AS BOAS NOTICIAS SEGUNDO LUCAS
1 Hai moitos que se dedicaron a recopilar un relato dos feitos (feitos que entre nós teñen toda a credibilidade) 2 tal como nolos transmitiron os que desde o principio foron testemuñas oculares destas cousas e proclamadores* da mensaxe. 3 Por iso, excelentísimo Teófilo, eu tamén investiguei todo con exactitude desde o principio e decidín escribircho en orde lóxica, 4 para que esteas completamente seguro de que as cousas que che ensinaron de palabra son certas.
5 Nos días de Herodes*, que era o rei de Xudea, había un sacerdote que se chamaba Zacarías, da división de Abías. A súa muller era descendente* de Aarón e chamábase Elísabet. 6 Os dous eran xustos ós ollos de Deus e obedecían de maneira irreprochable* tódolos mandamentos e requisitos legais de Xehová*. 7 Pero non tiñan fillos porque Elísabet era estéril e os dous xa eran maiores.
8 Resulta que Zacarías estaba servindo de sacerdote diante de Deus cando lle tocaba á súa división 9 e, segundo o costume* do sacerdocio, tocoulle entrar no santuario de Xehová* para ofrecer incenso. 10 Á hora na que se ofrecía o incenso, toda a multitude estaba fóra orando. 11 Entón aparecéuselle o anxo de Xehová*, de pé ó lado dereito do altar do incenso. 12 Cando Zacarías o viu, quedou desconcertado e tivo moito medo. 13 Pero o anxo díxolle: “Non teñas medo, Zacarías, porque Deus escoitou a túa súplica. A túa muller Elísabet darache un fillo, e tes que chamarlle Xoán. 14 Estarás moi contento, cheo de alegría, e moitos alegraranse polo seu nacemento, 15 porque el será grande ós ollos de Xehová*. Non debe beber viño nunca, nin ningunha outra bebida alcohólica. Estará cheo de espírito santo xa desde antes de nacer*. 16 E fará que moitos dos fillos de Israel se volvan a Xehová*, o seu Deus. 17 Ademais, irá diante del* co espírito e co poder* de Elías, para facer que o corazón dos pais se volva coma o dun fillo* e que os desobedientes actúen sabiamente coma os xustos, para ter listo un pobo preparado para servir a Xehová*”.
18 Entón Zacarías díxolle ó anxo: “Como sei que iso é verdade? Eu xa son vello e a miña muller tamén ten moitos anos”. 19 E o anxo respondeulle: “Eu son Gabriel, o que está de pé diante de Deus. El envioume para falar contigo e anunciarche estas boas noticias. 20 Pero, mira!* Como non criches as miñas palabras, que se cumprirán no seu tempo fixado, vas quedar mudo e non poderás falar ata o día que pasen todas estas cousas”. 21 Mentres, o pobo seguía esperando a Zacarías e estrañáballe que botase tanto tempo no santuario. 22 Cando saíu, non era capaz de falarlles, e déronse conta de que vira algo sobrenatural* no santuario. El facíalles xestos, pero seguía mudo. 23 Cando se cumpriron os días do seu servizo santo*, Zacarías marchou para a súa casa.
24 Uns días despois, a súa muller Elísabet quedou embarazada e estivo cinco meses sen saír da casa. Dicía: 25 “Isto é o que fixo Xehová* por min. Fixouse en min para que non pase máis vergonza diante da xente”.
26 Cando Elísabet levaba embarazada seis meses, Deus mandou o anxo Gabriel a unha cidade de Galilea chamada Nazaret 27 para que visitase unha moza virxe que se chamaba María. Ela estaba prometida cun home da casa de David que se chamaba Xosé. 28 Cando o anxo entrou, díxolle: “Saúdote a ti, que tes o favor de Deus de maneira especial. Xehová* está contigo”. 29 Pero ela quedou moi desconcertada con esas palabras e intentaba entender o que podería significar ese saúdo. 30 Así que o anxo díxolle: “Non teñas medo, María, porque tes o favor de Deus. 31 Mira! Vas quedar embarazada*, darás a luz un fillo e tes que chamarlle Xesús. 32 El será grande e será chamado Fillo do Altísimo. Xehová* Deus daralle o trono de David, o seu pai, 33 e el reinará sobre a casa de Xacob para sempre. O seu Reino non terá fin”.
34 Pero María preguntoulle ó anxo: “Como pode ser iso se non teño relacións sexuais con ningún home?”. 35 O anxo contestoulle: “Virá sobre ti espírito santo, e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra. Por iso o que vai nacer será chamado santo, Fillo de Deus. 36 Mira! Elísabet, que é da túa familia, está embarazada de seis meses e tamén vai ter un neno, aínda que é maior e a xente dicía que era estéril. 37 Porque nada do que Deus di é imposible*”. 38 Entón, María dixo: “Aquí está a escrava de Xehová*! Que me pase tal e como dixeches”. E o anxo deixouna e marchou.
39 Pouco tempo despois, María saíu e foi rapidamente á rexión das montañas, a unha cidade de Xudá. 40 Ó chegar, entrou na casa de Zacarías e saudou a Elísabet. 41 En canto Elísabet escoitou o saúdo de María, o neno que levaba dentro deu un salto. Entón Elísabet encheuse de espírito santo 42 e dixo con voz forte: “Bendita ti entre as mulleres! E bendito o froito da túa matriz! 43 Como pode ser que eu teña o honor de que me visite a nai do meu Señor? 44 Porque, en canto escoitei o teu saúdo, o neno que levo dentro saltou de alegría. 45 Feliz tamén a que creu, porque todo o que Xehová* lle dixo cumprirase por completo”.
46 E María dixo: “A miña alma* engrandece a Xehová* 47 e o meu espírito énchese de alegría grazas a Deus, o meu Salvador, 48 porque el fixouse na condición humilde da súa escrava. E mira! De aquí en diante, tódalas xeracións chamaranme feliz. 49 Porque o Poderoso fixo cousas marabillosas por min, e o seu nome é santo. 50 De xeración en xeración tenlles misericordia ós que o temen. 51 Fixo cousas poderosas co seu brazo e espallou os que teñen intencións arrogantes no seu corazón. 52 Botou dos seus tronos os homes poderosos e elevou os humildes. 53 Fixo que os famentos quedasen completamente satisfeitos dándolles cousas boas e botou os ricos fóra sen nada. 54 Veu axudar o seu servo, Israel, para mostrar que se acorda da súa promesa de mostrar misericordia para sempre 55 a Abrahán e á súa descendencia*, tal como lles dixo ós nosos antepasados”. 56 María quedou con Elísabet uns tres meses e despois volveu para a súa casa.
57 Entón a Elísabet chegoulle o tempo de dar a luz e tivo un neno. 58 Cando os seus veciños e os seus familiares souberon da gran compaixón* que lle mostrara Xehová*, alegráronse con ela. 59 Ós oito días, cando se ía circuncidar* o neno, viñeron os veciños e os familiares, e íanlle poñer o nome do seu pai: Zacarías. 60 Pero súa nai dixo: “Non! Vaise chamar Xoán”. 61 Eles respondéronlle: “Ninguén da túa familia se chama así”. 62 Entón fixéronlle xestos ó pai para preguntarlle como quería que se chamase o neno. 63 El pediu unha táboa pequena e escribiu: “O seu nome é Xoán”. E todos quedaron sorprendidos. 64 Nese momento, a súa boca abriuse e a súa lingua quedou libre, e empezou a falar louvando a Deus. 65 Tódolos veciños quedaron moi impresionados* e empezaron a falar destas cousas por toda a rexión das montañas de Xudea. 66 Tódolos que escoitaban falar diso quedaban pensando e dicían: “Que chegará a ser este neno?”. Porque estaba claro que a man de Xehová* estaba con el.
67 Entón Zacarías, o pai do neno, encheuse de espírito santo e púxose a profetizar: 68 “Que sexa louvado Xehová*, o Deus de Israel, porque se compadeceu do seu pobo e liberouno. 69 El levantou para nós un poderoso salvador* da casa do seu servo David 70 (tal e como dixera por medio dos seus santos profetas do pasado) 71 para salvarnos dos nosos inimigos e das mans de tódolos que nos odian, 72 para mostrarnos misericordia debido ós nosos antepasados e para acordarse do seu pacto santo, 73 o xuramento que lle fixo ó noso antepasado Abrahán. 74 De acordo con ese xuramento, despois de rescatarnos das mans dos inimigos, concederanos o privilexio de darlle servizo sagrado sen temor, 75 con lealdade e con xustiza diante del tódolos días da nosa vida. 76 E a ti, meu filliño, chamaranche profeta do Altísimo, porque irás diante de Xehová* para preparar os seus camiños, 77 para anunciarlle ó seu pobo a mensaxe de salvación por medio do perdón dos seus pecados, 78 debido á tenra compaixón do noso Deus. Por esa compaixón, a luz dun amencer virá onda nós desde o alto 79 para iluminar os que están sentados na escuridade e baixo a sombra da morte, e para guiar os nosos pés polo camiño da paz”.
80 O neno seguiu medrando e madurando*, e quedou no deserto ata o día no que se presentou abertamente diante de Israel.
2 Naqueles días, César Augusto emitiu un decreto para que toda a poboación* se rexistrase. 2 (Este primeiro censo fíxose cando Quirinio era o gobernador de Siria.) 3 Así que todos foron a rexistrarse, cada un á súa propia cidade. 4 Por suposto, Xosé tamén o fixo. Como pertencía á casa e á familia de David, subiu de Galilea a Xudea, da cidade de Nazaret á cidade de David, que se chama Belén. 5 Foi a rexistrarse con María, que xa era a súa muller (tal como estaba acordado) e que estaba a punto de ter o neno. 6 Mentres estaban alí, chegoulle o tempo de dar a luz 7 e tivo o seu fillo, o primeiro. Envolveuno con bandas de tea e púxoo nun pesebre, porque non encontraran ningún sitio onde aloxarse.
8 Naquela mesma rexión había pastores que vivían ó aire libre e vixiaban os seus rabaños pola noite. 9 De repente, o anxo de Xehová* aparecéuselles e a gloria de Xehová* brillou arredor deles, e entroulles moito medo. 10 Pero o anxo díxolles: “Non teñades medo. Porque, mirade! Estouvos anunciando boas noticias que lle van traer moita alegría a todo o pobo. 11 Porque hoxe naceu para vós un salvador na cidade de David, que é Cristo, o Señor. 12 Isto serviravos de sinal: encontraredes un bebé envolto en bandas de tea deitado nun pesebre”. 13 De repente, apareceu ó lado do anxo unha multitude do exército celestial que louvaba a Deus e dicía: 14 “Gloria a Deus nos ceos e paz na terra para as persoas que el aproba*”.
15 Cando os anxos marcharon e volveron ó ceo, os pastores empezaron a dicirse uns ós outros: “Temos que ir a Belén como sexa e ver o que pasou, o que Xehová* nos fixo saber”. 16 Entón marcharon rapidamente e encontraron a María e a Xosé, e o neno no pesebre. 17 Ó ver isto, explicaron o que lles dixeran sobre o neno. 18 E tódolos que escoitaron o que dixeron os pastores quedaron moi sorprendidos. 19 Por outro lado, María empezou a gardar todas estas palabras na súa mente e a sacar conclusións no seu corazón. 20 Entón, os pastores volveron onda os seus rabaños, glorificando e louvando a Deus por todo o que viran e oíran, que era xusto como se lles dixera.
21 Oito días despois, cando chegou o tempo de circuncidar o neno, chamáronlle Xesús, o nome que dixera o anxo antes de que María quedase embarazada*.
22 Ademais, cando chegou o tempo no que se tiñan que purificar tal e como mandaba a Lei de Moisés, Xosé e María subiron con Xesús a Xerusalén para presentalo diante de Xehová*, 23 tal como está escrito na Lei de Xehová*: “Todo primoxénito varón* será chamado santo para Xehová*”. 24 E ofreceron un sacrificio de acordo co que di a Lei de Xehová*: “Dúas rulas ou dúas crías de pomba”.
25 Resulta que en Xerusalén había un home xusto e devoto que se chamaba Simeón. El esperaba que Deus consolase a Israel e o espírito santo estaba sobre el. 26 Ademais, Deus reveláralle por medio do espírito santo que non morrería sen antes ver o Unxido* de Xehová*. 27 Entón, Simeón entrou no templo guiado polo espírito. E cando os pais entraron co pequeno Xesús para facer o que a Lei esixía para el*, 28 colleu o neno no colo, louvou a Deus e dixo: 29 “Señor Soberano, tal e como prometiches, agora estás deixando que o teu escravo morra* en paz. 30 Porque os meus ollos viron o medio que usarás para traer salvación, 31 que preparaches á vista de tódolos pobos. 32 É unha luz para quitarlles a venda dos ollos ás nacións* e unha gloria para o teu pobo Israel”. 33 O pai e a nai do neno non deixaban de sorprenderse polas cousas que se dicían del. 34 Ademais, Simeón bendiciunos e díxolle a María, a nai do neno: “Escoita, este neno será a razón pola que moitos caian e moitos se volvan a levantar en Israel, e será un sinal que desprezarán. 35 Así, poñeranse ó descuberto os argumentos de moitos corazóns. E a ti, unha espada longa atravesarache a alma*”.
36 Tamén había alí unha profetisa que tiña moitos anos. Chamábase Ana e era filla de Fanuel, da tribo de Aser. Despois de casar*, vivira co seu home sete anos 37 e agora era unha viúva que xa tiña 84 anos. Sempre estaba no templo, e alí adoraba a Deus* día e noite facendo xaxún* e súplicas. 38 Xusto nese momento, Ana acercouse a eles e empezou a darlle grazas a Deus e a falar sobre o neno a tódolos que estaban esperando a liberación de Xerusalén.
39 Entón, despois de facer todo o que mandaba a Lei de Xehová*, Xosé e María volveron a Galilea, para a súa cidade, Nazaret. 40 O neno seguiu medrando, facéndose forte e cada vez máis sabio. E contaba sempre coa aprobación de Deus.
41 Cada ano, seus pais tiñan o costume de ir a Xerusalén á festa da Pascua. 42 Cando Xesús tiña 12 anos, subiron a Xerusalén, como se facía sempre na festa. 43 Ó acabar os días da festa, empezaron a viaxe de volta, pero Xesús quedou en Xerusalén sen que seus pais se desen conta. 44 Pensaban que o neno estaba entre o grupo de persoas coas que viaxaban. Despois de andar un día enteiro, empezaron a buscalo entre os familiares e os coñecidos, 45 pero non o encontraron. Así que volveron a Xerusalén e puxéronse a buscalo por todas partes. 46 Ó final, despois de tres días, encontrárono no templo sentado no medio dos mestres, escoitando o que dicían e facéndolles preguntas. 47 E tódolos que escoitaban a Xesús quedaban impresionados ó ver a capacidade que tiña para entender as cousas e as respostas que daba. 48 Cando seus pais o viron, sorprendéronse moitísimo e súa nai díxolle: “Filliño, por que nos fixeches isto? Teu pai mais eu estivémoste buscando desesperadamente”. 49 Pero el contestoulles: “Por que me estabades buscando? Non sabiades que teño que estar na casa do meu Pai?”. 50 Pero eles non entenderon o que lles estaba dicindo.
51 Entón, el volveu con eles de volta a Nazaret e seguiu obedecendo os* seus pais. E súa nai gardaba coidadosamente todas esas palabras no seu corazón. 52 Xesús seguiu medrando e facéndose máis sabio, e ganándose a aprobación de Deus e da xente.
3 No ano 15 do reinado de Tiberio César (cando Poncio Pilato era gobernador de Xudea, Herodes* gobernante do distrito* de Galilea, o seu irmán Filipo gobernante do distrito da rexión de Iturea e de Traconítide, e Lisanias gobernante do distrito de Abilene), 2 nos días do sacerdote principal Anás e de Caifás, Xoán, o fillo de Zacarías, recibiu unha mensaxe de Deus no deserto.
3 Así que Xoán foi por toda a rexión do Xordán predicando que o bautismo é un sinal de arrepentimento para recibir o perdón dos pecados. 4 Sucedeu tal como está escrito no libro do profeta Isaías: “Óese a voz de alguén que berra no deserto: ‘Preparade o camiño de Xehová*! Endereitade os camiños para el! 5 Cada val ten que encherse, e cada montaña e cada outeiro teñen que aplanarse. Os camiños torcidos teñen que facerse rectos e os camiños irregulares teñen que facerse planos. 6 E todos verán* a salvación de Deus*’”.
7 Así que Xoán empezou a dicirlles ás multitudes que viñan onda el para que as bautizase: “Crías de víboras, quen vos avisou para que escapedes do día da ira de Deus? 8 Primeiro producide froitos que demostren* que estades arrepentidos. Non empecedes a pensar ‘O noso pai é Abrahán’. Porque vos digo que Deus pode sacar fillos de Abrahán incluso destas pedras. 9 De feito, a machada* xa está ó pé das árbores, así que toda árbore que non dea bo froito será cortada e botada ó lume”.
10 E as multitudes preguntábanlle: “Entón, que temos que facer?”. 11 El contestáballes: “Quen teña dúas pezas de roupa*, que comparta co que non ten, e quen teña algo de comer, que faga o mesmo”. 12 Incluso viñeron cobradores de impostos a bautizarse e preguntáronlle: “Mestre, que temos que facer?”. 13 El respondeulles: “Non esixades* máis que o imposto que está establecido”. 14 Os soldados tamén lle preguntaban: “Que temos que facer?”. El contestáballes: “Non acosedes* a ninguén nin fagades acusacións falsas contra ninguén. En vez diso, estade contentos co que se vos paga*”.
15 O pobo estaba esperando con ansia o Cristo e todos se preguntaban* se sería Xoán. 16 Pero Xoán explicoulles a todos: “Eu bautízovos con auga, pero vén o que ten máis autoridade ca min, e eu nin sequera merezo desatarlle as correas das sandalias. El vaivos bautizar con espírito santo e con lume. 17 Ten na man a pa* de levantar o trigo, para limpar por completo a súa eira e para xuntar o trigo no seu almacén. Pero queimará a palla cun lume que non se pode apagar”.
18 Tamén lle deu moitos outros consellos ó pobo e seguiu anunciándolles as boas noticias. 19 Pero como Xoán reprendera a Herodes (o gobernante do distrito) polo que pasara con Herodías (a muller do seu irmán) e por tódalas cousas malas que fixera, 20 Herodes fixo outra maldade máis: meteu a Xoán na prisión.
21 Cando todo o pobo se bautizou, Xesús tamén foi bautizado. E mentres oraba, abriuse o ceo 22 e o espírito santo baixou sobre el en forma* de pomba. E escoitouse unha voz desde o ceo que dixo: “Ti es o meu querido Fillo. Tes a miña aprobación”.
23 Xesús tiña uns 30 anos cando empezou o seu ministerio. Segundo se pensaba,
era o fillo de Xosé,
que era fillo* de Helí,
24 que era fillo de Matat,
que era fillo de Leví,
que era fillo de Melquí,
que era fillo de Xanaí,
que era fillo de Xosé,
25 que era fillo de Matatías,
que era fillo de Amós,
que era fillo de Nahúm,
que era fillo de Eslí,
que era fillo de Nagai,
26 que era fillo de Maat,
que era fillo de Matatías,
que era fillo de Semeín,
que era fillo de Xosec,
que era fillo de Xodá,
27 que era fillo de Xoanán,
que era fillo de Resá,
que era fillo de Zorobabel,
que era fillo de Sealtiel,
que era fillo* de Nerí,
28 que era fillo de Melquí,
que era fillo de Adí,
que era fillo de Cosam,
que era fillo de Elmadam,
que era fillo de Er,
29 que era fillo de Xesús,
que era fillo de Eliezer,
que era fillo de Xorim,
que era fillo de Matat,
que era fillo de Leví,
30 que era fillo de Simeón,
que era fillo de Xudas,
que era fillo de Xosé,
que era fillo de Xonam,
que era fillo de Eliaquim,
31 que era fillo de Meleá,
que era fillo de Mená,
que era fillo de Matatá,
que era fillo de Natán,
que era fillo de David,
32 que era fillo de Xesé,
que era fillo de Obed,
que era fillo de Boaz,
que era fillo de Salmón,
que era fillo de Nasón,
33 que era fillo de Aminadab,
que era fillo de Arní,
que era fillo de Hezrón,
que era fillo de Pérez,
que era fillo de Xudá,
34 que era fillo de Xacob,
que era fillo de Isaac,
que era fillo de Abrahán,
que era fillo de Taré,
que era fillo de Nacor,
35 que era fillo de Serug,
que era fillo de Reú,
que era fillo de Péleg,
que era fillo de Éber,
que era fillo de Selá,
36 que era fillo de Cainán,
que era fillo de Arpaxad,
que era fillo de Sem,
que era fillo de Noé,
que era fillo de Lamec,
37 que era fillo de Matusalén,
que era fillo de Enoc,
que era fillo de Xaret,
que era fillo de Malaleel,
que era fillo de Cainán,
38 que era fillo de Enós,
que era fillo de Set,
que era fillo de Adán,
que era fillo de Deus.
