BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • nwt Xoán 1:1-21:25
  • Xoán

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Xoán
  • A Biblia. Tradución do Novo Mundo
A Biblia. Tradución do Novo Mundo
Xoán

AS BOAS NOTICIAS SEGUNDO XOÁN

1 No principio a Palabra existía, a Palabra estaba con Deus e a Palabra era un deus*. 2 El estaba no principio con Deus. 3 Tódalas cousas chegaron a existir por medio del, e nin unha soa cousa chegou a existir sen el.

O que chegou a existir 4 mediante el foi a vida, e a vida era a luz dos seres humanos. 5 A luz brilla no medio da escuridade, pero a escuridade non a puido apagar*.

6 Veu un home que foi enviado como representante de Deus e que se chamaba Xoán. 7 Este home veu como testemuña para dar testemuño acerca da luz, para que persoas de todo tipo cresen grazas a el. 8 Xoán non era esa luz, pero veu para dar testemuño acerca desa luz.

9 A luz verdadeira que ilumina a todo tipo de persoas estaba a punto de vir ó mundo. 10 De feito, el* xa estaba no mundo e o mundo chegou a existir por medio del, pero o mundo non o recoñeceu. 11 Veu á súa propia casa, pero a súa xente non o aceptou. 12 Pero a tódolos que si que o recibiron deulles o dereito de chegar a ser fillos de Deus, porque estaban demostrando que tiñan fe no seu nome. 13 Eles non naceron de humanos*, nin pola vontade humana*, nin pola vontade dun home, senón que naceron como fillos de Deus.

14 A Palabra chegou a ser un home* e viviu entre nós. E vimos a súa gloria, unha gloria coma a que recibe un fillo unixénito de parte do seu pai. El estaba cheo do favor de Deus* e ensinaba a verdade. 15 (Xoán deu testemuño acerca del. Berrou: “El é sobre quen dixen: ‘O que vén detrás de min adiantóuseme porque existía antes ca min’!”.) 16 Do que el está cheo, todos nós recibimos en abundancia: bondade inmerecida sobre bondade inmerecida. 17 Porque a Lei foi dada mediante Moisés, pero a bondade inmerecida e a verdade chegaron a existir mediante Xesucristo. 18 Ningún humano viu nunca a Deus. O deus unixénito, que está ó lado do Pai*, é quen nos explicou como é el.

19 Cando os xudeus enviaron uns sacerdotes e uns levitas desde Xerusalén para preguntarlle “Ti quen es?”, Xoán deu este testemuño. 20 En vez de negarse a contestar, admitiu: “Eu non son o Cristo”. 21 Eles preguntáronlle: “Entón, ti quen es? Es Elías?”. El contestoulles: “Non, non o son”. Despois preguntáronlle: “Es o Profeta?”. E contestou: “Non!”. 22 Así que eles dixéronlle: “Dinos quen es, para que lles deamos unha resposta ós que nos enviaron. Ti quen dis que es?”. 23 El contestou: “Eu son a voz de alguén que berra no deserto ‘Endereitade o camiño de Xehová*!’, tal como dixo o profeta Isaías”. 24 Aqueles homes que lle estaban facendo preguntas viñan de parte dos fariseos. 25 E preguntáronlle: “Se non es o Cristo, nin Elías, nin o Profeta, entón por que bautizas?”. 26 Xoán contestoulles: “Eu bautizo en auga. Entre vós hai alguén ó que non coñecedes. 27 El é o que vén detrás de min, e eu nin sequera merezo desatarlle as correas das sandalias”. 28 Estas cousas pasaron en Betania*, ó outro lado do Xordán, onde Xoán estaba bautizando.

29 Ó día seguinte, Xoán viu que Xesús viña cara a el e dixo: “Mirade, o Cordeiro de Deus que quita o pecado do mundo! 30 El é sobre quen dixen: ‘Detrás de min vén un home que se me adiantou, porque existía antes ca min’. 31 Nin sequera eu o coñecía, pero estou bautizando en auga para que Israel poida saber quen é el”. 32 Xoán tamén confirmou isto* cando dixo: “Vin o espírito santo baixar do ceo coma unha pomba e manterse enriba del. 33 Nin sequera eu o coñecía, pero quen me enviou a bautizar en auga díxome: ‘Saberás quen é o que bautiza en espírito santo cando vexas que o espírito baixa e se mantén enriba del’. 34 E eu iso vino, e dei testemuño de que este é o Fillo de Deus”.

35 Ó día seguinte, Xoán estaba outra vez alí con dous dos seus discípulos. 36 E cando viu a Xesús camiñando, dixo: “Mirade, o Cordeiro de Deus!”. 37 Cando os dous discípulos escoitaron o que acababa de dicir, foron detrás de Xesús. 38 Entón Xesús xirouse e, ó ver que o seguían, preguntoulles: “Que queredes?”. Eles contestáronlle: “Rabí (que traducido significa ‘mestre’), onde estás aloxado?”. 39 E el díxolles: “Vinde e verédelo”. Eles foron, viron onde estaba aloxado e quedaron con el o resto do día. Eran arredor das 4 da tarde*. 40 Un dos dous que escoitaron o que Xoán dixera e que seguiron a Xesús foi Andrés, o irmán de Simón Pedro. 41 Despois diso, Andrés encontrou o seu irmán Simón e díxolle “Encontramos o Mesías” (que traducido é Cristo), 42 e levouno a onde estaba Xesús. Cando Xesús mirou para el, díxolle: “Ti es Simón, o fillo de Xoán. A ti vanche chamar Cefas” (que traducido é Pedro).

43 Ó día seguinte, Xesús quería marchar para Galilea. Entón encontrou a Felipe e díxolle: “Faite o meu discípulo*”. 44 Felipe era de Betsaida, da mesma cidade que Andrés e Pedro. 45 Felipe encontrou a Natanael e díxolle: “Encontramos aquel sobre quen escribiu Moisés na Lei e sobre quen escribiron os Profetas. É Xesús de Nazaret, o fillo de Xosé”. 46 Pero Natanael preguntoulle: “De verdade pode saír algo bo de Nazaret?”. E Felipe respondeulle: “Ven a velo ti mesmo”. 47 Cando Xesús viu a Natanael vindo cara a el, dixo: “Mirade, está claro que este é un israelita no que non hai engano”. 48 Natanael preguntoulle: “Como sabes que tipo de persoa son eu?”. Xesús respondeulle: “Vinte cando estabas debaixo da figueira, antes de que Felipe te chamase”. 49 Natanael contestoulle: “Rabí, ti es o Fillo de Deus, ti es o Rei de Israel”. 50 E Xesús respondeulle: “Cres en min porque che dixen que te vin debaixo da figueira? Pois vas ver cousas máis grandes ca estas”. 51 Despois díxolle: “De verdade vos aseguro* que veredes o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando cara ó Fillo do Home*”.

2 Dous días despois celebrouse un banquete de voda en Caná de Galilea, e a nai de Xesús estaba alí. 2 Xesús e os seus discípulos tamén estaban invitados ó banquete de voda.

3 Cando se estaba acabando o viño, a nai de Xesús díxolle: “Non lles queda viño”. 4 Pero Xesús respondeulle: “Muller, que ten que ver iso contigo e comigo?* Aínda non chegou a miña hora”. 5 Entón a súa nai díxolles ós que estaban encargados de servir: “Facede todo o que el vos diga”. 6 Resulta que había seis recipientes de pedra para a auga, que se puxeran alí para cumprir coas normas de purificación dos xudeus. En cada un collían aproximadamente entre 44 e 66 litros*. 7 Xesús díxolles: “Enchede de auga os recipientes”. E enchéronos ata arriba de todo. 8 Despois díxolles: “Agora sacade un pouco e levádello ó director do banquete”. E eles leváronllo. 9 O director do banquete probou a auga que fora convertida en viño, pero non sabía de onde saíra (aínda que os que sacaran a auga si que o sabían). Entón chamou o noivo 10 e díxolle: “Todos poñen primeiro o viño bo e despois, cando a xente xa está borracha, poñen o de peor calidade. Pero ti gardaches o viño bo ata agora”. 11 Isto que fixo Xesús en Caná de Galilea foi o primeiro dos seus milagres*. Así demostrou a súa gloria, e os seus discípulos empezaron a ter fe nel.

12 Despois disto, baixou a Capernaúm coa súa nai, cos seus irmáns e cos seus discípulos, pero non quedaron alí moitos días.

13 Cando faltaba pouco para a Pascua dos xudeus, Xesús subiu a Xerusalén. 14 Ó entrar no templo viu que había xente vendendo touros, vacas, ovellas e pombas. E os que cambiaban cartos estaban sentados nos seus asentos. 15 Así que fixo un látego cunhas cordas e botounos a todos do templo, xunto coas ovellas, os touros e as vacas. Tamén tirou as moedas dos que cambiaban cartos e tumbou as súas mesas. 16 E díxolles ós que vendían pombas: “Sacade todo isto de aquí! Deixade de converter a casa do meu Pai nunha feira*!”. 17 Entón os seus discípulos recordaron o que está escrito: “A devoción que sinto pola túa casa arderá dentro de min”.

18 Cando viron isto, os xudeus preguntáronlle: “Que sinal podes darnos que demostre que tes o dereito de facer estas cousas?”. 19 Xesús respondeulles: “Botade abaixo este templo e eu levantareino en tres días”. 20 Entón os xudeus dixeron: “Levou 46 anos facer este templo, e ti valo levantar en tres días?”. 21 Pero o templo do que el estaba falando era o seu corpo. 22 Cando resucitou* de entre os mortos, os seus discípulos acordáronse de que dicía iso a miúdo, e creron o que dicían as Escrituras e o que dixera Xesús.

23 Mentres estaba en Xerusalén durante a festa da Pascua, moitos empezaron a ter fe no seu nome ó ver os milagres que facía. 24 Pero Xesús non se fiaba totalmente deles, porque os coñecía a todos 25 e non necesitaba que ninguén lle explicase nada sobre a xente, pois sabía o que había no corazón de cada persoa.

3 Había un fariseo que se chamaba Nicodemo e que era un gobernante dos xudeus. 2 Nicodemo foi onda Xesús de noite e díxolle: “Rabí, sabemos que es un mestre enviado por Deus, porque ninguén pode facer os milagres* que fas se Deus non está con el”. 3 Xesús respondeulle: “De verdade che aseguro que ninguén pode ver o Reino de Deus se non volve a nacer*”. 4 Nicodemo díxolle: “Como pode alguén volver a nacer cando xa é vello? Non pode entrar outra vez na matriz da súa nai e volver a nacer, non?”. 5 Xesús contestoulle: “De verdade che aseguro que ninguén pode entrar no Reino de Deus se non nace da auga e do espírito. 6 Quen naceu de humanos* é humano*, e quen naceu do espírito é espírito. 7 Non te sorprendas de que che dixese que tedes que volver a nacer. 8 O vento sopra onde quere e, aínda que o podes oír, non sabes nin de onde vén nin a onde vai. O mesmo pasa con tódolos que naceron do espírito”.

9 Entón Nicodemo preguntoulle: “Como pode pasar todo iso?”. 10 Xesús respondeulle: “Es mestre en Israel e non sabes estas cousas? 11 De verdade che aseguro que nós falamos do que sabemos e damos testemuño do que vimos, pero vós non aceptades o testemuño que damos. 12 Se non me credes cando vos falo de cousas da terra, como me ides crer se vos falo de cousas do ceo? 13 Ademais, ningún home subiu ó ceo e só un baixou do ceo, o Fillo do Home. 14 Tal como Moisés alzou a serpe nun poste* no deserto, o Fillo do Home tamén será alzado 15 para que todo o que crea nel poida ter vida eterna.

16 ”Porque Deus amou tanto o mundo que deu o seu Fillo unixénito* para que quen demostre fe nel non sexa destruído, senón que teña vida eterna. 17 Porque Deus non enviou o seu Fillo ó mundo para que el xulgase o mundo, senón para que o mundo se salve mediante el. 18 Quen demostra fe nel non será condenado*. Pero quen non demostra fe xa foi condenado*, porque non demostrou fe no nome do Fillo unixénito de Deus. 19 A base para o xuízo é esta: a luz veu ó mundo, pero as persoas amaron a escuridade en vez de amar a luz, porque as cousas que facían eran malas. 20 Quen fai cousas malas odia a luz e non se acerca á luz, para que non se descubran* as cousas que fai. 21 Pero quen fai o que está ben acércase á luz, para que se vexa claramente que as cousas que fai están de acordo coa vontade de Deus”.

22 Despois disto, Xesús foi ás zonas rurais de Xudea cos seus discípulos. Pasou un tempo alí con eles e bautizaba* a xente. 23 Pero Xoán tamén estaba bautizando. Estaba en Enón, cerca de Salim, porque alí había moita auga, e a xente viña e el bautizábaos. 24 Naquel tempo aínda non meteran a Xoán no cárcere.

25 Entón, os discípulos de Xoán discutiron cun xudeu sobre as normas de purificación. 26 Despois foron onda Xoán e dixéronlle: “Rabí, mira, o home que estaba contigo ó outro lado do Xordán, de quen ti deches testemuño, está bautizando e todos están indo onda el”. 27 Xoán respondeu: “Ninguén pode recibir nada a non ser que se lle dea do ceo. 28 Vós mesmos sodes testemuñas de que dixen: ‘Eu non son o Cristo, pero fun enviado diante del’. 29 Quen casa coa noiva é o noivo. Pero cando o amigo do noivo está cerca del e o escoita, alégrase moito ó oír a voz do noivo. Por iso agora estou cheo de alegría. 30 El ten que seguir aumentando, pero eu teño que seguir diminuíndo”.

31 Quen vén de arriba está por encima de tódolos demais. Quen é da terra é da terra e fala cousas da terra. Quen vén do ceo está por encima de tódolos demais 32 e dá testemuño do que viu e oíu, pero ninguén acepta o seu testemuño. 33 Quen aceptou o seu testemuño confirmou* que Deus é fiel á verdade. 34 Quen foi enviado por Deus di as palabras de Deus, porque Deus dá o seu espírito con xenerosidade*. 35 O Pai ama o Fillo e puxo todo nas súas mans. 36 Quen demostra que ten fe no Fillo terá vida eterna, pero quen desobedece o Fillo non conseguirá a vida e Deus seguirá furioso con el.

4 Despois diso, dixéronlles ós fariseos que Xesús facía máis discípulos e bautizaba máis persoas que Xoán 2 (aínda que non era Xesús o que bautizaba, senón os seus discípulos). 3 Cando Xesús* soubo isto, marchou de Xudea e foi outra vez para Galilea. 4 Pero tiña que pasar por Samaria. 5 Así que, chegou a Sicar, unha cidade de Samaria que estaba cerca do campo que Xacob lle dera ó seu fillo Xosé. 6 De feito, alí estaba o pozo* de Xacob. E como Xesús estaba cansado da viaxe, sentouse ó lado do pozo. Eran arredor das 12 do mediodía*.

