O que pensa a xente sobre orar
“Cando oro, é coma se Deus estivese ó meu lado colléndome da man e guiándome cando me sinto perdida” (MARÍA).
“A miña muller morreu despois de loitar 13 anos contra o cáncer. Recordo orarlle a Deus cada día e sentir que de verdade me escoitaba na miña dor. Sentíame en paz” (RAÚL).
“A oración é un bonito regalo que Deus nos fixo ós humanos” (ARNE).
Para María, Raúl, Arne e moitas outras persoas, a oración é un agasallo moi especial. Senten que, por medio dela, poden falar con Deus, darlle as grazas e buscar a súa axuda. Están totalmente de acordo coa seguinte afirmación que fai a Biblia sobre orarlle a Deus: “Cando acudimos a el, estamos certos de que nos escoita, se o que lle pedimos está conforme coa súa vontade” (1 Xoán 5:14).
Por outro lado, a moita xente cústalle aceptar o que di a Biblia sobre orar. Steve explica o que pensa sobre este asunto: “Cando tiña 17 anos, tres dos meus amigos morreron: un nun accidente de coche e os outros dous afogados no mar”. Que fixo Steve? “Oreille a Deus preguntándolle por que pasara isto, pero non me respondeu. Así que pensei: ‘Vale de algo orar?’”. Moitos sentíronse igual e fixéronse esta mesma pregunta.
Pero hai máis razóns polas que algúns poñen en dúbida o valor da oración. Hai quen di que, como Deus sabe tódalas cousas, xa está ó tanto dos nosos problemas e necesidades, así que non ten sentido contarlle o que nos pasa.
Outros cren que, polos erros que cometeron no pasado, Deus non quere escoitar as súas oracións. Jenny conta: “O meu maior problema é que sinto que non vallo para nada. Fixen cousas das que me arrepinto, así que estou segura de que non merezo que Deus me escoite”.
E ti que opinas? Algunha vez tiveches dúbidas parecidas sobre a oración? Se é así, gustarache saber que a Biblia pode darche as respostas que necesitas. É a fonte máis confiable neste tema.a Nela atoparás a resposta a preguntas como:
De verdade escoita Deus as nosas oracións?
Por que non contesta algunhas oracións?
Como debes orar para que te escoite?
Como che pode axudar a oración?
a Na Biblia encontramos oracións de moitos servos de Deus, incluídas algunhas das que fixo Xesucristo. As Escrituras Hebreas, coñecidas como o Antigo Testamento, conteñen máis de 150 oracións.