BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • nwt Xonás 1:1-4:11
  • Xonás

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Xonás
  • A Biblia. Tradución do Novo Mundo
A Biblia. Tradución do Novo Mundo
Xonás

XONÁS

1 Esta é a mensaxe que Xehová lle comunicou a Xonás*, o fillo de Amitai. Díxolle: 2 “Vai a Nínive, a gran cidade, e anuncia a súa sentenza, porque vexo as cousas malas que está facendo a xente desa cidade”.

3 Pero Xonás decidiu escapar de Xehová fuxindo a Tarsis. Por iso baixou ata Xope, onde atopou un barco que ía para alí. Entón pagou o billete e subiu a bordo para viaxar a Tarsis, lonxe de Xehová.

4 Xehová fixo que houbese un vento moi forte no mar, e empezou unha tormenta tan grande que o barco estaba a punto de afundirse. 5 Os mariñeiros estaban tan asustados que cada un deles púxose a pedirlle axuda ó seu deus. Tamén empezaron a tirar ó mar as cousas que había no barco, para facelo máis lixeiro. Pero Xonás baixara á bodega, onde se deitara e quedara profundamente durmido. 6 O capitán do barco foi onda el, e díxolle: “Que fas durmindo? Levántate e pídelle axuda ó teu deus! Quizais así o Deus verdadeiro se compadeza de nós e nos salve”.

7 Entón empezaron a dicirse uns ós outros: “Veña, botemos sortes para descubrir quen é o culpable desta desgraza”. Así que botaron sortes e saíu que o culpable era Xonás. 8 Dixéronlle: “Por favor, dinos, es ti o culpable desta desgraza pola que estamos pasando? De que traballas? De onde vés? De que país e de que pobo es?”.

9 El contestoulles: “Son hebreo e adoro* a Xehová, o Deus dos ceos, o que fixo o mar e a terra”.

10 Entón os homes tiveron aínda máis medo e preguntáronlle: “Que fixeches?”. (Eles xa sabían que estaba fuxindo de Xehová porque Xonás llelo contara.) 11 Así que dixéronlle: “Que temos que facer contigo para que o mar se calme?”. Porque o temporal era cada vez máis forte. 12 El contestoulles: “Collédeme e tirádeme ó mar, así calmarase. Porque sei que este temporal tan grande é culpa miña”. 13 Aínda así, os mariñeiros puxéronse a remar con tódalas súas forzas para intentar levar o barco a terra firme, pero non o conseguiron porque o mar estaba cada vez máis picado.

14 Entón puxéronse a suplicarlle a Xehová: “Por favor, Xehová, non deixes que morramos por culpa deste home! Non nos fagas responsables da morte* dun home inocente, porque todo isto está pasando pola túa vontade, oh, Xehová”. 15 Despois colleron a Xonás e tirárono ó mar, e o mar calmouse. 16 Entón os mariñeiros sentiron un gran temor* por Xehová, ofrecéronlle un sacrificio a Xehová e fixéronlle votos.

17 E Xehová fixo que un peixe enorme tragase a Xonás. Xonás estivo dentro do peixe tres días e tres noites.

2 Cando Xonás estaba dentro do peixe oroulle a Xehová, o seu Deus, 2 e díxolle:

“Supliqueille a Xehová moi angustiado, e el contestoume.

Desde as profundidades* da Tumba* supliquei por axuda.

Ti escoitaches a miña voz.

 3 Cando me lanzaches ás profundidades, ó fondo do mar aberto,

rodeáronme as correntes.

Tódalas túas enormes ondas pasaron por enriba de min.

 4 E dixen: ‘Leváchesme lonxe da túa vista!

Como poderei volver a ver o teu santo templo?’.

 5 As augas envolvéronme e puxeron en perigo a miña vida*,

a profundidade do mar rodeoume

e as algas enredáronse na miña cabeza.

 6 Afundinme ata chegar ós fundamentos das montañas.

As portas da terra ían encerrarme para sempre.

Pero sacáchesme vivo do foso, oh, Xehová, o meu Deus.

 7 Cando a miña vida se estaba apagando, lembreime de Xehová.

Entón a miña oración chegou a ti, ó teu santo templo.

 8 Os que adoran ídolos inútiles abandonan a Fonte de amor leal*.

 9 Pero eu dareiche as grazas e fareiche sacrificios.

Cumprirei o que prometín.

A salvación vén de Xehová”.