7 Entón chegou unha muller de Samaria para sacar auga, e Xesús díxolle: “Dáme un pouco de auga”. 8 (Os seus discípulos foran comprar comida á cidade.) 9 Pero a samaritana preguntoulle: “Como é que ti, sendo xudeu, me pides auga a min, que son samaritana?”. (Porque os xudeus non teñen trato cos samaritanos.) 10 E Xesús respondeulle: “Se soubeses cal é o regalo de Deus e quen é o que che está dicindo ‘Dáme un pouco de auga’, ti pediríaslle auga a el e el daríache auga que dá vida”. 11 Ela díxolle: “Señor, pero se nin sequera tes con que sacar auga, e o pozo é fondo. De onde vas sacar esa auga que dá vida? 12 Seica ti es máis que o noso antepasado Xacob? El foi o que nos deu este pozo, e del beberon el, os seus fillos e o seu gando”. 13 Xesús respondeulle: “Todo o que beba desta auga volverá a ter sede. 14 Pero o que beba da auga que eu lle vou dar non terá sede nunca máis. A auga que eu lle vou dar será coma unha fonte dentro del que dá vida eterna”. 15 A muller díxolle: “Señor, dáme desa auga para que non volva a ter sede nin teña que estar vindo aquí a sacar auga”.

16 El díxolle: “Vai chamar o teu marido e volve aquí”. 17 A muller contestoulle: “Non teño marido”. E Xesús respondeulle: “Tes razón ó dicir que non tes marido, 18 porque tiveches cinco e o home co que vives agora non é o teu marido. Dixeches a verdade”. 19 Entón a muller díxolle: “Señor, vexo que es profeta. 20 Os nosos antepasados adoraban a Deus nesta montaña, pero vós dicides que hai que adoralo en Xerusalén”. 21 E Xesús respondeulle: “Muller, asegúroche que se acerca a hora na que non adoraredes o Pai nin nesta montaña nin en Xerusalén. 22 Vós adorades o que non coñecedes, pero nós adoramos o que coñecemos, porque a salvación empeza cos xudeus. 23 Pero acércase a hora, de feito xa chegou, na que os auténticos adoradores do Pai adorarano guiados polo espírito santo e de acordo coa verdade. Porque o Pai está buscando este tipo de persoas para que o adoren. 24 Deus é un espírito, e os que o adoran teñen que adoralo guiados polo espírito santo e de acordo coa verdade”. 25 A muller díxolle: “Eu sei que vai vir o Mesías, ó que lle chaman Cristo. Cando el veña, váinolo explicar todo”. 26 E Xesús contestoulle: “Ese son eu, o que está falando contigo”.

27 Xusto nese momento chegaron os seus discípulos e estrañoulles que estivese falando cunha muller. Aínda así, ningún lle preguntou “Que queres conseguir?” ou “Por que estás falando con ela?”. 28 Entón, a muller deixou alí o seu recipiente de barro* para levar auga e marchou para a cidade a dicirlle á xente: 29 “Un home díxome todo o que fixen. Vinde a velo. Non será este o Cristo?”. 30 Así que a xente saíu da cidade e foi a velo.

31 Mentres tanto, os discípulos insistíanlle: “Rabí, come un pouco”. 32 Pero el díxolles: “Teño algo para comer que vós non sabedes”. 33 Así que os discípulos dicíanse uns ós outros: “Ninguén lle trouxo comida, non?”. 34 Xesús díxolles: “O que me alimenta é facer a vontade de quen me enviou e acabar a obra que me mandou facer. 35 Dicides que aínda faltan catro meses para a colleita, non? Pois fixádevos no que vos digo: mirade para os campos. Están brancos, listos para a colleita. 36 O que recolle xa está recibindo o seu salario e recollendo o froito para vida eterna. Así, o que sementa e o que recolle poden alegrarse xuntos. 37 Porque nisto ten razón este dito: ‘Un sementa e outro recolle’. 38 Eu mandeivos a recoller o que non sementastes. Porque foron outros os que fixeron o traballo duro, e vós beneficiástesvos do que fixeron”.

39 Moitos samaritanos daquela cidade empezaron a ter fe nel grazas ó testemuño daquela muller, que dicía: “Díxome todo o que fixen”. 40 Por iso, cando os samaritanos foron onda el, pedíronlle que quedase alí con eles, e el quedou dous días. 41 Grazas a iso, escoitaron o que ensinaba e moitos máis creron nel, 42 e dixéronlle á muller: “Xa non cremos só polo que ti nos contaches. Nós mesmos o escoitamos e sabemos que este home de verdade é o salvador do mundo”.

43 Cando pasaron eses dous días, marchou de alí para Galilea. 44 (Xesús mesmo deu testemuño de que ó profeta non se lle dá honra na súa propia terra.) 45 Cando chegou a Galilea, os galileos recibírono ben porque eles tamén foran á festa* a Xerusalén e viran todo o que el fixera alí durante a festa.

46 Entón foi outra vez a Caná de Galilea, onde convertera a auga en viño. En Capernaúm había un funcionario do rei que tiña o fillo enfermo. 47 Cando este home escoitou que Xesús viñera de Xudea a Galilea, foi onda el e pediulle que baixase a Capernaúm para curar o seu fillo, porque estaba a punto de morrer. 48 Pero Xesús díxolle: “Se non vedes milagres* e cousas impresionantes, non ides crer nunca”. 49 O funcionario do rei pediulle: “Señor, ven comigo antes de que o meu neno morra”. 50 Xesús contestoulle: “Volve para a túa casa, o teu fillo está vivo”. O home creu o que lle dixo Xesús e marchou. 51 E mentres volvía para a súa casa, os seus escravos saíron para encontrarse con el e dicirlle que o seu fillo estaba vivo*. 52 Entón el preguntoulles a que hora empezara a sentirse mellor. Eles contestáronlle: “A febre marchoulle onte arredor da 1 da tarde*”. 53 Nese momento, o pai deuse conta de que esa era a mesma hora na que Xesús lle dixera: “O teu fillo está vivo”. E el e tódolos da súa casa fixéronse crentes. 54 Este foi o segundo milagre* que fixo Xesús despois de volver de Xudea a Galilea.

5 Despois disto, chegou unha das festas* dos xudeus e Xesús subiu a Xerusalén. 2 En Xerusalén, ó lado da Porta das Ovellas, hai un estanque que en hebreo se chama Betzata, que ten cinco pórticos. 3 Alí había deitados moitos enfermos, cegos, coxos e persoas que tiñan as mans ou os pés paralizados. 4 —* 5 Entre eles había un home que levaba enfermo 38 anos. 6 Xesús viu este home alí deitado e, como sabía que levaba moito tempo enfermo, preguntoulle: “Quéreste curar?”. 7 O enfermo contestoulle: “Señor, non teño a ninguén que me meta no estanque cando a auga se move. E cada vez que vou entrar, alguén baixa antes ca min”. 8 Entón Xesús díxolle: “Levántate! Colle a túa cama* e anda”. 9 E o home curou inmediatamente, colleu a súa cama e empezou a andar.

Ese día era sábado. 10 Así que os xudeus* puxéronse a dicirlle ó home que fora curado: “Hoxe é sábado, non está permitido que cargues coa cama*”. 11 Pero el respondeulles: “O que me curou díxome: ‘Colle a túa cama e anda’”. 12 Eles preguntáronlle: “Quen é o home que che dixo que a colleses e que andases?”. 13 Pero el non sabía quen o curara, porque Xesús desaparecera entre a multitude que estaba alí.

14 Máis tarde, Xesús encontrouno no templo e díxolle: “Agora que curaches, non peques máis, para que non che pase algo peor”. 15 O home marchou e díxolles ós xudeus que fora Xesús quen o curara. 16 Por iso os xudeus perseguían a Xesús, porque facía estas cousas en sábado. 17 Pero el contestáballes: “Meu Pai aínda segue traballando, e eu tamén sigo traballando”. 18 Cando escoitaron iso, os xudeus estiveron aínda máis decididos a matalo, porque pensaban que non respectaba o sábado e que ademais se estaba facendo igual a Deus, porque dicía que Deus era o seu Pai.

19 Así que Xesús díxolles: “De verdade vos aseguro que o Fillo non pode facer nin unha soa cousa pola súa conta, só o que lle ve facer ó Pai. Porque todo o que fai o Pai, tamén o fai o Fillo da mesma maneira. 20 O Pai tenlle cariño* ó Fillo e ensínalle todo o que el fai. E ensinaralle cousas máis grandes ca estas para que quededes impresionados. 21 Porque igual que o Pai resucita* os mortos e lles dá vida, o Fillo tamén lle dá vida a quen el quere. 22 O Pai non xulga a ninguén, senón que lle encargou ó Fillo que xulgue a todos, 23 para que todos honren o Fillo igual que honran o Pai. Quen non honra o Fillo non honra o Pai, que foi quen o enviou. 24 De verdade vos aseguro que o que escoita as miñas palabras e cre en quen me enviou terá vida eterna e non será condenado*, senón que pasou da morte á vida.

25 ”De verdade vos aseguro que se acerca a hora, de feito xa chegou, na que os mortos escoitarán a voz do Fillo de Deus, e os que fixeron caso vivirán. 26 Porque igual que o Pai ten vida en si mesmo*, tamén lle concedeu ó Fillo ter vida en si mesmo. 27 E deulle autoridade para xulgar, porque el é o Fillo do Home. 28 Que non vos sorprenda isto, porque acércase a hora na que tódolos que están nas tumbas* escoitarán a súa voz 29 e sairán. Os que fixeron cousas boas recibirán unha resurrección de vida, e os que fixeron cousas malas recibirán unha resurrección de xuízo. 30 Eu non podo facer nin unha soa cousa pola miña conta. Xulgo de acordo co que di o Pai, e o meu xuízo é xusto porque non busco facer a miña vontade, senón a vontade do que me enviou.

31 ”Se só eu testificase ó meu favor, o meu testemuño non sería válido*. 32 Pero hai outro* que testifica ó meu favor, e sei que o testemuño que el dá sobre min é válido*. 33 Vós mandásteslle mensaxeiros a Xoán e el deu testemuño da verdade. 34 Non é que eu necesite o testemuño de ningún home, pero digo estas cousas para que vos poidades salvar. 35 Xoán era coma un candil que ardía e brillaba, e durante un pouco de tempo vós estivestes dispostos a alegrarvos moitísimo coa súa luz. 36 Pero o testemuño que eu dou é máis importante que o de Xoán, porque as cousas que me mandou facer meu Pai, que son as cousas que eu estou facendo, confirman que o Pai me enviou. 37 E o Pai, que foi quen me enviou, el mesmo é quen deu testemuño sobre min. Vós nunca escoitastes a súa voz nin vistes a súa cara, 38 e non tedes a súa palabra nos vosos corazóns porque non credes a quen el enviou.

39 ”Vós investigades as Escrituras porque credes que por medio delas teredes vida eterna, e son estas mesmas Escrituras as que dan testemuño sobre min. 40 Pero aínda así, non queredes seguirme* para ter vida. 41 Eu non quero que a xente me dea gloria, 42 pero vós non sodes así. Sei moi ben que non tedes amor a Deus no voso corazón. 43 Eu vin no nome do meu Pai e non crestes en min. Pero se viñese outro no seu propio nome, si que creriades nel. 44 Como me ides crer se vos andades dando gloria uns ós outros en vez de estar buscando a aprobación* do único Deus verdadeiro? 45 Non pensedes que vos vou acusar diante do Pai. Quen vos acusa é Moisés, en quen puxestes a vosa esperanza. 46 De feito, se crésedes a Moisés tamén me creriades a min, porque el escribiu sobre min. 47 Pero se non credes o que escribiu el, como ides crer o que digo eu?”.

6 Despois disto, Xesús foi ó outro lado do mar de Galilea, tamén chamado mar de Tiberíades. 2 Había unha gran multitude que o seguía, porque vían os milagres* que facía ó curar os enfermos. 3 Así que Xesús subiu a unha montaña e sentouse alí cos seus discípulos. 4 Faltaba pouco para a Pascua, a festa dos xudeus. 5 Cando Xesús levantou a mirada e viu que unha gran multitude viña cara a el, preguntoulle a Felipe: “Onde imos comprar pan para que coma toda esta xente?”. 6 En realidade, isto díxoo para poñelo a proba, porque el xa sabía o que estaba a punto de facer. 7 Felipe contestoulle: “Nin 200 denarios* de pan chegarían para que cada un comese un pouco”. 8 Un dos seus discípulos, Andrés, o irmán de Simón Pedro, díxolle: 9 “Aquí hai un neno que ten cinco pans de cebada e dous peixiños. Pero, como vai chegar isto para tanta xente?”.

10 Xesús dixo: “Dicídelle á xente que se sente”. E como naquel lugar había moita herba, sentáronse alí. Había uns 5000 homes. 11 Xesús colleu o pan, deulle grazas a Deus e repartiuno entre os que estaban alí sentados. Tamén fixo o mesmo cos peixiños, e todos comeron o que quixeron. 12 Cando a xente xa non tiña máis fame, díxolles ós seus discípulos: “Recollede os cachos que sobraron para que non se desperdicie nada”. 13 Así que eles recolléronos e encheron 12 cestas cos cachos que lles sobraran ós que comeran dos cinco pans de cebada.

14 Cando a xente viu o milagre que fixera Xesús, empezou a dicir: “Está claro que este é o Profeta que tiña que vir ó mundo”. 15 Pero Xesús, como sabía que estaban a punto de vir para levalo á forza e facelo rei, marchou outra vez á montaña el só.

16 Mentres se estaba facendo de noite, os seus discípulos baixaron ó mar, 17 subiron a unha barca e empezaron a cruzar o mar en dirección a Capernaúm. Cando xa era noite cerrada, Xesús aínda non estaba con eles. 18 Ademais, o mar empezouse a picar porque se levantou un vento moi forte. 19 Cando xa levaban remando uns cinco ou seis quilómetros*, viron a Xesús camiñando sobre o mar e acercándose á barca, e entroulles o medo. 20 Pero el díxolles: “Son eu! Non teñades medo!”. 21 Entón eles alegráronse de subilo á barca, e pouco despois a barca chegou ó sitio ó que se dirixían.

22 Ó día seguinte, a multitude que quedara do outro lado do mar viu que a barca pequena que había alí xa non estaba, pero Xesús non subira nela cos seus discípulos. Eles marcharan de alí sós. 23 Entón, unhas barcas de Tiberíades chegaron cerca do sitio onde a xente comera o pan despois de que o Señor lle dese grazas a Deus. 24 Por iso, cando a multitude viu que nin Xesús nin os seus discípulos estaban alí, subiron ás barcas e foron a Capernaúm para buscar a Xesús.

25 Cando o encontraron ó outro lado do mar, preguntáronlle: “Rabí, cando chegaches aquí?”. 26 Xesús contestoulles: “De verdade vos aseguro que non me buscades porque vísedes milagres, senón porque comestes dos pans ata que xa non tivestes máis fame. 27 Non traballedes polo alimento que se bota a perder, senón polo que non se estraga e dá vida eterna. O Fillo do Home daravos ese alimento, porque o Pai, Deus mesmo, púxolle a el o seu selo de aprobación”.