4 Entón Xesús, cheo de espírito santo, marchou de onda o Xordán, e o espírito foino guiando polo deserto 2 durante 40 días, e alí foi tentado polo Demo*. Como non comera nada en todos aqueles días, ó final tiña fame. 3 Entón o Demo díxolle: “Se es fillo de Deus, dille a esta pedra que se converta en pan”. 4 Pero Xesús respondeulle: “Está escrito: ‘Non só de pan debe vivir o home’”.
5 Despois o Demo levouno a un sitio alto e durante un instante mostroulle tódolos reinos da terra. 6 Entón, o Demo díxolle: “Dareiche a gloria destes reinos e autoridade sobre eles. Porque esta autoridade déronma a min e eu doulla a quen eu queira. 7 Por iso, se me adoras unha soa vez, todo será teu”. 8 Xesús contestoulle: “Está escrito: ‘Adora a Xehová*, o teu Deus, e sírveo* só a el’”.
9 Entón o Demo levouno a Xerusalén, á parte máis alta do templo, e díxolle: “Se es fillo de Deus, tírate abaixo desde aquí, 10 porque está escrito ‘Mandaralles ós seus anxos que coiden de ti para protexerte’ 11 e ‘Levarante nas súas mans para que o teu pé non choque contra ningunha pedra’”. 12 Xesús contestoulle: “Xa se dixo: ‘Non poñas a proba a Xehová*, o teu Deus’”. 13 Despois de tentar a Xesús, o Demo deixouno ata outro momento oportuno.
14 Entón Xesús volveu a Galilea co poder do espírito. E a súa fama estendeuse por toda aquela rexión. 15 Ademais, empezou a ensinar nas sinagogas da zona, e todo o mundo lle daba honra.
16 Despois marchou para Nazaret, onde se criara. E o sábado, como tiña por costume, entrou na sinagoga e púxose de pé para ler. 17 Entón déronlle o rolo do profeta Isaías. El abriuno e encontrou a pasaxe onde estaba escrito: 18 “O espírito de Xehová* está sobre min, porque el unxiume para anunciarlles boas noticias ós pobres. E envioume ós presos para proclamarlles que serán liberados e ós cegos para proclamarlles que recuperarán a vista. Tamén me enviou para liberar os oprimidos 19 e para predicar sobre o tempo de conseguir o favor* de Xehová*”. 20 Despois pechou o rolo, devolveullo ó axudante da sinagoga e sentouse. Tódolos que estaban alí quedaron mirando fixamente para el, 21 e entón el díxolles: “Hoxe cúmprese esta parte das Escrituras que acabades de escoitar”.
22 Todos empezaron a falar ben del e quedaban asombrados polas palabras tan bonitas que saían da súa boca. E dicían: “Este é o fillo de Xosé, non?”. 23 Entón el díxolles: “Sei que me aplicaredes este dito: ‘Médico, cúrate a ti mesmo’. E diredes: ‘Fai tamén na túa terra as cousas que oímos que fixeches en Capernaúm’”. 24 E seguiu dicindo: “Asegúrovos que a ningún profeta se lle acepta na súa propia terra. 25 Por exemplo, nos días de Elías, cando houbo unha gran fame por toda aquela terra porque o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses, asegúrovos que había moitas viúvas en Israel. 26 Pero Deus non mandou que Elías fose onda ningunha delas, soamente o enviou onda a viúva de Sarepta, na terra de Sidón. 27 Ademais, nos días do profeta Eliseo había moitos leprosos en Israel, pero el non curou* ningún deles, só a Naamán, o sirio”. 28 Ó escoitar isto, tódolos que estaban na sinagoga enchéronse de rabia. 29 Entón, levantáronse, sacárono rapidamente da cidade e levárono ó alto da montaña sobre a que estaba construída a cidade, para tiralo abaixo desde alí. 30 Pero el escapou pasando polo medio deles e seguiu o seu camiño.
31 Despois, baixou a Capernaúm, unha cidade de Galilea. Os sábados ensináballe á xente 32 e todos quedaban impresionados pola súa maneira de ensinar, porque falaba coa autoridade de Deus. 33 Na sinagoga había un home que estaba posuído por un espírito impuro, un demo, que berrou con forza: 34 “Ah! Que temos que ver contigo, Xesús o Nazareno? Viñeches a destruírnos? Sei perfectamente quen es: o Santo de Deus!”. 35 Pero Xesús reprendeu o demo e díxolle: “Cala e sae del!”. Entón o demo botou o home ó chan no medio da xente, e saíu del sen facerlle dano ningún. 36 Ó ver isto, todos quedaron sorprendidos e empezaron a dicirse uns ós outros: “Que maneira de falar é esta? Con autoridade e poder dálles ordes ós demos, e eles saen da xente!”. 37 E as noticias sobre el chegaban a tódolos lugares daquela rexión.
38 Despois de saír da sinagoga, Xesús entrou na casa de Simón. Resulta que a sogra de Simón tiña unha febre moi alta, e pedíronlle a Xesús que a axudase. 39 Entón Xesús acercouse a ela, fixo que lle baixase* a febre, e a febre desapareceu. Ó momento, ela levantouse e púxose a atendelos.
40 Cando se estaba poñendo o sol, tódolos que tiñan enfermos nas súas casas empezaron a traerllos a Xesús. E el, sen importar que enfermidade tivesen, curábaos poñendo as mans sobre cada un deles. 41 E, de moita xente, saían demos berrando: “Ti es o Fillo de Deus!”. Pero el reprendíaos e non lles deixaba falar, porque sabían que el era o Cristo.
42 Cando se empezou a facer de día, marchou de alí e foise a un lugar apartado. Pero as multitudes empezaron a buscalo, chegaron ata onde estaba e intentaron impedir que marchase de onda eles. 43 Pero el díxolles: “Tamén teño que anunciar as boas noticias do Reino de Deus noutras cidades, porque para iso fun enviado”. 44 Así que seguiu predicando nas sinagogas de Xudea.
5 Nunha ocasión, Xesús estaba de pé á beira do lago de Xenesaret* e a multitude xuntouse arredor del para escoitar a palabra de Deus. 2 Xesús viu dúas barcas á beira do lago. Os pescadores baixaran delas e estaban limpando as redes. 3 El subiu a unha das barcas, que era de Simón, e pediulle que a apartase un pouco da beira. Entón sentouse e empezou a ensinarlles ás multitudes desde a barca. 4 Cando acabou de falar, díxolle a Simón: “Vai onde é máis fondo e botade alí as redes para pescar”. 5 Pero Simón respondeulle: “Mestre, traballamos toda a noite sen parar e non collemos nada. Pero porque ti o dis, baixarei as redes”. 6 E cando o fixeron, colleron tantos peixes que as redes empezaron a romper. 7 Entón fixéronlles xestos ós compañeiros da outra barca para que fosen a axudarlles. Eles foron e, entre todos, encheron de peixe as dúas barcas. Estaban tan cheas que empezaron a afundir. 8 Cando Simón Pedro viu isto, botouse ó chan diante de Xesús e díxolle: “Señor, apártate de min, porque son pecador”. 9 Porque el e os que estaban con el quedaran totalmente impresionados por todo o que pescaran. 10 E pasoulles o mesmo a Santiago e a Xoán, os fillos de Zebedeo, que eran socios de Simón. Pero Xesús díxolle a Simón: “Deixa de ter medo. A partir de agora serás pescador de homes*”. 11 Así que despois de levar as barcas á beira, deixárono todo e seguírono.
12 Noutra ocasión, estando Xesús nunha das cidades, resulta que había un home cheo de lepra. Cando viu a Xesús, botouse ó chan, baixou a cabeza e suplicoulle: “Señor, sei que se queres podes curarme*”. 13 Xesús estirou a man, tocouno e díxolle: “Si que quero. Queda limpo”. E a lepra desapareceu inmediatamente. 14 Entón, mandoulle ó home que non llo contase a ninguén. E díxolle: “Vai e preséntate diante do sacerdote, e fai unha ofrenda para a túa purificación, tal como mandou Moisés, para que os sacerdotes vexan que curaches*”. 15 Pero as noticias sobre Xesús estendéronse cada vez máis, e xuntábanse grandes multitudes para escoitalo e para que lles curase as súas enfermidades. 16 Xesús sacaba tempo a miúdo para ir a zonas apartadas a orar.
17 Un día, Xesús estaba ensinando nunha casa, e alí sentados había uns fariseos e uns mestres da Lei que viñeran de tódalas aldeas de Galilea, de Xudea e tamén de Xerusalén. Xehová* déralle poder a Xesús para curar os enfermos. 18 Entón, chegaron uns homes que levaban un paralítico nunha pequena cama portátil*. Intentaban metelo dentro da casa e poñelo diante de Xesús. 19 Pero como había tanta xente, non encontraban a maneira de entrar con el. Así que subiron á azotea e baixárono polo teito na cama portátil ata poñelo xusto no medio da xente, diante de Xesús. 20 Cando Xesús viu a fe que tiñan, díxolle ó paralítico: “Amigo, os teus pecados quédanche perdoados”. 21 Entón, os escribas e os fariseos empezaron a dicirse uns ós outros: “Quen é este que está blasfemando? Quen pode perdoar os pecados ademais de Deus?”. 22 Pero Xesús deuse conta do que pensaban e contestoulles: “Que estades razoando no voso corazón? 23 Que é máis fácil? Dicir ‘Os teus pecados quédanche perdoados’, ou dicir ‘Levántate e anda’, e que entón el se levante e camiñe? 24 Pois vouvos demostrar que o Fillo do Home* ten autoridade na terra para perdoar pecados”. Entón, díxolle ó paralítico: “Eu dígoche: levántate, colle a túa cama e vai para a túa casa”. 25 Inmediatamente, o home púxose de pé diante deles, colleu a cama na que estivera deitado e foi para a súa casa dándolle gloria a Deus. 26 E todos quedaron pasmados e tamén empezaron a darlle gloria a Deus. Estaban totalmente impresionados*, e dicían: “Que cousas tan marabillosas vimos hoxe!”.
27 Despois de todo isto, Xesús saíu de alí e viu un cobrador de impostos chamado Leví sentado na oficina onde se cobran os impostos, e díxolle: “Sígueme*”. 28 Leví levantouse, deixouno todo e seguiuno. 29 Despois, Leví organizou un gran banquete para recibir a Xesús na súa casa. Había moitos cobradores de impostos e outras persoas que estaban comendo* con eles. 30 Por iso os fariseos e os escribas empezaron a queixarse ós discípulos de Xesús e dixéronlles: “Por que comedes e bebedes cos cobradores de impostos e cos pecadores?”. 31 Xesús respondeulles: “Os que están sans non necesitan un médico, pero os enfermos si. 32 Non vin para chamar os xustos, senón os pecadores, para que se arrepintan”.
33 Eles dixéronlle: “Os discípulos de Xoán fan xaxún* a miúdo e tamén súplicas, e o mesmo fan os dos fariseos. Pero os teus comen e beben”. 34 Xesús contestoulles: “Vós non podedes facer que os amigos do noivo fagan xaxún mentres o noivo está con eles, non? 35 Pero chegarán os días nos que o noivo xa non estará con eles*, e eses días si que estarán tristes e farán xaxún”.
36 Tamén lles puxo esta comparación: “Ninguén corta un cacho dun manto novo para coserllo a unha peza de roupa vella. Se alguén o fixese, o remendo da tea nova rompería a vella e ademais as teas non combinarían. 37 Por outro lado, ninguén pon viño novo en odres vellos. Se alguén o fixese, o viño novo rebentaría os odres, derramaríase e os odres xa non servirían para nada. 38 Por iso, o viño novo debe poñerse en odres novos. 39 Despois de beber viño vello ninguén quere o novo, porque di: ‘O vello é bo’”.
6 Un sábado, mentres Xesús cruzaba uns campos de cereais, os seus discípulos arrancaron algunhas espigas, sacáronlles os grans coas mans e coméronos. 2 Entón, algúns fariseos dixéronlles: “Por que estades facendo o que non está permitido facer en sábado?”. 3 Pero el contestoulles: “Seica nunca lestes o que fixo David cando el e os seus homes tiveron fame? 4 Entrou na casa de Deus, déronlle os pans da ofrenda*, comeu deles e compartiunos cos homes que estaban con el. Iso é algo que non lle está permitido a ninguén, só poden comelos os sacerdotes”. 5 Entón díxolles: “O Fillo do Home é Señor do sábado”.
6 Outro sábado entrou na sinagoga e púxose a ensinar. Alí había un home que tiña a man dereita paralizada*. 7 Os escribas e os fariseos estaban moi atentos ó que facía Xesús para ver se curaba alguén en sábado, e así encontrar un motivo para poder acusalo. 8 Pero como el sabía o que estaban pensando, díxolle ó home que tiña a man paralizada: “Levántate e ponte aquí no medio”. E o home levantouse e quedou alí de pé. 9 Entón Xesús díxolles ós que estaban mirando: “Vouvos facer unha pregunta. Que está permitido facer en sábado? O que está ben ou o que está mal? Salvar unha vida* ou quitala?”. 10 Despois de mirar a tódolos que estaban ó seu arredor, díxolle ó home: “Estira o brazo”. El fíxoo e a man quedou curada. 11 Pero os escribas e os fariseos enchéronse de moitísima rabia e puxéronse a falar do que poderían facerlle a Xesús.
12 Un deses días, Xesús foi á montaña a orar e estivo toda a noite orándolle a Deus. 13 Cando se fixo de día, chamou os seus discípulos e escolleu 12 deles, e chamoulles apóstolos. 14 Eran: Simón (ó que tamén chamou Pedro), o seu irmán Andrés, Santiago, Xoán, Felipe, Bartolomé, 15 Mateo, Tomás, Santiago, que era fillo de Alfeo, Simón (ó que lle chaman o Entusiasta), 16 Xudas*, que era fillo de Santiago, e Xudas Iscariote (o que se converteu nun traidor).
17 Despois baixou con eles da montaña e parou nun sitio plano. Alí había moitísimos discípulos seus e unha gran multitude de xente de toda Xudea, de Xerusalén e da rexión da costa de Tiro e Sidón. Viñeran para escoitalo e para que os curase das súas enfermidades. 18 Incluso os que estaban sufrindo por culpa dos demos quedaban curados. 19 E toda a xente intentaba tocalo, porque del saía poder e curábaos a todos.
20 Entón, mirou para os seus discípulos e dixo:
“Felices vós, os pobres, porque o Reino de Deus é voso.
21 ”Felices vós, os que agora pasades fame, porque quedaredes satisfeitos.
”Felices vós, os que agora chorades, porque riredes.
22 ”Felices vós cando, por causa do Fillo do Home, a xente vos odie, vos marxine, vos insulte e deshonre* o voso nome. 23 Isto é o mesmo que os seus antepasados lles facían ós profetas. Así que estade felices cando isto pase e saltade de alegría. Porque, mirade! Espéravos unha gran recompensa no ceo.
24 ”Pero pobres de vós, os ricos, porque xa recibistes todo o consolo que ides ter.
25 ”Pobres de vós, os que agora estades satisfeitos, porque pasaredes fame.
”Pobres de vós, os que agora rides, porque vos lamentaredes e choraredes.
26 ”Pobres de vós cando tódalas persoas falen ben de vós, porque iso é o que os seus antepasados lles fixeron ós profetas falsos.
27 ”Pero a vós, os que me escoitades, dígovos que sigades amando os vosos inimigos, que tratedes ben os que vos odian, 28 que bendigades os que vos maldicen e que oredes polos que vos insultan. 29 Se alguén che pega nunha meixela, ponlle tamén a outra. E se alguén che quita o manto, dálle tamén a túa túnica. 30 A todo aquel que che pida algo, dállo. E a quen che quite o que é teu, non lle pidas que cho devolva.
31 ”Ademais, tratade os demais como vos gustaría que vos tratasen a vós.
32 ”Se só amades a quen vos ama, que mérito tedes? Porque ata os pecadores aman a quen os ama a eles. 33 Se tratades ben a quen vos trata ben, que mérito tedes? Ata os pecadores fan iso. 34 E se lle prestades* algo a quen pensades que volo vai devolver, que mérito tedes? Ata os pecadores lles fan préstamos a outros pecadores contando con que lles van devolver todo. 35 Pero vós, seguide amando os vosos inimigos, facendo o ben e prestando sen esperar que vos devolvan nada. Entón, a vosa recompensa será grande e seredes fillos do Altísimo, porque el é bondadoso ata cos desagradecidos e cos malvados. 36 Seguide sendo misericordiosos, tal como o voso Pai é misericordioso.
37 ”Ademais, deixade de xulgar, e así nunca se vos xulgará a vós. Deixade de condenar, e así nunca se vos condenará a vós. Seguide perdoando*, e seredes perdoados*. 38 Tede o costume de dar, e darásevos. Botaranvos na dobra* da vosa roupa unha boa medida, apertada, sacudida e chea ata botar por fóra. Porque coa medida coa que midades, váisevos medir a vós”.
39 Entón, púxolles esta comparación: “Pode un cego guiar outro cego? Non caerían os dous nun burato? 40 Un alumno* non é superior ó seu mestre, pero quen estea perfectamente instruído será coma o seu mestre. 41 Por que te fixas na palla que ten o teu irmán no ollo pero non ves a viga que tes ti no teu? 42 Como lle podes dicir ó teu irmán ‘Irmán, déixame quitarche a palla que tes no ollo’, se ti non ves a viga que tes no teu? Hipócrita! Primeiro quita a viga do teu ollo, e entón verás claramente como quitar a palla que está no ollo do teu irmán.
43 ”Ningunha árbore boa dá froito podre e ningunha árbore mala dá froito bo. 44 Porque polo froito sábese que árbore é. Por exemplo, a xente non recolle figos ou uvas dos espiños. 45 Unha persoa boa fala cousas boas porque ten cousas boas no seu corazón*, pero unha persoa mala fala cousas malas porque ten cousas malas no seu corazón*. Porque a súa boca fala do que abunda no seu corazón.
46 ”Entón, por que me dicides ‘Señor, Señor’ pero non facedes as cousas que digo? 47 Vouvos dicir a quen se parece a persoa que vén onda min, escoita as miñas palabras e as obedece. 48 É coma o home que cavou moi profundo para construír unha casa e puxo os cimentos sobre pedra. Por iso, cando veu unha inundación, o río bateu con forza contra a casa, pero non puido movela porque estaba ben construída. 49 Por outro lado, o que escoita as miñas palabras pero non fai nada é coma o home que construíu unha casa sobre a terra, sen cimentos. Cando o río bateu forte contra a casa, a casa veuse abaixo inmediatamente e quedou totalmente destruída”.
7 Despois de dicirlle á xente todo o que tiña que dicirlles, entrou en Capernaúm. 2 Alí había un oficial do exército que tiña un escravo ó que apreciaba moito pero que estaba moi enfermo, a punto de morrer. 3 Cando escoitou falar de Xesús, enviou algúns anciáns dos xudeus para pedirlle que viñese e curase o seu escravo. 4 Eles foron onde estaba Xesús e puxéronse a suplicarlle e a insistirlle: “Este home merece que lle concedas o que pide, 5 porque ama a nosa nación e foi el quen nos construíu a sinagoga”. 6 Así que Xesús foi con eles. Pero cando xa estaba cerca da casa, o oficial do exército mandou uns amigos a dicirlle a Xesús: “Señor, non te molestes en vir, porque non son digno de que entres na miña casa. 7 Por iso tampouco me considerei digno de presentarme diante de ti. Pero dá a orde e o meu servo quedará curado. 8 Porque eu tamén obedezo ordes e dou ordes ós soldados que están baixo o meu mando. Cando lle digo a un ‘Vaite!’, el vaise. Cando lle digo a outro ‘Ven!’, el vén. E cando lle digo ó meu escravo ‘Fai isto!’, el faino”. 9 Ó escoitar iso, Xesús quedou sorprendido, xirouse cara á multitude que o seguía e dixo: “Dígovos que nin en Israel encontrei unha fe tan grande”. 10 Cando os que foran enviados polo oficial do exército volveron á casa, viron que o escravo estaba curado.
11 Pouco despois, Xesús viaxou a unha cidade chamada Naín, e foron con el os seus discípulos e unha gran multitude de xente. 12 Cando se estaba acercando á porta da cidade, resulta que levaban para fóra un morto para enterralo. Era o único fillo* dunha muller, que ademais era viúva. Con ela tamén ía moita xente da cidade. 13 Cando o Señor viu a muller, sentiu moita compaixón por ela e díxolle: “Non chores máis”. 14 El acercouse enseguida, tocou a cama onde levaban o morto e os que a levaban detivéronse. Entón dixo: “Rapaz, eu dígoche: levántate!”. 15 O morto volveu á vida, sentouse e empezou a falar, e Xesús deullo á súa nai. 16 Todos quedaron moi impresionados* e empezaron a darlle gloria a Deus dicindo “Un gran profeta saíu de entre nós” e “Deus acordouse do seu pobo”. 17 E a noticia sobre o que fixera estendeuse por toda Xudea e por toda aquela rexión.
