AS BOAS NOTICIAS SEGUNDO MARCOS
1 Así é como empezan as boas noticias* sobre Xesucristo, o Fillo de Deus. 2 Pasou como está escrito no libro do profeta Isaías: “(Mira!* Vou enviar o meu mensaxeiro diante de ti, e el prepararache o camiño.) 3 Óese a voz de alguén que berra no deserto: ‘Preparade o camiño de Xehová*! Endereitade os camiños para el!’”. 4 Xoán o Bautista estaba no deserto* predicando que o bautismo é un sinal de arrepentimento para recibir o perdón dos pecados. 5 Así que tódolos da rexión de Xudea e tódolos habitantes de Xerusalén ían a velo. Recoñecían publicamente os seus pecados e Xoán bautizábaos* no río Xordán. 6 Xoán levaba roupa feita de pelo de camelo e un cinto de coiro, comía langostas* e mel silvestre, 7 e predicaba: “Despois de min vén alguén con máis autoridade ca min, e eu nin sequera merezo agacharme para desatarlle as correas das sandalias. 8 Eu bauticeivos con auga, pero el bautizaravos con espírito santo”.
9 Naqueles días, Xesús veu de Nazaret de Galilea e Xoán bautizouno no Xordán. 10 En canto saíu da auga, viu que se abrían os ceos e que o espírito santo baixaba sobre el coma unha pomba. 11 Entón escoitouse unha voz desde os ceos que dixo: “Ti es o meu querido Fillo. Tes a miña aprobación”.
12 Inmediatamente, o espírito motivouno a ir ó deserto. 13 Pasou 40 días no deserto, e alí foi tentado por Satanás. Estaba rodeado de animais salvaxes, pero os anxos atendíano.
14 Despois de que arrestasen a Xoán, Xesús foi a Galilea a predicar as boas noticias de Deus, 15 e dicía: “Chegou o tempo fixado e o Reino de Deus xa está cerca. Arrepentídevos e tede fe nas boas noticias”.
16 Mentres ía camiñando pola beira do mar de Galilea, viu a Simón e o seu irmán Andrés botando as redes ó mar, porque eran pescadores. 17 Xesús díxolles: “Seguídeme e fareivos pescadores de homes*”. 18 Eles deixaron as redes inmediatamente e seguírono. 19 Un pouco máis adiante, viu a Santiago e a Xoán, que eran fillos de Zebedeo e que estaban na súa barca reparando as redes. 20 Inmediatamente, Xesús chamounos, e eles deixaron ó seu pai Zebedeo na barca cos seus traballadores e seguírono. 21 Despois entraron* en Capernaúm.
Nada máis empezar o sábado, Xesús entrou na sinagoga e púxose a ensinar. 22 A xente quedou impresionada pola súa maneira de ensinar, porque ensinaba como alguén que ten autoridade de Deus, non coma os escribas. 23 Xusto nese momento había un home na sinagoga que estaba posuído por un demo e berrou: 24 “Que temos que ver contigo, Xesús o Nazareno? Viñeches a destruírnos? Sei perfectamente quen es: o Santo de Deus!”. 25 Pero Xesús reprendeu o demo e díxolle: “Cala e sae del!”. 26 O demo provocoulle convulsións ó home, berrou con tódalas súas forzas e despois saíu del. 27 Todos quedaron tan impresionados que empezaron a falar do que pasara, e dicían: “Pero isto que é? Unha nova forma de ensinar*! Ata lles dá ordes con autoridade ós demos e eles obedéceno”. 28 Entón a fama de Xesús estendeuse rapidamente por tódolos lugares da rexión de Galilea.
29 Despois saíron da sinagoga e foron á casa de Simón e Andrés, xunto con Santiago e Xoán. 30 Resulta que a sogra de Simón estaba na cama e tiña febre. Inmediatamente, fóronllo dicir a Xesús. 31 El acercouse a ela, colleuna da man e levantouna. A febre desapareceu e ela púxose a atendelos.
32 Máis tarde, cando xa se puxera o sol, a xente empezou a traerlle tódolos enfermos e os que estaban posuídos por demos. 33 Xuntárase toda a cidade diante da porta da casa. 34 Así que curou moitas persoas que tiñan diferentes enfermidades e botou moitos demos fóra. Pero non deixaba que os demos falasen, porque sabían que el era o Cristo*.
35 Xesús levantouse cedo pola mañá, cando aínda estaba escuro. Saíu fóra, foise a un lugar apartado e alí púxose a orar. 36 Pero Simón e os que estaban con el foron a buscalo por todas partes. 37 Cando o encontraron, dixéronlle: “Todos te andan buscando”. 38 Pero el díxolles: “Vamos a outro sitio, ás vilas dos arredores, para que poida predicar tamén alí, porque para iso vin”. 39 Así que Xesús foi por toda Galilea predicando nas sinagogas e botando demos fóra.
40 Un leproso acercouse e suplicoulle incluso de xeonllos: “Sei que se queres podes curarme*”. 41 Xesús compadeceuse tanto del que estirou a man, tocouno e díxolle: “Si que quero. Queda limpo”. 42 Entón, a lepra desapareceu inmediatamente e o home quedou limpo. 43 Despois Xesús díxolle que marchase, pero antes mandoulle seriamente: 44 “Asegúrate de non contarlle nada a ninguén. En vez diso, preséntate diante do sacerdote e ofrece para a túa purificación o que mandou Moisés, para que os sacerdotes vexan que curaches*”. 45 Pero cando marchou, o home púxose a contarlle a todo o mundo o que pasara e a dicilo por todas partes. Así que Xesús xa non podía entrar tranquilamente en ningunha cidade. De feito quedaba nas aforas, en lugares apartados, e aínda así a xente seguía vindo de todos lados para velo.
2 Pero uns días despois, Xesús volveu a entrar en Capernaúm e sóubose que estaba na casa. 2 Así que, xuntouse tanta xente alí que non collía ninguén máis, nin sequera na entrada. E el púxose a falarlles das boas noticias. 3 Entón trouxéronlle un paralítico, que cargaban entre catro homes. 4 Pero, como había tanta xente, non puideron chegar con el ata onde estaba Xesús. Así que quitaron parte do teito que había xusto enriba del e, despois de facer un burato, baixaron por alí a pequena cama portátil* na que estaba deitado o paralítico. 5 Cando Xesús viu a fe que tiñan, díxolle ó paralítico: “Filliño, os teus pecados quédanche perdoados”. 6 Alí sentados había algúns escribas que pensaban*: 7 “Como pode dicir isto este home? Está blasfemando. Quen pode perdoar os pecados ademais de Deus?”. 8 Xesús enseguida se deu conta de* que estaban pensando desta maneira e falando entre eles, e díxolles: “Por que razoades así no voso corazón? 9 Que é máis fácil? Dicirlle ó paralítico ‘Os teus pecados quédanche perdoados’, ou dicirlle ‘Levántate, colle a túa cama e anda’, e que entón el camiñe? 10 Pois vouvos demostrar que o Fillo do Home* ten autoridade para perdoar pecados na terra”. Entón, díxolle ó paralítico: 11 “Eu dígoche: levántate, colle a túa cama e vai para a túa casa”. 12 E inmediatamente, o home levantouse diante de todos, colleu a súa cama e marchou camiñando. Todos quedaron moi impresionados e déronlle gloria a Deus. Dicían: “Nunca tal cousa vimos”.
13 Xesús volveu á beira do mar. Toda a xente viña a velo e el ensináballes. 14 Mentres ía camiñando, viu a Leví*, o fillo de Alfeo, sentado na oficina onde se cobran os impostos, e díxolle: “Sígueme*”. E el levantouse inmediatamente e seguiuno. 15 Máis tarde, Xesús e os seus discípulos estiveron comendo* na casa de Leví. Tamén comeron con eles moitos cobradores de impostos e pecadores, porque moitos deles seguían a Xesús. 16 Pero cando os escribas que eran fariseos viron que Xesús comía cos pecadores e cos cobradores de impostos, empezaron a dicirlles ós discípulos del: “Por que come cos cobradores de impostos e cos pecadores?”. 17 Xesús escoitounos e díxolles: “Os que están fortes non necesitan un médico, pero os enfermos si. Non vin para chamar os xustos, senón os pecadores”.
18 Os discípulos de Xoán e os fariseos tiñan o costume de facer xaxún*. Así que viñeron e preguntáronlle a Xesús: “Por que os discípulos de Xoán e os discípulos dos fariseos teñen o costume de facer xaxún e os teus discípulos non?”. 19 Xesús contestoulles: “Mentres o noivo está cos seus amigos, eles non teñen razóns para facer xaxún, verdade? Non estaría ben que o fixesen mentres están con el. 20 Pero chegará o día no que o noivo xa non estará con eles*, e ese día si que estarán tristes e farán xaxún. 21 Ninguén lle cose un remendo de tea nova a un manto vello. Se alguén o fixese, a tea nova, ó encoller, tiraría da vella e o burato faríase máis grande. 22 Por outro lado, ninguén pon viño novo en odres vellos. Se alguén o fixese, o viño rebentaría o coiro e perderíase, e os odres xa non servirían para nada. Por iso se pon o viño novo en odres novos”.
23 Mentres Xesús cruzaba uns campos de cereais en sábado*, os seus discípulos empezaron a arrancar algunhas espigas mentres ían camiñando. 24 Así que os fariseos dixéronlle: “Mira para aí! Por que están facendo o que non está permitido facer en sábado?”. 25 Pero el contestoulles: “Seica nunca lestes o que fixo David cando quedou sen comida e el e os seus homes tiveron fame? 26 No relato sobre o sacerdote principal Abiatar, David entrou na casa de Deus, comeu os pans da ofrenda* e tamén lles deu deses pans ós homes que estaban con el. Iso é algo que non está permitido facer, só poden comelos os sacerdotes”. 27 Entón díxolles: “O sábado fíxose para a xente, non a xente para o sábado. 28 Así que o Fillo do Home é Señor incluso do sábado”.
3 Xesús volveu a entrar nunha sinagoga, e alí había un home que tiña unha man paralizada*. 2 Os fariseos estaban moi atentos ó que facía Xesús. Querían ver se curaba aquel home en sábado para así poder acusalo. 3 Entón Xesús díxolle ó home que tiña a man paralizada: “Levántate e ponte aquí no medio”. 4 Despois, Xesús preguntoulles ós que estaban mirando: “Que está permitido facer en sábado? O que está ben ou o que está mal? Salvar unha vida ou quitala?”. Pero eles quedaron calados. 5 El mirou indignado a tódolos que estaban ó seu arredor e púxose moi triste porque tiñan o corazón duro. Despois díxolle ó home: “Estira o brazo”. E cando o estirou, a man quedou curada. 6 Entón os fariseos saíron de alí e inmediatamente empezaron a conspirar cos membros do partido de Herodes para matar a Xesús.
7 Pero Xesús marchou cara ó mar cos seus discípulos, e seguiuno unha gran multitude de Galilea e de Xudea. 8 Incluso veu moita xente de Xerusalén, de Idumea, do outro lado do Xordán e dos arredores de Tiro e Sidón, porque oíran falar de todo o que el facía. 9 Así que, pediulles ós seus discípulos que tivesen preparada unha barca pequena para que a multitude non se lle pegase demasiado e o esmagase. 10 Porque, como curara tantas persoas, tódolos que tiñan enfermidades graves botábanselle enriba para tocalo. 11 Incluso os demos, cando o vían, botábanse ó chan diante del e berraban: “Ti es o Fillo de Deus!”. 12 Pero Xesús mandáballes seriamente moitas veces que non lle dixesen a ninguén quen era el.
13 Despois, Xesús subiu a unha montaña e mandou chamar os que escollera, e eles reuníronse con el. 14 Entón formou* un grupo de 12, e chamoulles apóstolos. Eles irían con el, e el enviaríaos a predicar 15 e daríalles autoridade para botar demos fóra.