28 Entón preguntáronlle: “Que debemos facer para que Deus nos aprobe?”. 29 E Xesús contestoulles: “Isto é o que Deus aproba: que demostredes fe naquel que el enviou”. 30 Eles dixéronlle: “E que sinal farás para que poidamos velo e te creamos? Que milagre vas facer? 31 Os nosos antepasados comeron o maná no deserto, tal e como está escrito: ‘Deulles de comer pan do ceo’”. 32 Entón Xesús díxolles: “De verdade vos aseguro que Moisés non vos deu o pan do ceo. É meu Pai quen vos dá o verdadeiro pan do ceo. 33 Porque o pan de Deus é aquel que baixou do ceo e que lle dá vida ó mundo”. 34 Así que eles dixéronlle: “Señor, dános sempre dese pan”.

35 Xesús díxolles: “Eu son o pan da vida. Quen chegue a ser o meu seguidor* non terá fame nunca máis, e quen demostre que ten fe en min non terá sede nunca máis. 36 Pero, como xa vos dixen, vós vístesme e aínda así non credes. 37 Todos aqueles que me entrega meu Pai serán os meus seguidores*, e eu non rechazarei nunca a quen sexa o meu seguidor*. 38 Porque non baixei do ceo para facer a miña vontade, senón para facer a vontade do que me enviou. 39 Esta é a vontade do que me enviou: que non perda ningún dos que me entregou, senón que os resucite no último día. 40 Porque a vontade do meu Pai é que todo o que acepte ó Fillo e demostre que ten fe nel teña vida eterna. E eu resucitareino no último día”.

41 Entón os xudeus puxéronse a murmurar del porque dixera: “Eu son o pan que baixou do ceo”. 42 E empezaron a dicir: “Pero este non é Xesús, o fillo de Xosé? E logo non coñecemos o seu pai e a súa nai? Como é que agora di ‘Eu baixei do ceo’?”. 43 Así que Xesús díxolles: “Deixade de murmurar entre vós. 44 Ninguén pode ser o meu seguidor* a non ser que o Pai, que me enviou, o acerque a min. E eu resucitareino no último día. 45 Está escrito nos Profetas*: ‘Todos serán ensinados por Xehová*’. Todo aquel que escoita o Pai e aprende del chega a ser o meu seguidor*. 46 Isto non quere dicir que alguén vise o Pai. O único que viu ó Pai é o que vén de Deus. 47 De verdade vos aseguro que o que cre terá vida eterna.

48 ”Eu son o pan da vida. 49 Os vosos antepasados comeron o maná no deserto, e aínda así morreron. 50 Este é o pan que baixa do ceo, para que o que coma del non morra. 51 Eu son o pan vivo que baixou do ceo. Se alguén come deste pan, vivirá para sempre. De feito, o pan que vou dar para que o mundo viva é a miña carne”.

52 Entón os xudeus puxéronse a discutir entre eles e a dicir: “Como pode este home darnos de comer a súa carne?”. 53 Así que Xesús díxolles: “De verdade vos aseguro que se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida*. 54 Quen come a miña carne e bebe o meu sangue terá vida eterna, e eu resucitareino no último día. 55 Porque a miña carne é a verdadeira comida e o meu sangue é a verdadeira bebida. 56 Quen come a miña carne e bebe o meu sangue mantense unido a min, e eu mantéñome unido a el. 57 O Pai que vive envioume, e eu vivo grazas ó Pai. Da mesma maneira, quen coma a miña carne vivirá grazas a min. 58 Este é o pan que baixou do ceo. Non é coma o que comeron os vosos antepasados, que acabaron morrendo. Quen coma este pan vivirá para sempre”. 59 Xesús dixo todo isto mentres ensinaba nunha sinagoga* de Capernaúm.

60 Cando escoitaron isto, moitos dos seus discípulos dixeron: “Isto que está dicindo é inaceptable! Non queremos escoitalo”. 61 Pero Xesús, que sabía que os seus discípulos estaban murmurando sobre isto, díxolles: “Oféndevos* isto? 62 Entón que pasaría se vísedes o Fillo do Home subir a onde estaba antes? 63 O que dá vida é o espírito, a carne non vale para nada. As palabras que vos dixen están de acordo co espírito santo e dan vida*. 64 Pero entre vós hai algúns que non cren”. Xesús dixo isto porque sabía desde o principio quen eran os que non crían e quen era o que o ía traizoar. 65 E seguiu dicindo: “Por iso vos dixen que ninguén pode ser o meu seguidor* a non ser que o Pai llo permita”.

66 Esta foi a razón pola que moitos dos seus discípulos volveron ás cousas que deixaran atrás e xa non o seguían. 67 Así que Xesús preguntoulles ós Doce: “Vós non queredes marchar tamén, non?”. 68 Simón Pedro contestoulle: “Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras que levan á vida eterna. 69 Nós cremos e sabemos que ti es o Santo de Deus”. 70 E Xesús contestoulles: “Eu escollinvos a vós os Doce, non? Pero un de vós é un calumniador*”. 71 Estaba falando de Xudas, o fillo de Simón Iscariote, porque o ía traizoar aínda que era un dos Doce.

7 Despois disto, Xesús quedou predicando en* Galilea porque prefería non andar por Xudea, pois os xudeus estaban buscando unha oportunidade para matalo. 2 Pero como faltaba pouco para a festa xudía dos Tabernáculos*, 3 os seus irmáns dixéronlle: “Marcha de aquí e vai a Xudea para que os teus discípulos tamén vexan as cousas que fas. 4 Porque cando alguén quere que todos o coñezan, non fai nada en segredo. Xa que fas estas cousas, ensínalle ó mundo quen es”. 5 En realidade, os seus irmáns non tiñan fe nel. 6 Entón Xesús díxolles: “A miña hora aínda non chegou, pero para vós calquera momento é bo. 7 O mundo non ten motivos para odiarvos a vós, pero a min ódiame porque dou a coñecer que as cousas que fai son malas. 8 Subide vós á festa. Eu aínda non vou subir porque a miña hora aínda non chegou”. 9 E despois de dicirlles isto, quedou en Galilea.

10 Pero cando os seus irmáns xa subiran á festa, el tamén subiu, pero non o fixo á vista de todos, senón en segredo. 11 Así que durante a festa, os xudeus puxéronse a buscalo e dicían: “Onde estará este home?”. 12 Entre a multitude había moitos que falaban polo baixo sobre Xesús. Algúns dicían: “É un bo home”. Pero outros dicían: “Non, non o é, porque engana a xente”. 13 Pero claro, ninguén se atrevía a falar del en público porque lles tiñan medo ós xudeus.

14 Cando xa pasara a metade da festa, Xesús subiu ata o templo e púxose a ensinar. 15 Os xudeus estaban moi sorprendidos e dicían: “Como pode este home saber tanto das Escrituras* se non estudou nas escolas*?”. 16 Entón Xesús contestoulles: “O que eu ensino non vén de min, senón do que me enviou. 17 Se alguén quere facer a vontade de Deus, saberá se o que ensino vén de Deus ou se ensino as miñas propias ideas. 18 Se alguén ensina as súas ideas busca a súa propia gloria, pero o que busca a gloria de quen o enviou é fiel á verdade e non hai inxustiza nel. 19 Moisés deuvos a Lei, non? Pero ningún de vós a obedece. Por que intentades matarme?”. 20 A multitude contestoulle: “Tes un demo dentro! Quen intenta matarte?”. 21 Entón Xesús díxolles: “Só fixen unha cousa e todos quedastes sorprendidos. 22 Pensade nisto: Moisés deuvos a lei da circuncisión* (aínda que en realidade non vén de Moisés, senón dos seus antepasados) e vós circuncidades os nenos incluso se é sábado. 23 Se circuncidades os nenos incluso en sábado para non desobedecer a Lei de Moisés, por que vos poñedes tan furiosos comigo por curar por completo un home en sábado? 24 Deixade de xulgar polas aparencias e xulgade dunha maneira xusta”.

25 Entón, algúns dos que vivían en Xerusalén puxéronse a dicir: “Este é o home que intentan matar, non? 26 Pero mirade para aí! Está falando diante de todos e non lle din nada. Será que os nosos gobernantes se convenceron de que el é o Cristo? 27 Pero nós sabemos de onde é este home, e cando veña o Cristo ninguén saberá de onde é”. 28 Entón, mentres ensinaba no templo, Xesús levantou a voz e dixo: “Vós coñecédesme e sabedes de onde son. Pero eu non decidín pola miña conta vir aquí. O que me enviou existe de verdade e vós non o coñecedes. 29 Eu si que o coñezo, porque son o seu representante e el foi quen me enviou”. 30 Por iso empezaron a buscar unha oportunidade para arrestalo, pero ninguén puido collelo porque aínda non chegara a súa hora. 31 Aínda así, moitos dos que estaban alí empezaron a ter fe nel e dicían: “Cando veña o Cristo, non vai facer máis milagres* que os que xa fixo este home, non?”.

32 Os fariseos escoitaron a multitude falando estas cousas polo baixo sobre Xesús. Por iso, os sacerdotes principais e os fariseos mandaron uns gardas para arrestalo. 33 Entón Xesús díxolle á xente: “Estarei con vós un pouco máis antes de ir onda o que me enviou. 34 Buscarédesme, pero non me encontraredes. Para onde eu vou, vós non podedes ir”. 35 Así que os xudeus puxéronse a falar entre eles e a dicir: “A onde ten pensado ir este para que non o poidamos encontrar? Non pretenderá ir onda os xudeus que están espallados entre os gregos e ensinarlles tamén ós gregos, non? 36 A que se refería cando dixo ‘Buscarédesme, pero non me encontraredes. Para onde eu vou, vós non podedes ir’?”.

37 O último día, o día máis importante da festa, Xesús púxose de pé, levantou a voz e dixo: “Se alguén ten sede, que me siga e beba. 38 Tal e como din as Escrituras: ‘Se alguén demostra que ten fe en min, sairán do máis profundo do seu ser ríos de auga que dá vida’”. 39 Xesús dixo isto referíndose ó espírito santo que ían recibir os que tivesen fe nel. Aínda non o recibiran, porque el aínda non fora glorificado*. 40 Cando oíron estas palabras, algúns dos que estaban entre a multitude empezaron a dicir: “Está claro que este é o Profeta”. 41 Outros dicían: “Este é o Cristo”. Pero algúns dicían: “O Cristo non pode vir de Galilea, non? 42 E logo non din as Escrituras que o Cristo sería descendente de David e que viría de Belén, a aldea de onde era David?”. 43 Isto fixo que a xente non se puxese de acordo sobre el. 44 Algúns querían arrestalo, pero ninguén puido collelo.

45 Entón os gardas volveron onda os sacerdotes principais e os fariseos, e os fariseos preguntáronlles: “Por que non o trouxestes?”. 46 Os gardas respondéronlles: “Nunca houbo ninguén que falase así”. 47 E os fariseos dixéronlles: “Non vos deixariades enganar vós tamén, non? 48 Ningún dos nosos gobernantes ou dos fariseos ten fe nel, a que non? 49 Pero esta xente que non coñece a Lei son uns malditos”. 50 Entón Nicodemo, que antes fora a ver a Xesús e que era un dos fariseos, díxolles: 51 “A nosa Lei di que non se pode xulgar a ninguén sen escoitalo primeiro e saber o que fixo, verdade?”. 52 Cando escoitaron isto, dixéronlle: “Ti non serás tamén de Galilea, non? Investiga e verás que de Galilea non vai saír ningún profeta”.*

8 12 Entón Xesús volveu falar coa xente, e dixo: “Eu son a luz do mundo. Quen me siga nunca máis andará en escuridade, senón que terá a luz que dá vida”. 13 E os fariseos dixéronlle: “Estás testificando ó teu favor, así que o teu testemuño non é válido*”. 14 Xesús respondeulles: “Aínda que testifico ó meu favor, o meu testemuño é válido, porque sei de onde vin e a onde vou. Pero vós non sabedes nin de onde vin nin a onde vou. 15 Vós xulgades baseándovos en normas humanas*, pero eu non xulgo a ninguén. 16 E no caso de que xulgase, o meu xuízo sería xusto*, porque non estou só. O Pai, que me enviou, está comigo. 17 Ademais, na vosa propia Lei está escrito: ‘O testemuño de dúas persoas é válido*’. 18 Eu son o que testifica ó meu favor. E o Pai, que me enviou, tamén testifica ó meu favor”. 19 Entón preguntáronlle: “Onde está teu Pai?”. E Xesús contestoulles: “Vós non me coñecedes nin a min nin a meu Pai. Se me coñecésedes a min, tamén coñeceriades a meu Pai”. 20 Xesús dixo todo isto mentres estaba ensinando no templo, na zona onde estaban as arcas do tesouro. Pero como aínda non chegara a súa hora, ninguén o agarrou para arrestalo.

21 Entón, díxolles outra vez: “Eu marcho e vós buscarédesme, pero morreredes sendo pecadores. Para onde eu vou, vós non podedes ir”. 22 Os xudeus puxéronse a dicir: “Por que di ‘Para onde eu vou, vós non podedes ir’? Non se quererá matar, non?”. 23 Entón el seguiulles dicindo: “Vós sodes de aquí abaixo e eu son de alá arriba. Vós sodes deste mundo, pero eu non son deste mundo. 24 Por iso vos dixen ‘Morreredes sendo pecadores’, porque se non credes que son quen digo ser, morreredes sendo pecadores”. 25 Así que eles puxéronse a preguntarlle: “Pero entón, ti quen es?”. E Xesús respondeulles: “Falar con vós é perder o tempo. 26 Teño moito que dicir sobre vós e moito que xulgar. De feito, o que me enviou é fiel á verdade, e eu dígolle ó mundo as mesmas cousas que lle escoitei a el”. 27 Pero eles non se deron conta de que lles estaba falando do Pai. 28 Entón Xesús dixo: “Despois de que alcedes* o Fillo do Home, saberedes que son quen digo ser e que non fago nada pola miña conta, senón que digo o que me ensinou o Pai. 29 O que me enviou está comigo, non me deixou só, porque eu sempre fago o que a el lle agrada”. 30 Mentres Xesús dicía todo isto, moitos empezaron a ter fe nel.

31 Entón Xesús díxolles ós xudeus que creran nel: “Se seguides obedecendo o que eu ensino, realmente sodes os meus discípulos, 32 e coñeceredes a verdade e a verdade faravos libres”. 33 Os outros xudeus responderon: “Somos descendentes de Abrahán e nunca fomos escravos de ninguén. Por que dis que seremos libres?”. 34 Xesús contestoulles: “De verdade vos aseguro que todo o que peca é escravo do pecado. 35 Ademais, o escravo non queda na casa do amo para sempre, pero o fillo si que queda para sempre. 36 Así que se o fillo vos libera, seredes libres de verdade. 37 Eu sei que sodes descendentes de Abrahán, pero estades intentando matarme porque non aceptades o que vos digo. 38 Eu falo das cousas que vin cando estaba co meu Pai, pero vós facedes as cousas que lle escoitastes dicir ó voso pai”. 39 Eles respondéronlle: “O noso pai é Abrahán”. Entón Xesús díxolles: “Se fósedes fillos de Abrahán, fariades as mesmas cousas que fixo Abrahán. 40 Pero eu díxenvos a verdade que lle escoitei a Deus e querédesme matar. Abrahán nunca faría algo así. 41 Vós facedes as mesmas cousas que o voso pai”. E eles dixéronlle: “Nós non somos fillos ilexítimos*. Temos un só Pai: Deus”.