18 Entón, os discípulos de Xoán fóronlle contar todas estas cousas a Xoán. 19 Así que el mandou chamar a dous dos seus discípulos e díxolles que fosen a preguntarlle ó Señor: “Es ti o que ten que vir ou temos que esperar a outro?”. 20 Cando chegaron onde estaba Xesús, os homes dixéronlle: “Xoán o Bautista mandounos a preguntarche se es ti o que ten que vir ou se temos que esperar a outro”. 21 Nese momento, Xesús curou moitas persoas que tiñan enfermidades, doenzas graves e que estaban posuídas por demos, e devolveulles a vista a moitos cegos. 22 Ademais, el respondeulles: “Volvede onda Xoán e contádelle o que vistes e oístes: agora os cegos ven, os coxos camiñan, os leprosos son curados, os xordos oen, os mortos son resucitados* e ós pobres anúncianselles as boas noticias. 23 Feliz o que non encontra en min ningún motivo para tropezar*”.
24 Cando os discípulos de Xoán xa marcharan, Xesús empezoulles a falar ás multitudes sobre Xoán. Díxolles: “Que fostes ver ó deserto? Unha cana que se move co vento? 25 Que saístes a ver? Un home vestido con roupa cara? Pero se os que levan roupa ostentosa viven rodeados de luxos e están nas casas dos reis! 26 Entón, que saístes a ver? Un profeta? Pois si, e dígovos que vistes moito máis que un profeta. 27 Falando del, escribiuse: ‘Mira! Vou enviar o meu mensaxeiro diante de ti, e el irá diante de ti preparándoche o camiño’. 28 Dígovos que non naceu ninguén superior a Xoán. Pero aínda así, o máis pequeno no Reino de Deus é superior a el”. 29 Cando toda a xente e os cobradores de impostos escoitaron isto, puxéronse a dicir que Deus é xusto, porque foran bautizados co bautismo de Xoán. 30 Pero os fariseos e os expertos na Lei, como non aceptaran que Xoán os bautizase, desprezaron a guía que Deus lles dera*.
31 Xesús seguiu dicindo: “Con quen podería comparar a xente desta xeración? A quen se parecen? 32 Son coma os nenos que están sentados nunha praza de mercado e bérranse uns ós outros: ‘Tocamos a frauta para vós pero non bailastes, e cantamos cancións tristes para vós pero non chorastes’. 33 De igual maneira, veu Xoán o Bautista, que non come pan nin bebe viño, e vós dicides del: ‘Ten un demo dentro’. 34 Pero chegou o Fillo do Home, que si que come e bebe, e vós dicides: ‘Mirade! Este home é un lambón e bebe moito viño! E tamén é amigo dos cobradores de impostos e dos pecadores!’. 35 En calquera caso, a sabedoría queda demostrada por tódolos seus resultados*”.
36 Había un fariseo que lle insistía a Xesús para que fose comer con el. Así que Xesús entrou na casa do fariseo e sentouse* á mesa. 37 Resulta que había na cidade unha muller que era coñecida por ser pecadora. Cando soubo que Xesús estaba comendo* na casa do fariseo, levou un frasco feito de alabastro cheo de aceite perfumado. 38 Entón púxose detrás de Xesús, chorando xunto ós seus pés, e empezou a mollarllos coas súas lágrimas e a secarllos co seu pelo. Tamén lle daba bicos nos pés con moito cariño, e botoulle o aceite perfumado sobre eles. 39 Cando o fariseo que o invitara viu isto, pensou: “Se este home fose realmente un profeta, sabería quen o está tocando e que clase de muller é: unha pecadora”. 40 Pero Xesús, como sabía o que estaba pensando, díxolle: “Simón, teño que dicirche algo”. E el respondeulle: “Mestre, dime!”.
41 “Dous homes debíanlle cartos a un prestamista. Un debíalle 500 denarios* e outro, 50. 42 Como non tiñan con que pagarlle, el perdoounos con xenerosidade. Entón, cal dos dous o vai querer máis?”. 43 Simón contestoulle: “Supoño que o home ó que lle perdoou máis”. E Xesús díxolle: “Contestaches ben”. 44 Entón Xesús xirouse cara á muller e díxolle a Simón: “Ves esta muller? Entrei na túa casa e non me deches auga para os pés, pero ela mollounos coas súas lágrimas e secounos co seu pelo. 45 Non me deches un bico, pero esta muller non parou de darme bicos nos pés con cariño desde que entrei. 46 Non me botaches aceite na cabeza, pero esta muller botou aceite perfumado sobre os meus pés. 47 Por iso che digo que os seus pecados, aínda que son moitos*, quedan perdoados, porque amou moito. Pero a quen se lle perdoa pouco, ama pouco”. 48 Entón Xesús díxolle á muller: “Os teus pecados quédanche perdoados”. 49 Os que estaban na mesa* con el empezaron a dicirse uns ós outros: “Quen é este home que incluso perdoa pecados?”. 50 Pero el díxolle á muller: “A túa fe salvoute. Vaite en paz”.
8 Pouco despois, Xesús foi de cidade en cidade e de aldea en aldea predicando e anunciando as boas noticias do Reino de Deus. Con el ían os Doce 2 e tamén algunhas mulleres que foran liberadas de demos e curadas de enfermidades: María, á que chamaban Madalena (de quen saíran sete demos), 3 Xoana, que era a muller de Cuza (o encargado da casa de Herodes), Susana e moitas outras mulleres que usaban o que tiñan para atendelos.
4 Cando unha gran multitude se xuntou coa xente que, nunha cidade tras outra, ía onde estaba el, Xesús púxolles esta comparación: 5 “Un sementador saíu a botar a súa semente. Mentres o facía, algunhas das sementes caeron á beira do camiño, a xente pisounas e os paxaros do ceo coméronas. 6 Outras caeron sobre pedra, pero despois de nacer secaron porque non tiñan humidade. 7 Outras caeron entre os espiños, pero os espiños medraron xunto con elas e afogáronas. 8 Pero outras caeron en terra boa e despois de nacer deron froito, 100 veces máis do que se sementara”. Despois de dicir estas cousas, levantou a voz e dixo: “Quen teña oídos para escoitar, que escoite con atención!”.
9 Pero os seus discípulos preguntáronlle que significaba esta comparación. 10 El díxolles: “A vós permitíusevos entender os segredos sagrados do Reino de Deus. Pero para os demais todo son comparacións, para que por moito que miren non entendan, e por moito que oian non comprendan. 11 Isto é o que significa esta comparación. A semente é a palabra* de Deus. 12 Por un lado están as sementes que caeron á beira do camiño. Este é o caso das persoas que escoitan a palabra, pero despois vén o Demo* e quítalles a palabra do corazón para que non crean e non se salven. 13 Despois están as sementes que caeron sobre pedra. Este é o caso das persoas que cando escoitan a palabra recíbena con alegría, pero non teñen raíces profundas. Por un tempo cren, pero cando chega unha época na que veñen probas, bótanse atrás. 14 Despois están as sementes que caeron entre os espiños. Este é o caso das persoas que escoitan a palabra, pero as preocupacións, as riquezas e os praceres desta vida acábanas afogando completamente e non chegan a dar froito que madure. 15 E despois están as sementes que caeron en terra boa. Este é o caso das persoas que despois de escoitar a palabra cun corazón sincero e bo, gárdana e dan froito mentres aguantan.
16 ”Despois de prender un candil*, ninguén o tapa cun recipiente nin o pon debaixo da cama, senón que o pon nun sitio alto para que os que entren vexan a luz. 17 Porque non hai nada secreto que non se chegue a coñecer nin nada tan ben escondido que non se vaia saber e que non vaia saír á luz. 18 Así que escoitade con atención*, porque ó que ten daráselle máis, pero ó que non ten incluso se lle quitará o que imaxina que ten”.
19 Entón a nai e os irmáns de Xesús viñeron a velo, pero había tanta xente que non podían acercarse a el. 20 Por iso, fórono avisar e dixéronlle: “Túa nai e teus irmáns están aí fóra de pé e queren verte”. 21 El contestoulles: “Miña nai e meus irmáns son estes que escoitan a palabra de Deus e a obedecen”.
22 Un día Xesús subiu a unha barca cos seus discípulos e díxolles: “Crucemos ó outro lado do lago”. Así que marcharon 23 e, mentres navegaban, Xesús quedou durmido. Entón levantouse no lago un forte temporal de vento, e estaban en perigo porque a barca empezou a encherse de auga. 24 Os discípulos foron a despertalo e dixéronlle: “Mestre, Mestre, que afogamos!”. Así que el púxose de pé e reprendeu o vento e o mar, que estaba moi axitado. Entón, o temporal parou e todo quedou en calma. 25 El preguntoulles: “Onde está a vosa fe?”. Pero eles estaban moi asustados e admirados, e dicíanse uns ós outros: “Quen é en realidade este home? Porque incluso lles dá ordes ó vento e á auga, e fanlle caso”.
26 E chegaron á costa da rexión dos xerasenos, que está en fronte de Galilea, na outra beira do mar. 27 En canto Xesús baixou da barca, un home da cidade que estaba posuído por un demo foi onda el. Había bastante tempo que ese home non levaba roupa nin vivía nunha casa, senón que vivía onde estaban as tumbas*. 28 Cando viu a Xesús, deu un berro, botouse ó chan diante del e díxolle con voz forte: “Que teño que ver contigo, Xesús, Fillo do Deus Altísimo? Suplícoche que non me castigues*”. 29 (Porque Xesús estivéralle mandando ó demo que saíse do home. O demo apoderárase do home en moitas ocasións* e, aínda que lle ataban unha e outra vez os pés e as mans con cadeas e o tiñan vixiado, el sempre as rompía e o demo facía que o home fose a lugares apartados.) 30 Xesús preguntoulle: “Como te chamas?”. E el díxolle “Lexión”, porque se meteran nel moitos demos. 31 E eles suplicábanlle que non os mandase ó abismo*. 32 Resulta que había moitos porcos comendo alí na montaña, e os demos suplicáronlle que lles deixase entrar nos porcos. Entón, el deulles permiso. 33 Así que os demos saíron do home e metéronse nos porcos. Os porcos botáronse ó lago polo acantilado* abaixo e afogaron. 34 Cando os que coidaban os porcos viron o que pasara, saíron correndo e puxéronse a contar a noticia na cidade e no campo.
35 Entón, a xente saíu para ver o que pasara. Ó chegar onde estaba Xesús, asustáronse moito porque viron que o home que estivera posuído polos demos estaba vestido e sentado ós pés de Xesús, e que recuperara o xuízo. 36 Os que viran o que pasara explicáronlle á xente como Xesús curara aquel home. 37 Entón, moitas persoas da rexión dos xerasenos pedíronlle a Xesús que marchase de alí, porque tiñan moitísimo medo. Así que el subiu á barca para marchar. 38 O home que estivera posuído polos demos suplicáballe que lle deixase ir con el, pero Xesús pediulle que marchase e díxolle: 39 “Vai para a túa casa e cóntalles a todos o que Deus fixo por ti”. Así que o home marchou e foi anunciando por toda a cidade o que Xesús fixera por el.
40 Cando Xesús volveu á rexión de Galilea, a multitude recibiuno moi ben, porque todos o estaban esperando. 41 Entón, veu un home que se chamaba Xairo, que era presidente da sinagoga. Botouse ó chan diante de Xesús e púxose a suplicarlle que fose ata a súa casa, 42 porque a súa única filla*, que tiña uns 12 anos, estaba morrendo.
Mentres Xesús ía de camiño, as multitudes ían tan pegadiñas a el que case o esmagaban. 43 Había unha muller que levaba 12 anos con hemorraxias e non encontrara ninguén que puidese curala. 44 Ela acercouse a Xesús por detrás e tocoulle a beira do manto, e inmediatamente a hemorraxia parou. 45 Entón Xesús preguntou: “Quen me tocou?”. Mentres todos dicían que eles non foran, Pedro díxolle: “Mestre, estás rodeado de xente que está pegadiña a ti”. 46 Pero Xesús contestou: “Alguén me tocou, porque sei que saíu poder de min”. 47 Ó ver que non pasara desapercibida, a muller acercouse a Xesús tremendo co medo, botouse ó chan diante del e contou diante de todos por que o tocara e como quedara curada xusto nese momento. 48 Pero el díxolle: “Filliña, a túa fe curoute. Vaite en paz”.
49 Mentres aínda estaba falando, chegou un representante do presidente da sinagoga e díxolle: “A túa filla morreu. Non molestes máis o Mestre”. 50 Ó oír isto, Xesús díxolle a Xairo: “Non te preocupes*. Só ten fe e ela salvarase”. 51 Cando chegou á casa, non deixou que ninguén entrase con el, só Pedro, Xoán, Santiago e o pai e a nai da nena. 52 Toda a xente estaba chorando e dándose golpes no peito porque estaban moi tristes pola morte da nena. Por iso Xesús dixo: “Non choredes máis, porque non morreu, está durmindo”. 53 Ó escoitar isto, empezaron a rirse e a burlarse del con desprezo, porque sabían que a nena estaba morta. 54 Pero el colleuna da man e díxolle: “Neniña, levántate!”. 55 Entón a nena volveu á vida* e levantouse inmediatamente. Despois Xesús mandou que lle desen algo de comer á rapaza. 56 Os seus pais estaban tan contentos que non podían crelo, pero Xesús mandoulles que non lle contasen a ninguén o que pasara.
9 Entón, Xesús reuniu os Doce e deulles poder e autoridade para expulsar tódolos demos, e para curar enfermidades. 2 Enviounos a predicar o Reino de Deus e a curar os enfermos. 3 E díxolles: “Non levedes nada para a viaxe, nin bastón*, nin bolsa con comida, nin pan, nin cartos*. Tampouco levedes roupa para cambiarvos*. 4 Cando entredes nunha casa, aloxádevos nela ata que marchedes de alí. 5 Pero se a xente non vos recibe, sacudide o po dos pés* ó saír desa cidade para que sirva de testemuño contra eles*”. 6 Así que eles marcharon e foron de aldea en aldea anunciando as boas noticias e curando os enfermos por todas partes.
7 Resulta que Herodes*, o gobernante do distrito*, escoitou falar de todo o que estaba pasando. Estaba moi desconcertado porque algúns dicían que Xoán resucitara* de entre os mortos, 8 outros que volvera Elías e outros que resucitara* un dos profetas do pasado. 9 Herodes dicía: “Eu corteille a cabeza a Xoán. Entón, quen é este home do que escoito dicir todas estas cousas?”. Por iso quería velo.
10 Cando os apóstolos volveron, contáronlle a Xesús todo o que fixeran e el levounos a unha cidade chamada Betsaida para poder estar sós. 11 Pero as multitudes soubérono e seguírono. Xesús foi amable coa xente e púxose a falarlles do Reino de Deus, e curou os que o necesitaban. 12 Cando se estaba acabando o día, os Doce acercáronse a Xesús e dixéronlle: “Dille á xente que marche para que vaian ás aldeas e ós campos que hai cerca e poidan buscar onde aloxarse e algo para comer, porque estamos nun sitio apartado”. 13 Pero el respondeulles: “Dádelles vós de comer”. Eles dixéronlle: “Só temos cinco pans e dous peixes, a non ser que vaiamos nós mesmos a comprar comida para toda esta xente”. 14 Alí había uns 5000 homes. Pero el díxolles ós seus discípulos: “Dicídelles que se senten en grupos dunhas 50 persoas”. 15 Iso foi o que fixeron e todos se sentaron. 16 Despois colleu os cinco pans e os dous peixes, mirou cara ó ceo e fixo unha oración*. Entón partiunos e empezou a dárllelos ós discípulos para que os repartisen entre a xente. 17 Todos comeron e ninguén quedou con fame. Ó final, recolleron 12 cestas cos cachos que sobraron.
18 Máis tarde, cando Xesús estaba el só orando, acercáronselle os discípulos e el preguntoulles: “Quen di a xente que son eu?”. 19 Eles respondéronlle: “Uns din que es Xoán o Bautista, outros din que es Elías e outros din que es un dos profetas do pasado que resucitou*”. 20 Entón, el díxolles: “E vós? Quen dicides que son eu?”. Pedro contestou: “Ti es o Cristo de Deus”. 21 Entón faloulles seriamente e mandoulles que non llo dixesen a ninguén. 22 E tamén lles dixo: “O Fillo do Home ten que pasar por moitos sufrimentos e ten que ser rechazado polos anciáns, polos sacerdotes principais e polos escribas. Tamén ten que ser executado e resucitar* ó terceiro día”.
23 Despois empezou a dicirlles a todos: “Se alguén quere chegar a ser o meu discípulo, que renuncie a si mesmo*, que colla o seu madeiro de tortura* día tras día e que me siga constantemente. 24 Quen queira salvar a súa vida vaina perder, pero quen perda a súa vida por min é quen a vai salvar. 25 Porque, de que lle serve a alguén ganar o mundo enteiro se perde a súa vida ou se provoca a súa propia ruína? 26 Pois se alguén se avergonza de min e das miñas palabras, entón o Fillo do Home tamén se avergonzará del cando veña na súa gloria, na do Pai e na dos santos anxos. 27 Pero asegúrovos que algúns dos que están aquí non morrerán sen antes ver o Reino de Deus”.
28 De feito, uns oito días despois de dicir estas palabras, levou con el a Pedro, a Xoán e a Santiago, e subiu á montaña a orar. 29 E mentres oraba, a súa cara cambiou de aspecto e a súa roupa volveuse dun branco moi brillante. 30 De repente, apareceron dous homes falando con el: eran Moisés e Elías. 31 Eles brillaban* e puxéronse a falar de que Xesús tiña que marchar*, e de que iso se ía cumprir en Xerusalén. 32 Pedro e os que o acompañaban estaban medio durmidos, pero cando despertaron de todo, viron a gloria de Xesús e os dous homes que estaban de pé ó seu lado. 33 E mentres os dous homes se ían separando de Xesús, Pedro díxolle: “Mestre, que ben que esteamos aquí! Montemos tres tendas: unha para ti, unha para Moisés e outra para Elías”. Pedro estaba falando pero non se daba conta do que estaba dicindo. 34 E mentres dicía estas cousas, formouse unha nube que empezou a cubrilos, e a eles entroulles o medo. 35 Entón oíuse unha voz que viña da nube e dicía: “Este é o meu Fillo, o escollido. Escoitádeo”. 36 Cando se oíu a voz, viron que Xesús quedara só. Eles quedaron calados, e durante un tempo non lle contaron a ninguén nada do que viran.
37 Ó día seguinte, cando baixaron da montaña, unha gran multitude foi onda el. 38 Entón, un home que estaba entre a xente berrou: “Mestre, suplícoche que axudes ó* meu fillo. É o único fillo que teño. 39 Mira! Un demo contrólao, e el de repente ponse a berrar. O demo provócalle convulsións, fai que bote espuma pola boca e non quere saír del. Cando por fin o deixa, o rapaz queda malferido. 40 Supliqueilles ós teus discípulos que o botasen fóra, pero non puideron”. 41 Xesús respondeu: “Esta xeración é moi retorcida e non ten fe ningunha! Canto tempo máis vou ter que estar con vós e soportarvos? Tráeme aquí o teu fillo”. 42 E mentres o rapaz aínda se estaba acercando, o demo tirouno ó chan e fixo que tivese convulsións moi fortes. Pero Xesús reprendeu o demo, curou o rapaz e devolveullo ó seu pai. 43 Todos quedaron impactados co impresionante poder de Deus.
Mentres todos estaban asombrados por tódalas cousas que facía Xesús, el díxolles ós seus discípulos: 44 “Escoitade con atención e recordade estas palabras, porque o Fillo do Home vai ser traizoado e entregado nas mans dos seus inimigos”. 45 Pero eles non entenderon o que estaba dicindo. De feito, ocultóuselles o significado para que non o entendesen. E dáballes medo preguntarlle o que querían dicir estas palabras.
46 Entón empezaron a discutir entre eles sobre quen era o maior. 47 Xesús, que sabía o que tiñan* no seu corazón, colleu un neno, púxoo ó seu lado 48 e díxolles: “Quen recibe este neno por causa do meu nome tamén me recibe a min. E quen me recibe a min, recibe tamén a quen me enviou. Porque o que se porta coma un dos máis pequenos entre todos vós, ese é o que é maior”.
49 Cando o escoitou, Xoán díxolle: “Mestre, vimos que alguén botaba demos fóra usando o teu nome, pero intentamos impedirllo porque non era un dos que andan con nós”. 50 Pero Xesús díxolle: “Non intentedes impedirllo, porque quen non está na vosa contra está ó voso favor”.
