Como podemos ter paz a pesar da guerra e dos conflitos violentos?
Gary, quen antes servía no exército, conta: “Antes de estudar a Biblia non sabía por que había tanta crueldade, inxustizas e problemas no mundo. Pero agora teño paz mental. Sei que Xehová Deus fará que o mundo sexa un lugar seguro”.
Gary non é o único que se sente así. Vexamos como lles axudou a Biblia a outras persoas.
A BIBLIA DI: “Ti, oh, Xehová, es bo e estás disposto a perdoar” (Salmo 86:5, TNM).
COMO NOS AXUDA ISTO: “Este versículo asegúrame que Xehová é misericordioso. Sei que está disposto a perdoarme por todo o que fixen na guerra” (Wilmar, Colombia).
A BIBLIA DI: “Vou crear uns ceos novos e unha terra nova, e as cousas do pasado non serán recordadas nin volverán ó corazón” (Isaías 65:17, TNM).
COMO NOS AXUDA ISTO: “Sufro estrés postraumático e depresión polas cousas que vivín no exército. Pero este texto recórdame que Xehová pronto borrará eses malos recordos e deixarei de ter pesadelos. A miña mente e o meu corazón xa non sufrirán máis por isto. Será marabilloso!” (Zafirah, Os Estados Unidos).
A BIBLIA DI: “Nos seus días o xusto florecerá, e haberá paz en abundancia ata que a lúa xa non exista” (Salmo 72:7, TNM).
COMO NOS AXUDA ISTO: “Penso a miúdo nesas palabras. Pronto a guerra e tódalas súas consecuencias terminarán, e non teremos que preocuparnos pola seguridade dos nosos seres queridos” (Oleksandra, Ucraína).
A BIBLIA DI: “Revivirán os teus mortos, [...] espertarán e brincarán de alegría os habitantes do po” (Isaías 26:19).
COMO NOS AXUDA ISTO: “Case tódolos membros da miña familia foron asasinados durante o xenocidio contra os tutsis. Pero este versículo asegúrame que volverei a velos. Teño moitas ganas de escoitar as súas voces tan alegres cando resuciten!” (Marie, Ruanda).
A BIBLIA DI: “Só un pouco máis, e os malvados xa non existirán […]. Pero os mansos herdarán a terra e desfrutarán plenamente de abundante paz” (Salmo 37:10, 11, TNM).
COMO NOS AXUDA ISTO: “Aínda que xa se acabou a guerra, segue habendo inxustizas e xente malvada. Estes versículos axudáronme moito. Xehová ve todo e entende a miña situación. El promete que pronto acabará todo o sufrimento e que o esqueceremos” (Daler, Taxiquistán).
Tódalas persoas citadas nesta revista son algunhas das moitas testemuñas de Xehová que encontraron a paz grazas á Biblia. Aprenderon como superar o odio racial, nacional, tribal e persoal (Efesios 4:31, 32). As testemuñas de Xehová somos neutrais en asuntos políticos e negámonos a participar en actos violentos (Xoán 18:36).
As Testemuñas tamén nos apoiamos unhas a outras, coma unha familia cariñosa (Xoán 13:35). Por exemplo, Oleksandra, citada previamente, tivo que fuxir do país coa súa irmá por culpa da guerra. Ela conta: “Cando cruzamos a fronteira, vimos nese mesmo momento a testemuñas de Xehová daquel lugar que viñeran a darnos a benvida. O seu apoio axudounos a adaptarnos a vivir nun novo país como refuxiadas”.
Invitámoste a que veñas a unha das nosas reunións onde aprenderás como ter paz agora e sobre a promesa da Biblia dun mundo pacífico no futuro. Visita jw.org para atopar unha na túa zona ou para solicitar un curso interactivo e gratuíto da Biblia cunha testemuña de Xehová usando a publicación Desfruta da vida para sempre!