42 Xesús respondeulles: “Se Deus fose o voso Pai, quereriádesme, porque foi Deus quen me enviou e por iso estou aquí. Non vin pola miña conta, senón que el me enviou. 43 Sabedes por que non entendedes o que estou dicindo? Porque non sodes capaces de escoitar as miñas palabras. 44 Vós sodes fillos do voso pai, o Demo*, e queredes facer o que o voso pai desexa. El foi un asasino desde que empezou a ir polo seu propio camiño. Apartouse da verdade, porque a verdade non está dentro del. Cada vez que di unha mentira, demostra como é realmente, porque é un mentireiro e o pai da mentira. 45 Pero como eu vos digo a verdade, non me credes. 46 Quen de vós pode demostrar que son culpable dalgún pecado? Se digo a verdade, por que non me credes? 47 Quen é fillo de Deus escoita as palabras de Deus. Por iso vós non escoitades, porque non sodes fillos de Deus”.

48 Cando oíron isto, os xudeus dixéronlle: “Ves como temos razón ó dicir que ti es samaritano e que tes un demo dentro?”. 49 Xesús contestoulles: “Non teño demo ningún. Eu doulle honra a meu Pai e vós deshonrádesme a min. 50 Pero non estou buscando gloria para min mesmo. Hai alguén que a busca, e el é o que xulga. 51 De verdade vos aseguro que se alguén obedece o que eu ensino, non morrerá nunca”. 52 Os xudeus dixéronlle: “Agora si que temos claro que tes un demo dentro. Abrahán morreu e os profetas tamén, pero ti dis que se alguén obedece o que ti ensinas non vai morrer nunca. 53 Seica es ti máis que o noso pai Abrahán, que morreu? Os profetas tamén morreron. Ti quen te cres que es?”. 54 Xesús contestoulles: “Se me dese gloria a min mesmo, a miña gloria non valería para nada. Meu Pai, o que vós dicides que é o voso Deus, é quen me dá gloria. 55 Vós non o coñecedes, pero eu si que o coñezo. E se dixese que non o coñezo, sería un mentireiro coma vós. Pero si que o coñezo e obedezo as súas palabras. 56 O voso pai Abrahán alegrábase moitísimo pensando no día no que eu viría. El viuno na súa mente e alegrouse”. 57 Os xudeus contestáronlle: “Aínda non tes nin 50 anos, e dis que viches a Abrahán?”. 58 E el díxolles: “De verdade vos aseguro que eu xa existía antes de que Abrahán nacese”. 59 Entón colleron pedras para tirarllas a Xesús, pero el escondeuse e saíu do templo.

9 Mentres ía camiñando, Xesús viu un home que nacera cego. 2 E os seus discípulos preguntáronlle: “Rabí, quen pecou para que este home nacese cego? El ou os seus pais?”. 3 Xesús contestoulles: “Non pecaron nin el nin os seus pais. No seu caso, isto pasou para que se vexa claramente o que Deus pode facer. 4 Temos que facer a vontade* do que me enviou mentres sexa de día, porque está chegando a noite e ninguén poderá traballar. 5 Mentres eu estea no mundo, eu son a luz do mundo”. 6 Despois de dicir isto, cuspiu na terra e fixo barro coa saliva. Entón colleu o barro, púxollo nos ollos ó home 7 e díxolle “Vaite lavar no estanque de Siloam” (que traducido significa “enviado”). Así que el foi e lavouse, e cando volveu xa podía ver.

8 Os veciños e os que sempre o viran mendigando puxéronse a dicir: “Este non é o home que se sentaba a pedir?”. 9 Uns dicían: “Si que é el”. Outros dicían: “Non é el, pero paréceselle”. E o home dicía: “Si que son eu”. 10 Así que eles preguntáronlle: “E logo como é que agora podes ver?”. 11 El contestoulles: “O home que se chama Xesús fixo barro, púxomo nos ollos e díxome: ‘Vaite a Siloam e lávate’. E eu fun, laveime e empecei a ver”. 12 Entón preguntáronlle: “Onde está ese home?”. E el respondeu: “Non sei”.

13 Eles levaron o home que fora cego onda os fariseos. 14 Por certo, o día que Xesús fixo o barro e curou* aquel home era sábado. 15 Así que os fariseos tamén se puxeron a preguntarlle como chegara a ver, e el díxolles: “Púxome barro nos ollos, laveime e agora podo ver”. 16 Entón algúns fariseos empezaron a dicir: “Este home non vén de Deus, porque non respecta o sábado”. E outros dicían: “Pero como pode un pecador facer estes milagres*?”. Así que non se poñían de acordo. 17 Por iso, volvéronlle a preguntar ó cego: “Xa que foi a ti a quen te curou*, ti que dis del?”. E o home contestoulles: “É un profeta”.

18 Pero os xudeus non crían que antes ese home fose cego e agora puidese ver, ata que chamaron ós seus pais. 19 E preguntáronlles: “É este o voso fillo, o que dicides que naceu cego? Entón, como é que agora pode ver?”. 20 Os seus pais contestáronlles: “Nós sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego. 21 Pero non sabemos como é que agora pode ver nin tampouco quen o curou*. Preguntádello a el, que xa é maior de idade e pode falar por si mesmo”. 22 Os seus pais contestaron así polo medo ós xudeus, porque os xudeus xa se puxeran de acordo para botar* da sinagoga a calquera que recoñecese a Xesús como Cristo. 23 Por iso os seus pais dixeron que xa era maior de idade e que llo preguntasen a el.

24 Así que chamaron por segunda vez o home que fora cego e dixéronlle: “Di a verdade diante de Deus*. Nós sabemos que ese home é un pecador”. 25 El contestoulles: “Eu non sei se é un pecador ou non. O que si sei é que eu antes era cego e agora vexo”. 26 Entón preguntáronlle: “Que che fixo? Como te curou*?”. 27 El contestoulles: “Xa volo dixen, pero non me fixestes caso. Por que queredes oílo outra vez? Seica queredes facervos discípulos del tamén?”. 28 Cando oíron isto, dixéronlle con desprezo: “Ti es discípulo dese home, pero nós somos discípulos de Moisés. 29 Sabemos que Deus lle falou a Moisés, pero non sabemos de onde saíu este home”. 30 O home que fora cego respondeulles: “Pois isto si que é incrible! Resulta que el me curou* e vós non sabedes de onde saíu. 31 Todos sabemos que Deus non escoita os pecadores, pero si que escoita a quen o teme* e fai a súa vontade. 32 Nunca antes se escoitou que ninguén curase* a alguén que nacese cego. 33 Se este home non viñese de Deus, non podería facer nada”. 34 Entón dixéronlle: “Ti naciches cheo de pecado, e pretendes darnos leccións a nós?”. E botárono fóra*.

35 Xesús escoitou que o botaran e, cando o encontrou, preguntoulle: “Tes fe no Fillo do Home?”. 36 El contestoulle: “Señor, e quen é? Dimo para que poida ter fe nel”. 37 Xesús respondeulle: “Xa o viches. De feito, estás falando con el”. 38 Entón el dixo: “Teño fe en ti, Señor”. E inclinouse diante del*. 39 E Xesús dixo: “Vin a este mundo para que a xente sexa xulgada, para que os que non ven poidan ver e os que ven queden cegos”. 40 Os fariseos que estaban alí con el escoitaron isto e preguntáronlle: “E logo pensas que nós tamén estamos cegos?”. 41 Xesús contestoulles: “Se fósedes cegos non seriades culpables de pecado. Pero como dicides que vedes, seguides sendo culpables de pecado”.

10 “De verdade vos aseguro que o que entra no cercado* das ovellas saltando por riba do muro, en vez de entrar pola porta, é un ladrón. 2 Pero o que entra pola porta é o pastor das ovellas. 3 O garda da porta ábrelle ó pastor, e as ovellas escoitan a voz do pastor. O pastor chama as súas ovellas polo seu nome e lévaas para fóra. 4 Cando as saca todas, vai diante delas. E as ovellas ségueno porque coñecen a súa voz. 5 Pero nunca seguirán un estraño. Escaparán del porque non coñecen a voz dos estraños”. 6 Xesús púxolles esta comparación, pero eles non entenderon o que lles estaba dicindo.

7 Entón Xesús volveulles a dicir: “De verdade vos aseguro que eu son a porta para que pasen as ovellas. 8 Tódolos que viñeron facéndose pasar por min son uns ladróns, e as ovellas non os escoitaron. 9 Eu son a porta, e o que entre por min salvarase. Poderá entrar e saír, e encontrará lugares onde pastar. 10 O ladrón só vén para roubar, matar e destruír. Eu vin para que as ovellas poidan ter vida e poidan seguir vivindo*. 11 Eu son o pastor excelente, e o pastor excelente dá a súa vida* polas ovellas. 12 O traballador* contratado para mirar polas ovellas, que non é nin pastor nin dono das ovellas, abandónaas e escapa cando ve vir o lobo. Entón o lobo atácaas e fai que se dispersen. 13 Como é un traballador que só traballa polos cartos, non lle importan as ovellas. 14 Eu son o pastor excelente. Coñezo as miñas ovellas e as miñas ovellas coñécenme a min, 15 igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai. Eu dou a miña vida* polas ovellas.

16 ”E teño outras ovellas que non son deste rabaño*. A esas tamén as teño que traer e elas escoitarán a miña voz. Chegarán a ser un só rabaño cun só pastor. 17 O Pai quéreme porque dou a miña vida para despois volver a recibila. 18 Ninguén ma quita, eu douna voluntariamente. Teño autoridade para dala e para volver a recibila. Isto é o que me mandou facer meu Pai*”.

19 Estas palabras volveron a provocar que os xudeus non se puxesen de acordo. 20 Moitos deles dicían: “Ten un demo dentro e toleou. Por que o escoitades?”. 21 E outros dicían: “Alguén que ten un demo dentro non diría estas cousas. Un demo non pode facer que os cegos volvan a ver, non?”.

22 Por aquel tempo estábase celebrando a Festa da Dedicación en Xerusalén. Era inverno, 23 e Xesús estaba no templo camiñando polo Pórtico de Salomón*. 24 Entón os xudeus rodeárono e empezaron a dicirlle: “Canto tempo nos vas ter coa intriga? Se ti es o Cristo, dínolo claramente”. 25 Xesús contestoulles: “Xa volo dixen, pero aínda así non o credes. As cousas que fago no nome do meu Pai testifican ó meu favor. 26 Pero vós non credes porque non sodes as miñas ovellas. 27 As miñas ovellas escoitan a miña voz. Eu coñézoas e elas séguenme. 28 Eu doulles vida eterna. Nunca van ser destruídas e ninguén mas quitará das mans. 29 O que me entregou meu Pai vale máis que todo o demais, e ninguén pode quitar as ovellas das mans do Pai. 30 Eu e o Pai somos un*”.

31 Entón os xudeus volveron a coller pedras para matalo a pedradas. 32 Xesús díxolles: “Fixen diante de vós moitas cousas boas que veñen do Pai. Por cal delas me queredes matar a pedradas?”. 33 Os xudeus contestáronlle: “Non te imos matar a pedradas por facer ningunha cousa boa, senón por blasfemar. Porque aínda que es un home, andas dicindo que es un deus”. 34 Xesús contestoulles: “E logo non está escrito na vosa Lei ‘Deus dixo: “Vós sodes deuses*”’? 35 Se Deus chamou deuses a eses que se condena na súa palabra (e as Escrituras non se poden anular), 36 por que me acusades de blasfemia a min por dicir ‘Son Fillo de Deus’, se foi o Pai quen me santificou e enviou ó mundo? 37 Se non fago o que meu Pai quere que faga, non me creades. 38 Pero se o fago, aínda que non me creades a min, polo menos crede polas cousas que fago. Así saberedes e nunca deixaredes de saber que o Pai está unido a min e eu estou unido ó Pai”. 39 Entón intentaron agarralo outra vez para arrestalo, pero el escapou sen que o collesen.

40 Xesús volveu marchar para o outro lado do Xordán, para o sitio onde Xoán bautizaba ó principio, e quedou alí. 41 Moitas persoas foron a velo e empezaron a dicir: “Xoán non fixo nin un só milagre*, pero todo o que dixo deste home era certo”. 42 E moitos alí empezaron a ter fe en Xesús.

11 Había un home que se chamaba Lázaro e que estaba enfermo. Era de Betania, a aldea na que vivían María e a súa irmá Marta. 2 Esta foi a María que botou aceite perfumado sobre o Señor e lle secou os pés co seu pelo. E o que estaba enfermo era o seu irmán Lázaro. 3 Así que as irmás de Lázaro mandaron alguén onda Xesús para que lle dixese: “Señor, o teu querido amigo está enfermo”. 4 Pero cando Xesús o escoitou, dixo: “O resultado final desta enfermidade non vai ser a morte, senón darlle gloria a Deus e que o Fillo de Deus reciba gloria mediante ela”.

5 Xesús queríalles moito a Marta, á súa irmá e a Lázaro. 6 Pero cando escoitou que Lázaro estaba enfermo, quedou dous días máis no lugar onde estaba. 7 Despois díxolles ós discípulos: “Vamos outra vez a Xudea”. 8 Pero os discípulos dixéronlle: “Rabí, os de Xudea hai pouco querían matarte a pedradas, e agora vas ir outra vez alí?”. 9 Xesús contestoulles: “O día ten 12 horas de luz, non? O que camiña durante o día non tropeza con nada porque ve a luz deste mundo. 10 Pero o que camiña de noite tropeza porque non hai luz nel”.

11 Despois de dicir isto, tamén dixo: “O noso amigo Lázaro quedou durmido, pero eu vou ir alí a despertalo”. 12 Entón os discípulos dixéronlle: “Señor, se está durmindo, poñerase ben”. 13 En realidade, Xesús quería dicir que Lázaro estaba morto, pero eles pensaban que se refería a que estaba descansando mentres durmía. 14 Así que Xesús díxolles directamente: “Lázaro morreu, 15 e alégrome por vós de que eu non estivese alí, para que creades. Vamos onda el”. 16 Entón Tomás, ó que lle chamaban o Xemelgo, díxolles ós outros discípulos: “Vamos nós tamén e morramos con Xesús”.

17 Cando Xesús chegou, viu que Lázaro xa levaba catro días na tumba*. 18 Betania estaba cerca de Xerusalén, a uns tres quilómetros*. 19 Moitos xudeus viñeran a consolar a Marta e a María pola morte do seu irmán. 20 Cando Marta soubo que viña Xesús, saíu para encontrarse con el, pero María quedou sentada na casa. 21 Entón Marta díxolle a Xesús: “Señor, se estiveses aquí, meu irmán non estaría morto. 22 Pero incluso agora, sei que todo o que lle pidas a Deus, el vaicho dar”. 23 Xesús díxolle: “Teu irmán vai resucitar*”. 24 E Marta respondeulle: “Eu sei que volverá á vida* na resurrección, no último día”. 25 Entón Xesús díxolle: “Eu son a resurrección e a vida. Quen demostre que ten fe en min, aínda que morra, chegará a vivir. 26 E quen estea vivo e demostre que ten fe en min, non morrerá nunca. Cres ti isto?”. 27 Ela respondeulle: “Si, Señor. Eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus, o que tiña que vir ó mundo”. 28 Despois de dicir isto, foi chamar a súa irmá María e díxolle en privado: “O Mestre está aquí e está chamando por ti”. 29 En canto María escoitou iso, levantouse e foi onda el.