10 Ó final, Xehová mandoulle ó peixe que vomitase a Xonás en terra firme, e iso fixo.

3 Entón Xehová comunicoulle por segunda vez a súa mensaxe a Xonás. Díxolle: 2 “Vai a Nínive, a gran cidade, e anuncia a mensaxe que eu che diga”.

3 Así que Xonás obedeceu o que Xehová lle mandara e foi a Nínive. Era unha cidade moi grande*, de feito levaba tres días percorrela a pé. 4 Entón Xonás entrou na cidade e estivo andando un día enteiro mentres anunciaba: “Dentro de 40 días Nínive será destruída”.

5 Despois de escoitar isto, os habitantes de Nínive tiveron fe en Deus, decidiron que ían facer xaxún* e puxéronse tea de saco, desde o máis pequeno ata o máis grande. 6 Cando o rei de Nínive escoitou a mensaxe que anunciaba Xonás, levantouse do seu trono, quitou o seu manto de rei, cubriuse con tea de saco e sentouse sobre cinzas. 7 Ademais mandou que se anunciase isto por toda Nínive:

“Por decreto do rei e dos seus nobres, que ningún home nin ningún animal (nin rabaños nin vacas) coman absolutamente nada. Non deben comer e nin sequera deben beber auga. 8 Que tanto as persoas como os animais se cubran con tea de saco. Que as persoas lle supliquen con tódalas súas forzas a Deus que as perdoe, e que abandonen a súa forma de actuar malvada e violenta. 9 Quizais o Deus verdadeiro reconsidere o que ten pensado facer e calme a súa furia intensa, e así non morramos”.

10 Cando o Deus verdadeiro viu o que fixeron e que abandonaron a súa forma de actuar malvada, cambiou a súa decisión e non os castigou coa desgraza que lles anunciara.

4 Isto non lle gustou nada a Xonás, e enfadouse moitísimo. 2 Así que oroulle a Xehová: “Xehová, cando estaba na miña terra, eu xa sabía que ía pasar isto! Por iso ó principio intentei marchar para Tarsis, porque sabía que ti es un Deus compasivo e misericordioso, paciente*, que está cheo de amor leal e a quen lle doe ter que castigar os malvados. 3 Xehová, por favor, quítame a vida, porque prefiro morrer que seguir vivindo”.

4 Xehová preguntoulle: “Pensas que está ben que te enfades tanto?”.

5 Entón Xonás saíu de Nínive e foi a un sitio que estaba cerca, ó leste da cidade, e sentouse alí. Despois fixo un refuxio para protexerse do sol e sentouse á súa sombra para ver que lle ía pasar á cidade. 6 Xehová Deus fixo que unha planta, unha cabaza viñateira*, medrase por encima de Xonás para que lle dese sombra na cabeza e se sentise mellor. Xonás estaba moi contento coa cabaza viñateira.

7 Pero ó día seguinte, ó amencer, o Deus verdadeiro fixo que un verme danase a cabaza viñateira, e a planta secou. 8 Cando xa saíra o sol, Deus tamén mandou un vento moi quente que viña do leste. O sol dáballe na cabeza a Xonás, e quentaba tanto que estaba a punto de desmaiarse. El seguía pedindo morrer. Dicía: “Prefiro morrer que seguir vivindo”.

9 Deus preguntoulle a Xonás: “Pensas que está ben que te enfades tanto polo que pasou coa cabaza viñateira?”.

E Xonás contestou: “Teño todo o dereito a estar enfadado. De feito, estou tan enfadado que quero morrer”. 10 Pero Xehová díxolle: “A ti deuche pena a cabaza viñateira, aínda que non fuches ti quen a plantou nin a fixo medrar. Nunha noite medrou e nunha noite morreu. 11 Entón, non debería darme pena a min Nínive, a gran cidade? Alí viven máis de 120.000 persoas que nin sequera saben a diferenza entre o que está ben e o que está mal*, e tamén tódolos seus animais”.

Que significa “pomba”.

Lit. “temo”.

Lit. “do sangue”.

Ver glosario temor de Deus.

Lit. “o ventre”.

Ou “Xeol”. É dicir, o lugar simbólico onde descansan os mortos. Ver glosario tumba.

Ou “As augas envolveron a miña alma”.

Ou quizais “abandonan a súa lealdade”.

Lit. “unha cidade grande para Deus”.

Ver glosario.

Ou “lento para a ira”.

Ou quizais “un rícino”.

Ou “entre a súa man dereita e a súa man esquerda”.

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir