa na nosa congregación chamada Ann-Catrin que quería moito a Xehová. Namorámonos e casamos en 1975. Pasamos os seguintes catro anos en Strömsund, un lugar moi bonito de Suecia onde había moita xente que quería estudar a Biblia.
Ann-Catrin: Meu pai coñeceu a verdade ó final da súa carreira universitaria en Estocolmo. Cando eu tiña tan só tres meses, empezou a levarme con el ás reunións e a predicar. A mamá non lle gustaba isto e quixo demostrar que as Testemuñas estaban equivocadas pero, como non puido, co tempo bautizouse. Cando eu tiña 13 anos bauticeime, e ós 16 fíxenme pioneira. Despois fun a Umeå, onde se necesitaban máis publicadores, e alí cheguei a ser pioneira especial.
Despois de casar, Mats e eu desfrutamos de axudar a varias persoas a coñecer a verdade. Entre elas estaba Maivor, unha adolescente que deixou a súa carreira como deportista e que chegou a servir como pioneira xunto coa miña irmá pequena. As dúas foron a Galaad en 1984 e están servindo como misioneiras no Ecuador.
Como seguistes o consello de “florece onde te planten” nas vosas moitas asignacións como misioneiros?
Mats: Fomos “replantados” moitas veces en novas asignacións. Pero esforzámonos por manternos “arraigados” en Xesús facendo todo o que podiamos por imitalo, sobre todo a súa humildade (Col. 2:6, 7). Por exemplo, en vez de esperar que os irmáns da zona se adaptasen a nós, esforzámonos por aprender por que facían as cousas de certa maneira. Queriamos entender a súa cultura e como pensaban. Canto máis imitabamos a Xesús, máis sentiamos que estabamos plantados “onda os regueiros” para florecer en calquera lugar onde nos asignasen (Sal. 1:2, 3).
Viaxar visitando congregacións era parte da nosa vida
Ann-Catrin: Despois de ser replantada, unha árbore necesita que lle dea o sol. Xehová demostrou ser un “sol” para nós (Sal. 84:11, TNM). El bendiciunos con moitos irmáns cariñosos. Por exemplo, na nosa pequena congregación en Teherán (Irán), vivimos unha hospitalidade como a de tempos bíblicos. Por nós estariamos encantados de seguir alí pero, en xullo de 1980, o goberno prohibiu a nosa obra e dixéronnos que tiñamos que marchar do país en menos de 48 horas. Reasignáronnos a Zaire, o que agora se coñece como a República Democrática do Congo, en África.
Recordos felices da nosa asignación no Zaire, 1982
Cando souben que nos asignaban a África, púxenme a chorar. Dábame medo o que escoitara sobre as serpes e as enfermidades de alí. Pero un matrimonio amigo noso que levaba tempo servindo alí díxonos: “Aínda non chegastes! Dádelle unha oportunidade e veredes. Vaivos encantar”. E así foi! Os irmáns son moi cariñosos. De feito, cando tivemos que deixar Zaire seis anos despois porque a nosa obra fora prohibida, sorrín porque me dei conta de que nese momento lle estaba pedindo a Xehová: “Por favor, déixanos quedar en África”.
Que bonitas experiencias tivestes estes anos?
O noso “dormitorio” en Tanzania, 1988
Mats: Teño que mencionar as boas amizades que fixemos con misioneiros que viñan de diferentes países. Ademais, nalgunhas asignacións vivimos a incrible alegría que dá dirixir moitos cursos da Biblia. Ás veces tiñamos 20 cada un! Nunca esquecerei o amor e a hospitalidade dos irmáns de África. Mentres visitabamos diferentes congregacións en Tanzania, moitos amigos mostráronnos hospitalidade e déronnos “incluso máis do que podían dar” cando aparcabamos o noso “dormitorio”, unha Volkswagen Kombi, ó lado das súas casas (2 Cor. 8:3). Algo moi especial para nós era o que chamabamos “A hora das anécdotas”. Isto era algo que faciamos ó final de cada día Ann-Catrin mais eu cando sentabamos para falar do que nos pasara durante ese día e para darlle as grazas a Xehová por estar con nós.
Ann-Catrin: Para min algo moi bonito foi coñecer irmáns de todo o mundo. Aprendemos novos idiomas, incluídos persa, francés, luganda e suahili, e moitas culturas diferentes. Axudamos a progresar a novos irmáns, fixemos bos amigos e desfrutamos de servir xunto a eles a Xehová (Sof. 3:9).
Tamén puidemos ver a impresionante variedade que hai na fermosa creación de Xehová. Cada vez que aceptabamos unha nova asignación, era coma se Xehová nos levase a unha nova aventura. Vivimos experiencias que nunca desfrutariamos pola nosa conta.
Predicando no territorio tan diverso de Tanzania
Que dificultades tivestes, e que vos axudou a facerlles fronte?
Mats: Tivemos varias enfermidades tropicais ó longo dos anos, incluída a malaria. E Ann-Catrin tamén tivo algunhas cirurxías de emerxencia. Ademais, estabamos preocupados polos nosos pais porque xa ían maiores. Por iso estamos moi agradecidos de que os nosos irmáns coidasen deles mentres estabamos nas nosas asignacións. Encargáronse moi ben deles, coidándoos con paciencia, alegría e amor (1 Tim. 5:4). Aínda que fixemos todo o que puidemos por axudarlles desde a distancia, ás veces seguiámonos sentindo culpables por non poder facer todo o que nos gustaría polos nosos pais.