30 Xesús aínda non entrara na aldea e seguía no mesmo sitio onde Marta o encontrara. 31 Cando os xudeus que estaban na casa consolando a María viron que ela se levantaba de repente e marchaba, foron detrás dela porque pensaban que ía chorar á tumba*. 32 María chegou a onde estaba Xesús e, cando o viu, botouse ó chan diante del e díxolle: “Señor, se estiveses aquí, meu irmán non estaría morto”. 33 Cando Xesús viu que María estaba chorando e que os xudeus que ían con ela tamén choraban, partíuselle o corazón* e sentiu moita angustia. 34 Entón preguntou: “Onde o puxestes?”. Eles contestáronlle: “Señor, ven a ver”. 35 E a Xesús caéronlle as lágrimas. 36 Cando os xudeus o viron, empezaron a dicir: “Mirade canto lle quería!*”. 37 Pero algúns deles dicían: “Se este home puido curar o* cego, non puido impedir que Lázaro morrese?”.

38 A Xesús volvéuselle a encoller o corazón, e entón foi á tumba*. En realidade, a tumba era unha cova que tiña unha pedra tapando a entrada. 39 Xesús dixo: “Apartade a pedra”. Pero Marta, a irmá do defunto, díxolle: “Señor, xa debe cheirar, porque xa pasaron catro días”. 40 E Xesús preguntoulle: “Non che dixen que se crías poderías ver a gloria de Deus?”. 41 Así que apartaron a pedra. Entón, Xesús mirou para o ceo e dixo: “Pai, douche as grazas porque me escoitaches. 42 Xa sei que sempre me escoitas, pero dígoo por toda a xente que teño arredor, para que crean que ti me enviaches”. 43 E despois de dicir iso, berrou con forza: “Lázaro, sae para fóra!”. 44 E o home que estivera morto saíu. Levaba as mans e os pés envoltos con vendas, e a cara envolta cunha tea. Xesús díxolles: “Quitádelle as vendas para que poida camiñar”.

45 Cando viron o que fixera Xesús, moitos dos xudeus que viñeran a visitar a María empezaron a ter fe nel. 46 Pero algúns foron onda os fariseos e contáronlles o que fixera Xesús. 47 Así que os sacerdotes principais e os fariseos reuniron o Sanedrín e dixeron: “Que imos facer? Porque este home fai moitos milagres*. 48 Se deixamos que siga así, todos van empezar a ter fe nel, e entón virán os romanos e quitarannos o noso lugar santo* e a nosa nación”. 49 Entón un deles, que se chamaba Caifás e que era o sumo sacerdote aquel ano, díxolles: “Non entendedes nada. 50 Non vos estades dando conta de que vos convén que morra un só home por todo o pobo, en vez de que toda a nación sexa destruída”. 51 Pero non o dixo porque fose idea súa, senón que, como era sumo sacerdote aquel ano, profetizou que Xesús ía morrer polos xudeus. 52 E non só polos xudeus, senón tamén para xuntar nun só grupo os fillos de Deus que estaban espallados. 53 Así que ese día empezaron a conspirar para matar a Xesús.

54 Por iso Xesús deixou de aparecer en público entre os xudeus e marchou para a rexión que está cerca do deserto, para unha cidade chamada Efraín, e quedou alí cos discípulos. 55 Faltaba pouco para a Pascua dos xudeus, e moita xente da zona rural subiu a Xerusalén antes da Pascua para limparse cerimonialmente*. 56 Puxéronse a buscar a Xesús, e dicíanse uns ós outros no templo: “Vós que pensades? Virá á festa ou non?”. 57 Pero os sacerdotes principais e os fariseos mandaran que se alguén sabía onde estaba Xesús, tiña que avisar para que puidesen arrestalo.

12 Seis días antes da Pascua, Xesús chegou a Betania, onde vivía Lázaro, a quen Xesús resucitara* de entre os mortos. 2 Alí preparáronlle unha cea. Marta servíalles a comida e Lázaro era un dos que estaban ceando* con el. 3 Entón María colleu un frasco* cun aceite perfumado moi caro, de nardo puro, e botoullo nos pés a Xesús. Despois secoulle os pés co seu pelo e a casa enteira encheuse co aroma do aceite perfumado. 4 Pero un dos seus discípulos, Xudas Iscariote, que estaba a punto de traizoalo, dixo: 5 “Por que non se vendeu este aceite perfumado por 300 denarios* e se repartiron os cartos entre os pobres?”. 6 Pero non o dixo porque lle importasen os pobres, senón porque era un ladrón. Como estaba encargado da caixa dos cartos, roubaba o diñeiro que se botaba nela. 7 Entón Xesús dixo: “Déixaa tranquila, para que poida cumprir con este costume como preparación para o día do meu enterro. 8 Porque sempre ides ter os pobres con vós, pero a min non me ides ter sempre”.

9 Mentres tanto, moitos xudeus souberon que Xesús estaba en Betania e viñeron a velo. Pero non viñan só por el, senón tamén por Lázaro, a quen Xesús resucitara* de entre os mortos. 10 Así que os sacerdotes principais puxéronse a conspirar para matar tamén a Lázaro, 11 porque moitos xudeus ían alí para ver o que lle pasara e empezaban a ter fe en Xesús.

12 Ó día seguinte, a gran multitude que viñera para a festa soubo que Xesús estaba chegando a Xerusalén. 13 Entón colleron follas de palmeira, saíron para encontrarse con el e puxéronse a berrar: “Deus, por favor, sálvao! Bendito o que vén no nome de Xehová*, o Rei de Israel!”. 14 Cando Xesús encontrou un burriño, sentouse nel. Así cumpriuse o que está escrito: 15 “Non teñas medo, filla de Sión. Mira! Vén o teu rei e vai montado nun burriño”. 16 Ó principio, os seus discípulos non entenderon estas cousas. Pero cando Xesús foi glorificado*, recordaron que estas cousas estaban escritas sobre el e que iso fora o que lle fixeran.

17 A xente que estaba con Xesús cando el lle dixo a Lázaro que saíse da tumba* e o resucitou* de entre os mortos íalles contando* a outros o que pasara. 18 De feito, tamén foi por iso polo que a multitude saíu para encontrarse con Xesús, porque escoitaran que fixera ese milagre*. 19 Así que os fariseos dixéronse uns ós outros: “Xa vedes que non estamos conseguindo nada. Mirade! Todo o mundo vai detrás del!”.

20 Entre a xente que viñera á festa para adorar a Deus había uns gregos. 21 Eles acercáronse a Felipe, que era de Betsaida de Galilea, e pedíronlle: “Señor, queremos ver a Xesús”. 22 Felipe foillo dicir a Andrés, e os dous foron a dicirllo a Xesús.

23 Pero Xesús contestoulles: “Chegou a hora de que o Fillo do Home sexa glorificado. 24 De verdade vos aseguro que se o gran de trigo non cae ó chan e morre, segue sendo só un gran. Pero se morre, entón dá moito froito. 25 Quen ama a súa vida* vaina perder*, pero quen odia a súa vida neste mundo vaina manter a salvo e conseguirá vida eterna. 26 Se alguén quere servirme, que me siga. E onde estea eu, alí tamén estará o meu servo. Se alguén quere servirme, o Pai vaino honrar. 27 Agora estou angustiado. E que podería dicir? Pai, sálvame deste momento tan difícil. Pero cheguei a este momento precisamente para isto. 28 Pai, glorifica o teu nome”. Entón escoitouse unha voz desde o ceo que dixo: “Xa o glorifiquei e volvereino a glorificar”.

29 A multitude que estaba alí escoitou iso, e algúns puxéronse a dicir que tronara. Pero outros dixeron: “Faloulle un anxo”. 30 Entón Xesús dixo: “Esta voz non se escoitou por min, escoitouse por vós. 31 Agora estase xulgando o mundo, agora o gobernante deste mundo vai ser botado fóra. 32 Pero cando eu sexa alzado*, atraerei a min todo tipo de persoas”. 33 En realidade, dixo isto para indicar de que maneira estaba a punto de morrer. 34 A multitude contestoulle: “Sabemos pola Lei que o Cristo existirá para sempre. Entón, como é que dis que o Fillo do Home ten que ser alzado? Quen é ese Fillo do Home?”. 35 Así que Xesús díxolles: “A luz estará entre vós un pouco máis de tempo. Camiñade coa luz mentres a luz estea con vós para que a escuridade non vos domine. O que camiña na escuridade non sabe a onde vai. 36 Demostrade que tedes fe na luz mentres a luz estea con vós, para que cheguedes a ser fillos da luz”.

Despois de dicir todo isto, Xesús marchou e escondeuse deles. 37 Aínda que fixera moitos milagres* diante deles, non tiñan fe nel. 38 Así cumpríronse as palabras do profeta Isaías, que dixo: “Xehová*, quen tivo fe na nosa mensaxe? A quen se lle mostrou o poder* de Xehová*?”. 39 Isaías tamén dixo cal era a razón pola que non podían crer: 40 “Cegoulles os ollos e fixo que o seu corazón se volvese duro, para que non vexan cos ollos, nin entendan co corazón, nin se volvan a min* e eu os cure”. 41 Isaías dixo isto porque viu a gloria del* e falou sobre el. 42 De todas formas, incluso moitos gobernantes dos xudeus tiñan fe nel. Pero como lles tiñan medo ós fariseos, non o recoñecían abertamente para que non os botasen* da sinagoga, 43 porque lles gustaba máis a aprobación* da xente que a aprobación de Deus.

44 Pero Xesús dixo con voz forte: “O que ten fe en min non só ten fe en min, senón tamén no que me enviou. 45 E o que me ve a min tamén ve a quen me enviou. 46 Eu vin ó mundo como unha luz, para que tódolos que teñan fe en min non sigan estando na escuridade. 47 Pero se alguén escoita as miñas palabras e non as obedece, eu non o xulgo, porque non vin a xulgar o mundo senón a salvalo. 48 O que me rechaza e non acepta as miñas palabras xa ten quen o xulgue. As palabras que dixen xulgarano no último día. 49 Porque non falei pola miña conta. O Pai, que me enviou, foi quen me mandou dicir o que teño que dicir e o que teño que ensinar. 50 E sei que seguir os seus mandamentos significa vida eterna. Así que todo o que digo, dígoo tal e como mo dixo o Pai”.

13 Antes da festa da Pascua, Xesús xa sabía que chegara a súa hora para deixar este mundo e volver onda o Pai. El amara os seus seguidores que estaban con el no mundo e seguiunos amando da mesma maneira ata o final. 2 Estaban ceando e o Demo* xa metera no corazón de Xudas Iscariote, que era fillo de Simón, a idea de traizoar a Xesús. 3 Así que Xesús, que sabía que o Pai puxera tódalas cousas nas súas mans, que Deus o enviara e que ía volver con Deus, 4 levantouse da mesa, puxo o seu manto a un lado, colleu unha toalla e atouna á cintura. 5 Despois botou auga nunha palangana, e empezou a lavarlles os pés ós discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba atada á cintura. 6 Cando chegou a Simón Pedro, el preguntoulle: “Señor, vasme lavar ti os pés?”. 7 Xesús respondeulle: “Agora non entendes o que estou facendo, pero xa o entenderás máis adiante”. 8 Pedro díxolle: “Ti nunca me lavarás os pés”. E Xesús contestoulle: “Se non chos lavo, non es un dos meus*”. 9 Simón Pedro díxolle: “Señor, entón non me laves só os pés, lávame tamén as mans e a cabeza”. 10 Xesús respondeulle: “O que xa se bañou ten todo o corpo limpo, así que só necesita lavar os pés. Vós estades limpos, pero non todos”. 11 Xesús sabía quen o ía traizoar, e por iso dixo: “Non todos estades limpos”.

12 Despois de lavarlles os pés, puxo o seu manto, sentouse* outra vez á mesa e díxolles: “Entendedes o que vos fixen? 13 Vós chamádesme Mestre e Señor, e tedes razón, porque o son. 14 Así que se eu, que son o Señor e o Mestre, vos lavei os pés a vós, vós tamén tedes que* lavarvos os pés uns ós outros. 15 Púxenvos o exemplo* para que fagades o mesmo que eu vos fixen. 16 De verdade vos aseguro que o escravo non é máis que o seu amo nin o enviado é máis que quen o enviou. 17 Agora que sabedes estas cousas, seredes felices se as facedes. 18 Non estou falando de todos vós. Eu coñezo os que escollín. Pero isto pasou para que se cumprise a parte das Escrituras que di: ‘O que comía do meu pan volveuse contra min*’. 19 Dígovos isto agora, antes de que pase, para que cando pase creades que eu son quen digo ser. 20 De verdade vos aseguro que quen recibe a calquera que eu envíe recíbeme tamén a min, e quen me recibe a min recibe tamén a quen me enviou”.

21 Despois de dicir isto, Xesús angustiouse moito e díxolles directamente: “De verdade vos aseguro que un de vós me vai traizoar”. 22 Entón os discípulos empezaron a mirar uns para os outros, e estaban confundidos porque non sabían de cal deles estaba falando. 23 Un dos seus discípulos, ese ó que Xesús quería moito, estaba ó lado* de Xesús na mesa. 24 Así que Simón Pedro fíxolle un xesto coa cabeza e preguntoulle: “De quen está falando?”. 25 Entón ese discípulo recostouse no peito de Xesús e preguntoulle: “Señor, quen é?”. 26 Xesús contestoulle: “É ó que lle vou dar o cacho de pan que vou mollar no prato”. E despois de mollar o pan deullo a Xudas, o fillo de Simón Iscariote. 27 Xudas colleu o cacho de pan e despois Satanás entrou nel. Entón Xesús díxolle: “O que vas facer, faino máis rápido”. 28 Pero ningún dos que estaban* á mesa sabía por que lle dixera iso. 29 De feito, como Xudas era o encargado da caixa dos cartos, algúns pensaban que Xesús lle estaba dicindo que comprase o que necesitaban para a festa ou que lles dese algo ós pobres. 30 Así que en canto colleu o cacho de pan, marchou de alí. Era de noite.

31 Cando Xudas xa marchara, Xesús dixo: “Agora o Fillo do Home é glorificado, e Deus é glorificado mediante el. 32 Deus mesmo o vai glorificar e vaino facer moi pronto. 33 Filliños, vou estar con vós un pouco máis. Buscarédesme, pero agora dígovos o mesmo que lles dixen ós xudeus: ‘Para onde eu vou, vós non podedes vir’. 34 Douvos un mandamento novo: amádevos uns ós outros. Da mesma maneira que eu vos amei, amádevos tamén vós uns ós outros. 35 Así todos saberán que sodes os meus discípulos, se vos amades* uns ós outros”.