51 Ó acercarse* o tempo no que Xesús ía ser levado arriba, tomou a firme decisión de ir a Xerusalén. 52 Así que mandou mensaxeiros diante del. Eles foron e entraron nunha aldea de Samaria para preparar as cousas para cando chegase. 53 Pero cando os de alí souberon que Xesús estaba decidido a ir a Xerusalén, non o recibiron. 54 Cando os discípulos Santiago e Xoán viron isto, dixeron: “Señor, queres que mandemos que baixe lume do ceo e acabe con eles?”. 55 Pero el deuse a volta e reprendeunos. 56 Entón Xesús e os seus discípulos marcharon para outra aldea.
57 Mentres ían polo camiño, alguén lle dixo: “Seguireite vaias onde vaias”. 58 Pero Xesús contestoulle: “Os raposos teñen raposeiras e os paxaros teñen niños, pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza”. 59 Despois díxolle a outro: “Faite o meu discípulo*”. O home contestoulle: “Señor, déixame ir e enterrar primeiro a meu pai”. 60 Pero Xesús respondeulle: “Deixa que os mortos enterren os seus mortos. Ti vai e anuncia o Reino de Deus por todas partes”. 61 E outro díxolle: “Señor, seguireite, pero déixame ir primeiro a despedirme dos da miña casa”. 62 Xesús contestoulle: “Ninguén que pon a man no arado e mira para as cousas que deixa atrás vale* para o Reino de Deus”.
10 Despois disto, o Señor escolleu outros 70 discípulos e mandounos de dous en dous a tódolos lugares e cidades ós que despois tamén tiña pensado ir el. 2 Entón díxolles: “Realmente queda moita colleita por apañar, pero hai poucos traballadores. Así que rogádelle ó Dono da colleita que mande traballadores. 3 Ide, pero estade alerta! Estouvos enviando coma cordeiros no medio de lobos. 4 Non levedes unha bolsiña para os cartos nin unha bolsa con comida nin outro par de sandalias, e non saudedes a ninguén* polo camiño. 5 Cando entredes nunha casa, primeiro dicide: ‘Que esta casa teña paz’. 6 E se alí hai un amigo da paz, a paz que lle desexades quedará con el. Pero se non o hai, a paz volverá a vós. 7 Así que aloxádevos nesa casa e comede e bebede o que vos dean, porque o traballador merece a súa paga. Non andedes cambiándovos dunha casa a outra.
8 ”Ademais, cando entredes nunha cidade e vos reciban, comede o que vos ofrezan 9 e curade os enfermos que haxa alí, e dicídelles: ‘O Reino de Deus xa está cerca de vós’. 10 Pero cando entredes nunha cidade e non vos reciban, saíde ás rúas principais e dicide: 11 ‘Sacudimos incluso o po da vosa cidade que se nos pegou ós pés para que sirva de testemuño contra vós. Pero sabede que o Reino de Deus xa está cerca’. 12 Dígovos que ese día* será máis fácil de soportar para Sodoma que para esa cidade.
13 ”Pobre de ti, Corazín! Pobre de ti, Betsaida! Porque se as persoas de Tiro e Sidón visen os milagres que se fixeron nas vosas cidades, hai tempo que estarían arrepentidas, vestiríanse con tea de saco e sentaríanse enriba da cinza*. 14 Por iso, o xuízo seralles máis fácil de soportar a Tiro e a Sidón que a vós. 15 E ti, Capernaúm, pensas que vas ser levantada* ata o ceo? Non, baixarás ata a Tumba*!
16 ”Quen vos escoita a vós tamén me escoita a min, e quen non vos fai caso a vós tampouco me fai caso a min. Ademais, quen non me fai caso a min tampouco lle fai caso ó que me enviou”.
17 Entón, os 70 discípulos volveron moi contentos e dixeron: “Señor, incluso os demos nos obedecen cando usamos o teu nome”. 18 E el díxolles: “Vexo a Satanás xa caído, coma un raio do ceo. 19 Mirade! Deivos autoridade para esmagar cos pés serpes e escorpións, e para vencer todo o poder do inimigo. E non haberá absolutamente nada que vos faga dano. 20 Pero non vos alegredes porque os espíritos vos obedezan. Máis ben, alegrádevos porque os vosos nomes foron escritos nos ceos”. 21 Nese momento, Xesús sentiu unha inmensa felicidade por medio do espírito santo e dixo: “Bendito sexas*, meu Pai, Señor do ceo e da terra, porque escondiches con coidado estas cousas dos intelectuais e dos sabios, e reveláchelas ós que son coma nenos. Si, meu Pai, porque quixeches facelo así”. 22 Tamén dixo: “Meu Pai entregoume tódalas cousas. O único que sabe quen é o Fillo é o Pai. E os únicos que saben quen é o Pai son o Fillo e aqueles ós que o Fillo queira revelarlles quen é o Pai”.
23 Entón, xirouse cara ós seus discípulos e díxolles en privado: “Felices os ollos que ven o que vós estades vendo. 24 Porque vos digo que moitos profetas e reis quixeron ver as cousas que vós estades vendo, pero non as viron, e quixeron oír as cousas que vós estades oíndo, pero non as oíron”.
25 Entón, un home que era experto na Lei levantouse para poñelo a proba e preguntoulle: “Mestre, que teño que facer para herdar a vida eterna?”. 26 El díxolle: “Que está escrito na Lei? Que les nela?”. 27 O home contestoulle: “‘Ama a Xehová* o teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma*, con tódalas túas forzas e con toda a túa mente’ e ‘ama os demais* como te amas a ti mesmo’”. 28 Xesús díxolle: “Contestaches ben. Sigue facendo iso e conseguirás vida eterna”.
29 Pero como quería demostrar que era xusto, o home preguntoulle a Xesús: “Quen son en realidade ‘os demais’, os que teño que amar?*”. 30 Xesús respondeulle: “Un home baixaba de Xerusalén a Xericó e caeu nas mans duns ladróns que lle quitaron incluso a roupa, pegáronlle e marcharon deixándoo medio morto. 31 Cadrou que un sacerdote baixaba por ese mesmo camiño pero, cando viu o home, non parou e cruzou para o outro lado. 32 Pasou o mesmo cando un levita chegou alí e o viu, cruzou para o outro lado do camiño e tampouco parou. 33 Pero cando un samaritano que viaxaba por aquel camiño chegou onde estaba o home e o viu, compadeceuse moito del. 34 Entón acercóuselle, botoulle aceite e viño nas feridas, e vendoullas. Despois subiuno ó seu animal de carga, levouno a unha pousada* e coidouno. 35 Ó día seguinte, sacou dous denarios*, deullos ó dono da pousada e díxolle: ‘Coida del, e cando volva pagareiche todo o que gastes a maiores’”. 36 Entón Xesús preguntoulle: “Cal dos tres pensas que amou ó home* que caeu nas mans dos ladróns?”. 37 El contestoulle: “O que o tratou con compaixón*”. Entón Xesús díxolle: “Vai e fai ti o mesmo”.
38 Mentres continuaban a viaxe, Xesús entrou nunha aldea. Alí había unha muller que se chamaba Marta e que o aloxou na súa casa. 39 Ela tiña unha irmá que se chamaba María, que se sentou ós pés do Señor e quedou escoitando o que el dicía. 40 Pero Marta estaba distraída encargándose de moitas cousas. Entón acercouse a Xesús e díxolle: “Señor, e logo non che importa que miña irmá me deixase a min soa preparando todo? Dille que veña e que me axude”. 41 O Señor respondeulle: “Marta, Marta, estás inquieta e preocupada por moitas cousas, 42 pero necesítanse poucas cousas, ou só unha. María escolleu a mellor parte* e non se lle vai quitar”.
11 Nunha ocasión, Xesús estaba orando en certo sitio e, cando terminou, un dos seus discípulos pediulle: “Señor, ensínanos a orar, igual que Xoán lles ensinou a orar ós seus discípulos”.
2 Entón, el díxolles: “Cando oredes, dicide: ‘Pai, que o teu nome sexa santificado*. Que veña o teu Reino. 3 Dános cada día o pan que necesitamos para ese día. 4 Perdoa os nosos pecados, porque nós tamén perdoamos a tódolos que están en débeda con nós*. E non nos deixes caer* na tentación’”.
5 Entón díxolles: “Imaxinade que un de vós ten un amigo, e á medianoite vai a velo e dille: ‘Amigo, déixame tres pans, 6 porque acaba de chegarme á casa outro amigo que está de viaxe e non teño nada que darlle’. 7 E el di desde dentro: ‘Deixa de molestarme. A porta xa está pechada con chave e os meus nenos e mais eu xa estamos na cama. Non me podo levantar a darche nada’. 8 Dígovos que aínda que non se levante a darlle algo por ser o seu amigo, seguro que ó final se levantará e lle dará todo o que necesite porque se atreveu a seguir insistindo. 9 Por iso vos digo: seguide pedindo e recibiredes, seguide buscando e encontraredes, seguide petando á porta e abrirásevos. 10 Porque tódolos que piden reciben, tódolos que buscan encontran e a tódolos que petan á porta abriráselles. 11 De feito, que pai hai entre vós que lle dea unha serpe ó seu fillo se lle pide un peixe? 12 Ou que lle dea un escorpión se lle pide un ovo? 13 Pois se vós, aínda que sodes pecadores, sabedes darlles bos regalos ós vosos fillos, podedes estar seguros de que* o voso Pai que está no ceo tamén lles dará espírito santo ós que llo pidan”.
14 Máis tarde, botou fóra dun home un demo que o deixara mudo*. Cando o demo saíu, o mudo empezou a falar e as multitudes quedaron pasmadas. 15 Pero algúns deles dixeron: “Este home bota fóra os demos co poder de Belcebú*, o gobernante dos demos”. 16 E outros empezaron a esixirlle un sinal do ceo para poñelo a proba. 17 Como Xesús sabía o que estaban pensando, díxolles: “Todo reino que está dividido internamente vai á ruína, e unha familia* que está dividida internamente vénse abaixo. 18 Da mesma maneira, se Satanás está dividido internamente, como poderá manterse en pé o seu reino? Porque vós dicides que eu boto fóra os demos co poder de Belcebú. 19 Se eu boto fóra os demos co poder de Belcebú, con que poder botan fóra ós demos os vosos discípulos? Eles mesmos demostrarán que o que dicides non é certo*. 20 Pero se eu boto os demos fóra mediante o poder de Deus*, iso quere dicir que o Reino de Deus vos colleu por sorpresa*. 21 Cando un home forte e ben armado vixía o seu palacio, os seus bens están seguros. 22 Pero cando alguén máis forte ca el o ataca e o vence, sácalle tódalas armas nas que confiaba e reparte as cousas que lle quitou. 23 O que non está comigo está contra min, e o que non me axuda a acercar as persoas apártaas de min*.
24 ”Cando un demo sae dunha persoa, pasa por zonas desérticas buscando un sitio para descansar, pero como non o encontra, di: ‘Vou volver á casa da que marchei’. 25 E cando chega, encóntraa varrida e decorada. 26 Así que vai e leva con el outros sete demos aínda peores ca el e, despois de meterse dentro, quedan a vivir alí. Ó final, a situación desa persoa é peor que ó principio”.
27 Mentres Xesús dicía isto, unha muller berrou entre a multitude: “Feliz o ventre no que estiveches e os peitos que che deron de mamar!”. 28 Pero el contestoulle: “Non. En vez diso, felices os que escoitan a palabra de Deus e a obedecen!”.
29 Entón empezou a xuntarse máis e máis xente arredor del, e Xesús púxose a dicir: “Esta xeración é unha xeración malvada. Busca un sinal pero non se lle vai dar ningún, excepto o sinal do profeta Xonás. 30 Porque igual que Xonás chegou a ser un sinal para os ninivitas, o Fillo do Home será un sinal para esta xeración. 31 A raíña do sur* resucitará* no Día do Xuízo xunto cos homes desta xeración e condenaraos, porque ela veu desde moi lonxe para escoitar a sabedoría de Salomón. Pois, mirade! Aquí hai alguén máis importante que Salomón. 32 Os habitantes de Nínive resucitarán* no Día do Xuízo xunto con esta xeración e condenarana, porque eles arrepentíronse ó escoitar o que Xonás predicou. Pois, mirade! Aquí hai alguén máis importante que Xonás. 33 Despois de prender un candil*, ninguén o esconde nin o tapa cun cesto, senón que o pon nun sitio alto para que os que entren vexan a luz. 34 Os teus ollos son a lámpada do corpo. Cando os teus ollos están ben enfocados*, todo o teu corpo brilla*. Pero cando os teus ollos miran con envexa*, o teu corpo está escuro. 35 Así que ten coidado de que a luz que hai en ti non sexa escuridade. 36 Por iso, se todo o teu corpo brilla e non hai ningunha parte en escuridade, todo estará brillante, igual que cando un candil te ilumina coa súa luz”.
37 Despois de dicir isto, un fariseo invitouno a comer. Entón Xesús entrou na súa casa e sentouse* á mesa. 38 Pero o fariseo estrañouse ó ver que Xesús non se lavaba* antes de comer. 39 Entón o Señor díxolle: “Vós, os fariseos, sodes coma unha copa e un prato que están limpos por fóra, pero por dentro estades cheos de cobiza* e de maldade. 40 Que insensatos sodes! O que fixo o de fóra tamén fixo o de dentro, non? 41 Así que, cando axudedes ós necesitados*, dádelles as cousas que saen de dentro do voso corazón e entón estaredes limpos en tódolos sentidos. 42 Pobres de vós, fariseos! Porque dades a décima parte da menta, da ruda e de tódalas outras herbas*, pero descoidades a xustiza e o amor a Deus! É verdade que estabades obrigados a dar esas cousas, pero sen descoidar estas outras. 43 Pobres de vós, fariseos! Porque vos encanta sentarvos nos mellores asentos* nas sinagogas e que a xente vos saúde nas prazas dos mercados! 44 Pobres de vós! Porque sodes coma esas tumbas* que case nin se ven* e polas que a xente pasa por enriba sen darse conta!”.
45 Un dos expertos na Lei respondeulle: “Mestre, dicindo iso tamén nos insultas a nós”. 46 Entón Xesús dixo: “Pobres de vós tamén, expertos na Lei! Porque poñedes enriba da xente cargas difíciles de levar, pero vós non as tocades nin cun dedo!
47 ”Pobres de vós! Porque renovades as tumbas* dos profetas, pero os vosos antepasados matáronos! 48 Está claro que sabedes o que fixeron os vosos antepasados, e aínda así aprobádelo. Porque eles mataron os profetas, pero vós renovades as súas tumbas. 49 Por iso a sabedoría de Deus tamén dixo: ‘Voulles mandar profetas e apóstolos, e a algúns deles mataranos e perseguiranos. 50 Por esta razón, a esta xeración váiselle reclamar o sangue de tódolos profetas que se derramou desde o principio da humanidade*, 51 desde o sangue de Abel ata o de Zacarías, a quen mataron entre o altar e o templo*’. Dígovos que a esta xeración se lle vai reclamar o sangue de todos eles.
52 ”Pobres de vós, expertos na Lei! Porque lle quitastes a chave do coñecemento á xente! Vós non entrastes* e poñédeslles obstáculos ós que están entrando!”.
53 Cando saíu de alí, os escribas e os fariseos empezaron a facer moitísima presión sobre Xesús e a acosalo con moitas máis preguntas, 54 coa intención de poder acusalo por algo que dixese.
12 Mentres, xuntouse unha multitude de miles de persoas, e eran tantos que se pisaban uns ós outros. Entón Xesús empezou a falar dirixíndose primeiro ós seus discípulos e díxolles: “Tede coidado co fermento* dos fariseos, que é a hipocrisía. 2 Porque non hai nada tan ben escondido que non se vaia descubrir nin nada secreto que non se vaia saber. 3 Así que todo o que digades na escuridade oirase a plena luz, e o que digades baixiño en cuartos privados anunciarase desde as azoteas. 4 Ademais, meus amigos, dígovos que non lles teñades medo ós que matan o corpo pero despois non poden facer nada máis. 5 Eu direivos a quen debedes temer. Temede* a quen despois de matar ten autoridade para botar na Guehena*. Si, dígovos que este é a quen debedes temer. 6 Verdade que se venden cinco gorrións por dúas moediñas de pouco valor*? Aínda así, Deus non se esquece de* ningún deles. 7 Pois no voso caso, incluso están contados tódolos pelos da vosa cabeza. Así que non teñades medo, vós valedes máis que moitos gorrións.
8 ”Dígovos que se alguén se pon da miña parte diante da xente, o Fillo do Home tamén se poñerá de parte del diante dos anxos de Deus. 9 Pero se alguén me rechaza diante da xente, será rechazado diante dos anxos de Deus. 10 E a todo aquel que diga algo contra o Fillo do Home perdoaráselle o seu pecado, pero a quen blasfeme* contra o espírito santo non se lle vai perdoar. 11 Cando vos leven diante de asembleas públicas*, funcionarios do goberno e autoridades, non vos angustiedes pensando en como vos ides defender nin no que ides dicir, 12 porque o espírito santo vaivos ensinar xusto nese momento o que debedes dicir”.
13 Entón, alguén que estaba entre a xente díxolle: “Mestre, dille ó meu irmán que comparta a herdanza comigo”. 14 Xesús contestoulle: “Pero home, quen me fixo xuíz ou árbitro entre vós os dous?”. 15 Entón díxolles: “Mantede os ollos ben abertos e evitade todo tipo de cobiza*, porque aínda que alguén teña moito, as cousas que ten non lle poden dar a vida”. 16 E púxolles esta comparación: “As terras dun home rico produciron moito. 17 Así que empezou a pensar: ‘Que vou facer agora que non teño onde gardar a miña colleita?’. 18 Entón dixo: ‘Xa sei o que vou facer: vou botar abaixo os meus almacéns e farei outros máis grandes, e alí gardarei todo o meu gran e todo o que teño. 19 E despois direime a min mesmo: “Tes moitas cousas boas gardadas para moitos anos. Vive tranquilo, come, bebe e pásao ben”’. 20 Pero Deus díxolle: ‘Insensato! Esta noite vas morrer*. E quen vai quedar coas cousas que gardaches?’. 21 Iso é o que lle pasa a quen acumula tesouros para si mesmo pero non é rico ós ollos de Deus”.
22 Entón díxolles ós seus discípulos: “Por iso vos digo que deixedes de angustiarvos pola vosa vida pensando no que ides comer, ou polo voso corpo pensando no que ides vestir. 23 Porque a vida vale máis que a comida, e o corpo que a roupa. 24 Fixádevos nos corvos. Nin sementan, nin segan, nin teñen almacéns, pero Deus dálles de comer. Non valedes vós moito máis que as aves? 25 Quen de vós, por angustiarse, pode facer que a súa vida dure unha hora* máis? 26 Así que, se nin sequera podedes facer algo tan pequeno, por que angustiarse polo resto das cousas? 27 Fixádevos en como medran as flores*. Nin traballan nin fan a súa roupa, pero eu dígovos que nin sequera o rei Salomón en toda a súa grandeza se vestiu tan ben coma unha delas. 28 Así que, se Deus viste así as plantas do campo, que hoxe están aquí e mañá se botan ó lume*, con moita máis razón vos vestirá a vós, xente de pouca fe! 29 Por iso, deixade de andar buscando que ides comer e que ides beber, e deixade de estar demasiado preocupados. 30 Porque os que van detrás destas cousas con moita ansia son as persoas que non coñecen a Deus*, pero o voso Pai xa sabe que necesitades estas cousas. 31 En vez diso, seguide buscando o Reino e recibiredes tódalas cousas que necesitades.
32 ”Non teñades medo, rabaño pequeno, porque o voso Pai quere darvos o Reino. 33 Vendede o que tedes e axudade ós necesitados*. Facédevos bolsiñas para os cartos que non se desgasten, é dicir, acumulade un tesouro nos ceos que non se acabe, onde ningún ladrón se acerca e os bichos non o botan a perder. 34 Porque onde estea o voso tesouro, aí tamén estará o voso corazón.
35 ”Estade vestidos e preparados*, tede os vosos candís* prendidos 36 e sede coma os homes que esperan a que o seu amo volva da voda para abrirlle en canto el veña e chame á porta. 37 Felices son os escravos que o amo encontre vixiando cando veña! Asegúrovos que o amo vaise vestir* para servir, fará que se senten* á mesa e acercarase para servirlles a comida. 38 Felices son os escravos se el vén antes da medianoite*, ou incluso despois da medianoite*, e os encontra preparados! 39 Tede en conta que se o dono da casa soubese a que hora vai vir o ladrón, non deixaría que lle entrase na casa. 40 Vós igual, estade sempre preparados, porque o Fillo do Home virá á hora que menos esperades”.