16 No grupo dos 12 que formou* estaban Simón (a quen tamén chamou Pedro), 17 Santiago, que era fillo de Zebedeo, e o seu irmán Xoán (ós que tamén chamou Boanerxes, que significa “fillos do trono”), 18 Andrés, Felipe, Bartolomé, Mateo, Tomás, Santiago, que era fillo de Alfeo, Tadeo, Simón o Cananita* 19 e Xudas Iscariote (o que máis tarde traizoou a Xesús).
Despois Xesús entrou nunha casa, 20 e volveuse a xuntar tanta xente que nin sequera podían comer. 21 Cando os seus familiares oíron o que estaba pasando, dixeron: “Volveuse tolo!”. E fórono buscar para levalo con eles. 22 Ademais, os escribas que baixaran de Xerusalén dicían: “Está posuído por Belcebú*, e bota fóra os demos co poder do gobernante dos demos!”. 23 Pero el pediulles que se acercasen e púxolles algunhas comparacións: “Como vai Satanás botar fóra a Satanás? 24 Se un reino está dividido internamente, non pode manterse en pé. 25 E se unha familia* está dividida internamente, tampouco poderá manterse en pé. 26 Da mesma maneira, se Satanás loita contra si mesmo e está dividido, non pode manterse en pé e ese será o seu final. 27 De feito, se alguén entra na casa dun home forte para roubarlle as cousas, primeiro ten que atar o home. Só así poderá levarlle todo canto ten na casa. 28 Asegúrovos que ós homes se lles perdoarán tódalas cousas, sen importar os pecados que cometan nin as blasfemias que digan. 29 Pero quen blasfeme* contra o espírito santo nunca vai ser perdoado. Será culpable de pecado eterno”. 30 Xesús dixo isto porque dicían: “Está posuído por un demo”.
31 Entón chegaron a nai e os irmáns de Xesús, pero quedaron fóra e mandaron que alguén o chamase. 32 Había moita xente sentada arredor del, e dixéronlle: “Mira! Túa nai e teus irmáns están fóra preguntando por ti”. 33 Pero el contestoulles: “Quen son miña nai e meus irmáns?”. 34 E mirando para os que estaban sentados ó seu arredor, dixo: “Estes son miña nai e meus irmáns! 35 Todo o que fai a vontade de* Deus é meu irmán, miña irmá e miña nai”.
4 Xesús púxose a ensinar outra vez á beira do mar. Como se xuntou moitísima xente arredor del, subiu a unha barca, sentouse nela e apartouse un pouquiño. Pero toda a multitude quedou en terra, cerca da auga. 2 E el empezou a ensinarlles moitas cousas usando comparacións. Díxolles: 3 “Escoitade. O sementador saíu a botar a semente. 4 Mentres o facía, algunhas das sementes caeron á beira do camiño, e viñeron os paxaros e coméronas. 5 Outras caeron nun terreo con pouca terra, porque había moita pedra debaixo, e naceron rápido porque a terra non tiña profundidade. 6 Pero cando saíu o sol, as plantas queimáronse e secaron porque non tiñan raíces profundas. 7 Outras sementes caeron entre os espiños, pero os espiños medraron e afogáronas, e as sementes non deron froito. 8 Pero outras caeron en terra boa, e as plantas saíron e medraron, e empezaron a dar froito. Unhas daban 30 veces máis do que se sementara, outras 60 e outras 100”. 9 Entón dixo: “Quen teña oídos para escoitar, que escoite con atención”.
10 Cando quedou só, os que estaban arredor del e os Doce empezaron a facerlle preguntas sobre as comparacións. 11 El respondeulles: “A vós permitíusevos entender o segredo sagrado do Reino de Deus. Pero para os de fóra todo son comparacións, 12 para que por moito que miren non entendan, e por moito que oian non comprendan. Eles nunca volverán a Deus* nin serán perdoados”. 13 Ademais díxolles: “Se non entendedes esta comparación, como ides entender tódalas demais?
14 ”O sementador sementa a palabra*. 15 Por un lado, están as sementes que caen á beira do camiño. Este é o caso das persoas que escoitan a palabra, pero enseguida vén Satanás e quítalles a palabra que se sementou nelas. 16 Despois están as sementes que caen no terreo con moita pedra debaixo. Este é o caso das persoas que, en canto escoitan a palabra, acéptana con alegría. 17 Por un tempo aguantan, pero como non teñen raíces profundas, cando veñen as dificultades ou a persecución por obedecer a palabra, enseguida abandonan*. 18 Por outro lado, están as sementes que caen entre os espiños. Este é o caso das persoas que escoitan a palabra 19 pero as preocupacións deste mundo*, a falsa seguridade que dan as riquezas e o desexo por ter tódalas demais cousas entran no seu corazón e afogan a palabra. Por iso a palabra non dá froito. 20 E, por último, están as sementes que caen en terra boa. Este é o caso das persoas que escoitan a palabra, acéptana de boa gana e dan froito. Algunhas persoas dan 30 veces máis do que se sementou, outras 60 e outras 100”.
21 E tamén lles dixo: “Un candil* non se tapa cun cesto nin se pon debaixo da cama, verdade? Ponse nun sitio alto, non? 22 Porque non hai nada secreto que non se vaia descubrir nin nada tan ben escondido que non vaia saír á luz. 23 Quen teña oídos para escoitar, que escoite con atención”.
24 Despois díxolles: “Estade atentos ó que estades escoitando. Coa medida coa que midades váisevos medir a vós, e darásevos aínda máis. 25 Porque ó que ten daráselle máis, pero ó que non ten incluso se lle quitará o pouco que ten”.
26 E seguiulles dicindo: “O Reino de Deus é coma un home que bota semente na terra. 27 El dorme de noite e levántase de día. Mentres, as sementes nacen e as plantas fanse grandes, aínda que el non sabe exactamente como. 28 A terra vai dando froito por si mesma: primeiro nace o talo, despois sae a espiga e por último o gran maduro na espiga. 29 E cando o gran está maduro, o home usa o fouciño para segar, porque chegou o tempo da colleita”.
30 Tamén dixo: “Con que poderiamos comparar o Reino de Deus ou que comparación poderiamos poñer para explicalo? 31 É coma un gran de mostaza, que cando se planta é a máis pequena de tódalas sementes da terra. 32 Pero despois de plantala, medra e convértese na planta máis grande da horta, e nácenlle pólas tan grandes que os paxaros poden refuxiarse baixo a súa sombra”.
33 Cando lles predicaba a mensaxe*, usaba moitas comparacións deste tipo, tendo en conta o que eran capaces de entender. 34 De feito, nunca lles falaba sen utilizar algunha comparación. Pero ós seus discípulos explicáballes todo en privado.
35 Aquel mesmo día, cando se estaba facendo de noite, díxolles ós seus discípulos: “Crucemos ó outro lado do mar”. 36 Así que, despois de despedir a xente, eles levárono na barca*. Tamén había outras barcas que o acompañaban. 37 De repente, levantouse un forte temporal de vento. As ondas batían con tanta forza contra a barca que xa estaba a punto de encherse de auga. 38 Pero Xesús estaba durmindo na popa sobre un coxín. Os discípulos fórono despertar e dixéronlle: “Mestre, seica non che importa que afoguemos?”. 39 Así que el púxose de pé, reprendeu o vento e díxolle ó mar: “Silencio! Cala!”. Entón, o vento parou e todo quedou completamente en calma. 40 Despois díxolles: “Por que tedes tanto medo?* Aínda non tedes fe?”. 41 Eles estaban moi asustados e dicíanse uns ós outros: “Quen é en realidade este home? Incluso o vento e o mar lle fan caso”.
5 Entón chegaron ó outro lado do mar, á rexión dos xerasenos. 2 Tan pronto como Xesús baixou da barca, acercóuselle un home que estaba posuído por un demo e que viña de onde estaban as tumbas*. 3 Vivía alí, entre as tumbas, e ata ese momento ninguén fora capaz de mantelo atado, nin sequera cunha cadea. 4 Porque, aínda que moitas veces lle ataran os pés e as mans con cadeas, el sempre rompía as cadeas das mans e rebentaba as dos pés. Ninguén tiña as forzas necesarias para dominalo. 5 Todo o tempo, de día e de noite, andaba entre as tumbas e polas montañas, berrando e cortándose con pedras. 6 Pero cando viu a Xesús desde lonxe, foi correndo e inclinouse diante del. 7 Entón berrou con forza: “Que teño que ver contigo, Xesús, Fillo do Deus Altísimo? Xúrame por Deus que non me vas castigar*!”. 8 Porque Xesús estivéralle dicindo: “Sae deste home, espírito malvado!”. 9 Entón Xesús preguntoulle: “Como te chamas?”. E el contestoulle: “Chámome Lexión, porque somos moitos”. 10 E suplicoulle moitas veces a Xesús que non os botase daquela rexión.
11 Na montaña había moitos porcos comendo. 12 Así que os demos suplicáronlle: “Mándanos onda os porcos para que entremos dentro deles”. 13 E el deulles permiso. Entón, os demos saíron do home e metéronse nos porcos. Os porcos botáronse ó mar polo acantilado* abaixo e morreron todos afogados no mar. Eran uns 2000. 14 Pero os que coidaban os porcos saíron correndo e puxéronse a contar a noticia na cidade e no campo. Entón a xente foi ver o que pasara. 15 Ó chegar onde estaba Xesús, viron o home que estivera posuído pola lexión de demos. O home estaba alí sentado e vestido, e recuperara o xuízo, así que eles asustáronse moito. 16 E os que viran o que pasara con aquel home e cos porcos explicáronlles como fora todo. 17 Entón a xente púxose a suplicarlle a Xesús que marchase daquela rexión.
18 Cando Xesús estaba subindo á barca, o home que estivera posuído polos demos suplicoulle que lle deixase ir con el. 19 Pero Xesús non lle deixou, e díxolle: “Vai para a casa, coa túa familia. Cóntalles todo o que Xehová* fixo por ti e como te tratou con compaixón*”. 20 Entón, o home marchou e púxose a anunciar pola Decápolis* todo o que Xesús fixera por el, e todo o mundo quedaba impresionado.
21 Despois, Xesús volveu a cruzar coa barca ó outro lado do mar. Mentres aínda estaba na beira, xuntouse moita xente arredor del. 22 Entón chegou un home que se chamaba Xairo, un dos presidentes da sinagoga. Ó ver a Xesús, botouse ó chan diante del 23 e suplicoulle unha e outra vez: “A miña filla está moi enferma*. Por favor, ven e pon as túas mans sobre ela para que cure e siga vivindo”. 24 Xesús enseguida foi con el, e seguíao unha gran multitude que ía tan pegadiña a el que case o esmagaba.
25 Había unha muller que levaba 12 anos con hemorraxias. 26 Ela fora a moitos médicos, pero só a fixeran sufrir. Gastara todo o que tiña pero non mellorara nada. De feito, estaba aínda peor. 27 Como escoitara o que dicían de Xesús, meteuse entre a xente, acercóuselle por detrás e tocoulle o manto, 28 porque dicía: “Con só tocar a súa roupa, poñereime ben”. 29 Inmediatamente deixou de sangrar e notou que curara daquela enfermidade que a fixera sufrir tanto.
30 Ó momento, Xesús sentiu que saíra poder del. Entón xirouse e preguntoulle á xente: “Quen tocou a miña roupa?”. 31 Pero os seus discípulos contestáronlle: “Ves que toda a xente está pegadiña a ti e preguntas quen te tocou?”. 32 Aínda así, el seguía mirando ó seu arredor para descubrir quen o tocara. 33 A muller, que sabía o que lle pasara, púxose a tremer co medo. Entón acercouse, botouse ó chan diante de Xesús e contoulle toda a verdade. 34 El díxolle: “Filliña, a túa fe curoute. Vaite en paz agora que curaches desta enfermidade que te fixo sufrir tanto”.
35 Mentres aínda estaba falando, chegaron algúns homes da casa do presidente da sinagoga e dixéronlle: “A túa filla morreu! Non fai falta que molestes máis o Mestre”. 36 Pero Xesús escoitounos e díxolle ó presidente da sinagoga: “Non te preocupes*. Só ten fe”. 37 E non deixou que ninguén fose con el, só Pedro, Santiago e Xoán, que era o irmán de Santiago.