36 Simón Pedro preguntoulle a Xesús: “Señor, a onde vas?”. E el contestoulle: “A onde eu vou non me podes seguir agora, pero seguirasme máis tarde”. 37 Pedro díxolle: “Señor, por que non te podo seguir agora? Eu estou disposto a dar a miña vida por ti”. 38 E Xesús contestoulle: “Dis que darías a vida por min? De verdade che aseguro que non cantará o galo ata que negues tres veces que me coñeces”.

14 “Non deixedes que o voso corazón se angustie. Demostrade que tedes fe en Deus, e demostrade que tamén tedes fe en min. 2 Na casa de meu Pai hai moitos sitios onde vivir. Se iso non fose certo, non volo diría. Pero é certo, porque vou preparar un sitio para vós. 3 Ademais, despois de que eu marche e cando xa teña preparado un sitio para vós, volverei e recibireivos na casa, ó meu lado, para que tamén esteades onde estea eu. 4 E xa sabedes o camiño para ir a onde eu vou”.

5 Tomás díxolle: “Señor, non sabemos a onde vas. Como imos coñecer o camiño?”.

6 Xesús contestoulle: “Eu son o camiño, a verdade e a vida. Ninguén pode chegar ó Pai se non é por medio de min. 7 Se me coñecedes a min, tamén coñeceredes o meu Pai. De feito, coñecédelo desde agora e xa o vistes”.

8 Felipe díxolle: “Señor, móstranos o Pai, e con iso xa nos chega”.

9 E Xesús contestoulle: “Felipe, con todo o tempo que levo con vós, e aínda non me coñeces? O que me viu a min tamén viu o Pai. Como me dis ‘Móstranos o Pai’? 10 E logo non cres que estou unido ó Pai e que o Pai está unido a min? As cousas que eu vos digo non son ideas miñas, senón que o Pai, que se mantén unido a min, está facendo as súas obras por medio de min. 11 Crédeme cando vos digo que eu estou unido ó Pai e que o Pai está unido a min. E se non credes polo que digo, crede polas obras que fago. 12 De verdade vos aseguro que quen demostre que ten fe en min tamén fará o que eu fago. E fará cousas aínda máis grandes, porque eu marcho para onda o Pai. 13 Ademais, calquera cousa que pidades no meu nome fareina, para que o Pai sexa glorificado por medio do Fillo. 14 Se pedides algo no meu nome, eu fareino.

15 ”Se me amades, obedeceredes os meus mandamentos. 16 E eu suplicareille ó Pai, e el daravos outro axudante* que estea con vós para sempre: 17 o espírito santo que revela a verdade. O mundo non pode recibilo, porque nin o ve nin o coñece. Pero vós si que o coñecedes, porque está en vós e permanece con vós. 18 Non vos deixarei abandonados*, eu volverei onda vós. 19 Dentro de pouco, o mundo xa non me verá máis, pero vós si que me veredes, porque eu vivo e vós viviredes. 20 Ese día saberedes que eu estou unido ó meu Pai, que vós estades unidos a min e que eu estou unido a vós. 21 O que acepta os meus mandamentos e os obedece é o que me ama. E meu Pai vai amar a quen me ama, e eu amareino e mostrareime claramente a el”.

22 Xudas (o Iscariote non, o outro) preguntoulle: “Señor, que pasou para que vaias a mostrarte claramente a nós e non ó mundo?”.

23 Xesús contestoulle: “Se alguén me ama, obedecerá as miñas palabras, meu Pai amarao, e meu Pai mais eu viremos a el e viviremos con el. 24 O que non me ama non obedece as miñas palabras. As palabras que escoitades non son miñas, senón que son do Pai que me enviou.

25 ”Dígovos estas cousas mentres aínda estou con vós. 26 Pero o axudante, o espírito santo que o Pai mandará no meu nome, ensinaravos tódalas cousas e faravos recordar todo o que vos dixen. 27 Déixovos a paz, douvos a miña paz. Non vola dou como a dá o mundo. Non deixedes que o voso corazón se angustie nin que teña medo. 28 Escoitastes que vos dixen: ‘Marcho e volverei onda vós’. Se me amades, alegrarédesvos de que vaia onda o Pai, porque o Pai é superior a min*. 29 Díxenvos isto antes de que pase para que, cando pase, creades. 30 Xa non vou falar moito máis con vós, porque vén o gobernante do mundo, aínda que el non ten ningún poder sobre min*. 31 Pero para que o mundo saiba que eu amo o Pai, fago exactamente o que o Pai me mandou. Levantádevos, vámonos de aquí.

15 ”Eu son a vide verdadeira e meu Pai é o agricultor. 2 El corta tódalas ramas que hai en min que non dan froito, e limpa tódalas que dan froito para que dean máis. 3 Vós xa estades limpos porque escoitastes as palabras que vos dixen. 4 Mantédevos unidos a min e eu mantereime unido a vós. Igual que a rama non pode dar froito por si soa se non se mantén unida á vide, vós tampouco podedes dar froito se non vos mantedes unidos a min. 5 Eu son a vide e vós sodes as ramas. O que se mantén unido a min, e eu unido a el, dá moito froito. Porque se estades separados de min, non podedes facer nada. 6 Se alguén non se mantén unido a min, será coma unha rama que se tira e que seca. Esas ramas recóllense, bótanse ó lume e quéimanse. 7 Se vos mantedes unidos a min e tedes as miñas palabras nos vosos corazóns, pedide o que queirades e farase realidade. 8 Isto é o que lle dá gloria a meu Pai: que sigades dando moito froito e demostredes que sodes os meus discípulos. 9 Da mesma maneira que o Pai me amou a min, eu ameivos a vós. Mantédevos no meu amor. 10 Se obedecedes os meus mandamentos, manterédesvos no meu amor, igual que eu obedecín os mandamentos de meu Pai e mantéñome no seu amor.

11 ”Díxenvos estas cousas para que sintades a mesma felicidade que sinto eu e para que esteades cheos de alegría. 12 Este é o meu mandamento: que vos amedes uns ós outros da mesma maneira que eu vos amei. 13 Ninguén ten un amor máis grande que o que dá a vida* polos seus amigos. 14 Vós sodes os meus amigos se facedes o que vos mando. 15 Xa non vos chamo escravos, porque o escravo non sabe o que fai o seu amo. Chámovos amigos, porque vos expliquei todo o que lle escoitei dicir a meu Pai. 16 Vós non me escollestes a min, escollinvos eu a vós. Encargueivos que vaiades e sigades dando froito, froito que dure. Así o Pai daravos calquera cousa que lle pidades no meu nome.

17 ”Mándovos estas cousas para que vos amedes uns ós outros. 18 Se o mundo vos odia, xa sabedes que me odiou a min antes que a vós. 19 Se fósedes parte do mundo, o mundo amaríavos porque seriades seus. Pero vós non sodes parte do mundo, porque eu escollinvos de entre o mundo, e por iso o mundo vos odia. 20 Recordade o que vos dixen: o escravo non é máis que o seu amo. Se me perseguiron a min, tamén vos perseguirán a vós. Se obedeceron as miñas palabras, tamén obedecerán as vosas. 21 Faranvos todas estas cousas porque sodes os meus seguidores* e porque non coñecen a quen me enviou. 22 Se eu non viñese e non lles falase, non serían culpables de pecar. Pero agora non teñen escusa para o seu pecado. 23 O que me odia a min tamén odia a meu Pai. 24 Se eu non fixese diante deles as cousas que ninguén máis fixo, non serían culpables de pecar. Pero agora víronme, e odiáronme a min e tamén a meu Pai. 25 Isto pasou para que se cumprise o que estaba escrito na súa Lei*: ‘Odiáronme sen ningún motivo’. 26 Eu enviareivos o axudante de parte do Pai, o espírito santo que revela a verdade e que vén do Pai. E ese axudante, cando veña, testificará ó meu favor. 27 E vós tamén tedes que dar testemuño, porque estivestes comigo desde o principio.

16 ”Díxenvos estas cousas para que non perdades a fe*. 2 Vanvos botar* da sinagoga. De feito, acércase a hora na que os que vos maten pensarán que lle están dando servizo sagrado a Deus. 3 Pero farán todo isto porque non chegaron a coñecernos nin ó Pai nin a min. 4 Díxenvos estas cousas para que, cando chegue o momento de que pasen, recordedes que volas dixen.

”Non volas expliquei ó principio porque estaba con vós. 5 Pero agora vou onda o que me enviou, e ningún de vós me pregunta ‘A onde vas?’. 6 En vez diso, o voso corazón encheuse de tristeza porque vos expliquei estas cousas. 7 Pero dígovos a verdade: marcho polo voso ben. Porque se non marcho, o axudante non virá onda vós, pero se marcho, mandaréivolo. 8 E cando o axudante veña, daralle ó mundo probas convincentes sobre o pecado, a xustiza e o xuízo. 9 Primeiro sobre o pecado, porque o mundo non demostra que ten fe en min. 10 Despois sobre a xustiza, porque vou onda o Pai por ser xusto e non me veredes máis. 11 E despois sobre o xuízo, porque o gobernante deste mundo foi xulgado.

12 ”Aínda teño moitas cousas que dicirvos, pero non podedes entendelas* agora. 13 Pero cando el* veña (o espírito santo que revela a verdade), guiaravos, axudándovos a entender toda a verdade. Porque non falará pola súa propia conta, senón que dirá o que escoite e anunciaravos as cousas que van pasar. 14 El darame gloria porque vos anunciará o que me escoite dicir a min. 15 Todo o que ten o Pai tamén é meu. Por iso dixen que el vos anunciará o que me escoite dicir a min. 16 Dentro de pouco xa non me ides ver máis, e tamén, dentro de pouco verédesme”.

17 Cando escoitaron iso, algúns dos seus discípulos dixéronse uns ós outros: “Que nos quere dicir con ‘Dentro de pouco xa non me ides ver, e tamén, dentro de pouco verédesme’? E que significa o de ‘Porque vou onda o Pai’?”. 18 E dicían: “Que quere dicir con ‘Dentro de pouco’? Non sabemos de que está falando”. 19 Xesús sabía que lle querían facer preguntas, e por iso lles dixo: “Seica vos andades preguntando iso uns ós outros porque dixen ‘Dentro de pouco xa non me ides ver, e tamén, dentro de pouco verédesme’? 20 De verdade vos aseguro que vós choraredes e lamentarédesvos, pero o mundo vaise alegrar. Sentiredes dor, pero a vosa dor converterase en felicidade. 21 Cando unha muller está dando a luz, sente dor porque chegou o momento de ter o neno. Pero cando xa deu a luz, a felicidade de traer un neno ó mundo fai que xa non se acorde de todo o sufrimento. 22 Vós agora tamén estades moi tristes, pero volverei a vervos e o voso corazón encherase de alegría e ninguén vos poderá quitar a vosa alegría. 23 Ese día non me faredes ningunha pregunta. De verdade vos aseguro que calquera cousa que lle pidades ó Pai no meu nome, el váivola dar. 24 Ata agora non pedistes nada no meu nome. Pedide e recibiredes, para que esteades cheos de alegría.

25 ”Díxenvos estas cousas usando comparacións. Pero acércase a hora na que xa non vos falarei con comparacións, senón que vos falarei do Pai claramente. 26 Ese día pedirédeslle ó Pai no meu nome. Pero con isto non quero dicir que lle vou pedir eu por vós. 27 O Pai quérevos* porque me quixestes a min e crestes que vin como representante de Deus. 28 Vin ó mundo como representante do Pai. Agora deixo o mundo e vou onda o Pai”.

29 Entón os seus discípulos dixéronlle: “Agora si que falas claro, sen usar comparacións. 30 Agora sabemos que o sabes todo e que non necesitas que ninguén che faga preguntas, porque xa sabes o que están pensando. Por iso cremos que viñeches de Deus”. 31 Xesús contestoulles: “Agora credes? 32 Mirade! Acércase a hora, de feito xa chegou, na que seredes espallados. Cada un marchará para a súa casa e deixarédesme só. Pero non estou só, porque o Pai está comigo. 33 Díxenvos estas cousas para que teñades paz por medio de min. No mundo ides sufrir*, pero sede valentes! Eu vencín o mundo”.

17 Despois de dicir estas cousas, Xesús mirou cara ó ceo e dixo: “Pai, chegou a hora. Glorifica o teu fillo para que o teu fillo te glorifique a ti. 2 Ti décheslle autoridade sobre tódalas persoas* para que el lles dea vida eterna a tódolos que ti lle entregaches. 3 Isto significa vida eterna: que te coñezan* a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen ti enviaches, Xesucristo. 4 Eu glorifiqueite na terra e acabei a obra que me encargaches. 5 Así que agora, Pai, glorifícame ó teu lado coa gloria que eu tiña cando estaba onda ti, antes de que o mundo existise.

6 ”Deilles a coñecer o teu nome ós que me entregaches do mundo. Eran teus e entregáchesmos, e obedeceron as túas palabras. 7 Agora saben que todo o que me deches vén de ti, 8 porque lles dei a mensaxe que me deches, e eles aceptárona e de verdade chegaron a saber que vin como representante teu, e creron que ti me enviaches. 9 Pídoche por eles. Non che pido polo mundo, senón polos que ti me entregaches, porque son teus. 10 Todo o que é meu é teu, e todo o que é teu é meu, e eu fun glorificado entre eles.

11 ”Eu xa non estou no mundo, pero eles si que están no mundo e eu marcho onda ti. Pai Santo, coida deles polo teu propio nome, o que ti me deches, para que eles sexan un*, igual que ti mais eu somos un*. 12 Cando estaba con eles, eu coidábaos polo teu propio nome, o que ti me deches. Protexinos e ningún deles foi destruído, só o fillo da destrución*, para que se cumprisen as Escrituras. 13 Pero agora marcho onda ti, e digo todo isto mentres aínda estou no mundo para que eles sintan dentro deles toda a alegría que eu sinto. 14 Eu transmitinlles as túas palabras, pero o mundo odiounos porque eles non son parte do mundo, igual que eu non son parte do mundo.

15 ”Non che pido que os saques do mundo, senón que os protexas do Maligno*. 16 Eles non son parte do mundo, igual que eu tampouco son parte do mundo. 17 Santifícaos* por medio da verdade. A túa palabra é a verdade. 18 Igual que ti me mandaches ó mundo, eu tamén os mandei ó mundo. 19 E eu santifícome a favor deles para que eles tamén sexan santificados por medio da verdade.

20 ”Non che pido só por eles, senón tamén polos que cheguen a ter fe en min ó escoitar o que eles ensinen, 21 para que todos sexan un. Igual que ti, Pai, estás unido a min e eu estou unido a ti, que eles tamén estean unidos a nós. Así o mundo crerá que ti me enviaches. 22 Deilles a gloria que me deches para que eles sexan un, igual que nós somos un. 23 Eu estou unido a eles e ti estás unido a min para que estean completamente unidos*. Así o mundo saberá que ti me enviaches e que os amaches a eles igual que me amaches a min. 24 Pai, quero que os que me entregaches estean comigo onde estea eu, para que vexan a gloria que me deches, porque me amaches antes do principio da humanidade*. 25 Pai xusto, en realidade o mundo non te coñece, pero eu coñézote e eles saben que ti me enviaches. 26 Deilles a coñecer o teu nome e seguireino dando a coñecer, para que o amor que me mostraches estea neles e eu estea unido a eles”.