41 Entón Pedro preguntoulle: “Señor, esta comparación é só para nós ou é para todos?”. 42 E o Señor dixo: “Quen é en realidade o administrador fiel*, o prudente*, a quen o seu amo poñerá a cargo dos servos da casa para que lles siga dando o alimento que necesitan ó tempo debido? 43 Que feliz será ese escravo se o seu amo o encontra facendo iso cando veña! 44 Asegúrovos que o poñerá a cargo de tódolos seus bens. 45 Pero se ese escravo algunha vez pensa ‘O meu amo tarda en vir’ e empeza a pegarlles ós criados e ás criadas, e a comer, a beber e a emborracharse, 46 entón o amo dese escravo virá un día que el non espera e a unha hora que el non coñece e castigarao co peor dos castigos, e poñerao cos infieis. 47 O escravo que entendeu o que o seu amo quería pero non se preparou nin fixo o que el lle mandou* levará moitos paus. 48 Pero o que non entendeu o que o seu amo quería e por iso fixo cousas polas que merece levar paus levará poucos. De feito, a quen se lle deu moito pediráselle moito, e a quen se lle encargou moito pediráselle máis do normal.
49 ”Vin a prender un lume na terra. E que máis podo pedir se xa está prendido? 50 Pero hai un bautismo co que teño que ser bautizado, e estarei moi angustiado ata que se acabe! 51 Credes que vin a traer paz á terra? Dígovos que non. Vin a causar división. 52 Porque a partir de agora haberá división na familia. Se hai cinco membros nunha familia, tres estarán contra dous e dous contra tres. 53 Estarán divididos o pai contra o fillo e o fillo contra o pai, a nai contra a filla e a filla contra a nai, a sogra contra a nora e a nora contra a sogra”.
54 Despois tamén lles dixo ás multitudes: “Cando vedes que aparece unha nube polo oeste, enseguida dicides ‘Vén unha tormenta’, e así pasa. 55 E cando vedes que hai vento do sur, dicides ‘Vai vir moita calor’, e así pasa. 56 Hipócritas! Se sabedes interpretar o aspecto da terra e do ceo, como é que non sabedes recoñecer o que está pasando neste tempo en concreto? 57 Por que non xulgades por vós mesmos o que é xusto? 58 Por exemplo, se alguén que está en contra de ti te leva a xuízo diante dunha autoridade, esfórzate por chegar a un acordo mentres vaiades polo camiño, para que non te leve diante do xuíz, o xuíz te entregue ó garda do tribunal e o garda te meta na prisión. 59 Asegúroche que non sairás de alí ata que pagues a última moediña*”.
13 Naquela ocasión, algúns dos que estaban presentes contáronlle a Xesús que Pilato matara uns galileos que estaban ofrecendo sacrificios. 2 Entón el díxolles: “Pensades que o que lles pasou a eses galileos foi porque eran máis pecadores que tódolos demais galileos? 3 Dígovos que non. E se non vos arrepentides, todos vós tamén seredes destruídos. 4 E que pensades dos 18 que morreron cando lles caeu enriba a torre de Siloam? Credes que eran máis culpables que tódolos demais habitantes de Xerusalén? 5 Dígovos que non. E se non vos arrepentides, todos vós ides ser destruídos tamén, igual ca eles”.
6 Entón púxolles esta comparación: “Un home tiña unha figueira plantada na súa viña e foi mirar se tiña figos, pero non encontrou ningún. 7 Despois díxolle ó home que coidaba da viña: ‘Xa levo tres anos vindo a buscar figos a esta figueira e nunca encontrei ningún. Córtaa! Por que debería deixar que se desperdicie o terreo que está ocupando?’. 8 El contestoulle: ‘Señor, déixaa un ano máis. Vou cavar arredor dela e a botarlle esterco. 9 Se despois dá figos, perfecto! E se non, mandas que a corten’”.
10 Un sábado, Xesús estaba ensinando nunha das sinagogas. 11 Resulta que alí había unha muller que levaba 18 anos enferma por culpa dun demo*. Andaba toda dobrada e non se podía poñer dereita. 12 Cando Xesús a viu, díxolle: “Muller, quedas libre da túa enfermidade”. 13 Ademais, puxo as mans sobre ela, e inmediatamente a muller púxose dereita e empezou a darlle gloria a Deus. 14 Cando o presidente da sinagoga viu isto, enfadouse moito porque Xesús curara alguén en sábado, e díxolle á multitude: “Hai seis días nos que hai que traballar. Así que vinde para que se vos cure neses días, e non en sábado”. 15 Pero o Señor contestoulle: “Hipócritas! E logo vós non desatades o voso boi ou o voso burro para levalo a beber en sábado? 16 Pois esta muller é filla de Abrahán, e Satanás tívoa atada durante 18 anos. Non debería ser liberada da súa escravitude aínda que sexa en sábado?”. 17 Cando Xesús dixo isto, tódolos que estaban na súa contra empezaron a sentir vergonza, pero toda a multitude se alegrou moito polas cousas tan marabillosas que facía.
18 Xesús seguiulles dicindo: “A que se parece o Reino de Deus, e con que podo comparalo? 19 É coma un gran de mostaza que un home plantou na súa horta. O gran medrou e converteuse nunha árbore, e os paxaros fixeron os seus niños nas súas pólas”.
20 E volveulles a dicir: “Con que podo comparar o Reino de Deus? 21 É coma o fermento que unha muller botou nunha gran cantidade* de fariña. Ó final, fermentou toda a masa”.
22 Mentres Xesús viaxaba cara a Xerusalén, ía de cidade en cidade e de aldea en aldea ensinándolle á xente. 23 Entón un home preguntoulle: “Señor, son poucos os que se salvan?”. E el dixo: 24 “Esforzádevos ó máximo por entrar pola porta estreita, porque vos digo que moitos intentarán entrar pero non o conseguirán. 25 Cando o dono da casa se levante e peche a porta con chave, quedaredes de pé fóra, chamando á porta e dicindo: ‘Señor, ábrenos!’. Pero el responderavos: ‘Non sei de onde sodes’. 26 Entón empezaredes a dicir: ‘Estivemos comendo e bebendo contigo, e ensinaches nas rúas principais da nosa cidade’. 27 Pero el diravos: ‘Non sei de onde sodes. Apartádevos de min, todos vós, os que facedes o que é inxusto!’. 28 Aí é onde choraredes cheos de desesperación e de rabia*, cando vexades que Abrahán, Isaac, Xacob e tódolos profetas están no Reino de Deus pero a vós botáronvos fóra. 29 Ademais, virá xente do leste e do oeste, e do norte e do sur, e sentaranse* á mesa no Reino de Deus. 30 Escoitade isto: algúns dos últimos serán os primeiros, e algúns dos primeiros serán os últimos”.
31 Xusto nese momento, viñeron uns fariseos e dixéronlle: “Marcha de aquí, porque Herodes quérete matar”. 32 E el contestoulles: “Ídelle dicir a ese raposo: ‘Mira! Hoxe e mañá vou expulsar demos e curar enfermos, e ó terceiro día acabarei’. 33 Pero teño que seguir a miña viaxe hoxe, mañá e pasadomañá, porque non pode ser* que maten un profeta fóra de Xerusalén. 34 Xerusalén, Xerusalén, a que asasina os profetas e mata a pedradas os que son enviados a ela... Cantas veces quixen xuntar os teus fillos igual que a galiña xunta os seus pitiños debaixo das súas alas! Pero non quixestes. 35 Pois, mirade! A vosa casa* queda abandonada e déixase nas vosas mans. Dígovos que non me veredes máis ata que digades: ‘Bendito o que vén no nome de Xehová*!’”.
14 Noutra ocasión, Xesús foi comer á casa dun líder dos fariseos en sábado, e os que estaban na casa estaban moi pendentes del. 2 Resulta que había un home diante del que tiña hidropisía*. 3 Así que Xesús preguntoulles ós expertos na Lei e ós fariseos: “Está permitido curar a alguén en sábado ou non?”. 4 Pero eles quedaron calados. Entón el colleu o home, curouno e mandouno marchar. 5 Despois díxolles: “Se o voso fillo ou o voso touro cae nun pozo en sábado, quen de vós non o saca inmediatamente?”. 6 Pero non foron capaces de responderlle.
7 Ó ver que os invitados estaban escollendo os lugares máis importantes, Xesús díxolles ós invitados: 8 “Cando te inviten a un banquete de voda, non te sentes* no sitio máis importante. Pode ser que o que te invitou tamén invitase a alguén máis importante ca ti. 9 Entón o que vos invitou ós dous virá e dirache: ‘Déixalle o teu sitio a este home’. E terás que ir para o último lugar todo avergonzado. 10 En vez diso, cando te inviten, séntate no último sitio. Así, cando veña o que te invitou, dirache: ‘Meu amigo, ven a un sitio mellor’. Desta maneira, recibirás honra diante dos demais invitados. 11 Porque quen se pon por riba doutros será humillado, pero a quen é humilde poñerano por riba dos demais”.
12 Despois díxolle ó home que o invitara: “Cando deas unha comida ou unha cea, non chames os teus amigos, nin os teus irmáns, nin os teus parentes, nin os teus veciños ricos. Se o fixeses, eles tamén poderían invitarte a ti e esa xa sería a túa recompensa. 13 En vez diso, cando deas un banquete, invita os pobres, os impedidos, os coxos e os cegos, 14 e serás feliz, porque non teñen con que pagarche. Ademais, serás recompensado na resurrección dos xustos”.
15 Cando escoitou isto, un dos invitados díxolle: “Feliz o que coma* no Reino de Deus”.
16 Xesús díxolle: “Un home ía dar unha gran cea e invitou moita xente. 17 Cando chegou a hora da cea, mandoulle ó seu escravo que lles fose dicir ós invitados: ‘Vinde, que xa está todo preparado’. 18 Pero todos empezaron a poñer escusas. O primeiro díxolle: ‘Comprei un campo e teño que ir a velo. Síntoo moito, pero non vou poder ir’. 19 Outro díxolle: ‘Comprei cinco parellas de bois e vou comprobar se traballan ben. Síntoo moito, pero non vou poder ir’. 20 E outro díxolle: ‘Acabo de casar e por iso non podo ir’. 21 Así que o escravo foillo contar todo ó seu amo. Entón, o dono da casa enfadouse e mandoulle ó escravo: ‘Rápido! Vai ás rúas principais e ás rúas estreitas da cidade e trae os pobres, os impedidos, os cegos e os coxos’. 22 Máis tarde, o escravo dixo: ‘Amo, xa se fixo o que mandaches, e aínda quedan sitios libres’. 23 Así que o amo mandoulle: ‘Vai ós camiños e ás corredoiras, e obriga a xente a vir para que se encha a casa. 24 Porque vos digo que ningún dos que estaban invitados vai probar a miña cea’”.
25 Había moitísimas persoas que viaxaban con Xesús. El xirouse cara a elas e dixo: 26 “Se alguén me quere seguir e non me quere máis a min do que lle quere* ó seu pai, á súa nai, á súa muller, ós seus fillos, ós seus irmáns e irmás, e incluso á súa propia vida, non pode ser o meu discípulo. 27 Quen non carga co seu madeiro de tortura* e me segue non pode ser o meu discípulo. 28 Por exemplo, se algún de vós quere construír unha torre, quen non se senta antes a calcular os gastos para ver se ten abondo para terminala? 29 Non vaia ser que poña os cimentos pero non poida acabala, e tódolos que o vexan empecen a burlarse del 30 e digan: ‘Este home empezou a construír e non foi capaz de acabar’. 31 Ou se un rei que ten 10.000 soldados quere ir á guerra contra outro que ten 20.000, non se vai sentar primeiro e vai pedir consello para ver se pode ganar? 32 E se ve que non pode, entón enviará un grupo de embaixadores para pedir a paz mentres o outro rei aínda está lonxe. 33 Da mesma maneira, podedes estar seguros de que ningún de vós pode ser o meu discípulo se non renuncia a todo o que ten.
34 ”Está claro que o sal é bo. Pero se perde a súa forza, como vai recuperar o seu sabor? 35 Non vale nin para botar na terra nin no esterco, e por iso a xente o tira. Quen teña oídos para escoitar, que escoite con atención”.
15 Tódolos cobradores de impostos e os pecadores xuntábanse arredor de Xesús para escoitalo. 2 E tanto os fariseos coma os escribas murmuraban: “Este home lévase ben cos pecadores e come con eles”. 3 Entón Xesús púxolles esta comparación: 4 “Se algún de vós ten 100 ovellas e perde unha, quen non deixa as 99 no campo e vai buscar a que perdeu ata que a encontra? 5 Cando a encontra, súbea nos seus ombros cheo de alegría. 6 E cando chega á casa, chama os seus amigos e veciños, e dilles: ‘Alegrádevos comigo, porque encontrei a miña ovella, a que estaba perdida!’. 7 Da mesma maneira, dígovos que haberá máis felicidade no ceo por un pecador que se arrepinte que por 99 xustos que non necesitan arrepentirse.
8 ”Ou se unha muller ten 10 moedas de dracma* e perde unha, non prende unha luz e varre a súa casa buscándoa con coidado ata que a encontra? 9 E cando a encontra, chama as súas amigas e as veciñas, e dilles: ‘Alegrádevos comigo, porque atopei a moeda de dracma* que perdera!’. 10 Da mesma maneira, dígovos que os anxos de Deus alégranse moito cando un pecador se arrepinte”.
11 Entón seguiu dicindo: “Un home tiña dous fillos. 12 O máis novo díxolle ó seu pai: ‘Meu pai, dáme a miña parte da herdanza’. Así que el repartiu o que tiña entre os dous fillos. 13 Uns días despois, o fillo máis novo recolleu tódalas súas cousas e viaxou a un país que estaba lonxe. Alí malgastou a súa herdanza levando unha vida chea de excesos. 14 Cando xa o gastara todo, houbo unha fame moi grande naquel país e empezou a pasar necesidade. 15 Incluso se puxo a traballar para un home daquel país que o mandou a coidar porcos ós seus campos. 16 Tiña tanta fame que estaba desexando comer a comida* que comían os porcos, pero ninguén lle daba nada.
17 ”Cando recapacitou, dixo: ‘Meu pai ten moitos traballadores e teñen pan de sobra, e eu estou aquí morrendo de fame! 18 Vou marchar e volver á casa de meu pai, e voulle dicir: “Meu pai, pequei contra o ceo e contra ti. 19 Xa non merezo que me chamen fillo teu. Trátame coma a un dos teus traballadores”’. 20 Así que marchou e volveu á casa do seu pai. Cando aínda estaba lonxe, o pai viuno e sentiu moita compaixón por el. Botou a correr cara a el, abrazouno* e bicouno con cariño. 21 Entón o fillo díxolle: ‘Meu pai, pequei contra o ceo e contra ti. Xa non merezo que me chamen fillo teu’. 22 Pero o pai mandoulles ós escravos: ‘Rápido! Traede a mellor túnica e poñédella. Poñédelle tamén un anel na man e sandalias nos pés. 23 Ademais, traede o becerro cebado* e matádeo, para que comamos e celebremos que volveu. 24 Porque este fillo meu estaba morto e volveu a vivir, estaba perdido e foi encontrado’. E puxéronse a celebralo.
25 ”O fillo máis vello estaba no campo. Cando viña de volta e estaba cerca da casa, escoitou a música e o baile. 26 Por iso chamou a un dos criados e preguntoulle que estaba pasando. 27 El respondeulle: ‘É que teu irmán volveu. E teu pai matou o becerro cebado porque recuperou o seu fillo san e salvo’. 28 Pero o fillo máis vello indignouse e non quixo entrar. Entón o pai saíu e empezou a suplicarlle que entrase. 29 El contestoulle: ‘Mira, traballei para ti coma un escravo todos estes anos e non desobedecín nin unha soa vez as túas ordes. E aínda así, a min nunca me deches un cabrito para que o pasase ben comendo cos meus amigos. 30 Pero en canto chegou ese fillo teu que malgastou os teus bens coas prostitutas, mataches por el o becerro cebado’. 31 Entón o pai díxolle: ‘Meu fillo, ti sempre estiveches comigo, e todo o que teño é teu. 32 Pero temos que estar contentos e celebrar que teu irmán volveu, porque estaba morto e volveu a vivir, estaba perdido e foi encontrado’”.
16 Despois, Xesús tamén lles dixo ós seus discípulos: “Había un home rico que tiña un administrador* da casa ó que acusaron de malgastar os bens do seu amo. 2 Así que o home rico chamouno e díxolle: ‘Que é isto que andan dicindo de ti? Faime un informe coas contas de como administraches a miña casa, porque a partir de agora xa non te vas encargar dela’. 3 Entón o administrador pensou: ‘E que vou facer agora que o meu amo xa non vai deixar que me encargue da súa casa? Non teño forzas para cavar e dáme vergonza mendigar. 4 Ah! Xa sei o que vou facer para que a xente me acolla cando deixe de administrar a casa’. 5 Entón foi chamando un por un a tódolos que lle debían algo ó seu amo. E preguntoulle ó primeiro: ‘Canto lle debes ó meu amo?’. 6 El respondeulle: ‘Débolle 100 barrís pequenos* de aceite de oliva’. E o administrador díxolle: ‘Aquí tes o teu contrato. Rápido, séntate e escribe 50’. 7 Despois preguntoulle a outro: ‘E ti canto lle debes?’. El contestoulle: ‘Débolle 100 sacos grandes* de trigo’. E o administrador díxolle: ‘Aquí tes o teu contrato. Escribe 80’. 8 Entón o amo felicitou o administrador porque, aínda que era inxusto, actuou con astucia*. Dígovos isto porque os fillos deste sistema* son máis astutos ó tratar cos da súa propia xeración que os fillos da luz.
9 ”Tamén vos digo que usedes as riquezas deste mundo inxusto* para facervos amigos dos que, cando estas riquezas fallen, poden recibirvos nos lugares onde poderedes vivir para sempre. 10 A persoa fiel en cousas pequenas tamén é fiel en cousas grandes. E a persoa inxusta en cousas pequenas tamén é inxusta en cousas grandes. 11 Por iso, se non fostes fieis ó usar as riquezas deste mundo inxusto*, quen vos vai confiar as verdadeiras riquezas? 12 E se non fostes fieis ó usar as cousas doutro, quen vos vai dar algo para vós? 13 Ningún servo pode ser escravo de dous amos, porque vai amar a un e vai odiar* o outro, ou vaille ser leal a un e vai desprezar o outro. Non podedes ser escravos de Deus e das Riquezas ó mesmo tempo”.
14 Os fariseos, ós que lles gustaban moito os cartos, estaban escoitando todo isto e empezaron a facerlle xestos de desprezo. 15 Así que Xesús díxolles: “Vós sodes os que ides dicindo diante da xente que sodes xustos, pero Deus coñece os vosos corazóns. Porque o que é importante para a xente é noxento ós ollos de Deus.
16 ”A Lei e os Profetas anunciáronse ata o tempo de Xoán. Desde entón, anúncianse as boas noticias do Reino de Deus e todo tipo de persoas se esforzan moito por entrar nel. 17 De feito, é máis fácil que desaparezan o ceo e a terra e non que quede sen cumprir un só trazo dunha letra da Lei.
18 ”Se un home se divorcia* da súa muller e casa con outra, comete adulterio. E calquera que case cunha muller divorciada* do seu home comete adulterio.
19 ”Había un home rico que ía vestido con roupa de color púrpura e de liño, e levaba unha vida chea de praceres e de luxos. 20 Xunto á súa porta, moitas veces deixaban un mendigo que se chamaba Lázaro e que tiña o corpo cheo de úlceras. 21 Lázaro quería matar a fame co que caía da mesa do rico. Os cans incluso viñan e lambíanlle as úlceras. 22 Co tempo, o mendigo morreu e os anxos levárono ó lado* de Abrahán.
”O rico tamén morreu e enterrárono. 23 E na Tumba*, en medio de sufrimentos, o home rico levantou a mirada, e viu desde lonxe a Abrahán e a Lázaro ó seu lado*. 24 Entón chamouno e díxolle: ‘Abrahán, meu pai, ten misericordia de min e manda a Lázaro para que molle a punta do seu dedo en auga e refresque a miña lingua, porque estou sufrindo moito nas chamas deste lume’. 25 Pero Abrahán contestoulle: ‘Meu fillo, recorda que desfrutaches de moitas cousas boas na túa vida, pero Lázaro sufriu moito. Agora, aquí a el estano consolando pero ti estás sufrindo. 26 Ademais, púxose un abismo grande entre nós e vós, para que ninguén, aínda que queira, poida cruzar de aquí a onde estades vós nin de onde estades vós para o noso lado’. 27 O home rico díxolle: ‘Pai Abrahán, entón pídoche que o mandes á casa de meu pai, 28 porque teño cinco irmáns. Deixa que el os avise para que non acaben sufrindo aquí tamén’. 29 Pero Abrahán contestoulle: ‘Xa teñen a Moisés e os Profetas, que os escoiten a eles’. 30 Entón o home rico díxolle: ‘Non, pai Abrahán! Se alguén de entre os mortos vai onda eles, vanse arrepentir’. 31 E Abrahán contestoulle: ‘Se non escoitan a Moisés e os Profetas, tampouco se van convencer aínda que alguén se levante de entre os mortos’”.
