BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • nwt Nehemías 1:1-13:31
  • Nehemías

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Nehemías
  • A Biblia. Tradución do Novo Mundo
A Biblia. Tradución do Novo Mundo
Nehemías

NEHEMÍAS

1 Estas son as palabras de Nehemías*, o fillo de Hacalías: era o mes de quisleu*, no ano 20, e eu estaba no castelo* de Susa. 2 Por aquel tempo chegou Hananí, un dos meus irmáns, con outros homes de Xudá. Pregunteilles polos xudeus que volveran do desterro e tamén por Xerusalén. 3 Eles responderon: “Os que volveron do desterro e que agora viven naquela provincia* están nunha situación terrible e humillante. As murallas de Xerusalén están desfeitas e as portas foron queimadas”.

4 Cando escoitei isto, senteime e púxenme a chorar. Estiven moitos días lamentándome, facendo xaxún* e orándolle ó Deus dos ceos. 5 E dixen: “Oh, Xehová, Deus dos ceos, o Deus grande e impoñente, que cumpre o seu pacto e que lles mostra amor leal ós que o aman e obedecen os seus mandamentos. 6 Por favor, mantén os teus oídos atentos e os teus ollos ben abertos, e escoita a oración do teu servo, a oración que che fago hoxe. Día e noite oro polos teus servos, os israelitas, e confeso os pecados que cometeu o pobo de Israel contra ti. Pecamos, tanto eu como a casa do meu pai. 7 Está claro que nos botamos a perder e que pecamos contra ti ó desobedecer os mandamentos, as normas e as decisións xudiciais* que lle deches ó teu servo Moisés.

8 ”Por favor, recorda o que lle dixeches* ó teu servo Moisés: ‘Se me sodes infieis, eu dispersareivos polos pobos. 9 Pero se volvedes a min e obedecedes os meus mandamentos, aínda que se vos dispersase ata o último recuncho da terra, eu xuntareivos e traereivos ó lugar que escollín para o meu nome’. 10 Eles son os teus servos e o teu pobo. Ti rescatáchelos coa túa gran forza e co teu poder*. 11 Xehová, por favor, mantén os teus oídos atentos á oración do teu servo, e escoita tamén a oración dos teus servos que queren respectar* o teu nome. Por favor, fai que hoxe lle vaia ben ó teu servo e que o rei se compadeza de min”.

Nesa época eu era copeiro do rei.

2 Un día, no mes de nisán* do ano 20 do reinado de Artaxerxes, trouxéronlle viño ó rei. Coma sempre, eu collín o viño e servinllo. Pero nunca estivera triste diante do rei. 2 Así que o rei díxome: “Véxote triste. Que che pasa? Non estás enfermo, así que debes estar preocupado por algo”. Nese momento tiven moito medo.

3 Entón díxenlle: “Que o rei viva moitos anos! Como non vou estar triste se a cidade onde están enterrados os meus antepasados está en ruínas e as súas portas foron queimadas?”. 4 E o rei preguntoume: “Que queres facer?”. Eu oreille inmediatamente ó Deus dos ceos, 5 e contestei: “Se ó rei lle parece ben e se o teu servo ten a túa aprobación, envíame a Xudá, á cidade onde están enterrados os meus antepasados, para que poida reconstruíla”. 6 Entón o rei, que tiña a raíña sentada ó seu lado, preguntoume: “Canto vai durar a túa viaxe? E cando volverás?”. Ó rei pareceulle ben que fose, e eu díxenlle canto tempo estaría fóra.

7 Despois díxenlle ó rei: “Se ó rei lle parece ben, que me dean cartas para os gobernadores da rexión que está ó oeste do río Éufrates*, para que me deixen pasar libremente ata que chegue a Xudá. 8 Que tamén me dean unha carta para Asaf, o garda do Parque do Rei*, para que el me dea madeira coa que facer as vigas para as portas da Fortaleza da Casa*, para as murallas da cidade e para a casa onde vou vivir”. Así que o rei deume as cartas, porque o meu Deus* estaba comigo.

9 Tempo despois cheguei onda os gobernadores da rexión que está ó oeste do río Éufrates e entregueilles as cartas do rei. Ademais, o rei enviara comigo xefes militares e xinetes. 10 Cando Sanbalat o horonita e Tobías o funcionario* amonita escoitaron todo isto, non lles gustou nada que alguén viñese a axudar ó pobo de Israel.

11 Por fin cheguei a Xerusalén. Tres días despois 12 levanteime pola noite e pedinlles a algúns homes que viñesen comigo, pero non lle dixen a ninguén o que Deus me motivara a* facer por Xerusalén. O único animal que levamos era no que eu ía montado. 13 Así que esa noite saín pola Porta do Val, pasei por diante da Fonte da Gran Serpe e cheguei á Porta dos Montóns de Cinza. Inspeccionei as murallas de Xerusalén, que estaban en ruínas, e as súas portas, que estaban totalmente queimadas. 14 Despois seguín ata a Porta da Fonte e ata o Estanque do Rei, pero non había suficiente espazo para que pasase o animal sobre o que ía montado. 15 De todas formas, mentres aínda era de noite, seguín subindo polo val* inspeccionando a muralla. Despois dei a volta, entrei pola Porta do Val e volvín.

16 Os gobernantes locais non sabían a onde fora nin o que estaba facendo, porque aínda non lles contara nada nin ós xudeus, nin ós sacerdotes, nin ós nobres, nin ós gobernantes locais, nin ós demais traballadores. 17 Finalmente díxenlles: “Xa vedes en que situación tan lamentable estamos. Xerusalén está en ruínas e as súas portas foron queimadas. Veña! Imos reconstruír as murallas de Xerusalén e así acabaremos con esta humillación”. 18 Despois expliqueilles como Deus me estaba axudando* e conteilles o que me dixera o rei. Entón eles contestaron: “Veña! Empecemos coa reconstrución!”. Así que animáronse uns ós outros* para facer este traballo.