18 Despois de dicir estas cousas, Xesús marchou cos seus discípulos ó outro lado do val de Cedrón e entrou con eles nun xardín que había alí. 2 Xudas, o que o ía traizoar, tamén coñecía ese sitio, porque Xesús reunírase moitas veces alí cos seus discípulos. 3 Entón, Xudas apareceu coa tropa de soldados e de gardas dos sacerdotes principais e dos fariseos. Traían na man fachos*, candís* e armas. 4 Así que Xesús, que sabía todo o que lle ía pasar, deu un paso cara adiante e preguntoulles: “A quen buscades?”. 5 Eles respondéronlle: “A Xesús o Nazareno”. E el díxolles: “Son eu”. Xudas, o traidor, tamén estaba alí con eles.

6 Pero cando Xesús lles dixo “Son eu”, botáronse para atrás e caeron ó chan. 7 Entón preguntoulles outra vez: “A quen buscades?”. Eles dixéronlle: “A Xesús o Nazareno”. 8 E Xesús contestoulles: “Xa vos dixen que son eu. Así que se me estades buscando a min, deixade que estes homes marchen”. 9 Isto pasou para que se cumprise o que el dixera: “Non perdín ningún dos que me entregaches”.

10 Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, sacouna, atacou o escravo do sumo sacerdote e cortoulle a orella dereita. O escravo chamábase Malco. 11 Pero Xesús díxolle a Pedro: “Garda a espada na súa funda. Seica non debo beber da copa* que me deu o Pai?”.

12 Entón os soldados, o comandante militar e os gardas dos xudeus arrestaron a Xesús e atárono. 13 Primeiro levárono onda Anás porque era o sogro de Caifás, que era o sumo sacerdote ese ano. 14 De feito, Caifás era quen lles dixera ós xudeus que lles conviña que morrese un só home por todo o pobo.

15 Simón Pedro e outro discípulo ían seguindo a Xesús. Como ese outro discípulo era un coñecido do sumo sacerdote, entrou con Xesús no patio do sumo sacerdote, 16 pero Pedro quedou fóra, onda a porta*. Así que o outro discípulo, o coñecido do sumo sacerdote, saíu falar coa porteira e levou a Pedro para dentro. 17 Entón a criada, que era a porteira, preguntoulle a Pedro: “Ti non serás tamén un dos discípulos dese home, non?”. El contestoulle: “Non, non o son”. 18 Por culpa do frío, os escravos e os gardas fixeran un lume e estaban de pé arredor del para quentarse. E Pedro tamén estaba alí quentándose con eles.

19 O sacerdote principal* in terrogou a Xesús sobre os seus discípulos e sobre o que ensinaba. 20 E Xesús respondeulle: “Falei abertamente diante de todos. Ensinei sempre nas sinagogas e no templo, onde se reúnen tódolos xudeus, e non falei nada ás escondidas. 21 Por que me interrogas a min? Interroga os que escoitaron o que lles expliquei. Eles saben ben o que dixen”. 22 Cando Xesús dixo isto, un dos gardas que estaban alí pegoulle na cara* e díxolle: “Así é como lle contestas ó sacerdote principal?”. 23 Xesús respondeulle: “Se dixen algo malo, dime* que foi o que dixen. Pero se o que dixen é verdade, por que me pegas?”. 24 Entón Anás mandouno atado onda Caifás, o sumo sacerdote.

25 Mentres, Simón Pedro seguía quentándose alí de pé. Entón preguntáronlle: “Ti non serás tamén un dos seus discípulos, non?”. E el negouno. Dixo: “Non, non o son”. 26 Un dos escravos do sumo sacerdote, que era parente do home ó que Pedro lle cortara a orella, díxolle: “Eu vinte no xardín con el, non?”. 27 Pero Pedro negouno outra vez, e nese momento cantou un galo.

28 Pola mañá cedo, levaron a Xesús da casa de Caifás ó palacio do gobernador, pero non entraron no palacio para non contaminarse e poder comer a Pascua. 29 Por iso Pilato saíu a onde estaban eles e preguntoulles: “De que acusades a este home?”. 30 Eles contestáronlle: “Se este home non fose un delincuente, non cho entregariamos”. 31 Así que Pilato díxolles: “Levádeo e xulgádeo de acordo coa vosa lei”. Pero os xudeus contestáronlle: “A nós non se nos permite matar a ninguén”. 32 Isto pasou para que se cumprise o que Xesús dixera sobre como ía morrer.

33 Entón Pilato entrou outra vez no palacio do gobernador, chamou a Xesús e preguntoulle: “Es ti o rei dos xudeus?”. 34 Xesús contestoulle: “Iso que me preguntas saíu de ti ou escoitaches a outros falar de min?”. 35 Pilato díxolle: “Seica son eu xudeu? A túa propia nación e os sacerdotes principais entregáronte a min. Que fixeches?”. 36 Xesús respondeulle: “O meu Reino non é parte deste mundo. Se o meu Reino fose parte deste mundo, os meus seguidores loitarían para que non me entregasen ós xudeus. Pero o certo é que o meu Reino non é de aquí”. 37 Así que Pilato preguntoulle: “Entón, ti es rei?”. Xesús contestoulle: “Si, ti mesmo estás dicindo que son rei. Para isto nacín e para isto vin ó mundo: para dar testemuño da verdade. Todo o que está de parte da verdade escoita a miña voz”. 38 E Pilato preguntoulle: “Que é a verdade?”.

Despois de dicir isto, saíu outra vez a onde estaban os xudeus e díxolles: “Eu non vexo que sexa culpable de nada. 39 Ademais, tedes o costume de que na Pascua vos deixe libre un preso. Queredes que vos poña en liberdade o rei dos xudeus?”. 40 E eles volveron a berrar: “Non, a ese non! A Barrabás!”. Barrabás era un ladrón.

19 Entón Pilato mandou que levasen a Xesús e que lle desen lategazos*. 2 Os soldados entrelazaron uns espiños para facer unha coroa, colocáronlla na cabeza e puxéronlle un manto de color púrpura. 3 E acercábanselle dicindo: “Viva o rei dos xudeus!”. Ademais, tamén lle pegaban na cara*. 4 Pilato saíu outra vez onda a multitude e díxolle: “Mirade! Tráiovolo aquí fóra para que saibades que non vexo que sexa culpable de nada”. 5 Así que Xesús saíu levando posta a coroa feita de espiños e tamén o manto de color púrpura. E Pilato díxolle á xente: “Mirade! O home!”. 6 Pero cando os sacerdotes principais e os oficiais o viron, berraron: “Que morra no madeiro!* Que morra no madeiro!”. Entón Pilato díxolles: “Levádeo e executádeo* vós, porque eu non vexo que sexa culpable de nada”. 7 Os xudeus contestáronlle: “Nós temos unha lei, e de acordo con esa lei ten que morrer, porque dixo que é fillo de Deus”.

8 Cando Pilato escoitou o que dicían, entroulle aínda máis medo. 9 Entón volveu para dentro do palacio do gobernador e preguntoulle a Xesús: “Ti de onde es?”. Pero Xesús non lle contestou nada. 10 Así que Pilato díxolle: “Négaste a falar comigo? Non sabes que teño autoridade para deixarte libre e autoridade para executarte*?”. 11 Xesús contestoulle: “Non terías autoridade ningunha sobre min se non a recibises do ceo. Por iso o home que me entregou a ti é culpable dun pecado máis grave”.

12 Isto fixo que Pilato seguise buscando a forma de deixalo libre. Pero os xudeus berraron: “Se o deixas libre, non es amigo de César! Calquera que di que é rei vai* en contra de César!”. 13 Cando Pilato escoitou isto, sacou a Xesús para fóra e sentouse no tribunal, nun sitio chamado Empedrado, que en hebreo é Gábaza. 14 Era o día da preparación da Pascua, arredor das 12 do mediodía*, e Pilato díxolles ós xudeus: “Mirade! O voso rei!”. 15 Pero eles berraron: “Fóra! Fóra! Que morra no madeiro!”. E Pilato preguntoulles: “Entón, queredes que execute o voso rei?”. E os sacerdotes principais contestáronlle: “O único rei que temos é César”. 16 Despois diso, entregoulles a Xesús para que o executasen no madeiro.

E eles encargáronse del. 17 Entón el saíu cargando co seu madeiro de tortura* cara ó sitio chamado Lugar do Cranio*, que en hebreo se chama Gólgota. 18 Alí cravárono no madeiro xunto a outros dous homes, un a cada lado, e Xesús no medio. 19 Ademais, Pilato escribiu un letreiro e púxoo no madeiro de tortura. O letreiro dicía: “Xesús o Nazareno, o rei dos xudeus”. 20 Moitos xudeus leron este letreiro porque o lugar onde cravaron a Xesús no madeiro estaba cerca da cidade. Ademais, o letreiro estaba escrito en hebreo, en latín e en grego. 21 Pero os sacerdotes principais dos xudeus dixéronlle a Pilato: “Non escribas ‘O rei dos xudeus’. Escribe que el dixo ‘Eu son rei dos xudeus’”. 22 E Pilato contestou: “O que escribín, escrito está”.

23 Despois de cravar a Xesús no madeiro, os soldados colleron a súa roupa e dividírona en catro partes, unha para cada soldado. Tamén colleron a súa túnica*, pero non tiña costuras porque era unha única peza feita de arriba a abaixo. 24 Así que os soldados dixéronse uns ós outros: “Non a imos romper. Imos botar sortes* para ver quen queda con ela”. Isto pasou para que se cumprise a parte das Escrituras que di: “Repartíronse a miña vestimenta e sortearon a miña roupa”. E iso foi xusto o que fixeron os soldados.

25 Xunto ó madeiro de tortura de Xesús estaban súa nai e a irmá da súa nai. Tamén estaban María, que era a muller de Clopas, e María Madalena. 26 Cando Xesús viu que súa nai e o discípulo ó que el quería moito estaban alí cerca, díxolle á súa nai: “Muller, aí tes o teu fillo!”. 27 Despois díxolle ó discípulo: “Aí tes a túa nai!”. E, desde ese momento, o discípulo acolleuna na súa casa.

28 Despois diso, como Xesús sabía que xa sucederan tódalas cousas, dixo: “Teño sede”. Así cumpríronse as Escrituras. 29 Alí había unha xarra chea de viño ácido. Así que puxeron unha esponxa empapada co viño ácido nunha cana de hisopo* e acercáronlla á boca. 30 Cando Xesús probou o viño ácido, dixo: “Cumpriuse!”. Despois baixou a cabeza e morreu*.

31 Como era o día da preparación*, os xudeus pedíronlle a Pilato que lles partisen as pernas ós homes e quitasen os seus corpos, para que non quedasen nos madeiros de tortura durante o sábado (porque aquel era un sábado grande). 32 Así que os soldados foron e partíronlle as pernas ó primeiro home e tamén ó outro home que estaba no madeiro ó lado de Xesús. 33 Pero cando chegaron onda Xesús viron que xa estaba morto, e por iso non lle partiron as pernas. 34 Entón un dos soldados cravoulle unha lanza no costado, e nese momento saíu sangue e auga. 35 E o discípulo* que o viu deu este testemuño, e o seu testemuño é verdadeiro. El sabe que o que di é certo, para que vós tamén creades. 36 De feito, isto pasou para que se cumprise esta parte das Escrituras: “Non lle van romper ningún óso”. 37 Ademais, hai outra parte das Escrituras que di: “Van mirar a quen atravesaron”.

38 Despois disto, Xosé de Arimatea (que era discípulo de Xesús, pero en segredo porque lles tiña medo ós xudeus) preguntoulle a Pilato se podía levar o corpo de Xesús, e Pilato deulle permiso. Así que veu e levou o corpo. 39 Nicodemo (o home que a primeira vez fora a ver a Xesús de noite) chegou cunha mestura* de mirra e áloes* que pesaba unhas 100 libras*. 40 Entón, colleron o corpo de Xesús e envolvérono con teas de liño xunto coas especias aromáticas, de acordo co costume que teñen os xudeus para enterrar os seus mortos. 41 Resulta que cerca do lugar onde o executaran* había un xardín, e nese xardín había unha tumba* nova na que nunca puxeran a ninguén. 42 Como era o día da preparación dos xudeus e a tumba estaba cerca, puxeron alí a Xesús.

20 O primeiro día da semana*, María Madalena foi á tumba* cedo, mentres aínda estaba escuro, e viu que quitaran a pedra que tapaba a entrada da tumba. 2 Así que, foi correndo a ver a Simón Pedro e o outro discípulo, ese ó que Xesús quería moito, e díxolles: “O Señor non está na tumba! Levaron o seu corpo e non sabemos onde o puxeron!”.

3 Entón Pedro e o outro discípulo saíron cara á tumba. 4 Botaron a correr os dous xuntos, pero o outro discípulo correu máis rápido que Pedro e chegou antes á tumba. 5 Cando se agachou para mirar dentro, viu que estaban alí as teas de liño, pero non entrou. 6 Despois tamén chegou Simón Pedro, que viña detrás del, e entrou na tumba. E viu alí as teas de liño. 7 A tea coa que lle taparan a cabeza a Xesús non estaba coas outras teas. Estaba colocada en forma de rolo noutro sitio. 8 Entón o outro discípulo, o que chegara primeiro, tamén entrou na tumba, e viu e creu. 9 Pero aínda non entendían a parte das Escrituras que dicía que tiña que resucitar* de entre os mortos. 10 Así que os discípulos volveron para as súas casas.

11 Pero María quedou de pé alí fóra, chorando ó lado da tumba. Mentres choraba, agachouse para mirar dentro da tumba 12 e viu dous anxos vestidos de branco sentados onde antes estaba o corpo de Xesús, un na zona da cabeza e outro na dos pés. 13 Eles preguntáronlle: “Muller, por que choras?”. E ela contestoulles: “Porque levaron o meu Señor e non sei onde o puxeron”. 14 Despois de dicir isto, xirouse e viu a Xesús alí de pé, pero non se deu conta de que era el. 15 Xesús preguntoulle: “Muller, por que choras? A quen buscas?”. Ela pensou que era o xardineiro, e díxolle: “Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches e eu levareino comigo”. 16 Xesús díxolle: “María!”. Ela xirouse e contestoulle en hebreo: “Raboni! ” (que significa “mestre”). 17 E Xesús díxolle: “Deixa de agarrarte a min, que aínda non subín onda o Pai. Vai a onde están os meus irmáns e dilles: ‘Vou subir onda o meu Pai, que tamén é o voso Pai, e onda o meu Deus, que tamén é o voso Deus’”. 18 María Madalena foi a ver os discípulos e deulles a noticia: “Vin o Señor!”. E contoulles o que el lle dixera.