17 Entón, Xesús díxolles ós seus discípulos: “É inevitable que pasen cousas que fagan tropezar. Pero pobre de quen as provoque! 2 Seríalle mellor que lle colgasen ó pescozo unha pedra de muíño e que o tirasen ó mar a que fixese tropezar a unha desas persoas que son coma nenos*. 3 Estade atentos a vós mesmos. Se teu irmán peca, repréndeo. E se se arrepinte, perdóao. 4 Incluso se peca sete veces ó día contra ti e volve sete veces onda ti dicindo ‘Arrepíntome’, tes que perdoalo”.
5 Entón os apóstolos pedíronlle ó Señor: “Dános máis fe”. 6 E o Señor díxolles: “Se a vosa fe fose do tamaño dun gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira* ‘Arráncate de raíz e plántate no mar!’, e obedeceríavos.
7 ”Se algún de vós ten un escravo que está labrando ou coidando o rabaño, quen lle diría cando volvese do campo ‘Ven rápido á mesa para comer’? 8 En vez diso, non credes que lle diría ‘Prepárame algo para cear, pon un mandil e sírveme ata que eu acabe de comer e beber, e despois xa comerás e beberás ti’? 9 Verdade que non lle vai estar agradecido ó escravo por facer o que se lle mandou? 10 Da mesma maneira, cando fagades todo o que vos manden, dicide: ‘Somos escravos que non merecemos nada*. Só fixemos o que tiñamos que facer’”.
11 De camiño a Xerusalén, Xesús pasou entre Samaria e Galilea. 12 Cando estaba entrando nunha aldea vírono 10 leprosos, pero quedaron de pé a certa distancia. 13 E puxéronse a berrar: “Xesús, Mestre, ten compaixón* de nós!”. 14 Cando el os viu, díxolles: “Ide a presentarvos diante dos sacerdotes”. Entón, mentres ían de camiño, quedaron curados*. 15 Cando un deles viu que curara, volveu onda Xesús dándolle gloria a Deus en voz alta. 16 Botouse ó chan, ós pés del, baixou a cabeza e deulle as grazas. Este home era samaritano. 17 Ó ver isto, Xesús dixo: “Os 10 quedaron curados, non? Entón, onde están os outros 9? 18 E logo, non volveu ninguén máis para darlle gloria a Deus? Só volveu este home que é doutra nación?”. 19 E díxolle: “Levántate e vaite. A túa fe curoute”.
20 Os fariseos preguntáronlle cando ía vir o Reino de Deus, e el contestoulles: “O Reino de Deus non vai vir dunha maneira que se poida ver claramente. 21 A xente tampouco dirá ‘Mirade! Está aquí!’ ou ‘Está alá!’. Pois sabede que o Reino de Deus está no medio de vós”.
22 Entón díxolles ós seus discípulos: “Chegará o tempo no que quereredes ver un dos días nos que o Fillo do Home estea con vós, pero non veredes ese día. 23 E a xente diravos ‘Mirade! Está alá!’ ou ‘Mirade! Está aquí!’, pero non vaiades nin corrades detrás deles. 24 Porque o Fillo do Home no seu día será coma o lóstrego que resplandece desde unha parte do ceo ata a outra. 25 Pero antes ten que sufrir moito e ser rechazado por esta xeración. 26 Ademais, nos días do Fillo do Home pasará tal como pasou nos días de Noé: 27 a xente comía, bebía, casaba... ata o día no que Noé entrou na arca, e veu o Diluvio e destruíunos a todos. 28 Tamén pasará coma nos días de Lot: a xente comía, bebía, compraba, vendía, plantaba, construía... 29 Pero o día no que Lot saíu de Sodoma, choveu lume e xofre* do ceo e destruíunos a todos. 30 Así pasará tamén no día no que o Fillo do Home sexa revelado.
31 ”Ese día, quen estea na azotea da súa casa e teña cousas dentro, que non baixe a recollelas. Da mesma maneira, quen estea no campo, que non volva polas cousas que deixou atrás. 32 Acordádevos da muller de Lot. 33 Quen intente manter a salvo a súa vida vaina perder, pero quen a perda vaina conservar. 34 Dígovos que esa noite haberá dúas persoas nunha cama: a unha levarana, pero a outra quedará abandonada. 35 Haberá dúas mulleres que estarán moendo co mesmo muíño: a unha levarana, pero a outra quedará abandonada”. 36 —* 37 Entón preguntáronlle: “Onde vai pasar isto, Señor?”. E el contestoulles: “Onde estea o corpo, alí tamén se xuntarán as aguias”.
18 Despois, Xesús púxolles unha comparación sobre a necesidade de orar constantemente e de non renderse nunca. 2 Díxolles: “Nunha cidade había un xuíz que nin temía a Deus* nin respectaba a xente. 3 Naquela cidade tamén había unha viúva que ía a velo constantemente, e dicíalle: ‘Asegúrate de que se faga xustiza entre min e o que está na miña contra’. 4 Durante un tempo o xuíz non quixo axudarlle, pero despois pensou: ‘Non temo a Deus nin respecto a xente 5 pero, como esta viúva non deixa de molestarme, voume asegurar de que se lle faga xustiza para que deixe de vir e de facerme a vida imposible’”. 6 Entón o Señor dixo: “Fixástesvos no que dixo o xuíz aínda que era un home inxusto? 7 Pois, como non se vai encargar Deus de que se lles faga xustiza ós seus escollidos que lle suplican axuda día e noite, mentres el é paciente con eles? 8 Dígovos que el se encargará de que se lles faga xustiza rapidamente. Pero, cando chegue o Fillo do Home, realmente encontrará esa fe* na terra?”.
9 Tamén lles puxo a seguinte comparación a algúns que estaban convencidos de que eran xustos e que pensaban que os demais non valían nada: 10 “Dous homes subiron ó templo a orar: un era fariseo e o outro era cobrador de impostos. 11 O fariseo levantouse e púxose a orar en silencio. Dicía: ‘Meu Deus, douche as grazas porque non son coma tódolos demais, que extorsionan*, son inxustos, adúlteros... nin tampouco son coma este cobrador de impostos. 12 Eu fago xaxún* dúas veces á semana e dou a décima parte de todo o que gano’. 13 Pero o cobrador de impostos, que estaba de pé a certa distancia, nin sequera se atrevía a mirar para o ceo. Dábase golpes no peito e dicía: ‘Meu Deus, ten misericordia de min, que son pecador’. 14 Dígovos que este home baixou para a súa casa sendo máis xusto que o fariseo. Porque quen se pon por riba doutros será humillado, pero a quen é humilde poñerano por riba dos demais”.
15 Algúns tamén lle traían os seus nenos pequenos a Xesús para que puxese as mans sobre eles e os bendicise. Pero cando os discípulos viron isto, puxéronse a reprendelos. 16 Entón Xesús pediu que lle trouxesen os nenos pequenos e dixo: “Deixade que os nenos se acerquen a min. Non intentedes impedilo, porque o Reino de Deus é dos que son coma eles. 17 Asegúrovos que quen non acepte o Reino de Deus coma un neno nunca entrará nel”.
18 Un gobernante dos xudeus preguntoulle: “Bo Mestre, que teño que facer para herdar a vida eterna?”. 19 Xesús díxolle: “Por que me chamas bo? Non hai ninguén bo, só un: Deus. 20 Xa coñeces os mandamentos: non cometas adulterio, non asasines, non roubes, non deas falso testemuño, honra a teu pai e a túa nai”. 21 Entón o home díxolle: “Todos eses mandamentos xa os obedezo desde pequeno”. 22 Despois de escoitar isto, Xesús respondeulle: “Aínda che falta unha cousa: vende todo o que tes e reparte o que saques entre os pobres. Así, terás un tesouro nos ceos. Despois ven e faite o meu discípulo*”. 23 Cando escoitou isto, o home púxose moi triste, porque era moi rico.
24 Xesús mirouno e dixo: “Que difícil lles vai ser ós que teñen moitos cartos entrar no Reino de Deus! 25 De feito, é máis fácil para un camelo pasar polo burato* dunha agulla de coser que para un rico entrar no Reino de Deus”. 26 Os que escoitaron isto, preguntaron: “Entón, quen se poderá salvar?”. 27 El contestou: “As cousas que son imposibles para os humanos son posibles para Deus”. 28 Pero Pedro díxolle: “Mira que nós xa deixamos o que tiñamos e seguímoste”. 29 Así que Xesús respondeulles: “Asegúrovos que non hai ninguén que deixase casa, muller, irmáns, pais ou fillos polo Reino de Deus 30 que non reciba moito máis agora e, no sistema futuro*, vida eterna”.
31 Entón Xesús levou os Doce á parte e díxolles: “Escoitade. Estamos subindo a Xerusalén, e todo o que se escribiu por medio dos profetas sobre o Fillo do Home vaise cumprir*. 32 Por exemplo, entregarano a homes das nacións, burlaranse del, insultarano* e cuspiranlle. 33 E despois de darlle lategazos*, matarano, pero ó terceiro día resucitará*”. 34 Pero eles non entenderon o que significaba todo isto, porque se lles ocultara o significado destas palabras e non entendían o que se lles dixera.
35 Cando Xesús se estaba acercando a Xericó, había un home cego sentado á beira do camiño que estaba mendigando. 36 Ó escoitar que pasaba por alí moita xente, púxose a preguntar que estaba sucedendo. 37 E dixéronlle: “Xesús o Nazareno está pasando por aquí!”. 38 Entón berrou: “Xesús, Fillo de David, ten compaixón* de min!”. 39 Os que ían diante puxéronse a reprendelo e dicíanlle que calase, pero el berraba aínda máis forte: “Fillo de David, ten compaixón de min!”. 40 Entón, Xesús parou e mandou que lle trouxesen o home. Cando o home se acercou, Xesús preguntoulle: 41 “Que queres que faga por ti?”. E el contestoulle: “Señor, fai que poida volver a ver”. 42 Así que Xesús díxolle: “Recupera a vista, a túa fe curoute”. 43 O home recuperou a vista inmediatamente e empezou a seguilo dándolle gloria a Deus. Ó ver isto, todo o pobo tamén empezou a darlle honra a Deus.
19 Xesús entrou en Xericó e foi cruzando a cidade. 2 Alí estaba un home que se chamaba Zaqueo. El era un dos xefes dos cobradores de impostos e era rico. 3 Zaqueo intentaba ver quen era Xesús. Pero como había moita xente e era baixiño, non era capaz. 4 Entón empezou a correr para adiantar a xente e subiu a un sicómoro* para poder ver a Xesús, porque estaba a punto de pasar por alí. 5 Cando Xesús chegou, mirou para arriba e díxolle: “Zaqueo, baixa rápido, que hoxe vou quedar na túa casa”. 6 El enseguida baixou e aloxouno na súa casa moi contento. 7 Cando a xente viu isto, todos se puxeron a murmurar: “Foise aloxar á casa dun pecador”. 8 Pero Zaqueo levantouse e díxolle ó Señor: “Señor, voulles dar ós pobres a metade do que teño, e todo o que conseguín extorsionando* a xente devolvereino multiplicado por catro”. 9 Entón Xesús dixo: “Hoxe chegou a salvación a esta casa, porque este home tamén é fillo de Abrahán. 10 Porque o Fillo do Home veu a buscar e a salvar os que estaban perdidos”.
11 Mentres os discípulos escoitaban todo isto, Xesús púxolles outra comparación, porque estaba cerca de Xerusalén e eles pensaban que o Reino de Deus viría dun momento a outro. 12 Así que dixo: “Un home de familia nobre viaxou a un país que estaba lonxe para asegurarse de que o fixesen rei* e despois volver. 13 Antes de marchar, chamou 10 dos seus escravos, deulles 10 minas* e díxolles: ‘Negociade con elas ata que volva’. 14 Pero a xente do seu país odiábao e enviaron un grupo de embaixadores despois del para que dixesen: ‘Non queremos que este home sexa o noso rei’.
15 ”Cando volveu, despois de asegurarse de que o fixesen rei, xuntou os escravos ós que lles dera os cartos* para ver canto ganaran negociando con eles. 16 O primeiro acercouse a el e díxolle: ‘Señor, coa túa mina ganei 10 máis’. 17 O rei contestoulle: ‘Ben feito! Es un bo escravo. Como fuches fiel nunha cousa tan pequena, farei que sexas o gobernador de 10 cidades’. 18 Despois acercouse o segundo e díxolle: ‘Señor, coa túa mina ganei 5 máis’. 19 E a este escravo tamén lle contestou: ‘Ti faraste cargo de 5 cidades’. 20 Pero veu outro e díxolle: ‘Señor, aquí tes a túa mina, tívena escondida nun pano. 21 Escondina porque che tiña medo. Es un home esixente, que retiras o que non depositaches e recolles o que non sementaches’. 22 O rei contestoulle: ‘Escravo malo, as túas palabras condénante. Así que sabías que son un home esixente, que retiro o que non depositei e recollo o que non sementei? 23 E logo, por que non puxeches os meus cartos no banco? Así, ó volver, podería recuperalos con intereses’.
24 ”Entón díxolles ós que estaban alí: ‘Quitádelle a mina e dádella ó que ten as 10 minas’. 25 Pero eles dixéronlle: ‘Señor, el xa ten 10 minas!’. 26 E el respondeulles: ‘Dígovos que ó que ten daráselle máis, pero ó que non ten incluso se lle quitará o pouco que ten. 27 Ademais, traede aquí eses inimigos meus que non querían que eu fose o seu rei e matádeos diante miña’”.
28 Despois de dicir estas cousas, Xesús seguiu a súa viaxe, subindo cara a Xerusalén. 29 E cando se acercou a Betfagué e a Betania, á montaña chamada Monte das Oliveiras, díxolles a dous dos seus discípulos: 30 “Ide á aldea que vedes alí. Despois de entrar, encontraredes un burriño atado no que nunca montou ninguén. Desatádeo e traédeo aquí. 31 E se alguén vos pregunta ‘Por que o estades desatando?’, dicídelle ‘O Señor necesítao’”. 32 Así que os dous discípulos foron e encontraron todo como el lles dixera. 33 Pero cando desataron o burriño, os donos preguntáronlles: “Por que estades desatando o burriño?”. 34 E eles contestaron: “O Señor necesítao”. 35 Entón leváronllo a Xesús, puxeron os seus mantos enriba do burriño e fixeron que Xesús se sentase nel.
36 Mentres el ía pasando, a xente estendía os seus mantos no camiño. 37 En canto se acercou ó camiño que baixa do Monte das Oliveiras, toda a multitude de discípulos se encheu de alegría e empezou a louvar a Deus en voz alta por tódolos milagres que viran. 38 E dicían: “Bendito o que vén como Rei no nome de Xehová*! Paz no ceo e gloria nas alturas!”. 39 Pero algúns dos fariseos que estaban entre a multitude dixéronlle: “Mestre, reprende os teus discípulos”. 40 E el respondeulles: “Dígovos que se eles quedasen calados, berrarían as pedras”.
41 Cando estaba cerca da cidade* e a viu, empezou a chorar por ela 42 e a dicir: “Se ti, ti mesma, recoñeceses neste día as cousas que dan paz... Pero agora xa foron escondidas dos teus ollos. 43 Porque chegarán os días nos que os teus inimigos construirán ó teu arredor unha cerca de estacas afiadas, vante rodear e vante sitiar por todos lados. 44 Botaranvos ó chan a ti e ós teus habitantes*, e non deixarán pedra sobre pedra en ti, porque non recoñeciches o tempo no que se te estaba inspeccionando”.
45 Entón Xesús entrou no templo e púxose a botar fóra a tódolos que estaban vendendo. 46 E díxolles: “Está escrito ‘A miña casa será chamada casa de oración’, pero vós convertéstela nunha cova de ladróns”.
47 Xesús seguiu ensinando tódolos días no templo. Os sacerdotes principais, os escribas e as persoas máis importantes do pobo intentaban matalo, 48 pero non encontraban a maneira de facelo, porque todo o pobo, sen excepción, estaba moi pendente del para escoitalo.
20 Un daqueles días nos que Xesús ensinaba á xente no templo e anunciaba as boas noticias, acercáronselle os sacerdotes principais e os escribas cos anciáns, 2 e preguntáronlle: “Dinos, con que autoridade fas estas cousas? Quen che deu esa autoridade?”. 3 El respondeulles: “Eu tamén vos vou facer unha pregunta. Dicídeme, 4 de onde viña a autoridade de Xoán para bautizar? Do ceo ou dos homes?”. 5 Entón empezaron a razoar entre eles e a dicir: “Se respondemos que viña do ceo, vai preguntar: ‘Por que non lle crestes?’. 6 Pero se dicimos que viña dos homes, todo o pobo sen excepción vainos matar a pedradas, porque están convencidos de que Xoán era un profeta”. 7 Así que responderon que non sabían de onde viña a autoridade que recibira Xoán. 8 E Xesús díxolles: “Pois eu tampouco vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas”.
9 Entón, púxolle esta comparación ó pobo: “Un home plantou unha viña, arrendoulla a uns agricultores e despois marchou ó estranxeiro durante bastante tempo. 10 Cando chegou o tempo da vendima, enviou un escravo onda os agricultores para que lle desen parte do que recolleran da viña. Pero os agricultores déronlle unha malleira e despois mandárono de volta sen nada. 11 O dono da viña volveu mandar outro escravo. Pero a el tamén lle pegaron, humillárono e mandárono de volta sen nada. 12 E aínda mandou un terceiro escravo. Pero a el tamén o feriron e botárono fóra. 13 Entón o dono da viña dixo: ‘Que podo facer? Vou mandar o meu fillo, ó que quero moito. Seguro que a el o van respectar’. 14 Cando os agricultores viron o fillo, dixéronse uns ós outros: ‘Este é o herdeiro. Ímolo matar para que o terreo* sexa noso’. 15 Así que, sacárono fóra da viña e matárono. Entón, que lles fará o dono da viña? 16 Virá, matará eses agricultores e daralles a viña a outros”.
Cando a xente oíu isto, dixeron: “Que iso nunca pase!”. 17 Pero Xesús mirounos fixamente e dixo: “Entón, que significa isto que está escrito: ‘A pedra que os construtores rechazaron chegou a ser a pedra angular principal*’? 18 Calquera que caia sobre esta pedra quedará feito pedazos. E se esta pedra lle cae enriba a alguén, quedará desfeito”.
19 Os escribas e os sacerdotes principais intentaron collelo xusto nese momento, porque se deron conta de que puxera esa comparación pensando neles. Pero tíñanlle medo á xente. 20 Así que despois de vixiar de cerca a Xesús, contrataron uns homes en segredo e enviáronos para que se fixesen pasar por persoas xustas e poder acusalo por algo que dixese. A súa intención era entregalo ás autoridades e ó gobernador. 21 Eles preguntáronlle: “Mestre, sabemos que todo o que dis e ensinas é certo, e que non demostras favoritismo*, senón que ensinas a verdade acerca de Deus. 22 Está ben que lle paguemos o imposto a César ou non?”. 23 Pero el deuse conta da súa astucia e contestoulles: 24 “Ensinádeme un denario*. De quen é a imaxe e o nome que aparecen aquí?”. Eles responderon: “De César”. 25 Así que Xesús díxolles: “Pois asegurádevos de pagarlle a César o que é de César, pero a Deus o que é de Deus”. 26 Ó final, non foron capaces de acusalo por nada do que dixo diante do pobo. E estaban tan sorprendidos pola súa resposta que quedaron calados.
27 Pero viñeron algúns saduceos (que din que non hai resurrección) e preguntáronlle: 28 “Mestre, Moisés deixounos escrito: ‘Se un home casado morre sen ter fillos, o seu irmán debe casar coa viúva para darlle descendencia ó que morreu’. 29 Pois resulta que había sete irmáns. O primeiro casou, pero morreu sen ter fillos. 30 O segundo irmán 31 e o terceiro tamén casaron coa viúva, e o resto dos sete irmáns tamén fixeron o mesmo. Ó final, todos morreron sen ter fillos. 32 Despois, a muller tamén morreu. 33 Polo tanto, cando resuciten, cal deles vai ser o seu home? Porque os sete estiveron casados con ela”.
34 Xesús respondeulles: “Os fillos deste sistema* casan, 35 pero os que foron considerados dignos de ganar a vida no sistema que vén e a resurrección de entre os mortos non casan. 36 De feito, xa non poden morrer, porque son coma os anxos, e son fillos de Deus por ser fillos da resurrección. 37 Pero que os mortos son resucitados* xa o revelou Moisés no relato do arbusto, cando chamou a Xehová* ‘o Deus de Abrahán, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob’. 38 El non é Deus de mortos, senón de vivos, porque para el* todos están vivos”. 39 Cando oíron isto, algúns escribas dixéronlle: “Mestre, respondiches ben”. 40 Porque xa non se atrevían a facerlle nin sequera unha pregunta máis.
41 Entón el preguntoulles: “Como é que din que o Cristo é fillo de David? 42 Porque no libro dos Salmos, o propio David di: ‘Xehová* díxolle ó meu Señor: “Séntate á miña dereita 43 ata que poña os teus inimigos como banco para os teus pés”’. 44 Así que David chámalle Señor. Entón, como pode ser o Cristo o seu fillo?”.
45 Despois, mentres todo o pobo escoitaba, Xesús díxolles ós seus discípulos: 46 “Coidado cos escribas ós que lles gusta andar por aí con túnicas longas, e ós que lles encanta que a xente os saúde nas prazas dos mercados e sentarse nos mellores asentos* nas sinagogas e nos sitios máis importantes nas ceas. 47 Róubanlles ás viúvas o que teñen* e fan oracións longas para presumir. Eles recibirán un xuízo máis duro”.
21 Xesús levantou a mirada e viu que os ricos estaban botando os seus donativos nas arcas* do tesouro. 2 Tamén viu unha viúva que era pobre botando dúas moediñas que valían moi pouco*, 3 e dixo: “Asegúrovos que esta viúva pobre botou máis que tódolos demais. 4 Porque todos estes fan donativos do que lles sobra pero ela, sendo tan pobre, botou todo o que tiña para vivir”.
5 Máis tarde, mentres algúns estaban falando do templo, de como estaba adornado con pedras extraordinarias e con cousas dedicadas a Deus, 6 Xesús dixo: “Virán días nos que non vai quedar pedra sobre pedra de todo isto que agora vedes. Todo vai ser derribado”. 7 Entón preguntáronlle: “Mestre, cando pasarán realmente esas cousas? E cal será o sinal que indique que todas esas cousas están a punto de pasar?”. 8 El contestoulles: “Tede coidado de que non vos enganen, porque moitos virán usando o meu nome e dicindo ‘Son eu’ ou ‘O tempo fixado está cerca’. Non vaiades detrás deles. 9 Ademais, cando escoitedes falar de guerras e de disturbios*, non vos aterroricedes. Porque estas cousas teñen que suceder primeiro, pero o fin non virá inmediatamente”.
10 Entón díxolles: “As nacións loitarán unhas contra outras e os reinos pelexarán uns contra outros. 11 Haberá grandes terremotos, e fame e epidemias* en moitos lugares. Veranse cousas terribles e grandes sinais do ceo.
12 ”Pero antes de que pasen todas estas cousas, arrestaranvos e perseguiranvos. Entregaranvos ás sinagogas para que vos xulguen e tamén vos meterán na prisión. E vanvos levar ante reis e gobernadores porque sodes os meus seguidores*. 13 Así poderedes dar testemuño*. 14 Polo tanto, estade decididos a* non preparar a vosa defensa con antelación, 15 porque vos darei unhas palabras e unha sabedoría que nin tódolos que están en contra vosa xuntos poderán refutar nin contradicir. 16 Ademais, incluso os vosos pais, irmáns, familiares e amigos vos entregarán*, e por iso a algúns de vós mataranvos. 17 Todos vos odiarán porque sodes os meus seguidores*. 18 Pero aínda así, non perderedes nin un só pelo da vosa cabeza. 19 Co voso aguante salvaredes a vosa vida.
20 ”Ademais, cando vexades Xerusalén rodeada de exércitos acampados, podedes estar seguros de que se acercou a súa destrución. 21 Entón, os que estean en Xudea, que escapen para as montañas, os que estean no medio de Xerusalén, que marchen de alí, e os que estean no campo, que non entren nela*. 22 Porque estes son días para facer xustiza*, para que se cumpran tódalas cousas que están escritas. 23 Pobres das mulleres que estean embarazadas ou dando o peito neses días! Porque haberá moita angustia na terra e este pobo será castigado. 24 Algúns morrerán pola espada e a outros levaranos presos a tódalas nacións. E as nacións* pisarán Xerusalén ata que se cumpran os tempos fixados das nacións*.
25 ”Tamén haberá sinais no sol, na lúa e nas estrelas, e na terra haberá angustia entre as nacións, que non saberán que facer ante o ruxir do mar axitado. 26 A xente desmaiarase polo medo e pola ansiedade que sentirán polas cousas que pasarán na terra*, porque os poderes dos ceos serán sacudidos. 27 Entón verán o Fillo do Home vindo nunha nube con poder e gran gloria. 28 Pero cando empecen a suceder estas cousas, poñédevos de pé e levantade a cabeza, porque se acerca a vosa liberación”.
29 E púxolles unha comparación: “Fixádevos na figueira e en tódalas demais árbores. 30 Cando vedes que lles empezan a saír follas, sabedes que o verán está cerca. 31 Igualmente, cando vexades que pasan estas cousas, sabede que o Reino de Deus está cerca. 32 Asegúrovos que de ningunha maneira desaparecerá esta xeración ata que sucedan tódalas cousas. 33 O ceo e a terra desaparecerán, pero as miñas palabras non desaparecerán nunca.
34 ”Pero estade atentos a vós mesmos, para que o voso corazón nunca chegue a estar demasiado cargado por comer e beber de máis e polas preocupacións da vida, e de repente ese día vos colla por sorpresa 35 coma se fose unha trampa. Porque virá sobre tódolos que viven na terra. 36 Polo tanto, mantédevos despertos, e facede súplicas en todo momento para que poidades escapar de todas estas cousas que teñen que suceder e poidades estar de pé diante do Fillo do Home”.
37 Xesús ensinaba no templo de día, pero de noite marchaba de alí e quedaba* na montaña chamada o Monte das Oliveiras. 38 E cedo pola mañá, todo o pobo ía ó templo a escoitalo.
22 Xa faltaba pouco para a Festa dos Pans Sen Fermento*, coñecida como a Pascua. 2 Os sacerdotes principais e os escribas querían desfacerse de Xesús, pero buscaban a mellor maneira de facelo porque lle tiñan medo ó pobo. 3 Entón Satanás entrou en Xudas, o que se chamaba Iscariote, que era un dos Doce. 4 Xudas foi falar cos sacerdotes principais e cos capitáns da garda do templo sobre como traizoar a Xesús e entregárllelo. 5 Eles alegráronse moito e acordaron darlle cartos*. 6 A el pareceulle ben, e empezou a buscar unha boa oportunidade para traizoar a Xesús cando non houbese unha multitude con el.
7 Entón chegou o día da Festa dos Pans Sen Fermento no que hai que ofrecer o sacrificio da Pascua. 8 Así que Xesús mandou a Pedro e a Xoán con estas instrucións: “Ide e preparade a cea da Pascua para que a comamos”. 9 Eles preguntáronlle: “Onde queres que a preparemos?”. 10 E el díxolles: “Cando entredes na cidade, irá onda vós un home cun recipiente de barro* para levar auga. Seguídeo e entrade na casa na que entre. 11 Despois dicídelle ó dono da casa: ‘O Mestre diche: “Onde está o cuarto de invitados para que coma a Pascua cos meus discípulos?”’. 12 E ese home ensinaravos na parte de arriba un cuarto grande e amoblado. Preparade a Pascua alí”. 13 Entón os dous discípulos marcharon e encontraron todo tal como el lles dixera. E prepararon todo para a Pascua.
14 Cando chegou a hora, Xesús sentouse* á mesa cos apóstolos. 15 E díxolles: “Cantas ganas tiña de comer con vós esta Pascua, antes de que empece o meu sufrimento! 16 Porque vos digo que xa non a volverei a comer ata que todo o relacionado con ela se cumpra no Reino de Deus”. 17 Despois de que lle desen unha copa, deu grazas a Deus e díxolles: “Collédea e pasádea entre vós, 18 porque vos digo que a partir de agora non volverei a beber do produto da vide ata que veña o Reino de Deus”.
19 Despois colleu un pan, deulle grazas a Deus, partiuno, déullelo ós seus discípulos e díxolles: “Isto representa o meu corpo, que será entregado para o voso beneficio. Seguide facendo isto en memoria de min”. 20 Despois de cear, tamén fixo o mesmo coa copa. Díxolles: “Esta copa representa o novo pacto, que chegará a ser válido grazas ó meu sangue que se vai derramar para o voso beneficio.
21 ”Pero, mirade! O que me vai traizoar* está comigo na mesa. 22 De feito, o Fillo do Home segue o seu camiño tal como se profetizou. Pero pobre do que o vai traizoar!”. 23 Entón os apóstolos empezaron a discutir uns cos outros sobre quen deles ía facer tal cousa.
24 Despois, tamén tiveron unha discusión moi forte entre eles sobre quen era o maior. 25 Pero el díxolles: “Os reis das nacións dominan o pobo, e ós que teñen autoridade sobre a xente chámaselles benfeitores*. 26 Pero vós non debedes ser así. Máis ben, o maior entre vós ten que ser coma o máis novo, e o que dirixe, coma o que serve. 27 Porque, quen é maior? O que come* ou o que serve? Non é o que come? Pero eu estou no medio de vós coma o que serve.
28 ”Vós fostes os que estivestes ó meu lado durante as miñas probas. 29 E eu fago un pacto con vós para un reino, igual que meu Pai fixo un pacto comigo, 30 para que comades e bebades á miña mesa no meu Reino e vos sentedes en tronos para xulgar as 12 tribos de Israel.
31 ”Simón, Simón, Satanás pediu sacudirvos coma se fósedes trigo. 32 Pero eu supliquei que a túa fe non se debilite. E ti, cando volvas, fortalece os teus irmáns”. 33 Entón el díxolle: “Señor, estou listo para ir ó cárcere contigo e incluso para morrer contigo”. 34 Pero Xesús respondeulle: “Pedro, dígoche que hoxe non cantará o galo ata que negues tres veces que me coñeces”.
35 Tamén lles dixo: “Cando vos mandei sen unha bolsiña para os cartos nin unha bolsa con comida nin outro par de sandalias, faltouvos algo?”. E eles contestaron: “Non!”. 36 Entón díxolles: “Pero agora, o que teña unha bolsiña para os cartos ou unha bolsa con comida, que as leve. E o que non teña espada, que venda o seu manto e compre unha. 37 Porque vos digo que ten que cumprirse en min o que está escrito: ‘Considerárono un delincuente*’. De feito, isto estase cumprindo en min”. 38 Entón eles dixéronlle: “Señor, mira! Aquí hai dúas espadas”. E el respondeulles: “Con iso chega”.
39 Ó marchar, Xesús foi para o Monte das Oliveiras, como tiña por costume, e os discípulos seguírono. 40 Cando chegaron, díxolles: “Non deixedes de orar para que non caiades na tentación”. 41 Entón el apartouse deles un pouco*, púxose de xeonllos e empezou a orar 42 dicindo: “Pai, se queres, quítame esta copa*. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa”. 43 Entón, aparecéuselle un anxo do ceo e fortaleceuno. 44 Aínda así, Xesús estaba tan angustiado que seguiu orando incluso con máis intensidade, e a súa suor volveuse coma gotas de sangue que caían ó chan. 45 Despois de orar, levantouse, foi onde estaban os discípulos e encontrounos durmidos, porque estaban moi cansados pola tristeza que sentían. 46 E díxolles: “Por que estades durmindo? Levantádevos e non deixedes de orar, para que non caiades na tentación”.
47 Mentres el aínda estaba falando, apareceu unha multitude. Un dos Doce, o que se chamaba Xudas, ía diante de todos e acercouse a Xesús para darlle un bico. 48 Pero Xesús díxolle: “Xudas, traizoas o Fillo do Home cun bico?”. 49 Cando os que estaban arredor de Xesús viron o que estaba a punto de pasar, preguntáronlle: “Señor, atacamos coa espada?”. 50 E un deles atacou o escravo do sumo sacerdote e cortoulle a orella dereita. 51 Pero Xesús dixo: “Xa basta”. E tocoulle a orella ó escravo e curouno. 52 Entón Xesús díxolles ós sacerdotes principais, ós capitáns da garda do templo e ós anciáns que foran alí a buscalo: “Seica son un ladrón para que veñades con espadas e paus? 53 Estiven a diario con vós no templo e non me arrestastes. Pero esta é a vosa hora e a hora na que goberna a escuridade”.
54 Despois arrestárono e levárono á casa do sumo sacerdote. E Pedro seguíaos a certa distancia. 55 Algúns fixeron un lume no medio do patio e sentáronse xuntos, e Pedro sentouse con eles. 56 Entón unha criada que o viu sentado diante do lume mirouno fixamente e dixo: “Este home tamén andaba con el”. 57 Pero Pedro negouno e dixo: “Eu non o coñezo”. 58 Pouco despois, un home viuno e díxolle: “Ti tamén es un deles”. Pero Pedro contestoulle: “Non, home, non”. 59 Máis ou menos unha hora máis tarde, outro empezou a insistir: “Está claro que este home tamén andaba con el, porque é evidente que é galileo!”. 60 Pero Pedro díxolle: “Non sei de que me falas”. E xusto nese momento, mentres aínda estaba falando, cantou un galo. 61 Entón, o Señor xirouse, mirou a Pedro fixamente e Pedro acordouse do que lle dixera o Señor: “Hoxe, antes de que cante un galo, negarás tres veces que me coñeces”. 62 E saíu para fóra e botouse a chorar desconsoladamente.
63 Os homes que se encargaban de vixiar a Xesús empezaron a burlarse del e a pegarlle. 64 Despois, tapáronlle a cara e empezaron a dicirlle: “Se es un profeta, dinos quen che pegou”. 65 E tamén dicían moitas máis blasfemias contra el.
66 Cando se fixo de día, reuniuse a asemblea dos anciáns do pobo, tanto os sacerdotes principais coma os escribas. Eles levaron a Xesús á sala do Sanedrín e dixéronlle: 67 “Dinos se es o Cristo”. E el respondeulles: “Aínda que volo dixese, nunca me iades crer. 68 Ademais, se eu vos preguntase algo, vós non me dariades unha resposta. 69 Pero de aquí en diante, o Fillo do Home estará sentado á dereita do Deus poderoso”. 70 E todos lle preguntaron: “Entón, es ti o Fillo de Deus?”. El contestoulles: “Si, vós mesmos estades dicindo que o son”. 71 E eles dixeron: “Para que necesitamos máis testemuñas? Nós mesmos llo escoitamos dicir”.
23 Entón toda a multitude, sen excepción, levantouse e levou a Xesús diante de Pilato. 2 E empezaron a acusalo dicindo: “Encontramos este home poñendo a xente en contra do goberno, prohibindo pagar impostos a César e dicindo que el mesmo é Cristo, un rei”. 3 Pilato preguntoulle: “Es ti o rei dos xudeus?”. E el contestoulle: “Si, ti mesmo o estás dicindo”. 4 Entón Pilato díxolles ós sacerdotes principais e ás multitudes: “Non vexo que este home cometese ningún delito”. 5 Pero eles insistían: “Anda revolucionando a xente por toda Xudea. Empezou en Galilea e chegou ata aquí”. 6 Ó escoitar isto, Pilato preguntou se aquel home era galileo. 7 Despois de confirmar que Xesús viña da zona que estaba baixo a xurisdición de Herodes, Pilato mandoullo a el, que tamén estaba en Xerusalén aqueles días.
8 Cando Herodes viu a Xesús, alegrouse moito. Había bastante tempo que quería velo, porque oíra falar moito del e esperaba velo facer algún milagre. 9 Así que empezou a facerlle moitísimas preguntas, pero el non lle contestou nada. 10 Por outro lado, os sacerdotes principais e os escribas levantábanse e acusábano cheos de rabia. 11 Entón Herodes e os seus soldados empezaron a tratalo con desprezo. Ademais, Herodes burlouse del poñéndolle unha roupa magnífica, e despois mandoullo de volta a Pilato. 12 Aínda que ata ese momento Herodes e Pilato foran inimigos, aquel mesmo día fixéronse amigos.
13 Despois Pilato reuniu os sacerdotes principais, os gobernantes e o pobo, 14 e díxolles: “Trouxéstesme este home dicindo que incita o pobo para que se rebele. Pero, mirade! Interrogueino diante de vós e non encontrei nada nel que demostre que é culpable do que o acusades. 15 De feito, Herodes tampouco encontrou nada, porque nolo mandou de volta. Xa vedes que este home non fixo nada polo que mereza morrer. 16 Así que, vouno castigar e despois deixareino libre”. 17 —* 18 Pero toda a multitude berrou: “Acaba con ese home e déixanos libre a Barrabás!”. 19 (A Barrabás metérano no cárcere por unha rebelión que houbera na cidade contra o goberno e por asasinato.) 20 Pilato volveu falar con eles porque quería deixar libre a Xesús. 21 Pero eles empezaron a pedir a berros: “Que morra no madeiro!* Que morra no madeiro!”. 22 Pilato faloulles por terceira vez e díxolles: “Pero, por que? Que mal fixo este home? Eu non encontrei nada nel polo que mereza morrer. Así que, vouno castigar e despois deixareino libre”. 23 Entón eles insistiron aínda máis e pediron a berros que o executasen no madeiro. Berraron tanto que Pilato acabou cedendo. 24 Así que decidiu que se fixese o que lle estaban pedindo. 25 Deixou libre o home que eles pedían, que estaba preso por rebelarse contra o goberno e por asasinato, e entregoulles a Xesús para que fixesen con el o que quixesen.
26 Mentres o sacaban de alí, colleron un tal Simón de Cirene que viña de fóra da cidade, e mandáronlle que fose detrás de Xesús e cargase co madeiro de tortura*. 27 A Xesús seguíao moita xente, e entre a xente había mulleres que se daban golpes no peito pola pena e choraban desconsoladamente por el. 28 Xesús xirouse cara a elas e díxolles: “Fillas de Xerusalén, deixade de chorar por min. Máis ben, chorade por vós mesmas e polos vosos fillos. 29 Porque, mirade! Veñen días nos que a xente dirá: ‘Felices as mulleres estériles, as matrices que non deron a luz e os peitos que non deron de mamar!’. 30 Entón diranlles ás montañas ‘Escondédenos!’ e ós outeiros ‘Tapádenos!’. 31 Se fan estas cousas cando a árbore está verde, que pasará cando estea seca?”.
32 Tamén levaban dous homes que eran delincuentes para executalos con el. 33 Cando chegaron ó lugar chamado Cranio*, cravárono no madeiro e puxérono no medio dos delincuentes. Un estaba á súa dereita e outro á súa esquerda. 34 Pero Xesús dicía: “Pai, perdóaos, porque non saben o que fan”. Ademais, sortearon a súa roupa para repartila entre eles. 35 A xente estaba alí mirando, pero os gobernantes facían xestos de desprezo e dicían: “A outros salvounos. Que se salve a si mesmo se é o Cristo de Deus, o Escollido”. 36 Incluso os soldados se burlaban del acercándose para ofrecerlle viño ácido 37 e dicíndolle: “Se es o rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo”. 38 Ademais, había un letreiro enriba del que dicía: “Este é o rei dos xudeus”.
39 Entón, un dos delincuentes que estaban alí colgados empezou a falarlle con desprezo. Dicíalle: “Ti es o Cristo, non? Pois sálvate a ti mesmo e sálvanos tamén a nós!”. 40 Cando o escoitou, o outro delincuente reprendeuno e díxolle: “Seica non lle tes ningún temor a Deus, agora que recibiches o mesmo castigo que este home? 41 No noso caso estannos castigando con razón, merecémolo polas cousas que fixemos. Pero este home non fixo nada malo”. 42 E despois dixo: “Xesús, acórdate de min cando entres no teu Reino”. 43 Entón, Xesús contestoulle: “Eu asegúroche hoxe: estarás comigo no Paraíso*”.
44 Aínda que xa eran arredor das 12 do mediodía*, toda aquela terra quedou en escuridade ata arredor das 3 da tarde*, 45 porque a luz do sol desapareceu. Entón, a cortina do templo* rachou pola metade. 46 E Xesús berrou con forza: “Pai, deixo o meu espírito nas túas mans!”. Despois de dicir isto, morreu*. 47 Ó ver o que pasara, o oficial do exército púxose a darlle gloria a Deus dicindo: “Este home de verdade era xusto”. 48 Cando tódalas multitudes que se xuntaran alí pola execución viron o que pasara, volveron para as súas casas lamentándose e dándose golpes no peito. 49 Tódolos coñecidos de Xesús estaban de pé a certa distancia. E as mulleres que o acompañaran desde Galilea tamén estaban alí vendo todo o que pasaba.