Ann-Catrin: En 1983, cando estabamos servindo no Zaire, estiven moi enferma porque me contaxiei de cólera. O doutor díxolle a Mats: “Sácaa hoxe mesmo deste país!”. Ó día seguinte marchamos cara a Suecia nun avión de carga, o único voo dispoñible.
Mats: Puxémonos a chorar porque pensabamos que xa non serviriamos máis coma misioneiros. Pero, ó contrario do que dixera o doutor, Ann-Catrin recuperouse. Entón, un ano despois, puidemos volver ó Zaire. Desta vez servimos nunha pequena congregación suahili, en Lubumbashi.
Ann-Catrin: Mentres estivemos en Lubumbashi, sufrín un aborto espontáneo. Aínda que non tiñamos previsto formar unha familia, púxenme extremadamente triste cando morreu o noso bebé. Pero durante esa temporada tan difícil, Xehová deunos un regalo que non esperabamos. Empezamos máis cursos da Biblia ca nunca antes. En menos dun ano, a congregación creceu de 35 a 70 publicadores e a asistencia ás reunións aumentou de 40 a 220. Estabamos moi ocupados na predicación e Xehová bendiciu os nosos esforzos, o cal me fixo sentir moito mellor. Aínda así, a miúdo pensamos e falamos do noso querido bebé. Temos moitas ganas de ver como Xehová cura por completo os nosos corazóns no Paraíso.
Mats: Máis adiante, Ann-Catrin empezou a sentirse moi débil e cansada. Ó mesmo tempo, a min diagnosticáronme cáncer de colon en estadio catro e tiven que facer unha cirurxía importante. Pero agora estou ben e Ann-Catrin segue facendo todo o que pode no seu servizo a Xehová.
Démonos conta de que non eramos os únicos que pasabamos por problemas. Despois do xenocidio en Ruanda de 1994, visitamos a moitos amigos que estaban en campos de refuxiados. Cando vimos a súa fe, aguante e hospitalidade a pesar das condicións tan difíciles que estaban a vivir, aprendemos que Xehová ten o poder de soster o seu pobo sen importar cal sexa a dificultade (Sal. 55:22).
Ann-Catrin: Outra situación difícil que vivimos foi cando asistimos á dedicación da sucursal de Uganda en 2007. Despois do programa, viaxamos cun grupo de 25 misioneiros e betelitas a Nairobi, Kenya. Antes de chegar á fronteira, un camión que viña de fronte invadiu o noso carril e chocamos. O condutor e cinco dos nosos irmáns morreron no acto e, máis tarde, outra irmá morreu no hospital. Canto desexamos volver a ver os nosos amigos! (Xob 14:13-15).
Co tempo, recupereime das miñas feridas físicas. Pero tanto Mats coma eu estivemos entre os pasaxeiros que sufriron trastorno por estrés postraumático. No meu caso, tiña ataques de ansiedade que me despertaban pola noite e sentía coma se estivese tendo un infarto. Era aterrador, pero orarlle moito a Xehová e recibir o consolo dalgúns dos nosos textos favoritos axudounos a sentirnos en calma. Tamén buscamos axuda profesional e foinos moi ben. Agora non temos tanta ansiedade e lle pedimos a Xehová que nos axude a consolar os que loitan cunha situación parecida.
Cando describiades como fostes capaces de facerlles fronte ás situacións difíciles, dixestes que Xehová vos levou coma se fósedes “ovos crús”. A que vos referiades con isto?
Mats: Esta expresión ven do dito suahili tumebebwa kama mayai mabichi que significa: “Fomos levados coma ovos crús”. Igual que unha persoa leva con coidado ovos para evitar que rompan, Xehová levounos con cariño a través de cada unha das nosas asignacións. Sempre tiñamos o que necesitabamos e incluso máis. Unha maneira na que sentimos o amor e o apoio que nos daba Xehová era mediante a empatía que nos mostrou o Consello Reitor.
Ann-Catrin: A min gustaríame mencionar un exemplo de como Xehová nos coidou con cariño. Un día recibín unha chamada para dicirme que meu pai estaba en coidados intensivos en Suecia. Mats xusto acababa de recuperarse da malaria. Non podiamos permitirnos os billetes para voar a casa, así que decidimos que necesitabamos vender o noso coche. Entón recibimos dúas chamadas máis. Unha era dun matrimonio que escoitara a nosa situación e quería pagarnos un billete. A outra era dunha irmá maior que aforrara algúns cartos nunha caixa na que escribira: “Para alguén que o necesite”. En poucos minutos, Xehová viñera ó noso rescate! (Heb. 13:6).
Pensando nos 50 anos que levades no servizo a tempo completo, que aprendestes?
Na nosa nova asignación en Myanmar
Ann-Catrin: Aprendín que a nosa forza está en manter a calma e demostrar confianza. Cando confiamos en Deus, el loita por nós (Is. 30:15; 2 Crón. 20:15, 17). Ó darlle o mellor de nós a Xehová en cada unha das nosas asignacións, recibimos máis bendicións das que puidemos recibir de calquera outra maneira.
Mats: A lección máis importante que aprendín foi a de confiar en Xehová en calquera situación e ver o que fará por min (Sal. 37:5). Sempre me axudou, tal e como prometeu. E aínda vemos como o fai na nosa asignación actual no Betel de Myanmar.
Esperamos que moitos rapaces que queren facer máis no seu servizo a Xehová sintan o mesmo amor leal que el nos mostrou a nós. Estamos seguros de que así será se permiten que Xehová faga que florezan en calquera lugar onde sexan plantados.