38 Cando chegaron á casa do presidente da sinagoga, Xesús viu que había moito barullo e que a xente estaba chorando e lamentándose en voz alta. 39 Así que despois de entrar, díxolles: “Por que chorades e armades tanto barullo? A nena non morreu, está durmindo”. 40 Ó escoitar isto, empezaron a rirse e a burlarse del con desprezo. Pero Xesús fixo que saísen todos. Despois colleu ó pai, á nai da rapaza e ós discípulos que viñan con el e entrou onde estaba a nena. 41 Entón Xesús agarrou a man da nena e díxolle “Táliza kumi”, que traducido significa “Pequena, dígoche: levántate!”. 42 Inmediatamente, a nena levantouse e empezou a camiñar. (Tiña 12 anos.) Ó ver isto, todos quedaron totalmente impresionados e cheos de alegría. 43 Pero el mandoulles unha e outra vez* que non llo contasen a ninguén. Tamén lles dixo que lle desen algo de comer á nena.
6 Xesús saíu de alí e foi á zona onde se criara, e os seus discípulos foron con el. 2 O sábado púxose a ensinar na sinagoga, e a maioría dos que o escoitaron quedaron impresionados e dixeron: “De onde sacou este home estas cousas? Como é que recibiu esta sabedoría? E como pode facer estes milagres coas súas mans? 3 Non é este o carpinteiro, o fillo de María e o irmán de Santiago, Xosé, Xudas e Simón? E as súas irmás viven aquí, non?”. E isto converteuse nun obstáculo para que cresen nel*. 4 Pero Xesús díxolles: “Ó profeta dáselle honra en todas partes menos na súa terra, entre os seus familiares e na súa propia casa”. 5 Así que non puido facer ningún milagre alí excepto curar uns cantos enfermos poñendo as mans sobre eles. 6 De feito, quedou sorprendido ó ver que non tiñan fe. E foi polas aldeas dos arredores ensinando.
7 Entón Xesús reuniu os Doce e empezou a mandalos de dous en dous, e deulles autoridade sobre os demos. 8 Ademais, mandoulles que non levasen nada para a viaxe, excepto un bastón*. Non debían levar nin pan, nin bolsa con comida, nin tampouco cartos* no cinto*. 9 Tamén lles dixo que puxesen sandalias pero que non levasen roupa para cambiarse*. 10 Ademais díxolles: “Cando entredes nunha casa, aloxádevos nela ata que marchedes dese lugar. 11 Pero se nalgún sitio non vos reciben nin vos escoitan, sacudide o po dos pés* ó saír de alí para que lles sirva de testemuño a eles*”. 12 Entón marcharon e empezaron a predicar que a xente tiña que arrepentirse. 13 Tamén botaban moitos demos fóra, e poñíanlles aceite a moitos enfermos e curábanos.
14 O rei Herodes escoitou falar disto porque o nome de Xesús se fixera moi coñecido e a xente dicía: “Este é Xoán o Bautista que resucitou* de entre os mortos, e por iso pode facer milagres”. 15 Pero outros dicían: “É Elías”. E outros: “É un profeta coma os do pasado”. 16 Pero cando Herodes escoitou falar de Xesús, dixo: “É Xoán, ó que fixen que lle cortasen a cabeza, que resucitou*”. 17 Resulta que Herodes mandara arrestar a Xoán e encadeárao na prisión por culpa de Herodías, a muller do seu irmán Filipo. Herodes casara con ela 18 e Xoán estivéralle dicindo: “Non está permitido que esteas casado coa muller do teu irmán”. 19 Por iso Herodías lle tiña rencor e quería matalo. Pero non podía 20 porque Herodes tíñalle medo a Xoán e protexíao, pois sabía que era un home xusto e santo. Sempre que escoitaba o que Xoán dicía, quedaba desconcertado e non sabía que facer con el pero, aínda así, gustáballe escoitalo.
21 Pero cando Herodes organizou unha cea polo seu cumpreanos*, a Herodías presentóuselle a oportunidade de levar a cabo o seu plan. Herodes invitou os seus altos funcionarios, os comandantes militares e os homes máis importantes de Galilea. 22 Entón, entrou a filla de Herodías e púxose a bailar diante de todos. A Herodes e ós que estaban ceando* gustoulles tanto que o rei lle dixo á rapaza: “Pídeme o que queiras e dareicho”. 23 De feito, xuroulle: “Dareiche calquera cousa que me pidas, incluso a metade do meu reino”. 24 Ela saíu e foille preguntar á súa nai: “Que lle pido?”. E a nai contestoulle: “A cabeza de Xoán o Bautista”. 25 Nese momento, a rapaza foi correndo onde estaba o rei e pediulle: “Quero que me traias agora mesmo a cabeza de Xoán o Bautista nunha bandexa”. 26 Aínda que o rei se puxo moi triste, non quixo negarlle o que ela lle pedira debido ó xuramento que fixera e polos seus invitados*. 27 Así que o rei mandoulle enseguida a un dos seus gardas persoais que lle trouxese a cabeza de Xoán. O garda marchou, cortoulle a cabeza a Xoán na prisión 28 e tróuxoa nunha bandexa. Entón deulla á rapaza e ela levoulla á súa nai. 29 Cando os discípulos de Xoán o souberon, viñeron, colleron o corpo e puxérono nunha tumba*.
30 Os apóstolos xuntáronse arredor de Xesús e contáronlle todo o que fixeran e ensinaran. 31 Como había tanta xente que ía e viña e eles non tiñan tempo nin para comer, el díxolles: “Vinde comigo. Imos ir a un lugar apartado nós sós para que descansedes un pouco”. 32 Por iso foron coa barca a un lugar apartado onde puidesen estar sós. 33 Pero houbo xente que os viu marchar, e outros tamén o souberon. Así que moitas persoas de tódalas cidades foron rapidamente cara alí por terra e chegaron antes ca eles. 34 Cando baixou da barca, Xesús viu unha gran multitude de persoas e sentiu moita compaixón por elas, porque eran coma ovellas sen pastor. E empezou a ensinarlles moitas cousas.
35 Como xa era tarde, os discípulos acercáronse a Xesús e dixéronlle: “Estamos nun sitio apartado e xa é tarde. 36 Dille á xente que marche para que vaian ós campos e ás aldeas que hai cerca e poidan comprar algo de comer”. 37 Pero el respondeulles: “Dádelles vós de comer”. Entón eles preguntáronlle: “Queres que vaiamos comprar 200 denarios* de pan para darlle de comer á xente?”. 38 Xesús preguntoulles: “Cantos pans tedes? Ide mirar”. Despois de comprobalo, dixéronlle: “Temos cinco pans e dous peixes”. 39 Entón mandoulle a toda a xente que se sentase na herba* por grupos, 40 e sentáronse en grupos de 100 e de 50. 41 Despois colleu os cinco pans e os dous peixes, mirou cara ó ceo e fixo unha oración*. Entón, partiu os pans e empezou a dárllelos ós discípulos para que os repartisen entre a xente. E tamén repartiu entre todos os dous peixes. 42 Todos comeron e ninguén quedou con fame. 43 Ó final, recolleron o que sobrou e, ademais dos peixes, encheron 12 cestas con cachos de pan. 44 En total, comeron dos pans 5000 homes.
45 Xusto despois, díxolles ós seus discípulos que subisen á barca e que fosen cruzando á outra beira, cara a Betsaida, mentres el despedía a xente. 46 Cando a xente marchou, foise a unha montaña a orar. 47 Ó facerse de noite, a barca estaba no medio do mar, pero Xesús seguía en terra el só. 48 Entón, xa de madrugada*, viu que ós seus discípulos se lles estaba facendo moi difícil remar, porque tiñan o vento en contra. Así que Xesús foi cara a eles camiñando sobre o mar, pero parecía que non tiña intención de parar onda eles*. 49 Cando o viron camiñando sobre a auga, pensaron: “É un fantasma!”. E puxéronse a berrar, 50 porque todos o viron e asustáronse. Pero el díxolles inmediatamente: “Tranquilos! Son eu. Non teñades medo”. 51 Entón, subiu á barca con eles e o vento parou. Ó ver isto, quedaron pasmados, 52 porque non entenderan o significado do milagre que Xesús fixera cos pans e aínda non eran capaces de entender todo*.
53 Despois de cruzar á outra beira do mar, chegaron a Xenesaret e acercaron a barca á costa. 54 Pero en canto baixaron da barca, a xente recoñeceu a Xesús 55 e correron a informar a tódolos que vivían en toda aquela rexión. Entón empezaron a levarlle os enfermos en camas portátiles onde escoitaban que estaba Xesús. 56 Cada vez que ían a unha aldea, a unha vila ou a unha cidade, a xente poñía os enfermos nas prazas dos mercados e suplicábanlle que lles deixase tocar polo menos a beira do seu manto. E tódolos que o tocaban quedaban curados.
7 Entón, os fariseos e algúns escribas que viñeran de Xerusalén xuntáronse arredor de Xesús 2 e viron que algúns dos discípulos de Xesús estaban comendo coas mans contaminadas, é dicir, sen lavalas antes*. 3 (Os fariseos e tódolos demais xudeus non comen sen antes lavar as mans ata o cóbado porque se apegan á tradición dos seus antepasados. 4 E cando volven do mercado non comen sen lavarse antes. Tamén se apegan a moitas outras tradicións do pasado, como meter na auga* as copas, as xarras e os recipientes de cobre.) 5 Por iso, estes fariseos e escribas preguntáronlle: “Por que os teus discípulos comen coas mans contaminadas en vez de seguir a tradición dos nosos antepasados?”. 6 El díxolles: “Hipócritas, con razón Isaías profetizou sobre vós o que está escrito: ‘Este pobo hónrame cos labios pero o seu corazón está moi lonxe de min. 7 Non vale de nada que me estean adorando, porque o que ensinan baséase en mandamentos de homes’. 8 Vós deixades de lado os mandamentos de Deus e apegádesvos ás tradicións dos homes”.
9 Ademais díxolles: “Que ben se vos dá deixar de lado os mandamentos de Deus para manter as vosas tradicións! 10 Por exemplo, Moisés dixo ‘Honra a teu pai e a túa nai’, e tamén ‘Quen fale con desprezo do seu pai ou da súa nai* terá que morrer’. 11 Pero vós dicides: ‘Alguén pode dicirlle a seu pai ou a súa nai: “Todo o que teño e que podería usar para axudarche é korbán”’ (é dicir, un regalo dedicado a Deus). 12 E así xa non lle permitides facer nadiña polo seu pai ou pola súa nai. 13 Desta maneira, coas tradicións que lles transmitides a outros, estades anulando a palabra de Deus. E facedes moitas outras cousas coma esta”. 14 Entón pediulle outra vez á multitude que se acercase e díxolles: “Escoitádeme todos. Entendede o significado do que vos digo. 15 Non hai nada que estea fóra dunha persoa que poida contaminala ó entrar nela. As cousas que contaminan unha persoa son as que saen dela”. 16 —*
17 Cando Xesús deixou a xente, entrou nunha casa e os discípulos empezaron a preguntarlle sobre a comparación. 18 E el respondeulles: “E logo vós tampouco sodes capaces de entendelo? Non vos dades conta de que non hai nada que estea fóra dunha persoa que poida contaminala ó entrar nela? 19 Porque non entra no corazón, senón no estómago, e acaba saíndo do corpo”. Así, Xesús declarou puros tódolos alimentos. 20 E tamén dixo: “O que sae dunha persoa é o que a contamina. 21 Porque de dentro do corazón saen razoamentos malos que poderían levar a inmoralidade sexual*, roubos, asasinatos, 22 adulterios, cobiza*, actos de maldade, engano, conduta descarada*, envexa*, blasfemia, arrogancia e insensatez. 23 Todas estas cousas malas saen de dentro e contaminan a persoa”.