19 Á última hora daquel día, que era o primeiro día da semana, os discípulos estaban reunidos e pecharan con chave as portas do sitio no que estaban porque lles tiñan medo ós xudeus. Entón Xesús presentouse no medio deles e díxolles: “Que teñades paz”. 20 Despois de dicir iso, ensinoulles as mans e o costado, e os discípulos alegráronse moito ó ver o Señor. 21 Xesús volveulles a dicir: “Que teñades paz. Igual que o Pai me enviou a min, eu tamén vos envío a vós”. 22 Despois de dicir isto, soprou sobre eles e díxolles: “Recibide espírito santo. 23 Se lle perdoades os pecados a alguén, quédanlle perdoados. Se non llos perdoades, non lle quedan perdoados”.

24 Pero Tomás, un dos Doce, ó que lle chamaban o Xemelgo, non estaba con eles cando apareceu Xesús. 25 Por iso os outros discípulos lle dicían: “Vimos o Señor!”. Pero el díxolles: “Se non vexo a marca dos cravos nas súas mans, e non meto o meu dedo no burato dos cravos e a miña man no seu costado, non o vou crer nunca”.

26 Oito días despois, os discípulos estaban outra vez reunidos na casa, e Tomás estaba con eles. Aínda que as portas estaban pechadas con chave, Xesús presentouse no medio deles e díxolles: “Que teñades paz”. 27 Despois díxolle a Tomás: “Toca co teu dedo aquí. Mira as miñas mans e mete a túa man no meu costado. Deixa de ter dúbidas e cre”. 28 Entón Tomás díxolle: “Meu Señor e meu Deus!”. 29 E Xesús díxolle: “Criches porque me viches? Felices os que non viron e aínda así cren”.

30 De feito, Xesús tamén fixo diante dos discípulos moitos outros milagres* que non están escritos neste rolo. 31 Pero estes escribíronse para que creades que Xesús é o Cristo, o Fillo de Deus, e para que ó crer poidades ter vida por medio do seu nome.

21 Despois disto, Xesús volvéuselles a aparecer ós discípulos, esta vez xunto ó mar de Tiberíades. Isto foi o que pasou. 2 Estaban xuntos Simón Pedro, Tomás (ó que lle chamaban o Xemelgo), Natanael de Caná de Galilea, os fillos de Zebedeo e dous discípulos máis. 3 Entón Simón Pedro díxolles: “Vou pescar”. E eles dixéronlle: “Imos contigo”. Así que marcharon e subiron á barca. Pero aquela noite non pescaron nada.

4 Cando xa empezaba a facerse de día, Xesús estaba na praia, pero os discípulos non se deron conta de que era el. 5 Entón Xesús díxolles: “Filliños, non tedes nada* para comer, verdade?”. E eles responderon: “Non”. 6 Así que el díxolles: “Botade a rede polo lado dereito da barca e encontraredes peixes”. Eles botárona e a rede encheuse de tantos peixes que non podían subila. 7 Entón o discípulo ó que Xesús quería moito díxolle a Pedro: “É o Señor!”. Cando Simón Pedro escoitou que era o Señor, puxo a roupa, porque estaba espido*, e tirouse ó mar. 8 Pero os outros discípulos foron na barquiña arrastrando a rede chea de peixes, porque non estaban lonxe da beira. Estaban só a uns 90 metros*.

9 Cando chegaron a terra, viron que había unhas brasas e peixe enriba delas, e tamén había pan. 10 E Xesús díxolles: “Traede algúns dos peixes que acabades de pescar”. 11 Así que Simón Pedro subiu á barca e arrastrou a rede ata terra. A rede estaba chea de peixes grandes: había 153. Pero aínda que eran moitos, a rede non rompeu. 12 Xesús díxolles: “Vinde almorzar”. Ningún dos discípulos se atrevía a preguntarlle quen era, porque sabían que era o Señor. 13 Entón Xesús colleu o pan e déullelo ós discípulos, e fixo o mesmo co peixe. 14 Esta foi a terceira vez que Xesús se lles apareceu ós seus discípulos despois de resucitar* de entre os mortos.

15 Cando acabaron de almorzar, Xesús preguntoulle a Simón Pedro: “Simón, fillo de Xoán, ámasme máis que a estes?”. El respondeulle: “Si, Señor, ti sabes que te quero*”. E Xesús díxolle: “Alimenta os meus años”. 16 Despois preguntoulle por segunda vez: “Simón, fillo de Xoán, ámasme?”. El respondeulle: “Si, Señor, ti sabes que te quero”. E Xesús díxolle: “Pastorea as miñas ovelliñas”. 17 E Xesús preguntoulle por terceira vez: “Simón, fillo de Xoán, quéresme*?”. Pedro púxose triste porque lle preguntara tres veces se o quería, así que lle dixo: “Señor, ti sábelo todo. Ti sabes que te quero”. E Xesús díxolle: “Alimenta as miñas ovelliñas. 18 De verdade che aseguro que, cando eras máis novo, vestíaste ti mesmo e andabas por onde querías. Pero cando sexas vello, estirarás as mans e vestirate outro, e levarate a onde non queiras”. 19 Dixo isto para indicar a clase de morte coa que Pedro lle daría gloria a Deus. Despois Xesús díxolle: “Continúa seguíndome”.

20 Pedro xirouse e viu que detrás deles viña o discípulo ó que Xesús quería moito, o mesmo discípulo que na cea se recostara no peito de Xesús e lle preguntara: “Señor, quen te vai traizoar?”. 21 Cando o viu, Pedro preguntoulle a Xesús: “Señor, e que vai pasar con el?”. 22 Xesús díxolle: “Se quero que quede aquí ata que eu veña, que ten que ver iso contigo? Ti continúa seguíndome”. 23 Por iso entre os irmáns empezou a correr o rumor de que este discípulo non ía morrer. Pero Xesús non lle dixo que non morrería, senón que dixo: “Se quero que quede aquí ata que eu veña, que ten que ver iso contigo?”.

24 Este é o discípulo que dá testemuño sobre estas cousas e o que as escribiu, e sabemos que o seu testemuño é verdadeiro.

25 De feito, Xesús fixo moitas outras cousas que, se algunha vez se escribisen en detalle, supoño que no mundo non habería suficiente sitio para os rolos que se escribirían.

Ou “era divina”.

Ou “vencer”.

Refírese “á Palabra”.

Lit. “de sangue”.

Lit. “vontade da carne”.

Lit. “carne”.

Ou “de bondade inmerecida”.

Ou “no peito do Pai”. Refírese a unha posición especial de favor.

Ver apén. A5.

É dicir, ó leste do Xordán. Non se refire á Betania que estaba cerca de Xerusalén. Ver apén. 7.

Lit. “deu testemuño”.

Lit. “da hora décima”.

Ou “Sígueme”.

Lit. “Amén, amén”. Ver glosario amén.

Ver glosario Fillo do Home.

Lit. “Que para min e para ti, muller?”. Expresión que indica obxección. O uso da palabra muller non indica falta de respecto.

Lit. “dúas ou tres medidas de líquido”. Probablemente a medida fose o bato, que equivalía a 22 litros. Ver apén. B14.

Lit. “o principio dos seus sinais”.

Ou “nun mercado”, “nun negocio”.

Lit. “foi levantado”.

Lit. “sinais”.

Ou quizais “se non nace de arriba”.

Lit. “da carne”.

Lit. “carne”.

Lit. “alzou a serpe”.

Ver glosario unixénito.

Lit. “xulgado”.

Lit. “xulgado”.

Ou “se expoñan”, “sexan censuradas”.

Parece que Xesús supervisaba os bautismos. Comparar con Xn 4:2.

Lit. “selou”.

Lit. “non dá o espírito por medida”.

Lit. “o Señor”.

Ou “a fonte”.

Lit. “da hora sexta”.

Ou “cántaro”.

Refírese probablemente á Pascua.

Lit. “sinais”.

Ou “se estaba recuperando”.

Lit. “á hora sétima”.

Lit. “sinal”.

Refírese probablemente á Pascua.

Ver apén. A3.

Ou “cama portátil”, “padiola”.

É posible que se refira ós líderes relixiosos xudeus.

Ou “cama portátil”, “padiola”.

Ou “ama”. Ver glosario amor.

Lit. “levanta”.

Ou “xulgado”.

Ou “o poder de dar vida”.

Ou “tumbas conmemorativas”. Ver glosario tumba conmemorativa.

Ou “verdadeiro”.

É dicir, Deus.

Ou “verdadeiro”.

Lit. “vir a min”.

Lit. “gloria”.

Lit. “sinais”, neste versículo e no resto do capítulo.

Ver apén. B14.

Lit. “uns 25 ou 30 estadios”. Un estadio equivalía a 185 m. Ver apén. B14.

Lit. “veña a min”.

Lit. “virán a min”.

Lit. “veña a min”.

Lit. “vir a min”.

Ver glosario.

Ver apén. A5.

Lit. “vén a min”.

Lit. “vida en vós mesmos”.

Ou quizais “asemblea pública”.

Ou “Faivos tropezar”.

Ou “son espírito e son vida”.

Lit. “vir a min”.

A palabra grega orixinal é diábolos.

Ou “seguiu camiñando por”.

Ou “das Cabanas”.

Lit. “dos escritos”.

É dicir, nas escolas rabínicas.

Ver glosario.

Lit. “sinais”.

Ou “aínda non recibira unha posición elevada”.

Varios manuscritos antigos e confiables non conteñen o versículo 53 deste capítulo nin os versículos 1 ó 11 do capítulo 8.

Ou “verdadeiro”.

Lit. “na carne”.

Ou “fiel á verdade”.

Ou “verdadeiro”.

É dicir, executedes nun madeiro.

Lit. “non nacemos de inmoralidade sexual”. En grego, porneia. Ver glosario inmoralidade sexual.

A palabra grega orixinal é diábolos (calumniador). Ver glosario Demo.

Lit. “as obras”.

Lit. “lle abriu os ollos a”.

Lit. “sinais”.

Lit. “lle abriu os ollos”.

Lit. “lle abriu os ollos”.

Cando se botaba alguén da sinagoga, esa persoa xa non podía ter ningunha relación coa comunidade xudía.

Lit. “Dálle gloria a Deus”.

Lit. “che abriu os ollos”.

Lit. “me abriu os ollos”.

Ver glosario temor de Deus.

Lit. “lle abrise os ollos”.

Parece ser que o botaron fóra da sinagoga. Ver Xn 9:22, nota.

Ou “rendeulle homenaxe”.

Terreo rodeado por unha cerca, valado ou muro onde os pastores gardaban as ovellas.

Lit. “e a teñan en abundancia”.

Ou “alma”. Ver glosario alma.

Ou “xornaleiro”.

Ou “alma”. Ver glosario alma.

Ou “cercado”, é dicir, o lugar onde se gardan as ovellas.

Lit. “Este é o mandamento que recibín do meu Pai”.

Ver glosario Pórtico de Salomón.

Ou “estamos unidos”.

Ou “seres divinos”, é dicir, xuíces humanos de Israel que servían de representantes e portavoces de Deus.

Lit. “sinal”.

Ou “tumba conmemorativa”.

Lit. “uns 15 estadios”. Un estadio equivalía a 185 m. Ver apén. B14.

Lit. “vaise levantar”.

Lit. “se levantará”.

Ou “tumba conmemorativa”.

Lit. “xemeu no espírito”.

Ou “canto cariño lle tiña!”.

Lit. “abrirlle os ollos ó”.

Ou “tumba conmemorativa”.

Lit. “sinais”.

É dicir, o templo.

Ver glosario limpo; puro.

Lit. “levantara”.

Ou “estaban reclinados á mesa”.

Lit. “unha libra”, é dicir, unha libra romana, uns 327 g. Ver apén. B14.

Ver apén. B14.

Lit. “levantara”.

Ver apén. A5.

Ou “recibiu unha posición elevada”.

Ou “tumba conmemorativa”.

Lit. “levantou”.

Ou “íalles dando testemuño”.

Lit. “sinal”.

Ou “lle ten afecto á súa vida”. Ver glosario amor.

Lit. “destruír”.

É dicir, executado nun madeiro. Lit. “alzado da terra”.

Lit. “sinais”.

Ver apén. A5.

Lit. “brazo”.

Ver apén. A5.

Ou “nin se volvan a Deus”, “nin cambien a súa conduta”.

É dicir, a gloria que tiña Xesús ó lado de Xehová antes de existir como humano.

Ver Xn 9:22, nota.

Lit. “gloria”.

A palabra grega orixinal é diábolos (calumniador).

Ou “non tes parte comigo”.

Ou “reclinouse”.

Ou “tedes a obrigación de”.

Ou “modelo”.

Lit. “levantou o seu talón contra min”.

Lit. “reclinado no peito”.

Ou “estaban reclinados”.

Ou “se vos tedes amor”.

Ou “consolador”.

Ou “orfos”.

Lit. “é maior ca min”.

Ou “non me pode dominar”.

Ou “entrega a súa alma”. Ver glosario alma.

Ou “porque levades o meu nome”.

Ou “na Lei deles”.

Ou “non tropecedes”.

Ver Xn 9:22, nota.

Ou “soportalas”.

Nos versículos 13 ó 15 o pronome el refírese ó “axudante” que se menciona no versículo 7. Xesús usou a expresión o axudante (que en grego ten xénero masculino) para personificar o espírito santo, unha forza impersoal, que en grego ten xénero neutro.

Ou “tenvos cariño”.

Lit. “ter tribulación”.

Lit. “toda carne”.

Ou “Para ter vida eterna necesitan seguir coñecéndote”. Aquí o verbo grego indica acción continua.

Ou “para que estean unidos”.

Ou “estamos unidos”.

Ou “o que vai ser destruído”.

É dicir, Satanás.

Ou “Ponos á parte”, “Fainos santos”.

Ou “perfectamente unidos”.

Lit. “antes da fundación do mundo”. Parece que se refire ó nacemento dos fillos de Adán e Eva.

Conxunto de pallas atadas ó que se lle prendía lume para dar luz. Tamén podía ser un pau de madeira resinosa ou un pau envolto nunha tea empapada en aceite.

Ou “lámpadas de aceite”.

Ver Mt 20:22, nota.

Ou “na entrada”.

É dicir, Anás.

Ou “deulle unha labazada”.

Lit. “dá testemuño de”.

Ver glosario.

Ou “daban labazadas”.

Ou “Ó madeiro con el!”.

Ou “executádeo no madeiro”.

Ou “executarte no madeiro”.

Ou “fala”.

Lit. “arredor da hora sexta”.

Ver glosario madeiro de tortura.

Ou “da Caveira”.

Ou “peza de vestir interior”.

Ver glosario botar sortes.

Ver glosario.

Ou “deu o seu último alento”. Lit. “entregou o seu espírito”.

Ver glosario día da preparación.

Parece ser que se refire a Xoán.

Ou quizais “cun rolo”.

Refírese a unha especie de árbores que producen unha substancia aromática.

As 100 libras romanas equivalían a uns 32,7 kg. Ver apén. B14.

Ou “executaran no madeiro”.

Ou “tumba conmemorativa”.

Ver Mt 28:1, nota.

Ou “tumba conmemorativa”.

Lit. “ser levantado”.

Lit. “sinais”.

Ou “ningún peixe”.

Ou “con pouca roupa”.

Lit. “uns 200 cóbados”. Ver apén. B14.

Lit. “ser levantado”.

Ou “che teño cariño”.

Ou “tesme cariño”.

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir