A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA
Usaron a Biblia para responder tódalas miñas preguntas
ANO DE NACEMENTO: 1950
PAÍS DE ORIXE: ESPAÑA
OUTROS DATOS: FOI MONXA CATÓLICA
O MEU PASADO:
Nacín nunha granxa que tiñan meus pais nunha aldeíña de Galicia, no noroeste de España. Fun a cuarta de oito fillos. Eramos unha familia feliz. Naquela época era común que polo menos un dos fillos ingresase nun seminario ou nun convento. Na nosa familia fixémolo tres.
Ós 13 anos fun a un convento de Madrid no que xa estaba unha das miñas irmás. O ambiente era frío e o trato impersoal. Non existían as amizades; só regras, oracións e austeridade. A primeira hora da mañá reuniámonos na capela para meditar, aínda que moitas veces eu non pensaba en nada. Despois cantabamos cancións relixiosas e iamos á misa. Todo era en latín, polo que non entendía practicamente nada e sentía coma se Deus estivese moi lonxe de min. Os meus días pasaban en estrito silencio. Mesmo cando nos cruzabamos a miña irmá e mais eu, só podiamos dicirnos: “Ave María purísima”. As monxas dábannos só media hora para falar despois de comer. Que distinto era aquilo do ambiente alegre e feliz que había na miña casa! Sentíame soa e choraba todo o tempo.
Aínda que nunca me sentín preto de Deus, tomei os hábitos e fíxenme monxa ós 17 anos. En realidade só o fixen porque era o que se esperaba de min, pero ó pouco tempo empecei a preguntarme se de verdade tiña vocación. Ás monxas dicíannos que tódolos que dubidasen acabarían no inferno! Con todo, as dúbidas continuaban. Eu sabía que Xesucristo non se illou, senón que pasaba o seu tempo ensinando e axudando á xente (Mateo 4:23-25). Cando tiña 20 anos xa non vía razóns para seguir sendo monxa. Sorprendinme moito cando a madre superiora me dixo que, se estaba tan indecisa, era mellor que me fose canto antes; supoño que tiña medo de que influíse nas demais. Así que lisquei do convento.
Ó volver á casa, meus pais foron moi comprensivos, pero como non había traballo na nosa aldea, emigrei a Alemaña Occidental, onde vivía outro dos meus irmáns. El pertencía a un grupo comunista de españois expatriados. Sentíame moi ben entre esas persoas que loitaban polos dereitos dos traballadores e a igualdade da muller. Fíxenme comunista e co tempo casei cun dos membros do grupo. Repartía propaganda e participaba en marchas de protesta. Sentía que estaba facendo algo útil.
Pero co tempo empecei a desanimarme. Parecíame que os comunistas non practicaban o que predicaban. Esa sensación aumentou en 1971, cando uns mozos do noso grupo incendiaron o consulado español de Frankfurt para protestar contra as inxustizas cometidas pola ditadura española. Pareceume unha maneira equivocada de expresar a nosa indignación.
Cando naceu o noso primeiro fillo, díxenlle ó meu home que ía deixar de asistir ás reunións do grupo. Sentinme moi soa, porque ningún dos meus amigos viñeron a vernos nin a min nin o meu bebé. Preguntábame cal era o sentido da vida. De verdade valía a pena tratar de mellorar a sociedade?
O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA:
En 1976, unha parella de testemuñas de Xehová española veu á nosa a casa e deixoume unhas publicacións bíblicas. Cando volveron, bombardeeinos a preguntas sobre o sufrimento e a inxustiza. Para a miña sorpresa contestáronas todas coa Biblia. Deseguida aceptei un curso bíblico.
Ó principio, o meu interese era meramente intelectual, pero as cousas cambiaron cando o meu home e mais eu comezamos a ir ás reunións que as testemuñas de Xehová celebran nos seus Salóns do Reino. Para ese entón xa tiñamos dous fillos. As testemuñas facíannos o favor de levarnos ó Salón e axudábannos a coidar dos nenos durante as reunións. Cheguei a encariñarme moito con eles.
Aínda así, seguía tendo dúbidas. Nunha visita que fixen á miña familia en España, o meu tío, que era cura, tratou de convencerme de que deixase de estudar, pero as testemuñas da zona axudáronme moito. Igual que fixeran os seus compañeiros de Alemaña, resolveron as miñas dúbidas coa Biblia. Decidín retomar o meu curso da Biblia cando volvese á casa. Aínda que o meu home decidiu non seguir estudando a Biblia, eu si que o fixen. E no ano 1978 bauticeime como testemuña de Xehová.
OS BENEFICIOS:
Comprender as verdades da Biblia deulle sentido e propósito á miña vida. Por exemplo, 1 Pedro 3:1-4 aconsella ás mulleres que estean en suxeición ós seus homes, que lles teñan profundo respecto e que cultiven un “espírito agarimoso e sereo [...] que é algo precioso ós ollos de Deus”. Este e outros principios axudáronme a cumprir co meu papel de esposa e nai.
Pasaron trinta e cinco anos dende que me fixen testemuña de Xehová. Estou feliz de servir a Deus e de formar parte dunha verdadeira familia espiritual. Tamén estou moi contenta porque catro dos meus cinco fillos seguiron o meu exemplo.