24 Despois marchou e foi á rexión de Tiro e Sidón. Alí entrou nunha casa porque non quería que ninguén soubese que estaba alí, pero non o puido evitar. 25 Tan pronto como chegou, unha muller que tiña unha nena pequena que estaba posuída por un demo escoitou falar de Xesús. Entón ela veu e botouse ó chan diante del. 26 A muller (que era grega, de nacionalidade sirofenicia*), pediulle unha e outra vez que botase o demo fóra da súa filla. 27 Pero Xesús respondeulle: “Primeiro deixa que coman os fillos ata que non teñan máis fame, porque non está ben quitarlles o pan ós fillos para botárllelo ós canciños”. 28 E ela díxolle: “É certo, señor, pero ata os canciños que están debaixo da mesa comen das miguiñas que lles caen ós nenos”. 29 Entón el contestoulle: “Vaite tranquila. Por dicir iso, o demo saíu da túa filla”. 30 Así que ela volveu á súa casa e, cando chegou, viu que a nena estaba deitada na cama e que o demo xa marchara.
31 Cando Xesús volveu da rexión de Tiro, foi ó mar de Galilea pasando por Sidón e pola rexión da Decápolis*. 32 Entón trouxéronlle un xordo que ademais non era capaz de falar ben, e suplicáronlle que puxese as mans sobre el. 33 Xesús levouno a un lado, lonxe da xente. Puxo os seus dedos nos oídos do home e, despois de cuspir, tocoulle a lingua. 34 Entón, suspirou profundamente mirando para o ceo, xirouse cara ó home e díxolle “Éfaza”, que quere dicir “Ábrete”. 35 Inmediatamente, abríronselle os oídos, o seu problema na fala desapareceu e empezou a falar ben. 36 Despois, Xesús mandoulle á xente que non llo contasen a ninguén. Pero canto máis llelo dicía, máis o contaban. 37 De feito, estaban totalmente impresionados e dicían: “Faino todo ben. Ata fai que os xordos oian e os mudos falen!”.
8 Naqueles días volveuse a xuntar unha gran multitude. Como non tiñan nada para comer, Xesús chamou os seus discípulos e díxolles: 2 “Dáme moita pena* toda esta xente, porque xa levan tres días comigo e non teñen nada que comer. 3 Se os mando ás súas casas con fame*, vanse desmaiar polo camiño, e algúns veñen de moi lonxe”. 4 Pero os discípulos dixéronlle: “Co apartado que está este sitio, de onde vai sacar alguén suficiente pan para que coma tanta xente?”. 5 El preguntoulles: “Cantos pans tedes?”. E eles respondéronlle: “Sete”. 6 Entón mandoulle á xente que se sentase no chan. Despois colleu os sete pans, deulle grazas a Deus, partiunos e empezou a dárllelos ós seus discípulos para que os repartisen, e eles repartíronos entre as persoas. 7 Ademais, tamén tiñan algúns peixes pequenos. Así que, despois de facer unha oración*, díxolles que tamén os repartisen. 8 A xente comeu e ninguén quedou con fame. Ó final, co que sobrou encheron sete cestas grandes. 9 Alí había uns 4000 homes. Despois, Xesús díxolle á xente que marchase.
10 Inmediatamente, subiu á barca cos seus discípulos e foi á rexión de Dalmanuta. 11 Entón, viñeron os fariseos e empezaron a discutir con el e a esixirlle un sinal do ceo para poñelo a proba. 12 Xesús suspirou profundamente* e dixo: “Por que esta xeración anda sempre buscando un sinal? Asegúrovos que a esta xeración non se lle vai dar ningún sinal”. 13 Despois, deixounos, volveu a subir á barca e cruzou ó outro lado do mar.
14 Resulta que os discípulos non se acordaran de levar pan. De feito, só tiñan un pan na barca. 15 E el advertiulles claramente: “Mantede os ollos ben abertos. Tede coidado co fermento dos fariseos e co fermento de Herodes”. 16 Entón puxéronse a discutir entre eles porque non tiñan pan. 17 Pero Xesús deuse conta e díxolles: “Por que discutides por non ter pan? Aínda non o entendedes? Non o comprendedes? Seica o voso corazón aínda non é capaz de entendelo*? 18 ‘Tedes ollos pero non vedes? Tedes oídos pero non oídes?’ Xa non vos acordades 19 de cando partín os cinco pans para os 5000 homes? Cantas cestas cheas se recolleron co que sobrou?”. Eles respondéronlle: “Doce”. 20 “E cando partín os sete pans para os 4000 homes, cantas cestas cheas grandes recollestes co que sobrou?”. Eles contestáronlle: “Sete”. 21 Entón el preguntoulles: “E logo aínda non o entendedes?”.
22 Cando chegaron a Betsaida, a xente tróuxolle un home cego e suplicáronlle que o tocase. 23 El colleu o home da man e levouno fóra da aldea. Despois de cuspirlle nos ollos, puxo as mans sobre el e preguntoulle: “Ves algo?”. 24 O home mirou para arriba e dixo: “Vexo persoas, pero parecen árbores camiñando”. 25 Entón Xesús púxolle outra vez as mans nos ollos e el empezou a ver ben. O home recuperou a vista e puido ver todo perfectamente. 26 Despois mandouno para a súa casa e díxolle: “Non entres na aldea”.
27 Xesús foi cos seus discípulos ás aldeas de Cesarea de Filipo, e de camiño preguntoulles: “Quen di a xente que son eu?”. 28 Eles respondéronlle: “Uns din que es Xoán o Bautista, outros din que es Elías e outros din que es un dos profetas”. 29 Entón el preguntoulles: “E vós? Quen dicides que son eu?”. Pedro contestoulle: “Ti es o Cristo”. 30 Entón Xesús mandoulles seriamente que non llo dixesen a ninguén. 31 Ademais, empezou a explicarlles que o Fillo do Home tiña que pasar por moitos sufrimentos e que tiña que ser rechazado polos anciáns, polos sacerdotes principais e polos escribas. Tamén lles dixo que tiña que ser executado e resucitar* tres días despois. 32 Cando lles dixo iso, foi moi claro con eles*. Pero Pedro levouno á parte e empezou a reprendelo. 33 Xesús xirouse, mirou cara ós seus discípulos e reprendeu a Pedro dicíndolle: “Ponte detrás de min, Satanás! Porque non estás pensando igual que Deus, senón igual que os homes”.
34 Entón Xesús chamou a multitude e os seus discípulos, e díxolles: “Se alguén quere chegar a ser o meu discípulo, que renuncie a si mesmo*, que colla o seu madeiro de tortura* e que me siga constantemente. 35 Quen queira salvar a súa vida vaina perder, pero quen perda a súa vida por min e polas boas noticias vaina salvar. 36 Porque, de que lle serve a alguén ganar o mundo enteiro se perde a vida? 37 En realidade, que podería dar alguén a cambio da súa vida? 38 Pois, se alguén se avergonza de min e das miñas palabras diante desta xeración infiel* e pecadora, entón o Fillo do Home tamén se avergonzará del cando veña cos santos anxos e coa gloria do seu Pai”.
9 Ademais díxolles: “Asegúrovos que algúns dos que están aquí non morrerán sen antes ver o Reino de Deus xa establecido con poder”. 2 Seis días despois, Xesús levou a Pedro, a Santiago e a Xoán a unha montaña alta, e estiveron alí sós. E Xesús transfigurouse* diante deles. 3 A súa roupa empezou a brillar e volveuse máis branca do que ningún lavandeiro na terra podería deixala. 4 Ademais, aparecéronselles Elías e Moisés, e estaban falando con Xesús. 5 Entón, Pedro díxolle a Xesús: “Rabí*, que ben que esteamos aquí! Montemos tres tendas: unha para ti, unha para Moisés e outra para Elías”. 6 En realidade, Pedro non sabía como reaccionar porque estaban moi asustados. 7 Entón formouse unha nube que os cubriu, e oíuse unha voz que viña da nube e dicía: “Este é o meu querido Fillo. Escoitádeo”. 8 E de repente, cando miraron ó seu arredor, viron que xa non había ninguén con eles. Só estaba Xesús.
9 Mentres baixaban da montaña, Xesús mandoulles seriamente que non lle contasen a ninguén o que viran ata que o Fillo do Home resucitase* de entre os mortos. 10 Eles fixeron o que lles dixo*, pero falaban entre eles sobre que significaría iso de que ía resucitar* de entre os mortos. 11 E preguntáronlle a Xesús: “Por que din os escribas que Elías ten que vir antes que o Cristo?”. 12 El respondeulles: “É certo que primeiro vén Elías e restablece tódalas cousas. Pero entón, por que está escrito que o Fillo do Home ten que pasar por moitos sufrimentos e que o van desprezar? 13 Pois eu dígovos que en realidade Elías xa veu e fixeron con el o que quixeron, xusto como se escribiu que pasaría”.
14 Cando Xesús e os tres discípulos chegaron onde estaban os demais, víronos rodeados por unha gran multitude, e había uns escribas que estaban discutindo con eles. 15 En canto a multitude viu a Xesús, a xente sorprendeuse moitísimo e foron correndo a saudalo. 16 E el preguntoulles: “Sobre que estades discutindo?”. 17 Entón un home dos que estaban entre a xente contestoulle: “Mestre, trouxen aquí o meu fillo porque ten dentro un demo que o deixou mudo*. 18 Cada vez que o demo o controla, tírao ó chan e o rapaz bota espuma pola boca, aperta os dentes e queda sen forzas. Pedinlles ós teus discípulos que botasen fóra o demo, pero non foron capaces”. 19 Xesús respondeulles: “Esta xeración non ten fe ningunha! Canto tempo máis vou ter que estar con vós? Ata cando terei que soportarvos? Traédemo”. 20 Entón trouxéronlle o rapaz. Pero en canto o demo viu a Xesús, fixo que o rapaz tivese convulsións e, despois de caer, rodou polo chan botando espuma pola boca. 21 E Xesús preguntoulle ó pai: “Desde cando lle pasa isto?”. El contestoulle: “Desde que era pequeno. 22 Moitas veces, o demo bótao no lume ou na auga para matalo. Así que, se podes facer algo, ten compaixón de nós e axúdanos”. 23 Xesús díxolle: “Por que dis ‘Se podes facer algo’? Todo é posible para quen ten fe”. 24 Inmediatamente, o pai do rapaz berrou: “Teño fe! Pero axúdame a ter máis fe!”.
25 Cando Xesús se deu conta de que unha multitude viña correndo cara a eles, reprendeu o demo e díxolle: “Espírito mudo e xordo, mándoche que saias del e que non volvas entrar máis!”. 26 Despois de berrar e de facer que o rapaz tivese moitas convulsións, o demo saíu e o rapaz quedou coma se estivese morto. De feito, case todos dicían: “Está morto!”. 27 Pero Xesús colleuno pola man e levantouno, e o rapaz púxose de pé. 28 Despois, Xesús e os seus discípulos entraron nunha casa, e eles preguntáronlle en privado: “Por que nós non puidemos botar fóra ese demo?”. 29 El respondeulles: “Este tipo de espírito só pode saír con oración”.
30 Entón saíron de alí e cruzaron Galilea, pero el non quería que ninguén o soubese 31 porque estaba ensinándolles ós seus discípulos. Dicíalles: “O Fillo do Home vai ser traizoado e entregado nas mans dos seus inimigos, e eles matarano. Pero, aínda que o van matar, resucitará* tres días despois”. 32 Eles non entenderon o que quixo dicir, pero dáballes medo preguntarlle.
33 Cando chegaron a Capernaúm e entraron na casa, Xesús preguntoulles: “Sobre que viñades discutindo polo camiño?”. 34 Eles quedaron calados porque viñeran discutindo sobre quen era o maior. 35 Entón Xesús sentouse, chamou os Doce e díxolles: “Se alguén quere ser o primeiro, ten que ser o último de todos e servir a* todos”. 36 Despois puxo un neno no medio deles, rodeouno cos brazos e díxolles: 37 “Quen recibe a un neno coma este por causa do meu nome tamén me recibe a min. E quen me recibe a min non só me recibe a min, senón tamén a quen me enviou”.
38 Xoán díxolle: “Mestre, vimos que alguén botaba demos fóra usando o teu nome, pero intentamos impedirllo porque non era un dos que andan con nós”. 39 Pero Xesús contestou: “Non intentedes impedirllo, porque ninguén pode facer un milagre usando o meu nome e xusto despois poñerse a falar mal de min. 40 Porque quen non está na nosa contra está ó noso favor. 41 E asegúrovos que quen vos dea de beber un vaso de auga porque sodes discípulos de Cristo, de ningunha maneira quedará sen a súa recompensa. 42 Pero se alguén fai tropezar* a unha desas persoas que son coma nenos* e que teñen fe, seríalle moito mellor que lle puxesen no pescozo unha desas pedras de muíño que os burros fan xirar e que o tirasen ó mar.
43 ”Se algunha vez a túa man te fai tropezar*, córtaa. É mellor que consigas a vida aínda que sexa manco, e non que acabes coas dúas mans na Guehena*, no lume que non se pode apagar. 44 —* 45 E se o teu pé te fai tropezar, córtao. É mellor que consigas a vida aínda que sexa coxo, e non que te boten cos dous pés na Guehena. 46 —* 47 E se o teu ollo te fai tropezar, tírao lonxe. É mellor que entres no Reino de Deus cun só ollo, e non que te boten cos dous ollos na Guehena, 48 onde os vermes non morren e o lume non se apaga.
49 ”Porque todos teñen que ser salgados con lume. 50 O sal é bo. Pero se deixa de ser salgado, que faredes para que recupere o seu sabor? Tede sal dentro de vós e mantede a paz uns cos outros”.
10 Xesús marchou de alí e chegou ós límites de Xudea, ó outro lado do río Xordán. Entón volveuse a xuntar unha gran multitude arredor del e, como facía habitualmente, púxose a ensinarlles. 2 Pero uns fariseos que querían poñelo a proba acercáronse e preguntáronlle se estaba permitido que un home se divorciase da súa muller. 3 El respondeulles: “Que vos mandou Moisés?”. 4 Eles dixeron: “Moisés permitiu que o home escribise un certificado de divorcio e que despedise a súa muller”. 5 Pero Xesús respondeulles: “Moisés púxovos por escrito ese mandamento porque tedes o corazón duro. 6 Pero, ó principio da creación, Deus* ‘fíxoos home e muller’ 7 e ‘por esa razón, o home deixará o seu pai e a súa nai, 8 e os dous serán unha soa carne*’. Así que xa non son dous, senón unha soa carne. 9 Polo tanto, o que Deus uniu*, que non o separe ningún home”. 10 Cando volveron á casa, os discípulos empezaron a facerlle preguntas sobre isto. 11 El díxolles: “Todo home que se divorcie da súa muller e case con outra comete adulterio contra a primeira. 12 E se unha muller se divorcia do seu home e casa con outro, ela tamén comete adulterio”.
13 Despois, algúns empezaron a traerlle a Xesús algúns nenos para que puxese as mans sobre eles e os bendicise, pero os discípulos reprendéronos. 14 Ó ver iso, el indignouse e díxolles: “Deixade que os nenos se acerquen a min. Non intentedes impedilo, porque o Reino de Deus é dos que son coma eles. 15 Asegúrovos que quen non acepte o Reino de Deus coma un neno nunca entrará nel”. 16 Entón colleu os nenos no colo e empezou a bendicilos poñendo as mans sobre eles.
17 Mentres ía polo camiño, un home veu correndo, púxose de xeonllos diante del e preguntoulle: “Bo Mestre, que teño que facer para herdar a vida eterna?”. 18 Xesús díxolle: “Por que me chamas bo? Non hai ninguén bo, só un: Deus. 19 Xa coñeces os mandamentos: non asasines, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non estafes, honra a teu pai e a túa nai”. 20 O home contestoulle: “Mestre, todas esas cousas xa as obedezo desde pequeno”. 21 Xesús mirouno, sentiu cariño por el e díxolle: “Fáltache unha cousa: vai, vende o que tes e dálles os cartos ós pobres. Así, terás un tesouro no ceo. Despois ven e faite o meu discípulo*”. 22 Pero o home desanimouse ó escoitar esa resposta e marchou moi triste, porque tiña moitos bens.
23 Xesús mirou ó seu arredor e despois díxolles ós seus discípulos: “Que difícil lles vai ser ós que teñen moitos cartos entrar no Reino de Deus!”. 24 Ós discípulos sorprendéronlles esas palabras de Xesús. Entón el dixo: “Filliños, que difícil é entrar no Reino de Deus! 25 É máis fácil para un camelo pasar polo burato* dunha agulla que para un rico entrar no Reino de Deus”. 26 Os discípulos sorprendéronse aínda máis e dixéronlle*: “Entón, quen se poderá salvar?”. 27 Xesús mirounos fixamente e díxolles: “Para os humanos isto é imposible, pero para Deus non, porque tódalas cousas son posibles para Deus”. 28 Entón Pedro púxose a dicirlle: “Mira que nós xa o deixamos todo e seguímoste”. 29 E Xesús respondeu: “Asegúrovos que non hai ninguén que deixase casa, irmáns, irmás, nai, pai, fillos ou campos por min e polas boas noticias 30 que non reciba 100 veces máis agora (casas, irmáns, irmás, nais, fillos e campos), aínda que sexa sufrindo persecución e, no sistema futuro*, vida eterna. 31 Pero moitos dos primeiros serán os últimos, e moitos dos últimos serán os primeiros”.
32 Mentres subían polo camiño que vai a Xerusalén, Xesús ía diante e os discípulos seguíano sorprendidos. E os que viñan detrás empezaron a ter medo. Entón Xesús levou os Doce á parte outra vez e volveu a dicirlles as cousas que estaban a punto de pasarlle. 33 Díxolles: “Escoitade. Estamos subindo a Xerusalén, e alí o Fillo do Home vai ser entregado ós sacerdotes principais e ós escribas. Eles condenarano á morte e entregarano a homes das nacións. 34 Estes homes burlaranse del, cuspiranlle, daranlle lategazos* e matarano, pero tres días despois resucitará*”.
35 Santiago e Xoán, os fillos de Zebedeo, acercáronse a Xesús e dixéronlle: “Mestre, queremos que fagas por nós o que che imos pedir”. 36 El preguntoulles: “Que queredes que faga por vós?”. 37 E eles contestáronlle: “Cando gobernes no teu Reino*, deixa que nos sentemos contigo, un á túa dereita e outro á túa esquerda”. 38 Pero Xesús díxolles: “Non sabedes o que estades pedindo. Podedes beber da copa* da que eu estou bebendo? Ou podedes ser bautizados co bautismo co que se me está bautizando a min?”. 39 Eles dixéronlle: “Si que podemos”. E Xesús contestoulles: “Ides beber da copa da que eu estou bebendo e ides ser bautizados co bautismo co que se me está bautizando a min. 40 Pero non son eu o que escolle quen se vai sentar á miña dereita ou á miña esquerda. É meu Pai quen decide quen se pode sentar aí”.
41 Cando os outros 10 souberon o que pasara, enfadáronse moito con Santiago e Xoán. 42 Entón Xesús xuntounos a todos e díxolles: “Xa sabedes que os que parece que gobernan as* nacións dominan o pobo e que os homes importantes teñen autoridade sobre a xente. 43 Pero entre vós non debe ser así. O que queira chegar a ser grande entre vós ten que servir os* demais, 44 e o que queira ser o primeiro entre vós ten que ser escravo de todos. 45 Porque nin sequera o Fillo do Home veu para que o servisen, senón para servir os demais e para dar a súa vida como rescate a cambio de moitas persoas”.
46 Entón, chegaron a Xericó. Despois, Xesús e os seus discípulos saíron daquela cidade cunha multitude bastante grande, e había un mendigo cego sentado á beira do camiño. Chamábase Bartimeo e era fillo de Timeo. 47 Cando escoitou que quen estaba pasando por alí era Xesús o Nazareno, empezou a berrar: “Xesús, Fillo de David, ten compaixón* de min!”. 48 Moitos puxéronse a reprendelo e dicíanlle que calase, pero el berraba aínda máis forte: “Fillo de David, ten compaixón de min!”. 49 Así que Xesús parou e dixo: “Chamádeo, dicídelle que veña aquí”. Eles dixéronlle ó cego: “Veña, ánimo! Levántate, que te está chamando”. 50 El tirou o seu manto, púxose de pé dun salto e foi ata onde estaba Xesús. 51 Entón Xesús preguntoulle: “Que queres que faga por ti?”. E o cego contestoulle: “Raboni *, fai que poida volver a ver”. 52 E Xesús díxolle: “Podes marchar, a túa fe curoute”. O home recuperou a vista inmediatamente e empezou a seguilo polo camiño.
11 Ó acercarse a Xerusalén, cando estaban cerca do Monte das Oliveiras (onde están Betfagué e Betania), Xesús díxolles a dous dos seus discípulos: 2 “Ide á aldea que vedes alí. En canto entredes, encontraredes un burriño atado no que aínda non montou ninguén. Desatádeo e traédeo aquí. 3 E se alguén vos di ‘Que estades facendo?’, contestádelle ‘O Señor necesítao, pero vaino devolver enseguida’”. 4 Así que eles foron e encontraron o burriño atado diante da porta dunha casa que estaba cerca do camiño, e desatárono. 5 Pero algúns dos que andaban por alí preguntáronlles: “Que facedes desatando o burriño?”. 6 Os discípulos dixéronlles o que Xesús lles mandara, e eles deixáronos marchar.
7 Entón trouxéronlle o burriño a Xesús, puxéronlle os seus mantos enriba e Xesús sentouse nel. 8 Moitos estendían os seus mantos no camiño e outros cortaban ramas verdes das árbores daquela zona. 9 E tanto os que ían diante del como os que ían detrás berraban: “Deus, por favor, sálvao! Bendito o que vén no nome de Xehová*! 10 Bendito o Reino que vén, o Reino do noso pai David! Deus que estás nas alturas, sálvao, por favor!”. 11 Despois, Xesús entrou en Xerusalén, foi ó templo e botoulle unha ollada a todo. Pero como xa era tarde, marchou para Betania cos Doce.
12 Ó día seguinte, cando saían de Betania, entroulle a fame. 13 Ó lonxe viu unha figueira que tiña follas, e foi ver se tiña algún froito. Pero cando se acercou, non encontrou nada máis que follas, porque aínda non era o tempo dos figos. 14 Entón díxolle á figueira: “Que ninguén volva comer do teu froito nunca máis”. E os seus discípulos estaban escoitando.
15 Cando chegaron a Xerusalén, Xesús entrou no templo e púxose a botar fóra a tódolos que vendían e compraban alí. Tirou as mesas dos que cambiaban cartos e os bancos dos que vendían pombas. 16 Ademais, non deixaba que ninguén atallase polo templo levando algún obxecto. 17 Despois estivo ensinándolle á xente e dicíndolle: “E logo non está escrito ‘A miña casa será chamada casa de oración para tódalas nacións’? Pero vós convertéstela nunha cova de ladróns”. 18 Os sacerdotes principais e os escribas escoitaron o que pasara e empezaron a buscar a maneira de matalo. Pero resulta que lle tiñan medo, porque toda a xente estaba impresionada coa súa ensinanza.
19 Cando se fixo tarde, Xesús e os seus discípulos saíron da cidade. 20 Ó día seguinte, cedo pola mañá, pasaron cerca da figueira e viron que estaba toda seca, incluso as raíces. 21 Pedro acordouse do que pasara e díxolle: “Rabí, mira! A figueira que maldiciches secou”. 22 Xesús díxolles: “Tede fe en Deus. 23 Asegúrovos que se alguén lle di a esta montaña ‘Levántate e bótate ó mar’, e non o di con dúbidas no seu corazón senón tendo fe en que vai pasar, así pasará. 24 Por iso vos digo: tede fe en que recibiredes tódalas cousas que pidades nas vosas oracións, e terédelas. 25 Cando esteades de pé orando, perdoade calquera cousa que teñades contra alguén, para que o voso Pai que está nos ceos tamén vos perdoe a vós as vosas ofensas”. 26 —*
27 Entón volveron a Xerusalén. Mentres Xesús camiñaba polo templo, acercáronselle os sacerdotes principais, os escribas e os anciáns, 28 e preguntáronlle: “Con que autoridade fas estas cousas? Quen te autorizou a facelas?”. 29 Xesús respondeulles: “Vouvos facer eu unha pregunta. Contestádema e direivos con que autoridade fago estas cousas. 30 De onde viña a autoridade de Xoán para bautizar? Do ceo ou dos homes? Contestádeme”. 31 Así que empezaron a razoar entre eles e a dicir: “Se respondemos que viña do ceo, vai preguntar: ‘E logo, por que non lle crestes?’. 32 Pero, quen se atreve a dicir que viña dos homes?”. Resulta que lle tiñan medo á multitude porque, para a xente, Xoán de verdade fora un profeta. 33 Por iso lle contestaron: “Non sabemos”. E Xesús díxolles: “Pois eu tampouco vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas”.