50 Resulta que había un home bo e xusto que se chamaba Xosé e que era membro do Consello*. 51 (Este home non votara a favor do complot nin apoiara o que fixeran.) Era de Arimatea, unha cidade de Xudea, e esperaba o Reino de Deus. 52 El presentouse diante de Pilato e pediulle o corpo de Xesús. 53 Baixou o corpo e envolveuno nunha tea de liño de boa calidade. Despois púxoo nunha tumba* que estaba escavada na roca, na que aínda non puxeran a ninguén. 54 Era o día da preparación*, e o sábado estaba a punto de empezar. 55 As mulleres que viñeran con Xesús desde Galilea tamén foron ata alí. Miraron a tumba* e viron como colocaran o corpo. 56 E despois marcharon para preparar especias aromáticas e aceites perfumados. Pero, por suposto, o sábado descansaron tal e como mandaba a Lei.
24 O primeiro día da semana*, as mulleres foron moi cedo á tumba* coas especias aromáticas que prepararan, 2 pero viron que fixeran rodar a pedra da tumba*. 3 Cando entraron, non encontraron o corpo do Señor Xesús 4 e quedaron moi desconcertadas. De repente, apareceron ó seu lado dous homes con roupa brillante. 5 Elas asustáronse tanto que non se atrevían a mirar para eles e quedaron mirando para o chan. Así que os homes dixéronlles: “Por que andades buscando entre os mortos a aquel que está vivo? 6 Non está aquí, resucitou*. Recordade o que vos dixo mentres aínda estaba en Galilea. 7 Díxovos que o Fillo do Home tiña que ser entregado ós pecadores, que o executarían no madeiro e que ó terceiro día resucitaría*”. 8 Entón elas acordáronse do que el dixera. 9 Despois marcharon da tumba* e contáronlles todo isto ós Once e a tódolos demais. 10 Eran María Madalena, Xoana e María, que era a nai de Santiago. As outras mulleres que estaban con elas tamén lles contaban estas cousas ós apóstolos. 11 Pero a eles parecíalles que o que dicían non tiña sentido, e non as creron.
12 Aínda así, Pedro levantouse e foi correndo á tumba*. Cando se agachou para mirar dentro, só viu os panos de liño cos que se envolvera o corpo de Xesús. Así que marchou de alí preguntándose que fora o que pasara.
13 Resulta que ese mesmo día, dous discípulos ían camiñando cara a unha aldea chamada Emaús, que está a uns 11 quilómetros* de Xerusalén, 14 e ían falando entre eles de todo o que pasara.
15 Mentres falaban e comentaban estas cousas, o propio Xesús acercouse e púxose a camiñar con eles. 16 Eles vírono, pero non foron capaces de recoñecelo*. 17 Entón el preguntoulles: “De que ides falando nesta conversa tan intensa que tedes polo camiño?”. Eles quedaron parados coa cara triste, 18 e o que se chamaba Cleopas respondeulle: “Seica es un estranxeiro en Xerusalén que vive só e por iso non sabes* o que pasou alí estes días?”. 19 El preguntoulles: “Que foi o que pasou?”. E eles contestáronlle: “O que pasou con Xesús o Nazareno, que demostrou diante de Deus e de toda a xente que era un profeta poderoso, tanto en feitos coma en palabras. 20 Os nosos sacerdotes principais e os gobernantes entregárono para que o condenasen á morte e cravárono no madeiro. 21 Pero nós contabamos con que el sería o que liberaría a Israel. E aínda por riba, hoxe xa é o terceiro día desde que pasou todo isto. 22 Ademais, algunhas mulleres que son seguidoras de Xesús tamén nos deixaron pasmados. Porque foron á tumba* moi cedo 23 e, ó non encontrar o seu corpo, volveron dicindo que tiveran unha visión sobrenatural duns anxos que dicían que el estaba vivo. 24 Entón, algúns dos que estaban con nós foron á tumba* e atoparon todo tal e como contaran as mulleres, pero non viron a Xesús”.
25 E el díxolles: “Non entendedes, e o voso corazón é lento para crer tódalas cousas que dixeron os profetas! 26 E logo, o Cristo non tiña que sufrir estas cousas para recibir a gloria que merece?”. 27 E empezando por Moisés e tódolos Profetas, explicoulles* o que se dicía del en tódalas Escrituras.
28 Cando xa estaban chegando á aldea á que ían, el fixo coma se tivese que ir máis lonxe. 29 Pero eles insistíronlle en que quedase alí. Dicíanlle: “Queda con nós, porque xa case é de noite e está a punto de acabar o día”. Así que el entrou na casa para quedar alí con eles. 30 Mentres ceaban xuntos*, colleu o pan, fixo unha oración*, partiuno e déullelo ós dous discípulos. 31 Nese momento, déronse conta de quen era* e recoñecérono. Pero el desapareceu de diante deles. 32 E preguntáronse un ó outro: “Non nos ardía o corazón cando nos viña falando polo camiño e nos explicaba con claridade* as Escrituras?”. 33 Entón, levantáronse inmediatamente e volveron a Xerusalén. E alí encontraron os Once reunidos con outros discípulos, 34 e estaban dicindo: “Está claro que o Señor resucitou*, e aparecéuselle a Simón!”. 35 E os dous discípulos contáronlles o que pasara polo camiño e que o recoñeceran cando partiu o pan.
36 Mentres estaban falando de todo isto, o propio Xesús presentouse no medio deles e díxolles: “Que teñades paz”. 37 Eles asustáronse moito e enchéronse de medo, porque pensaban que estaban vendo un espírito. 38 Pero el díxolles: “Por que estades tan asustados e por que tedes dúbidas no voso corazón? 39 Mirade as miñas mans e os meus pés: son eu. Tocádeme e mirade, porque un espírito non ten carne e ósos como vedes que teño eu”. 40 E mentres lles dicía isto, ensinoulles as mans e os pés. 41 Pero eles estaban tan contentos e sorprendidos que non o podían crer. Entón el preguntoulles: “Tedes algo de comer por aí?”. 42 Eles déronlle un pouco de peixe asado, 43 e el colleuno e comeuno diante deles.
44 Despois díxolles: “Cando aínda estaba con vós, díxenvos que todo o que está escrito sobre min na Lei de Moisés, nos Profetas* e nos Salmos tiña que cumprirse”. 45 Entón axudoulles a entender* por completo o significado das Escrituras 46 e díxolles: “Está escrito que o Cristo sufriría e que ó terceiro día resucitaría* de entre os mortos, 47 e que a mensaxe de arrepentimento para o perdón dos pecados se predicaría no seu nome en tódalas nacións, empezando por Xerusalén. 48 Vós tedes que ser testemuñas destas cousas. 49 E, mirade! Vou enviar sobre vós o que prometeu meu Pai. Pero quedade na cidade ata que recibades o poder que vén de arriba”.
50 Entón levounos ás aforas da cidade, ata Betania, e alí levantou as mans e bendiciunos. 51 Mentres os bendicía, separouse deles e foi levado ó ceo. 52 Eles inclináronse diante del* e volveron a Xerusalén cheos de alegría. 53 E estaban sempre no templo louvando a Deus.
Lit. “servos”.
Ver glosario.
Lit. “das fillas”.
Lit. “andaban dunha maneira irreprochable en”. É dicir, non había nada malo que se puidese dicir en contra.
Ver apén. A5.
Ou “a práctica establecida”.
Ver apén. A5.
Ver apén. A5.
Ver apén. A5.
Ou “desde a matriz da súa nai”.
Ver apén. A5.
É dicir, de Deus.
Ou “co entusiasmo e a forza”.
Lit. “para volver o corazón de pais a fillos”.
Ver apén. A5.
Ver glosario.
Ou “que tivera unha visión”.
Ou “servizo público”.
Ver apén. A5.
Ver apén. A5.
Ou “Concibirás na túa matriz”.
Ver apén. A5.
Ou “Porque nada é imposible para Deus”.
Ver apén. A5.
Ver apén. A5.
Ou “Todo o meu ser”. Ver glosario alma.
Ver apén. A5.
Lit. “semente”.
Lit. “misericordia”.
Ver apén. A5.
Ver glosario.
Ou “enchéronse de temor”.
Ver apén. A5.
Ver apén. A5.
Lit. “corno de salvación”. Ver glosario corno.
Ver apén. A5.
Lit. “e fíxose forte en espírito”.
Lit. “terra habitada”.
Ver apén. A5.
Ver apén. A5.
Ou “para os homes de boa vontade”.
Ver apén. A5.
Ou “antes de que fose concibido na matriz da súa nai”.
Ver apén. A5.
Ver apén. A5.
Lit. “Todo macho que abre a matriz”.
Ver apén. A5.
Ver apén. A5.
Lit. “Cristo”.
Ver apén. A5.
É dicir, para o primeiro fillo varón.
Ou “marche”.
Ou “para unha revelación ás nacións”.
Ver glosario.
Ou “Despois de casar sendo virxe”.
Ou “daba servizo sagrado”.
Ver glosario.
Ver apén. A5.
Ou “seguiu someténdose ós”.
É dicir, Herodes Antipas. Ver glosario.
Lit. “tetrarca”. Un príncipe territorial representante do emperador romano.
Ver apén. A5.
Lit. “Toda carne verá”.
Ou “o medio de salvación de Deus”.
Ou “demostrade con feitos”.
Ou “o machado”.
Ou “unha peza de roupa de máis”.
Ou “Non cobredes”.
Ou “Non extorsionedes”, “Non lle quitedes os cartos pola forza”.
Ou “coa vosa ración de provisións”.
Lit. “estaban razoando nos seus corazóns”.
Instrumento agrícola que consiste nun mango que remata nunha lámina de madeira rectangular.
Lit. “forma corporal”.
Neste caso, a palabra fillo parece que se usa co significado de “fillo político”, ou “xenro”.
Neste caso, a palabra fillo quizais se use co significado de “fillo político”, ou “xenro”.
A palabra grega orixinal é diábolos (calumniador). Ver glosario Demo.
Ver apén. A5.
Ou “dálle servizo sagrado”.
Ver apén. A5.
Ver apén. A5.
Ou “predicar o ano acepto”.
Ver apén. A5.
Ou “limpou”.
Lit. “reprendeu”.
É dicir, o mar de Galilea.
Ou “de persoas vivas”.
Lit. “limparme”.
Ou “para que lles sirva de testemuño ós sacerdotes”.
Ver apén. A5.
Ou “padiola”.
Ver glosario Fillo do Home.
Ou “cheos de temor”.
Ver Mt 4:20, nota.
Ou “reclinados á mesa”.
Ver glosario.
Lit. “nos que lles quitarán o noivo”.
Ou “o pan da presenza”. Ver glosario pan da presenza.
Lit. “seca”.
Ou “alma”. Ver glosario alma.
Tamén chamado Tadeo.
Ou “difame”.
É dicir, sen intereses.
Ou “liberando”.
Ou “seredes liberados”.
É dicir, no peto que se formaba cando alguén dobraba a roupa que levaba posta, e que servía para levar obxectos.
Ou “discípulo”.
Ou “saca cousas boas do seu bo tesouro”.
Ou “saca cousas malas do seu tesouro de maldade”.
Lit. “o unixénito”.
Ou “Todos se encheron de temor”.
Lit. “levantados”.
Ver glosario.
Ou “a vontade de Deus para eles”.
Ou “queda probada xusta por tódolos seus fillos”.
Ou “reclinouse”.
Ou “reclinado á mesa”.
Ver apén. B14.
Ou “grandes”.
Ou “reclinados á mesa”.
Ou “a mensaxe”.
A palabra grega orixinal é diábolos (calumniador).
Ou “unha lámpada de aceite”.
Ou “prestade atención a como escoitades”.
Ou “tumbas conmemorativas”.
Lit. “atormentes”.
Ou quizais “O demo tivérao agarrado con forza durante moito tempo”.
Ver glosario.
Ou “pola pendente”.
Lit. “unixénita”.
Ou “Deixa de ter medo”.
Lit. “o seu espírito volveu”. Ver glosario espírito.
Ou “vara”.
Lit. “prata”.
Ou “roupa extra”.
Ver Mt 10:14, nota.
Ou “para demostrar que os advertistes”.
É dicir, Herodes Antipas. Ver glosario.
Lit. “o tetrarca”.
Lit. “fora levantado”.
Lit. “fora levantado”.
Ou “dixo unha bendición”.
Lit. “foi levantado”.
Lit. “ser levantado”.
Ou “deixe de vivir para si mesmo”.
Ver glosario madeiro de tortura.
Ou “apareceron con gloria”.
Ou “a falar da partida de Xesús”.
Lit. “que vexas o”.
Ou “sabía o que razoaban”.
Lit. “cumprirse”.
Ou “Sígueme”.
Ou “é apto”.
Ou “non abracedes a ninguén para saudalo”.
É dicir, o Día do Xuízo. Ver glosario día de xuízo.
Ou “borralla”.
Ou “enxalzada”, “enaltecida”.
Ou “Hades”. É dicir, o lugar simbólico onde descansan os mortos. Ver glosario tumba.
Ou “Lóuvote diante de todos”.
Ver apén. A5.
Ver glosario.
Ou “ama o teu próximo”. Ver glosario próximo.
Ou “Quen é en realidade o meu próximo?”.
Ou “unha pensión”, “un albergue”.
Ver apén. B14.
Ou “se fixo próximo do”.
Lit. “misericordia”.
Lit. “boa porción”.
Ou “sexa tratado como santo”, “sexa tratado como sagrado”.
Ou “que pecaron contra nós”.
Lit. “non nos metas”.
Ou “con moita máis razón”.
Lit. “un demo mudo”.
Un nome aplicado a Satanás. Ver glosario Belcebú.
Lit. “casa”.
Lit. “Eles serán os vosos xuíces”.
Lit. “o dedo de Deus”.
Ou “xa chegou a vós”.
Ou “e o que non recolle comigo espalla”.
Ou “de Saba”.
Lit. “será levantada”.
Lit. “levantaranse”.
Ou “unha lámpada de aceite”.
Ou “Cando ves con claridade”. Lit. “Cando o teu ollo é sinxelo”.
Ou “está cheo de luz”.
É dicir, buscan moitas cousas. Lit. “cando é malvado”.
Ou “reclinouse”.
Refírese á limpeza cerimonial das mans.
É dicir, desexo excesivo de ter algo.
Ou “fagades dádivas de misericordia”.
Ou “hortalizas”.
Ou “nos asentos de diante”.
Ou “tumbas conmemorativas”.
Ou “que non están sinalizadas”.
Ou “tumbas conmemorativas”.
Lit. “desde a fundación do mundo”. Parece que se refire ó nacemento dos fillos de Adán e Eva.
Lit. “a casa”.
Refírese ó Reino dos ceos. Ver Mt 23:13.
Ver glosario.
Ver glosario temor de Deus.
Ver glosario.
Lit. “por dous asarions”. Ver apén. B14.
Ou “non pasa por alto”.
Ver glosario.
Ou quizais “sinagogas”.
É dicir, desexo excesivo de ter algo.
Ou “van pedir a túa alma”. Ver glosario alma.
Lit. “un cóbado”. Ver apén. B14.
Ou “os lirios”.
Ou “ó forno”.
Lit. “as nacións do mundo”.
Ou “facede dádivas de misericordia”.
Ou “Amarrade a roupa á cintura”.
Ou “as vosas lámpadas de aceite”.
Ou “vaise amarrar a roupa á cintura”.
Ou “se reclinen”.
Lit. “na segunda vixilia”, é dicir, máis ou menos entre as 9 e as 12 da noite.
Lit. “na terceira vixilia”, é dicir, máis ou menos entre as 12 da noite e as 3 da mañá.
Ou “mordomo fiel da casa”. Ver glosario mordomo.
Ou “sensato”, “sabio”.
Ou “nin actuou segundo a vontade do seu amo”.
Lit. “o último leptón”. Ver apén. B14.
Ou “dun espírito de debilidade”.
Lit. “en tres medidas de sea”, que serían en total uns 10 kg de fariña. Ver apén. B14.
Lit. “apertaredes os dentes”.
Ou “reclinaranse”.
Ou “porque é impensable”.
É dicir, o templo.
Ver apén. A5.
Ou “edemas”. Unha acumulación excesiva de líquido no corpo.
Ou “non te reclines”.
Lit. “coma pan”.
Ou “e non odia”.
Ver glosario madeiro de tortura.
Ver apén. B14.
Ver apén. B14.
Ou “as alfarrobas”. Froito comestible azucrado que é castaño por fóra e amarelo por dentro con sementes moi duras, e que se lle dá como alimento ó gando.
Ou “colgouse no seu pescozo”.
Ou “engordado”.
Ou “mordomo”. Ver glosario mordomo.
Ou “batos”. Un bato equivalía a uns 22 litros. Ver apén. B14.
Ou “coros”. Cada saco de trigo equivalía a uns 170 kg. Ver apén. B14.
Ou “prudencia”. Lit. “sabedoría práctica”.
Ou “desta era”. Ver glosario sistema.
Ou “as riquezas inxustas”.
Ou “as riquezas inxustas”.
Ou “servir con menos dedicación”.
É dicir, quen se divorcia por algo que non sexa inmoralidade sexual.
É dicir, divorciada por algo que non sexa inmoralidade sexual.
Lit. “peito”. Refírese a unha posición especial de favor.
Ou “Hades”. É dicir, o lugar simbólico onde descansan os mortos. Ver glosario tumba.
Lit. “no seu peito”.
Lit. “un destes pequenos”.
Árbore que dá moras.
Ou “Somos escravos inútiles”.
Lit. “misericordia”.
Ou “limpos”.
Ver glosario.
Ver apén. A3.
Ver glosario temor de Deus.
Ou “esa clase de fe”. Lit. “a fe”.
Refírese a conseguir algo mediante a forza, a ameaza ou a coacción.
Ver glosario.
Ou “sígueme”.
Ou “ollo”.
Ou “na era futura”. Ver glosario sistema.
Ou “completar”.
Ou “maltratarano”.
Ver glosario.
Lit. “levantarase”.
Lit. “misericordia”.
Tipo de figueira.
Ou “extorsionando con acusacións falsas”.
Ou “para conseguir un reino”.
Unha mina grega pesaba 340 g e equivalía a 100 dracmas. Ver apén. B14.
Lit. “a prata”.
Ver apén. A5.
É dicir, Xerusalén.
Lit. “fillos”.
Lit. “a herdanza”.
Lit. “a cabeza do ángulo”.
Ou “parcialidade”.
Ver apén. B14.
Ou “desta era”. Ver glosario sistema.
Lit. “levantados”.
Ver apén. A5.
Ou “desde o seu punto de vista”.
Ver apén. A5.
Ou “nos asentos de diante”.
Lit. “as casas”.
Ou “nos recipientes”.
Lit. “dous leptóns”. Ver apén. B14.
Ou “revoltas”.
Ou “pestes”.
Ou “porque levades o meu nome”.
Ou “Así poderedes falarlles de min”.
Lit. “poñede no voso corazón”.
Ou “traizoarán”.
Ou “porque levades o meu nome”.
Refírese a Xerusalén.
Ou “días de vinganza”.
Ou “os xentís”, é dicir, as nacións non xudías.
Ou “dos xentís”, é dicir, das nacións non xudías.
Ou “terra habitada”.
Refírese a durmir nunha das vilas da montaña.
Ver glosario Festa dos Pans Sen Fermento.
Lit. “prata”.
Ou “cántaro”.
Ou “reclinouse”.
Ou “A man do que me vai traizoar”.
Título honorífico que se lles daba ás persoas que axudaban a outras.
Ou “O que se reclina á mesa”.
Lit. “Foi contado entre a xente sen lei”.
Ou “apartouse deles a un tiro de pedra”.
Ver Mt 20:22, nota.
Ver apén. A3.
Ou “Ó madeiro con el!”.
Ver glosario madeiro de tortura.
Ou “Caveira”.
Ver glosario.
Lit. “da hora sexta”.
Lit. “a hora novena”.
É dicir, a cortina que separaba o Santo do Santísimo. Ver glosario cortina.
Ou “deu o seu último alento”.
Ou “Sanedrín”.
Ou “tumba conmemorativa”.
Ver glosario día da preparación.
Ou “tumba conmemorativa”.
Ver Mt 28:1, nota.
Ou “tumba conmemorativa”.
Ou “tumba conmemorativa”.
Lit. “foi levantado”.
Lit. “sería levantado”.
Ou “tumba conmemorativa”.
Ou “tumba conmemorativa”.
Lit. “60 estadios”. Un estadio equivalía a 185 m. Ver apén. B14.
Ou “impediuse que os seus ollos puidesen recoñecelo”.
Ou quizais “es o único visitante en Xerusalén que non sabe”.
Ou “tumba conmemorativa”.
Ou “tumba conmemorativa”.
Ou “interpretoulles”.
Ou “estaba reclinado á mesa con eles”.
Ou “dixo unha bendición”.
Ou “abríronselles os ollos por completo”.
Ou “nos abría por completo”.
Lit. “foi levantado”.
Ver glosario.
Lit. “abriulles a mente”.
Lit. “se levantaría”.
Ou “rendéronlle homenaxe”.