12 Entón Xesús empezou a falarlles usando comparacións. Díxolles: “Un home plantou unha viña e rodeouna cunha cerca. Ademais cavou un lagar e tamén levantou unha torre. Despois arrendoulles a viña a uns agricultores e marchou ó estranxeiro. 2 Cando chegou o tempo da vendima, enviou un escravo onda os agricultores para que lle desen parte do que recolleran da viña. 3 Pero eles collérono, déronlle unha malleira e mandárono de volta sen nada. 4 O dono volveulles mandar outro escravo, pero eles pegáronlle na cabeza e humillárono. 5 Entón mandou outro, e matárono. Despois enviou moitos máis e a algúns déronlles unha malleira e a outros matáronos. 6 Aínda lle quedaba alguén máis a quen mandar: un fillo ó que quería moito. Así que ó final mandouno a el, porque pensaba: ‘Ó meu fillo vano respectar’. 7 Pero os agricultores dixéronse uns ós outros: ‘Este é o herdeiro. Veña! Ímolo matar, e así o terreo* será noso’. 8 Entón collérono, matárono e tirárono fóra da viña. 9 Que fará o dono da viña? Virá, matará os agricultores e daralles a viña a outros. 10 Seica nunca lestes esta parte das Escrituras: ‘A pedra que os construtores rechazaron chegou a ser a pedra angular principal*’? 11 E non lestes: ‘Esta veu de Xehová* e para nós é marabillosa’?”.
12 Os inimigos de Xesús déronse conta de que puxera a comparación pensando neles e quixeron arrestalo. Pero como lle tiñan medo á multitude, deixárono e marcharon.
13 Despois enviaron algúns dos fariseos e algúns dos membros do partido de Herodes para poder acusalo por algo que dixese. 14 Cando chegaron, dixéronlle: “Mestre, sabemos que sempre dis a verdade e que non buscas a aprobación de ninguén porque non te deixas levar polo que aparentan ser as persoas, senón que ensinas a verdade acerca de Deus. Está ben pagarlle o imposto* a César ou non? 15 Témolo que pagar ou non o temos que pagar?”. El deuse conta do hipócritas que estaban sendo e contestoulles: “Por que me poñedes a proba? Traédeme un denario* para que o vexa”. 16 Eles trouxéronllo e el preguntoulles: “De quen é a imaxe e o nome que aparecen aquí?”. Eles respondéronlle: “De César”. 17 Entón Xesús dixo: “Pagádelle a César* o que é de César, pero a Deus o que é de Deus”. E eles quedaron impresionados con el.
18 Entón viñeron os saduceos (que din que non hai resurrección) e preguntáronlle: 19 “Mestre, Moisés deixounos escrito que se un home casado morre sen ter fillos, o seu irmán debe casar coa viúva para darlle descendencia ó que morreu. 20 Resulta que había sete irmáns. O primeiro casou, pero morreu sen ter fillos. 21 O segundo irmán casou coa viúva, pero el tamén morreu sen ter fillo ningún, e o terceiro igual. 22 Ningún dos sete tivo fillos. Despois de morrer todos, a muller tamén morreu. 23 Cando resuciten, cal deles vai ser o seu home? Porque os sete estiveron casados con ela”. 24 E Xesús respondeulles: “Non coñecedes nin as Escrituras nin o poder de Deus. Por iso estades equivocados. 25 Porque, cando resucitan* de entre os mortos, nin os homes nin as mulleres casan, porque son coma os anxos nos ceos. 26 Pero sobre o feito de que os mortos van ser resucitados*, non lestes no libro de Moisés, no relato do arbusto, que Deus lle dixo: ‘Eu son o Deus de Abrahán, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob’? 27 El non é Deus de mortos, senón de vivos. Estades moi equivocados”.
28 Un dos escribas que chegara escoitou a discusión. Como viu que Xesús respondera moi ben, preguntoulle: “Cal é o mandamento máis importante* de todos?”. 29 Xesús respondeulle: “O máis importante é este: ‘Escoita, oh, Israel. Xehová* é o noso Deus, e hai* un só Xehová*. 30 Ama a Xehová* o teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma*, con toda a túa mente e con tódalas túas forzas’. 31 O segundo é este: ‘Ama os demais* como te amas a ti mesmo’. Non hai ningún mandamento máis importante ca estes”. 32 O escriba díxolle: “Respondiches ben, Mestre, de acordo coa verdade: ‘El é un só, e non hai outro á parte del’. 33 Ten moito máis valor amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con tódalas forzas, e amar os demais como te amas a ti mesmo que tódalas ofrendas queimadas e os sacrificios”. 34 Xesús deuse conta de que o escriba dera unha resposta intelixente, e díxolle: “Non estás lonxe do Reino de Deus”. E ninguén máis se atreveu a facerlle máis preguntas.
35 Pero Xesús seguiu ensinando no templo e preguntou: “Como é que os escribas din que o Cristo é fillo de David? 36 Guiado polo espírito santo, foi David quen dixo: ‘Xehová* díxolle ó meu Señor: “Séntate á miña dereita ata que poña os teus inimigos debaixo dos teus pés”’. 37 O propio David chámalle Señor. Entón, como pode ser o Cristo o seu fillo?”.
E a multitude tan grande que había alí desfrutaba de escoitalo. 38 Cando estaba ensinando, Xesús díxolles: “Coidado cos escribas ós que lles gusta andar por aí con túnicas longas, que a xente os saúde nas prazas dos mercados, 39 e sentarse nos mellores asentos* nas sinagogas e nos sitios máis importantes nas ceas. 40 Róubanlles ás viúvas o que teñen* e fan oracións longas para presumir. Eles recibirán un xuízo máis duro”.
41 Xesús sentouse nun sitio desde o que se vían as arcas* do tesouro e púxose a mirar como a xente botaba cartos nelas. Moitos ricos botaban moitas moedas. 42 Entón chegou unha viúva que era pobre e botou dúas moediñas que valían moi pouco*. 43 Xesús chamou os seus discípulos e díxolles: “Asegúrovos que esa viúva pobre botou máis que tódolos demais nas arcas do tesouro. 44 Porque todos dan do que lles sobra pero ela, sendo tan pobre, botou todo, todo o que tiña para vivir”.
13 Cando Xesús saía do templo, un dos seus discípulos díxolle: “Mestre, mira que pedras e que marabilla de edificios!”. 2 Pero Xesús contestoulle: “Ves estes edificios tan impresionantes? Pois de ningunha maneira quedará aquí pedra sobre pedra. Todo isto vai ser derribado”.
3 Mentres el estaba sentado no Monte das Oliveiras de cara ó templo, Pedro, Santiago, Xoán e Andrés preguntáronlle en privado: 4 “Dinos, cando pasarán esas cousas? E cal será o sinal que indique que todas esas cousas están a punto de chegar á súa parte final?”. 5 Entón Xesús empezou a dicirlles: “Tede coidado de que ninguén vos engane. 6 Moitos virán usando o meu nome e dicindo ‘Son eu’, e enganarán a moita xente. 7 Ademais, cando oiades o ruído de guerras que están cerca e escoitedes noticias de guerras que están lonxe, non vos alarmedes, porque estas cousas teñen que suceder, pero aínda non é o fin.
8 ”As nacións loitarán unhas contra outras e os reinos pelexarán uns contra outros. En moitos lugares haberá terremotos e tamén fame. Isto é o principio de grandes sufrimentos*.
9 ”Tede coidado. A xente entregaravos ós tribunais locais e pegaranvos nas sinagogas, e farán que teñades que presentarvos diante de gobernadores e reis porque sodes os meus seguidores. Así poderedes darlles testemuño de min*. 10 Ademais, primeiro teñen que predicarse as boas noticias en tódalas nacións. 11 Pero cando vos collan para entregarvos ás autoridades, non vos angustiedes pensando no que ides dicir. Nese momento farásevos saber o que tedes que dicir, porque non ides ser vós os que faledes, senón o espírito santo. 12 Ademais, un irmán entregará o seu irmán para que o maten, un pai entregará o seu fillo, e os fillos rebelaranse contra os seus pais e farán que os maten. 13 Todos vos odiarán porque sodes os meus seguidores*, pero Deus salvará a quen aguante ata o fin.
14 ”E cando vexades a cousa noxenta que causa destrución de pé onde non debe estar (que o lector entenda ben* o que se dixo), entón os que estean en Xudea, que escapen para as montañas. 15 Quen estea na azotea da súa casa, que non baixe nin entre a coller nada, 16 e quen estea no campo, que non volva atrás a buscar o seu manto. 17 Pobres das mulleres que estean embarazadas ou dando o peito neses días! 18 Orade unha e outra vez para que isto non pase en inverno. 19 Porque eses serán días de tribulación*. Desde o principio da creación de Deus ata agora, non houbo unha tribulación igual, nin nunca máis a haberá. 20 De feito, se Xehová* non acortase ese tempo, non se salvaría ninguén. Pero ese tempo vaise acortar* polos escollidos, os que el escolleu.
21 ”Entón, se alguén vos di ‘Mirade! O Cristo está aquí!’ ou ‘Mirade! Está alá!’, non o creades. 22 Porque haberá cristos falsos e profetas falsos que farán milagres* e cousas impresionantes para intentar desviar os escollidos. 23 Así que tede coidado. Díxenvos todo isto antes de que pase.
24 ”Pero neses días, despois desa tribulación, o sol escurecerá, a lúa non brillará máis, 25 as estrelas irán caendo do ceo e os poderes que están nos ceos serán sacudidos. 26 Entón verán o Fillo do Home vindo nas nubes con gran poder e gloria. 27 E entón el enviará os anxos e reunirá os seus escollidos desde os catro ventos*, desde o extremo da terra ata o extremo do ceo.
28 ”Aprendede desta comparación sobre a figueira. Cando lle medran pólas novas e bota follas, sabedes que o verán está cerca. 29 Igualmente, cando vexades que pasan estas cousas, sabede que o Fillo do Home está cerca, ás portas. 30 Asegúrovos que de ningunha maneira desaparecerá esta xeración ata que sucedan todas estas cousas. 31 O ceo e a terra desaparecerán, pero as miñas palabras non desaparecerán nunca.
32 ”Agora ben, ninguén sabe o día ou a hora, nin os anxos no ceo nin o Fillo, só o Pai. 33 Estade atentos, mantédevos despertos, porque non sabedes cando é o tempo fixado. 34 Isto é coma o home que viaxou ó estranxeiro e deixou a súa casa a cargo dos seus escravos. Encargoulle un traballo a cada un e ó porteiro mandoulle que estivese sempre vixiante. 35 Así que estade sempre vixiantes, porque non sabedes cando vén o dono da casa, se á noitiña, á medianoite, de madrugada* ou moi cedo pola mañá. 36 Non vaia ser que, cando de repente veña, vos encontre durmindo. 37 O que vos digo a vós tamén llelo digo a todos: estade sempre vixiantes”.
14 Faltaban dous días para a Pascua e a Festa dos Pans Sen Fermento*. Os sacerdotes principais e os escribas buscaban a maneira de entrampar a Xesús, e así poder arrestalo e matalo. 2 Pero dicían: “Durante a festa non, porque podería armarse un escándalo entre a xente”.
3 Mentres Xesús estaba en Betania, ceando* na casa de Simón o leproso, acercóuselle unha muller cun frasco feito de alabastro* cheo dun aceite perfumado moi caro, de nardo puro. Despois de romper o frasco, empezou a botarllo pola cabeza a Xesús. 4 Cando viron isto, algúns indignáronse e dixéronse uns ós outros: “Por que se desperdiciou este aceite perfumado? 5 Podíase vender por máis de 300 denarios* e repartir os cartos entre os pobres!”. E eles enfadáronse moitísimo con ela*. 6 Pero Xesús dixo: “Deixádea tranquila. Por que queredes causarlle problemas? Ela fixo algo moi bo por min. 7 Porque sempre ides ter os pobres con vós e podédeslles axudar cando queirades, pero a min non me ides ter sempre. 8 Ela fixo o que puido. Anticipouse e botoume aceite perfumado polo corpo como preparación para o meu enterro. 9 Asegúrovos que en calquera lugar do mundo onde se prediquen as boas noticias, tamén se contará o que fixo esta muller, e será recordada”.
10 Xudas Iscariote, un dos Doce, foi onda os sacerdotes principais para traizoar a Xesús e entregárllelo. 11 Cando oíron o que dixo, alegráronse moito e prometeron darlle cartos*. Entón, empezou a buscar unha oportunidade para traizoalo.
12 O primeiro día da Festa dos Pans Sen Fermento, cando se ofrecía o sacrificio da Pascua, os seus discípulos preguntáronlle: “A onde queres que vaiamos para preparar todo para a cea da Pascua?”. 13 Entón el mandou dous dos seus discípulos e díxolles: “Ide á cidade. Alí irá onda vós un home cun recipiente de barro* para levar auga. Seguídeo 14 e, na casa na que entre, dicídelle ó dono: ‘O Mestre di: “Onde está o cuarto de invitados para que coma a Pascua cos meus discípulos?”’. 15 E el ensinaravos na parte de arriba un cuarto grande, amoblado e listo. Preparádea alí para nós”. 16 Entón os discípulos marcharon, entraron na cidade e encontraron todo tal como el lles dixera. E prepararon todo para a Pascua.
17 Despois de poñerse o sol, Xesús chegou alí cos Doce. 18 E mentres estaban comendo sentados* á mesa, Xesús díxolles: “Asegúrovos que un de vós me vai traizoar, un dos que estades comendo aquí comigo”. 19 Eles puxéronse moi tristes e fóronlle dicindo un detrás doutro: “Non serei eu, verdade?”. 20 E el respondeulles: “É un dos Doce, o que molla o pan comigo no prato. 21 O Fillo do Home vai marchar, tal como se escribiu sobre el. Pero pobre do que vai traizoar ó Fillo do Home! Éralle mellor non nacer”.
22 Mentres aínda estaban comendo, Xesús colleu un pan, fixo unha oración*, partiuno, déullelo ós seus discípulos e díxolles: “Tomade, isto representa o meu corpo”. 23 Tamén colleu unha copa e deulle grazas a Deus. Despois déullela ós seus discípulos e todos beberon dela. 24 E díxolles: “Isto representa o meu sangue, ‘o sangue do pacto’, que se vai derramar para que moitas persoas se beneficien. 25 Asegúrovos que non volverei a beber máis do produto da vide ata o día no que beba viño novo no Reino de Deus”. 26 Finalmente, despois de cantar para darlle gloria a Deus*, marcharon para o Monte das Oliveiras.
27 Entón Xesús díxolles: “Todos fallaredes*, porque está escrito: ‘Ferirei o pastor e as ovellas serán espalladas’. 28 Pero eu, despois de resucitar*, irei a Galilea antes ca vós e esperareivos alí”. 29 Pedro respondeulle: “Incluso se tódolos demais fallan*, eu non o farei”. 30 E Xesús contestoulle: “Asegúroche que hoxe, esta mesma noite, antes de que cante un galo dúas veces, negarás tres veces que me coñeces”. 31 Pero el seguiu insistindo: “Aínda que teña que morrer contigo, eu nunca negarei que te coñezo”. E tódolos demais empezaron a dicir o mesmo.
32 Despois, chegaron a un sitio chamado Xetsemaní, e el díxolles ós seus discípulos: “Quedade aquí sentados mentres eu oro”. 33 Xesús levou con el a Pedro, a Santiago e a Xoán, e empezou a sentirse profundamente triste e moi angustiado. 34 Díxolles: “Estou tan angustiado que sinto que morro. Quedade aquí e mantédevos despertos”. 35 Despois separouse un pouco deles, botouse ó chan e empezou a orar pedindo que, se era posible, non tivese que pasar por esa situación tan difícil. 36 E dixo: “Abba*, Pai, para ti tódalas cousas son posibles. Quítame esta copa*. Pero que non se faga o que eu quero, senón o que ti queres”. 37 Entón volveu onda eles, encontrounos durmidos e preguntoulle a Pedro: “Simón, estás durmindo? Non tiveches forzas para manterte desperto nin sequera unha hora? 38 Mantédevos despertos e orade constantemente para que non caiades na tentación. Claro, a intención é boa*, pero o corpo* é débil”. 39 Despois marchou outra vez a orar e pediu o mesmo que antes. 40 Entón volveu e encontrounos durmidos outra vez, porque caían co sono. E non sabían que dicirlle. 41 Xesús volveu onda eles por terceira vez e díxolles: “Como é que estades durmindo e descansando nun momento coma este? Xa está ben! Chegou a hora! Mirade, o Fillo do Home vai ser traizoado e entregado en mans de pecadores. 42 Levantádevos, que imos marchar. O que me vai traizoar xa está cerca”.
43 E inmediatamente, mentres aínda estaba falando, chegou Xudas, un dos Doce. Con el viña unha multitude con espadas e paus, enviada polos sacerdotes principais, os escribas e os anciáns. 44 O traidor quedara en darlles este sinal: “A quen eu lle dea un bico, ese é. Arrestádeo, levádeo e asegurádevos de que non escape”. 45 Así que foi directamente cara a Xesús, acercóuselle e díxolle “Rabí!”, e deulle un bico cariñoso. 46 Entón, agarrárono e arrestárono. 47 Pero un dos que estaban alí sacou a súa espada, atacou o escravo do sumo sacerdote e cortoulle unha orella. 48 Entón Xesús díxolles: “Seica son un ladrón para que veñades a arrestarme con espadas e paus? 49 Estiven a diario con vós ensinando no templo e non me arrestastes. Pero isto pasou para que se cumpran as Escrituras”.
50 E todos o abandonaron e escaparon. 51 Pero un mozo que só levaba posta unha peza de roupa de liño de boa calidade empezou a seguilo de cerca. Intentaron collelo, 52 pero el deixou atrás a súa roupa e escapou espido*.
53 Entón levaron a Xesús diante do sumo sacerdote, e reuníronse tódolos sacerdotes principais, os anciáns e os escribas. 54 Pedro seguiuno de lonxe ata o patio da casa do sumo sacerdote e sentouse alí cos criados da casa, quentándose diante do lume. 55 Os sacerdotes principais e todo o Sanedrín buscaban algunha acusación contra Xesús para poder matalo, pero non encontraban ningunha. 56 De feito, moitos presentaban acusacións falsas contra el, pero as súas declaracións non coincidían. 57 Algúns tamén se puxeron de pé e presentaron esta acusación falsa contra el: 58 “Nós escoitámoslle dicir: ‘Eu botarei abaixo este templo feito por mans humanas e en tres días levantarei outro que non estará feito por mans humanas’”. 59 Pero nin sequera nisto coincidían as súas declaracións.
60 Entón o sumo sacerdote púxose de pé no medio deles e preguntoulle a Xesús: “Non tes nada que dicir? Non escoitas o que están declarando contra ti?”. 61 Pero el quedou calado e non contestou nada. O sumo sacerdote volveu a interrogalo e preguntoulle: “Es ti o Cristo, o Fillo do Bendito?”. 62 Xesús respondeulle: “Si, son eu. E veredes o Fillo do Home sentado á dereita do Poderoso* e vindo coas nubes do ceo”. 63 Ó escoitar iso, o sumo sacerdote rachou a roupa e dixo: “Para que necesitamos máis testemuñas? 64 Vós mesmos oístes a blasfemia. Cal é a vosa decisión?*”. E todos decidiron que merecía morrer. 65 Algúns puxéronse a cuspirlle, a taparlle a cara, a darlle golpes cos puños e a dicir: “Se es un profeta, dinos quen che pegou”. E despois, os gardas do tribunal pegáronlle na cara* e levárono.
66 Mentres Pedro estaba abaixo no patio, chegou unha das criadas do sumo sacerdote. 67 Cando viu a Pedro quentándose diante do lume, mirouno fixamente e díxolle: “Ti tamén andabas co Nazareno, ese Xesús”. 68 Pero el negouno e dixo: “Nin o coñezo nin entendo de que me falas”. E despois, foi para a entrada*. 69 A criada viuno e púxose a dicirlles outra vez ós que estaban alí: “Este é un deles”. 70 Pero el seguíao negando. Pouco despois, os que andaban por alí puxéronse a dicirlle outra vez a Pedro: “Está claro que es un deles, porque é evidente que es galileo”. 71 Pero el púxose a maldicirse a si mesmo* e xurou: “Que non coñezo ese home do que falades!”. 72 Nese momento, cantou un galo por segunda vez e Pedro acordouse do que Xesús lle dixera: “Antes de que cante un galo dúas veces, negarás tres veces que me coñeces”. Entón, veuse abaixo e rompeu a chorar.
15 En canto saíu o sol, os sacerdotes principais, os anciáns e os escribas (é dicir, todo o Sanedrín*) reuníronse para decidir que facer. Despois ataron a Xesús, levárono con eles e entregáronllo a Pilato. 2 Entón Pilato preguntoulle: “Es ti o rei dos xudeus?”. E el contestoulle: “Si, ti mesmo o estás dicindo”. 3 Pero os sacerdotes principais acusábano de moitas cousas. 4 Entón Pilato púxose a interrogalo outra vez e preguntoulle: “Non vas dicir nada? Mira de cantas cousas te acusan”. 5 Pero Xesús non lle contestou nada máis, e iso fixo que Pilato quedase moi sorprendido.
6 Resulta que, en cada festa, Pilato tiña o costume de deixar libre o preso que a xente lle pedise. 7 Nese momento había un home no cárcere que se chamaba Barrabás. El e outros presos que estaban con el rebeláranse contra o goberno e cometeran asasinato. 8 Así que a xente acercouse e púxose a pedirlle a Pilato que fixese por eles o que tiña por costume facer. 9 Pilato preguntoulles: “Queredes que vos poña en liberdade o rei dos xudeus?”. 10 Porque se daba conta de que os sacerdotes principais o entregaran por envexa. 11 Pero os sacerdotes principais revolucionaron a multitude para que lle pedisen que deixase libre a Barrabás. 12 Pilato dirixiuse a eles outra vez e preguntoulles: “Entón, que fago con este home ó que lle chamades o rei dos xudeus?”. 13 Eles volveron a berrar: “Que morra no madeiro!*”. 14 E Pilato díxolles: “Pero, por que? Que mal fixo?”. Pero eles berraron aínda máis forte: “Que morra no madeiro!”. 15 Como Pilato quería ter contenta a xente, liberou a Barrabás. E despois de mandar que lle desen lategazos a Xesús, entregouno para que o executasen no madeiro.
16 Os soldados levaron a Xesús ó patio do palacio do gobernador e mandaron chamar a toda a tropa de soldados. 17 Vestírono con roupa de color púrpura, entrelazaron uns espiños para facer unha coroa, puxéronlla na cabeza 18 e empezaron a berrar cara a el: “Viva o rei dos xudeus!”. 19 Ademais, pegábanlle na cabeza cunha cana e cuspíanlle. Tamén se poñían de xeonllos e inclinábanse diante del*. 20 Por último, cando terminaron de burlarse del, quitáronlle a roupa de color púrpura e puxéronlle a súa roupa. E despois, levárono fóra para cravalo no madeiro. 21 Pasaba por alí un home que viña de fóra da cidade (un tal Simón de Cirene, o pai de Alexandre e de Rufo), e obrigárono a cargar* co madeiro de tortura* de Xesús.
22 Levaron a Xesús ó lugar chamado Gólgota, que traducido significa “lugar do cranio*”. 23 Alí intentaron darlle viño mesturado con mirra*, pero non quixo bebelo. 24 Cravárono no madeiro e sortearon a súa roupa para repartila entre eles e decidir o que levaría cada un. 25 Eran arredor das 9 da mañá* cando o cravaron no madeiro. 26 O letreiro coa razón pola que o condenaran dicía: “O rei dos xudeus”. 27 Ademais, ó seu lado tamén puxeron en madeiros a dous ladróns, un á súa dereita e outro á súa esquerda. 28 —* 29 Os que pasaban por alí insultábano e movían a cabeza dun lado para outro dicindo: “Vaia, vaia! Ti, o que ías botar abaixo o templo e reconstruílo en tres días, 30 baixa do madeiro de tortura e sálvate a ti mesmo!”. 31 O mesmo fixeron os sacerdotes principais e os escribas. Burlábanse del e dicíanse uns ós outros: “Salvou a outros pero non se pode salvar a si mesmo! 32 Que o Cristo, o rei de Israel, baixe agora do madeiro. Cando o vexamos, creremos nel”. E incluso os que estaban nos madeiros ó seu lado o insultaban.
33 Arredor das 12 do mediodía*, toda aquela terra quedou en escuridade ata arredor das 3 da tarde*. 34 E cerca das 3 da tarde, Xesús berrou con forza “Eli, Eli, lama sabactani? ”, que traducido significa “Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?”. 35 Ó escoitar isto, algúns dos que estaban cerca empezaron a dicir: “Escoitade, está chamando por Elías!”. 36 Entón alguén foi correndo a empapar unha esponxa en viño ácido, púxoa nunha cana e acercoulla para que bebese, e dixo: “Deixádeo, a ver se vén Elías a baixalo!”. 37 Pero Xesús botou un berro moi forte e morreu*. 38 E a cortina do templo* rachou en dúas partes, de arriba a abaixo. 39 Cando o oficial do exército que estaba de pé diante del viu que morrera nestas circunstancias, dixo: “Está claro que este home era o Fillo de Deus”.
40 Ademais, había unhas mulleres mirando desde lonxe. Entre elas estaban María Madalena, María a nai de Santiago o Menor e de Xosés, e Salomé. 41 Elas acompañábano e atendíano cando estaba en Galilea. Tamén estaban alí moitas outras mulleres que subiran con Xesús a Xerusalén.
42 Como xa era a última hora da tarde e era o día da preparación*, é dicir, o día antes do sábado, 43 Xosé de Arimatea (un membro respectado do Consello* e que tamén esperaba o Reino de Deus) armouse de valor, presentouse diante de Pilato e pediulle o corpo de Xesús. 44 Pero Pilato preguntábase se Xesús xa morrera, e por iso mandou chamar o oficial do exército para preguntarllo. 45 Cando o oficial do exército llo confirmou, Pilato permitiu que Xosé levase o corpo. 46 Xosé comprou unha tea de liño de boa calidade e baixou o corpo de Xesús. Despois envolveuno na tea de liño e púxoo nunha tumba* que estaba escavada na roca, e fixo rodar unha pedra ata a entrada da tumba. 47 Pero María Madalena e María a nai de Xosés quedaron mirando para o sitio onde o puxeran.
16 Cando o sábado xa pasara, María Madalena, María a nai de Santiago e Salomé compraron especias aromáticas para mesturalas con aceite e botalas no corpo de Xesús. 2 O primeiro día da semana* foron moi cedo á tumba*, despois de saír o sol. 3 E preguntábanse unhas ás outras: “Quen nos vai mover a pedra da entrada da tumba?”. 4 Pero cando miraron para a entrada, viron que xa fixeran rodar a pedra, aínda que era moi grande. 5 Cando entraron na tumba, viron un home novo que estaba sentado á dereita e que levaba posta unha túnica longa e branca, e quedaron pasmadas. 6 El díxolles: “Non vos asustedes. Estades buscando a Xesús o Nazareno, o que foi executado no madeiro. Resucitou*, non está aquí. Mirade, este é o sitio onde o puxeran. 7 Pero ide e dicídelles ós seus discípulos e a Pedro: ‘El vai diante de vós de camiño a Galilea. Verédelo alí, tal como el vos dixo’”. 8 Así que elas saíron da tumba e escaparon de alí tremendo e superadas pola emoción. E non lle dixeron nada a ninguén, porque tiñan medo*.
Ou “empeza o evanxeo”.
Ver glosario.
Ver apén. A5.
Ver glosario.
Ver glosario.
Insecto parecido ó saltón. Ver glosario langosta.
Ou “de persoas”.
É dicir, Xesús e algúns dos seus discípulos.
Ou “nova ensinanza (doutrina)”.
Ou quizais “sabían quen era el”.
Lit. “limparme”.
Ou “para que lles sirva de testemuño ós sacerdotes”.
Ou “padiola”.
Ou “razoaban no seu corazón”.
Lit. “soubo no seu espírito”.
Ver glosario Fillo do Home.
Este é outro nome para Mateo.
Ver Mt 4:20, nota.
Ou “reclináronse á mesa”.
Ver glosario.
Lit. “no que lles quitarán o noivo”.
Ver glosario.
Ou “pan da presenza”. Ver glosario pan da presenza.
Lit. “seca”.
Ou “nomeou”.
Ou “nomeou”.
Ou “o Entusiasta”.
Un nome aplicado a Satanás. Ver glosario Belcebú.
Lit. “casa”.
Ver glosario.
Ou “Todo o que obedece a”.
Ou “nunca cambiarán a súa conduta”.
Ou “a mensaxe”.
Ou “abandonan a fe”, “tropezan”. Ver glosario tropezar.
Ou “desta era”, “deste sistema”. Ver glosario sistema.
Ou “unha lámpada de aceite”.
Lit. “a palabra”.
Lit. “na barca, tal como el estaba”.
Ou “Por que vos acovardades?”.
Ou “tumbas conmemorativas”.
Lit. “atormentar”.
Ou “pola pendente”.
Ver apén. A5.
Lit. “misericordia”.
Ver glosario.
Ou “está morrendo”.
Ou “Deixa de ter medo”.
Ou “mandoulles con firmeza”.
Ou “E empezaron a tropezar por causa del”.
Ou “unha vara”.
Lit. “cobre”.
Un cinto que tiña un sitio para gardar cartos.
Ou “roupa extra”.
Ver Mt 10:14, nota.
Ou “para demostrar que os advertistes”.
Lit. “foi levantado”.
Lit. “foi levantado”.
É dicir, o cumpreanos de Herodes.
Ou “reclinados á mesa”.
Ou “polos que estaban reclinados á mesa”.
Ou “tumba conmemorativa”.
Ver apén. B14.
Lit. “na herba verde”.
Ou “dixo unha bendición”.
Lit. “na cuarta vixilia”, é dicir, máis ou menos entre as 3 da mañá e a saída do sol, arredor das 6 da mañá.
Ou “pero parecía que os ía deixar atrás”.
Ou “e o seu corazón seguía cerrado e non era capaz de entender”.
Refírese á limpeza cerimonial das mans.
Lit. “bautizar”. Ver glosario bautismo; bautizar.
Ou “Quen maldiga a seu pai ou a súa nai”, “Quen inxurie a seu pai ou a súa nai”.
Ver apén. A3.
Aquí a palabra grega porneia aparece en plural. Ver glosario inmoralidade sexual.
É dicir, desexo excesivo de ter algo.
Ou “conduta desvergonzada”. En grego, asélgueia. Ver glosario conduta descarada.
Ou “un ollo cheo de envexa”.
Ou “sirofenicia de nacemento”.
Ver glosario.
Ou “Sinto unha profunda compaixón por”.
Ou “sen comer nada”.
Ou “de dicir unha bendición”.
Lit. “suspirou profundamente no seu espírito”.
Ou “aínda está tan cerrado que non sodes capaces de entendelo”.
Lit. “ser levantado”.
Ou “Díxolles todo isto con moita franqueza”.
Ou “deixe de vivir para si mesmo”.
Ver glosario madeiro de tortura.
Lit. “adúltera”.
Ou “cambiou de aspecto”.
Ou “Mestre”, “Rabino”.
Lit. “fose levantado”.
Ou quizais “Eles gardaron o asunto para si”.
Lit. “sería levantado”.
Lit. “un espírito mudo”.
Lit. “será levantado”.
Ou “ser ministro de”.
Ver glosario.
Lit. “un destes pequenos”.
Ou “pecar”.
Ver glosario.
Ver apén. A3.
Ver apén. A3.
Lit. “el”.
Ou “un só ser”.
Ou “puxo baixo o mesmo xugo”.
Ou “sígueme”.
Ou “ollo”.
Ou quizais “dixéronse uns ós outros”.
Ou “na era futura”. Ver glosario sistema.
Ver glosario.
Lit. “levantarase”.
Ou “Cando esteas na túa gloria”.
Ver Mt 20:22, nota.
Ou “os que son recoñecidos como gobernantes das”.
Ou “ser ministro dos”.
Lit. “misericordia”.
Que significa “mestre”.
Ver apén. A5.
Ver apén. A3.
Lit. “a herdanza”.
Lit. “a cabeza do ángulo”.
Ver apén. A5.
Ou “a capitación”, é dicir, o imposto por persoa.
Ver apén. B14.
Ver glosario.
Lit. “se levantan”.
Lit. “levantados”.
Ou “primeiro mandamento”.
Ver apén. A5.
Ou “Xehová, o noso Deus, é”.
Ver apén. A5.
Ver apén. A5.
Ver glosario.
Ou “ama o teu próximo”. Ver glosario próximo.
Ver apén. A5.
Ou “nos asentos de diante”.
Lit. “as casas”.
Ou “os recipientes”.
Lit. “dous leptóns, que facían un cuadrante”. Ver apén. B14.
Lit. “de dolores de parto”.
Ou “Así poderedes falarlles de min”.
Ou “porque levades o meu nome”.
Ou “que o lector teña discernimento sobre”, é dicir, o lector da profecía de Daniel.
Ou “angustia”.
Ver apén. A5.
Lit. “acortouse”.
Lit. “sinais”.
É dicir, os catro puntos cardinais.
Lit. “cando canta o galo”.
Ver glosario Festa dos Pans Sen Fermento.
Ou “reclinado á mesa”.
Ver glosario.
Ver apén. B14.
Ou “faláronlle con rabia”, “reprendérona”.
Lit. “prata”.
Ou “cántaro”.
Ou “reclinados”.
Ou “dixo unha bendición”.
Ou “cantar salmos”.
Ou “tropezaredes”.
Lit. “ser levantado”.
Ou “tropezan”.
Palabra hebrea ou aramea que significa “oh, pai!” e que transmite o cariño e a confianza da palabra galega papá.
Ver Mt 20:22, nota.
Lit. “o espírito está disposto”.
Lit. “a carne”.
Ou “con pouca roupa”.
Lit. “poder”.
Ou “Vós que pensades?”.
Ou “déronlle labazadas”.
Ou “o vestíbulo”.
É dicir, pedir que lle pasase algo malo se non estaba dicindo a verdade.
Ver glosario.
Ou “Ó madeiro con el!”.
Ou “rendíanlle homenaxe”.
Ou “obrigárono a prestar o servizo de cargar”.
Ver glosario madeiro de tortura.
Ou “da caveira”.
Unha mestura con efectos narcóticos. Ver glosario mirra.
Lit. “Á hora terceira”.
Ver apén. A3.
Lit. “Á hora sexta”.
Lit. “ata a hora novena”.
Ou “deu o seu último alento”.
É dicir, a cortina que separaba o Santo do Santísimo. Ver glosario cortina.
Ver glosario día da preparación.
Ou “Sanedrín”.
Ou “tumba conmemorativa”.
Ver Mt 28:1, nota.
Ou “tumba conmemorativa”.
Lit. “Foi levantado”.
Segundo manuscritos antigos confiables, o Evanxeo de Marcos acaba coas palabras do versículo 8. Ver apén. A3.