19 Pero cando Sanbalat o horonita, Tobías o funcionario* amonita e Guéxem o árabe souberon isto, comezaron a burlarse de nós, a tratarnos con desprezo e a dicirnos: “Que facedes? Estádesvos rebelando contra o rei?”. 20 Pero eu respondinlles: “O Deus dos ceos é quen fará que todo nos saia ben. E nós, os seus servos, reconstruiremos a muralla. Pero vós en Xerusalén non tedes nada, non tedes dereitos legais nin históricos que vos permitan reclamar algo aquí”.

3 O sumo sacerdote Eliaxib e os seus irmáns, os sacerdotes, puxéronse a reconstruír a Porta das Ovellas. Despois dedicárona a Deus* e colocaron as follas da porta. Tamén dedicaron a Deus a parte da muralla que vai ata a Torre de Meá e ata a Torre de Hananel. 2 Os homes de Xericó reconstruíron a seguinte parte da muralla. E Zacur, que era fillo de Imrí, reconstruíu a seguinte.

3 Os fillos de Hasenaá reconstruíron a Porta do Peixe. Colocaron as vigas para a porta e puxéronlle as follas, as pechaduras e as barras. 4 Meremot, que era fillo de Urilla e neto de Hacós, reparou a seguinte parte da muralla. Mexulam, que era fillo de Berequías e neto de Mexezabel, reparou a seguinte. E Sadoc, que era fillo de Baaná, a seguinte. 5 Os tecoítas repararon a seguinte parte da muralla, pero os seus homes importantes non quixeron rebaixarse traballando* para os encargados da obra.

6 Xoiadá, que era fillo de Paséah, e Mexulam, que era fillo de Besodeías, repararon a Porta da Cidade Vella. Colocaron as vigas para a porta e puxéronlle as follas, as pechaduras e as barras. 7 Melatías o gabaonita e Xadón o meronotita repararon a seguinte parte da muralla. Eles eran homes de Gabaón e de Mizpá que estaban baixo a autoridade* do gobernador da rexión que está ó oeste do río Éufrates. 8 Uziel, que era un dos que traballaba o ouro e que era fillo de Haraías, reparou a seguinte parte da muralla. E Hananías, que era un dos fabricantes de ungüentos*, reparou a seguinte parte. Eles pavimentaron* Xerusalén ata o Muro Ancho. 9 Refaías, que era fillo de Hur, reparou a seguinte parte da muralla. El era gobernante* da metade do distrito de Xerusalén. 10 Xedaías, que era fillo de Harumaf, reparou a seguinte parte, que estaba diante da súa casa. E Hatús, que era fillo de Haxabneías, reparou a seguinte.

11 Malquilla, que era fillo de Harim, e Haxub, que era fillo de Pahat-Moab, repararon outra parte da muralla, e tamén a Torre dos Fornos. 12 A seguinte parte da muralla reparárona Salum, que era fillo de Halohés, e as súas fillas. El era gobernante da outra metade do distrito de Xerusalén.

13 Hanún e os habitantes de Zanoa repararon a Porta do Val. Reconstruírona e despois colocáronlle as follas, as pechaduras e as barras. Tamén repararon uns 445 metros* da muralla, ata chegar á Porta dos Montóns de Cinza. 14 Malquilla, que era fillo de Recab e gobernante do distrito de Bet-Haquerem, reparou a Porta dos Montóns de Cinza. Reconstruíuna e colocoulle as follas, as pechaduras e as barras.

15 Xalún, que era fillo de Colhozé e gobernante do distrito de Mizpá, reparou a Porta da Fonte. Reconstruíuna, púxolle o teito e colocoulle as follas, as pechaduras e as barras. Tamén reparou a muralla do Estanque do Canal, que está ó lado do Xardín do Rei, ata chegar á Escaleira que baixa da Cidade de David.

16 Nehemías, que era fillo de Azbuc e gobernante da metade do distrito de Bet-Sur, reparou a seguinte parte da muralla, desde en fronte do Cemiterio Real de David ata o estanque artificial e ata a Casa dos Poderosos.

17 A seguinte parte da muralla reparárona os levitas baixo a supervisión de Reúm, que era fillo de Baní. Ademais Haxabías, que era gobernante da metade do distrito de Queilá, reparou a seguinte parte en representación do seu distrito. 18 Outros levitas repararon a seguinte parte da muralla. Estaban baixo a supervisión de Bavai, que era fillo de Henadad e gobernante da outra metade do distrito de Queilá.

19 Ézer, que era fillo de Xesúa e gobernante de Mizpá, reparou a seguinte parte da muralla, que estaba en fronte da subida ó Arsenal, no Contraforte*.

20 Baruc, que era fillo de Zabai, traballou con moito entusiasmo e reparou a seguinte parte da muralla, desde o Contraforte ata a entrada da casa de Eliaxib, o sumo sacerdote.

21 Meremot, que era fillo de Urilla e neto de Hacós, reparou a seguinte parte da muralla, desde un lado da casa de Eliaxib, onde estaba a entrada, ata o outro lado da casa.

22 A seguinte parte da muralla reparárona os sacerdotes do distrito do Xordán*. 23 Benxamín e Haxub repararon a seguinte parte, que estaba diante da súa casa. E Azarías, que era fillo de Maaseia e neto de Ananía, reparou a seguinte parte, que estaba cerca da súa casa. 24 Binuí, que era fillo de Henadad, reparou a seguinte parte, desde a casa de Azarías ata o Contraforte e ata a esquina da muralla.

25 Palal, que era fillo de Uzai, reparou a seguinte parte, diante do Contraforte e da torre que sae da Casa* do Rei, a que está máis arriba, no Patio da Garda. E Pedaías, que era fillo de Parós, reparou a seguinte parte da muralla.

26 Os servos do templo* que vivían en Ofel repararon a parte que vai ata diante da Porta da Auga, ó leste, e a torre que sobresae da muralla.

27 Os tecoítas repararon a seguinte parte, desde diante da gran torre que sobresae da muralla ata a muralla de Ofel.

28 Os sacerdotes repararon a parte que está máis arriba da Porta dos Cabalos. Cada un traballou diante da súa casa.

29 Sadoc, que era fillo de Imer, reparou a seguinte parte da muralla, que estaba diante da súa casa.

E Semaia, que era fillo de Secanías e garda da Porta do Leste, reparou a seguinte parte.

30 Hananías, que era fillo de Xelemías, e Hanún, que era o sexto fillo de Salaf, repararon a seguinte parte da muralla.

E Mexulam, que era fillo de Berequías, reparou a seguinte parte, que estaba diante da súa casa*.

31 Malquilla, que era membro do gremio dos que traballaban o ouro, reparou a seguinte parte, que vai ata a casa dos servos do templo e dos comerciantes, diante da Porta da Inspección e ata o cuarto que estaba no alto da esquina da muralla.

32 E os que traballaban o ouro e os comerciantes repararon a parte que vai desde o cuarto que estaba no alto da esquina da muralla ata a Porta das Ovellas.

4 Cando Sanbalat escoitou que estabamos reconstruíndo a muralla, enfadouse e indignouse* moito, e púxose a burlarse dos xudeus. 2 Diante dos seus compañeiros e do exército de Samaria, dixo: “Que pretenden facer estes xudeus, co pouca cousa que son? Pensan que poden facelo eles sós? Vanse poñer a ofrecer sacrificios? Pensan que van acabar nun día? Cren que van poder devolverlles a vida ás pedras queimadas que están entre os montóns de ruínas?”.

3 E Tobías o amonita, que estaba ó seu lado, dixo: “Chega con que un raposo suba á muralla de pedra que están construíndo para que se veña abaixo”.

4 Entón orei: “Por favor, noso Deus, escoita, porque estannos tratando con desprezo. Fai que as súas burlas se volvan contra eles* e que os leven prisioneiros a outro país como botín de guerra. 5 Non ignores os seus erros nin borres os seus pecados, porque insultaron os obreiros”.

6 Así que seguimos reconstruíndo a muralla e cerramos tódalas brechas que tiña ata a metade da súa altura. E o pobo seguiu poñendo todo o seu corazón no traballo.

7 Pero Sanbalat, Tobías, os árabes, os amonitas e os asdoditas enfadáronse moito cando souberon que a reparación das murallas de Xerusalén seguía avanzando e que se ían cerrando as brechas. 8 Así que todos se aliaron para vir atacar Xerusalén e para facer que houbese problemas na cidade. 9 Entón, nós orámoslle ó noso Deus e puxemos gardas día e noite para protexernos deles.

10 Pero había xente de Xudá que dicía: “Os traballadores* xa non teñen forzas, e quedan moitísimas ruínas. Nunca poderemos reconstruír a muralla”.

11 Ademais, os nosos inimigos dicían: “Antes de que se dean conta do que está pasando ou nos vexan, estaremos no medio deles e matarémolos. Así pararemos as obras”.

12 E cando viñan os xudeus que vivían cerca dos nosos inimigos, avisábannos unha e outra vez*: “Van vir a atacarnos de todas partes”.

13 Así que puxen gardas detrás da muralla, nas partes máis baixas e desprotexidas, e organiceinos por familias. Estaban armados con espadas, lanzas e arcos. 14 Cando vin que tiñan medo, fun inmediatamente e díxenlles ós nobres, ós gobernantes locais e ó resto do pobo: “Non lles teñades medo. Acordádevos de Xehová, que é grande e impoñente, e loitade polos vosos irmáns, polos vosos fillos e fillas, polas vosas mulleres e polas vosas casas”.

15 Despois, os nosos inimigos souberon que descubriramos o que estaban tramando e que o Deus verdadeiro fixera fracasar o seu plan. Entón todos volvemos a traballar na muralla. 16 A partir daquel día, a metade dos meus homes traballaba na obra e a outra metade levaba lanzas, escudos, arcos e coirazas. E os gobernantes* apoiaban a* tódolos da casa de Xudá 17 que estaban reconstruíndo a muralla. Os traballadores que levaban as cargas traballaban cunha soa man, e na outra tiñan unha arma*. 18 Tódolos obreiros levaban unha espada na cintura mentres traballaban. E o que se encargaba de tocar o corno estaba ó meu lado.

19 Entón díxenlles ós nobres, ós gobernantes locais e ó resto do pobo: “Hai moito traballo que facer na muralla e estamos traballando moi separados uns dos outros. 20 Así que cando escoitedes o corno, vide todos a onde estea eu. O noso Deus loitará por nós”.

21 Desde que saía o sol ata que saían as estrelas, a metade de nós traballaba e a outra metade aguantaba as lanzas. 22 Entón díxenlle ó pobo: “Que os homes pasen a noite dentro de Xerusalén e que a cada un o acompañe o seu axudante. Pola noite farán garda e polo día traballarán na obra”. 23 Así que nin eu, nin os meus irmáns, nin os meus axudantes, nin os gardas que me seguían quitabamos a roupa. E todos levabamos unha arma na man dereita.

5 Pero os homes do pobo e as súas mulleres queixáronse moito dos seus irmáns xudeus. 2 Algúns dicían: “Temos moitos fillos e fillas, así que necesitamos conseguir cereais para poder comer e non morrer”. 3 Outros dicían: “Como case non hai alimento, estamos poñendo como garantía os nosos campos, as nosas viñas e as nosas casas para conseguir cereais”. 4 Tamén había algúns que dicían: “Para pagar o tributo do rei pedimos que nos prestasen cartos e puxemos como garantía os nosos campos e as nosas viñas. 5 Somos do mesmo sangue que os nosos irmáns*, e os nosos fillos non valen menos que os seus. Aínda así, temos que entregar como escravos os nosos fillos e as nosas fillas. De feito, algunhas das nosas fillas xa son escravas. E non podemos facer nada para evitalo, porque os nosos campos e as nosas viñas xa son doutros”.

6 Cando escoitei as súas queixas e o que dicían, enfadeime moitísimo. 7 Despois de analizar o problema con moito coidado*, reprendín os nobres e os gobernantes locais. Díxenlles: “Todos vós estades pedíndolles intereses ós* vosos irmáns”.

Ademais, convoquei unha asemblea moi grande para resolver o asunto. 8 E díxenlles: “Fixemos todo o posible por volver a comprar os nosos irmáns xudeus que foran vendidos ás nacións. E agora ides volver a vender os vosos irmáns? Teremos que compralos outra vez?”. Cando escoitaron isto, quedaron calados porque non sabían que dicir. 9 Entón engadín: “Non está ben o que facedes. Acaso non deberiades demostrar que temedes o noso Deus para que as nacións, as nosas inimigas, non poidan burlarse de nós? 10 Eu, os meus irmáns e os meus axudantes estamos prestando cartos e cereais. Por favor, que se deixe de prestar con intereses. 11 Por favor, devolvede hoxe mesmo os campos, as viñas, as plantacións de oliveiras e as casas. E devolvede tamén os intereses* que pedistes por prestar cartos, cereais, viño novo e aceite”.

12 Eles contestaron: “Devolveremos todo iso e non pediremos nada a cambio. Faremos tal como nos dis”. Así que chamei os sacerdotes e fixen que os culpables xurasen que cumprirían a súa promesa. 13 Ademais, sacudín a miña roupa* e díxenlles: “Que o Deus verdadeiro sacuda así o home que non cumpra esta promesa, e que o deixe sen casa e sen propiedades. Que sexa sacudido desta maneira e que quede sen nada”. Ó escoitar isto, toda a congregación dixo: “Amén!*”. Despois puxéronse a louvar a Xehová. E o pobo cumpriu o que prometera.

14 Ademais, desde o día no que o rei me nomeou gobernador da terra de Xudá (desde o ano 20 ata o ano 32 do rei Artaxerxes, 12 anos en total), nin eu nin os meus axudantes comemos a comida á que ten dereito o gobernador. 15 Pero os gobernadores anteriores explotaran o pobo e cobráranlles 40 siclos* de prata tódolos días para pan e viño. Os seus axudantes tamén oprimiran o pobo. En cambio, eu non o fixen porque temo a Deus.

16 De feito, eu mesmo participei na reconstrución da muralla e tódolos meus axudantes tamén estiveron traballando alí, e non compramos ningún terreo. 17 Na miña mesa comían 150 xudeus e gobernantes locais, e tamén xente doutras nacións que viña visitarnos. 18 Cada día preparábanse cos meus cartos* un touro, seis ovellas das mellores e tamén aves. E cada 10 días servíase toda clase de viño en abundancia. Aínda así, eu non reclamei a comida á que ten dereito o gobernador, porque o pobo xa tiña bastante cos traballos que estaban facendo. 19 Meu Deus, acórdate de min e bendíceme* por todo o que fixen por este pobo.

6 Sanbalat, Tobías, Guéxem o árabe e o resto dos nosos inimigos souberon que eu reconstruíra a muralla e que xa non quedaba ningunha brecha (aínda que as follas das portas estaban sen colocar). 2 Entón Sanbalat e Guéxem enviáronme inmediatamente esta mensaxe: “Ven, poñamos unha data para xuntarnos nunha das aldeas da chaira do val de Onó”. Pero en realidade era un plan para facerme dano. 3 Así que enviei mensaxeiros para que lles dixesen: “Estou ocupado cun traballo moi importante e non podo baixar. Como vou deixar que se pare a obra para ir vervos?”. 4 Pero eles enviáronme a mesma mensaxe catro veces, e tódalas veces lles respondín o mesmo.

5 Entón Sanbalat envioume o seu axudante para que me dese por quinta vez a mesma mensaxe. El levaba na man unha carta aberta 6 que dicía: “Escóitase o rumor entre as nacións de que ti e os xudeus estades tramando un plan para rebelarvos. Guéxem tamén o di. Por iso estás reconstruíndo a muralla. E polo que se di, ti vas ser o seu rei. 7 Ademais, tamén nomeaches profetas para que vaian dicindo por toda Xerusalén: ‘Xudá ten un rei!’. Estes rumores vanlle chegar ó rei, así que ven para que poidamos falar do tema”.

8 Pero eu mandeille esta resposta: “Nada do que contas é certo. Estalo inventando todo ti*”. 9 Eles intentaban meternos medo, e pensaban: “Así vanse desanimar* e nunca rematarán a obra”. Por iso che pido, meu Deus, que me deas forzas*.

10 Entón fun á casa de Semaia, que era fillo de Delaías e neto de Mehetabel, mentres el estaba encerrado alí. Díxome: “Quedemos para encontrarnos na casa do Deus verdadeiro, dentro do templo, e pechemos as portas, porque van vir para matarte. Van vir para matarte pola noite”. 11 Pero dixen: “Debería fuxir un home que ten o meu cargo? Pode un home coma min entrar no templo e seguir con vida? Non vou entrar!”. 12 Entón deime conta de que non o enviara Deus, senón que lle pagaran Tobías e Sanbalat para que profetizase contra min. 13 Pagáranlle porque querían asustarme e facerme pecar. Así terían motivos para manchar a miña reputación e falar mal de min.

14 Meu Deus, acórdate de todo o que fixeron Tobías e Sanbalat. Acórdate tamén da profetisa Noadías e dos demais profetas que intentaron meterme medo moitas veces.

15 Finalmente acabouse a muralla o día 25 de elul*, en 52 días.

16 Cando os nosos inimigos souberon isto e cando as nacións que estaban ó noso arredor o viron, sentíronse moi avergonzados* e déronse conta de que as obras se fixeran coa axuda do noso Deus. 17 Naquel tempo, os nobres de Xudá enviábanlle moitas cartas a Tobías, e el respondíalles. 18 Moita xente en Xudá xurara serlle leal a Tobías, porque era xenro de Secanías, o fillo de Ará, e o seu fillo Xehohanán casara coa filla de Mexulam, o fillo de Berequías. 19 Ademais, falábanme ben de Tobías todo o tempo e despois contábanlle o que eu dicía. Entón, el mandábame cartas para asustarme.

7 En canto se reconstruíu a muralla, coloquei as portas. Despois diso, asignáronselles as súas tarefas ós porteiros, ós cantores e ós levitas. 2 Entón puxen a cargo de Xerusalén a meu irmán Hananí e tamén a Hananías, o xefe da Fortaleza. Hananías era un home no que se podía confiar moito e que temía ó Deus verdadeiro máis que moitos outros homes. 3 Entón díxenlles: “As portas de Xerusalén non deben abrirse ata que quente o sol, e os porteiros que estean facendo garda ó anoitecer deben pechalas e aseguralas coas barras. Encargádelles ós habitantes de Xerusalén que fagan garda, algúns no posto que lles asignaron e outros diante da súa casa”. 4 A cidade era grande e ampla, pero había poucas persoas nela e as casas non se reconstruíran.

5 Entón o meu Deus motivoume a* xuntar os nobres, os gobernantes locais e a xente do pobo para facer un rexistro por familias. E encontrei o libro do rexistro xenealóxico dos primeiros que volveran do cativerio. Alí poñía:

6 “Estes foron os habitantes da provincia que saíron do cativerio e que regresaron a Xerusalén e a Xudá, cada un á súa cidade, tempo despois de que Nabucodonosor, o rei de Babilonia, desterrase os xudeus. 7 Foron os que volveron con Zorobabel, Xesúa, Nehemías, Azarías, Raamías, Nahamaní, Mardoqueo, Bilxán, Mispéret, Bigvai, Neúm e Baaná.

”Este foi o número dos homes israelitas: 8 os fillos de Parós, 2172; 9 os fillos de Xefatías, 372; 10 os fillos de Ará, 652; 11 os fillos de Pahat-Moab, por medio dos seus descendentes Xesúa e Xoab, 2818; 12 os fillos de Elam, 1254; 13 os fillos de Zatú, 845; 14 os fillos de Zacai, 760; 15 os fillos de Binuí, 648; 16 os fillos de Bebai, 628; 17 os fillos de Azgad, 2322; 18 os fillos de Adonicam, 667; 19 os fillos de Bigvai, 2067; 20 os fillos de Adín, 655; 21 os fillos de Ater, da familia de Ezequías, 98; 22 os fillos de Haxum, 328; 23 os fillos de Besai, 324; 24 os fillos de Harif, 112; 25 os fillos de Gabaón, 95; 26 os homes de Belén e os de Netofá, 188; 27 os homes de Anatot, 128; 28 os homes de Bet-Azmávet, 42; 29 os homes de Quiriat-Xearim, os de Quefirá e os de Beerot, 743; 30 os homes de Ramá e os de Gueba, 621; 31 os homes de Micmás, 122; 32 os homes de Betel e os de Ai, 123; 33 os homes da outra Nebo, 52; 34 os fillos do outro Elam, 1254; 35 os fillos de Harim, 320; 36 os fillos de Xericó, 345; 37 os fillos de Lod, os de Hadid e os de Onó, 721, 38 e os fillos de Senaá, 3930.

39 ”Este foi o número dos sacerdotes: os fillos de Xedaías, da familia de Xesúa, 973; 40 os fillos de Imer, 1052; 41 os fillos de Paxur, 1247, 42 e os fillos de Harim, 1017.

43 ”Este foi o número dos levitas: os fillos de Xesúa, que eran da familia de Cadmiel e descendentes de Hodevá, 74. 44 Este foi o número dos cantores: os fillos de Asaf, 148. 45 Este foi o número dos porteiros: os fillos de Salum, os de Ater, os de Talmón, os de Acub, os de Hatitá e os de Xobai, 138.

46 ”Estes foron os servos do templo*: os fillos de Sihá, os fillos de Hasufá, os fillos de Tabaot, 47 os fillos de Querós, os fillos de Siá, os fillos de Padón, 48 os fillos de Lebaná, os fillos de Hagabá, os fillos de Xalmai, 49 os fillos de Hanán, os fillos de Guidel, os fillos de Gahar, 50 os fillos de Reaías, os fillos de Resín, os fillos de Necodá, 51 os fillos de Gazam, os fillos de Uzá, os fillos de Paséah, 52 os fillos de Besai, os fillos de Meunim, os fillos de Nefusesim, 53 os fillos de Bacbuc, os fillos de Hacufá, os fillos de Harhur, 54 os fillos de Baslit, os fillos de Mehidá, os fillos de Harxá, 55 os fillos de Barcos, os fillos de Sísara, os fillos de Tema, 56 os fillos de Nesías e os fillos de Hatifá.

57 ”Estes foron os fillos dos servos de Salomón: os fillos de Sotai, os fillos de Soféret, os fillos de Peridá, 58 os fillos de Xaalá, os fillos de Darcón, os fillos de Guidel, 59 os fillos de Xefatías, os fillos de Hatil, os fillos de Poquéret-Hazebaim e os fillos de Amón. 60 En total, os servos do templo e os fillos dos servos de Salomón foron 392.

61 ”O número dos que subiron de Tel-Mélah, de Tel-Harxá, de Querub, de Adón e de Imer pero non puideron demostrar que eran israelitas, nin pola súa casa paterna nin pola súa orixe, foi este: 62 os fillos de Delaías, os fillos de Tobías e os fillos de Necodá, 642. 63 E dos sacerdotes: os fillos de Habaías, os fillos de Hacós e os fillos de Barzilai, que casou cunha das fillas de Barzilai o galaadita e adoptou o nome da familia dela. 64 Eles foron os que buscaron os nomes das súas familias nos rexistros para demostrar a súa xenealoxía pero non puideron atopalos. Por iso non se lles permitiu servir de sacerdotes*. 65 O gobernador* díxolles que non debían comer das cousas santísimas ata que houbese un sacerdote que puidese consultar o Urim e o Tumim.

66 ”En total, todo o grupo* foi de 42.360 persoas, 67 sen contar os 7337 escravos e escravas nin os 245 cantores e cantoras. 68 Tiñan 736 cabalos, 245 mulas, 69 435 camelos e 6720 burros.

70 ”Algúns dos xefes das casas paternas fixeron doazóns para a obra. O gobernador* doou para os fondos da obra* 1000 dracmas* de ouro, 50 cuncas e 530 túnicas de sacerdote. 71 Algúns xefes das casas paternas doaron para os fondos da obra 20.000 dracmas de ouro e 2200 minas* de prata. 72 E o resto do pobo doou 20.000 dracmas de ouro, 2000 minas de prata e 67 túnicas de sacerdote.

73 ”Os sacerdotes, os levitas, os porteiros, os cantores, algúns do pobo, os servos do templo e tódolos demais israelitas* establecéronse nas súas cidades. E cando chegou o sétimo mes, os israelitas xa se estableceran nas súas cidades”.

8 Todo o pobo se reuniu co mesmo propósito na praza que está diante da Porta da Auga. E dixéronlle ó copista* Esdras que trouxese o libro da Lei de Moisés que Xehová lle dera a Israel. 2 Así que, o primeiro día do sétimo mes, o sacerdote Esdras levou o libro da Lei diante da congregación que estaba formada por homes, mulleres e tódolos que eran capaces de entender o que se dicía. 3 E púxose a lelo en voz alta na praza que está diante da Porta da Auga. Estivo lendo desde o amencer ata o mediodía diante dos homes, das mulleres e de tódolos que eran capaces de entender o que se dicía. E todos escoitaban con atención o que se lía do libro da Lei. 4 O copista* Esdras estaba de pé enriba dunha plataforma de madeira que se fixera para esa ocasión. Á súa dereita estaban de pé Matitías, Xema, Anaías, Urías, Hilquías e Maaseia. E á súa esquerda estaban Pedaías, Mixael, Malquilla, Haxum, Hasbadana, Zacarías e Mexulam.

5 Esdras abriu o libro, e como estaba nun sitio elevado todo o pobo puido velo. Cando o abriu, todos se puxeron de pé. 6 Entón Esdras louvou a Xehová, o Deus grande e verdadeiro. E todo o pobo respondeu “Amén!* Amén!”, e levantaron as mans. Despois puxéronse de xeonllos diante de Xehová e inclináronse cara ó chan. 7 E os levitas Xesúa, Baní, Xerebías, Xamín, Acub, Xabetai, Hodías, Maaseia, Quelitá, Azarías, Xozabad, Hanán e Pelaías estiveron explicándolle a Lei ó pobo, que estaba de pé. 8 E seguiron lendo en voz alta o libro da Lei do Deus verdadeiro e explicando de maneira clara o que quería dicir. Así axudáronlle ó pobo a entender o que se estaba lendo*.

9 O gobernador* Nehemías, o sacerdote e copista* Esdras, e os levitas que estaban ensinándolle á xente, dixéronlles a todos: “Hoxe é un día santo para Xehová, o voso Deus. Non vos lamentedes nin choredes”. Porque todo o pobo estaba chorando mentres escoitaba as palabras da Lei. 10 Nehemías díxolles: “Ide e comede a mellor comida*, tomade bebidas doces e compartide a comida cos que non teñen. Porque hoxe é un día santo para o noso Señor. Non esteades tristes, porque a felicidade que dá Xehová fai que sexades fortes*”. 11 E os levitas tranquilizaban a xente dicíndolles: “Non choredes, porque hoxe é un día santo. Non esteades tristes”. 12 Así que todo o pobo foi comer e beber. Compartiron a súa comida con outros e estiveron moi alegres, porque entenderan o que lles explicaran.

13 O segundo día, os xefes das casas paternas de todo o pobo, os sacerdotes e os levitas reuníronse con Esdras o copista* para entender mellor as palabras da Lei. 14 Entón viron que na Lei que Xehová lles dera mediante Moisés estaba escrito que os israelitas tiñan que vivir en cabanas* durante a festa do sétimo mes. 15 Tamén dicía que tiñan que ir por tódalas cidades e por toda Xerusalén anunciando: “Ide á rexión das montañas e traede ramas frondosas de oliveiras, piñeiros, mirtos, palmeiras e doutras árbores frondosas para facer cabanas, tal como está escrito”.

16 Así que o pobo foi buscar ramas. Trouxéronas e puxéronse a facer cabanas nas súas azoteas*, nos seus patios, nos patios da casa do Deus verdadeiro, na praza da Porta da Auga e na praza da Porta de Efraín. 17 Tódolos* que volveran do cativerio fixeron cabanas e viviron nelas durante a festa. Os israelitas estaban moi alegres, porque era a primeira vez que se celebraba a festa desta maneira desde a época de Xosué, o fillo de Nun. 18 E leuse tódolos días do libro da Lei do Deus verdadeiro, desde o primeiro día ata o último. A festa durou sete días e no oitavo día celebrouse unha asemblea solemne, tal como estaba establecido.

9 O día 24 dese mes os israelitas reuníronse. Fixeron xaxún, vestíronse con tea de saco e botáronse po por encima. 2 Entón, os que eran de orixe israelita separáronse dos estranxeiros. Despois puxéronse de pé, confesaron os seus pecados e tamén os erros dos seus pais. 3 Estando alí de pé, leron en voz alta do libro da Lei de Xehová, o seu Deus, durante tres horas*. E despois estiveron outras tres horas confesando os seus pecados e inclinándose diante de Xehová, o seu Deus.

4 Xesúa, Baní, Cadmiel, Xebanías, Buní, Xerebías, Baní e Quenaní subiron á plataforma dos levitas e oráronlle en voz alta a Xehová, o seu Deus. 5 E os levitas Xesúa, Cadmiel, Baní, Haxabneías, Xerebías, Hodías, Xebanías e Petahías dixeron: “Levantádevos e louvade a Xehová, o voso Deus, para sempre*. Oh, Deus, louvado sexa o teu glorioso nome, que está por riba de calquera bendición e louvanza.

6 ”Non hai outro Deus coma ti, Xehová. Ti fixeches os ceos, si, o ceo dos ceos e todo o que hai neles*. Fixeches a terra e todo o que hai nela, os mares e todo o que hai neles. Ti mantelos vivos a todos. Todo o que hai nos ceos* inclínase diante de ti. 7 Ti es Xehová, o Deus verdadeiro. Ti escolliches a Abrán, sacáchelo de Ur dos caldeos e puxécheslle o nome de Abrahán. 8 Viches que o seu corazón che era fiel, e por iso fixeches un pacto con el para darlle a el e á súa descendencia a terra dos cananeos, dos hititas, dos amorreos, dos perizitas, dos xebuseos e dos guirgaxeos. E cumpriches as túas promesas porque es xusto.

9 ”Viches como os nosos antepasados sufrían en Exipto, e escoitaches os seus berros pedindo axuda xunto ó Mar Vermello. 10 Entón, fixeches sinais e milagres para castigar o faraón, os seus servos e a toda a xente da súa terra, porque sabías que trataran con arrogancia o teu pobo. Fixécheste un nome que permanece ata hoxe. 11 Dividiches o mar diante dos teus servos, e así cruzaron por terra seca. Botaches os que os perseguían ás profundidades do mar, como unha pedra que se bota no mar picado. 12 De día guiaches o teu pobo cunha columna de nube, e de noite cunha columna de lume. Así iluminácheslles o camiño polo que tiñan que ir. 13 Baixaches ó monte Sinaí e falaches con eles dende o ceo. Décheslles decisións xudiciais xustas, leis confiables*, e normas e mandamentos excelentes. 14 Ensinácheslles a respectar o sábado para mantelo sagrado. Por medio do teu servo Moisés décheslles mandamentos, normas e unha lei. 15 Cando tiveron fame décheslles pan do ceo, e cando tiveron sede fixeches que saíse auga da roca. Dixécheslles que entrasen na terra que xuraras* darlles e que a ocupasen.

16 ”Pero eles, os nosos antepasados, foron arrogantes e cabezóns*, e non obedeceron os teus mandamentos. 17 Negáronse a obedecer e non se acordaron das cousas tan extraordinarias que fixeches diante deles. Fixéronse cabezóns e nomearon un líder para volver a Exipto como escravos. Pero ti es un Deus que está disposto a perdoar*, compasivo, misericordioso, paciente* e que está cheo de amor leal. Por iso non os abandonaches. 18 Fixeron a estatua dun becerro* e puxéronse a dicir: ‘Este é o teu Deus, que te sacou de Exipto’. E cometeron faltas de respecto moi graves. 19 Aínda así, mostrácheslles moita misericordia e non os abandonaches no deserto. A columna de nube que os guiaba de día polo camiño non se apartou deles, e tampouco a columna de lume que de noite lles iluminaba o camiño polo que tiñan que ir. 20 Ademais, décheslles o teu espírito* para que tivesen entendemento*. Non lles negaches o teu maná*, e décheslles auga cando tiveron sede. 21 Décheslles comida durante 40 anos no deserto. Non lles faltou de nada. A súa roupa non se desgastou e os seus pés non se incharon.

22 ”Décheslles reinos e pobos, e repartiches as terras entre eles. Así que ocuparon a terra de Sehón (é dicir, a terra do rei de Hesbón) e a terra de Og, o rei de Basán. 23 Tamén fixeches que os seus fillos fosen tantos coma as estrelas dos ceos. Entón leváchelos á terra que ían conquistar, tal como lles prometeras ós seus antepasados. 24 Así que os seus fillos entraron na terra e ocupárona. Ti derrotaches diante deles os cananeos, que eran os que vivían alí. Entregaches nas súas mans os reis e os pobos desa terra, para que fixesen con eles o que quixesen. 25 Conquistaron cidades fortificadas* e terras fértiles*. Ademais quedaron con casas que estaban cheas de todo tipo de cousas boas, con cisternas* que xa estaban escavadas, con viñas, con plantacións de oliveiras e con moitas árbores froiteiras. Entón comeron, quedaron satisfeitos e engordaron. Desfrutaron grazas á túa gran bondade.

26 ”Pero volvéronse desobedientes, rebeláronse contra ti e rexeitaron a túa Lei*. Mataron os teus profetas, que os advertiran para que volvesen a acercarse a ti. E cometeron faltas de respecto moi graves. 27 Por iso os deixaches nas mans dos seus inimigos, que os facían sufrir. Pero cando pasaban por problemas, suplicábanche que lles axudases e ti escoitábalos desde os ceos. E como a túa misericordia é tan grande, enviábaslles homes que os rescataban das mans dos seus inimigos.

28 ”Pero en canto a súa situación melloraba, volvían facer cousas malas diante de ti. Entón ti abandonábalos nas mans dos seus inimigos, que os oprimían*. Despois eles volvían a pedirche axuda, e ti escoitábalos dende os ceos e rescatábalos unha e outra vez, porque a túa misericordia é moi grande. 29 Aínda que os advertías para que volvesen a obedecer a túa Lei, eles eran arrogantes e negábanse a escoitar os teus mandamentos. Pecaron porque non seguiron as túas normas, que dan vida ós que as obedecen. Empeñáronse en rexeitarte, foron cabezóns e negáronse a escoitar. 30 Durante moitos anos fuches paciente con eles e advertíchelos co teu espírito por medio dos teus profetas, pero eles negáronse a escoitar. Así que ó final, deixáchelos nas mans dos pobos que estaban arredor. 31 Pero como a túa misericordia é tan grande, non acabaches con eles nin os abandonaches, porque es un Deus compasivo e misericordioso.

32 ”E agora, noso Deus, o Deus grande, poderoso e impoñente, que cumpriches o teu pacto e mostraches amor leal, por favor, non esquezas todo o que sufrimos nós, os nosos reis, os nosos gobernantes, os nosos sacerdotes, os nosos profetas, os nosos antepasados e todo o teu pobo desde os días dos reis de Asiria ata hoxe. 33 Ti fuches xusto ó permitir que se nos castigase, porque cumpriches a túa palabra. Somos nós os que actuamos mal. 34 Os nosos reis, os nosos gobernantes, os nosos sacerdotes e os nosos antepasados non obedeceron a túa Lei, e non lles fixeron caso ós teus mandamentos nin ás advertencias* que lles deches. 35 Incluso cando reinaban os nosos propios reis, mentres desfrutaban de tantas cousas boas que lles deches e vivían na terra extensa e fértil* que lles entregaches, eles non te serviron nin deixaron as súas prácticas malas. 36 Por iso hoxe somos escravos. Si, somos escravos na terra que lles deches ós nosos antepasados para que comesen do seu froito e das súas cousas boas. 37 Por culpa dos nosos pecados, as abundantes colleitas son para os reis estranxeiros que puxeches sobre nós. Eles gobérnannos como queren a nós e ós nosos animais. Estamos sufrindo moito.

38 ”En vista de todo isto, facemos unha promesa solemne, poñémola por escrito e validámola co selo dos nosos gobernantes, dos nosos levitas e dos nosos sacerdotes”.

10 Estes foron os que validaron a promesa co seu selo:

o gobernador* Nehemías, que era fillo de Hacalías,

e tamén Sedequías, 2 Seraia, Azarías, Xeremías, 3 Paxur, Amarías, Malquilla, 4 Hatús, Xebanías, Maluc, 5 Harim, Meremot, Abdías, 6 Daniel, Guinetón, Baruc, 7 Mexulam, Abías, Millamín, 8 Maazías, Bilgai e Semaia. Estes son os sacerdotes.

9 E os levitas que validaron a promesa foron: Xesúa, que era fillo de Azanías, Binuí, que era un dos fillos de Henadad, Cadmiel, 10 Xebanías, Hodías, Quelitá, Pelaías, Hanán, 11 Micá, Rehob, Haxabías, 12 Zacur, Xerebías, Xebanías, 13 Hodías, Baní e Beninú.

14 E os xefes do pobo que a validaron foron: Parós, Pahat-Moab, Elam, Zatú, Baní, 15 Buní, Azgad, Bebai, 16 Adonías, Bigvai, Adín, 17 Ater, Ezequías, Azur, 18 Hodías, Haxum, Besai, 19 Harif, Anatot, Nebai, 20 Magpías, Mexulam, Hezir, 21 Mexezabel, Sadoc, Xadúa, 22 Pelatías, Hanán, Anaías, 23 Hoxea, Hananías, Haxub, 24 Halohés, Pilhá, Xobec, 25 Reúm, Haxabná, Maaseia, 26 Ahilla, Hanán, Anán, 27 Maluc, Harim e Baaná.

28 O resto do pobo (os sacerdotes, os levitas, os porteiros, os cantores, os servos do templo* e tódolos que se separaran da xente dos pobos que estaban arredor para cumprir a Lei do Deus verdadeiro xunto coas súas mulleres, os seus fillos e as súas fillas, tódolos que podían entender a promesa*) 29 uniuse ós seus irmáns, ós homes importantes. E comprometéronse cunha maldición* e cun xuramento a cumprir a* Lei que o Deus verdadeiro lles dera por medio de Moisés, o servo do Deus verdadeiro, e a obedecer con coidado tódolos mandamentos, as decisións xudiciais e as normas de Xehová, o noso Señor. 30 Dixeron: “Non casaremos as nosas fillas cos fillos dos pobos que están arredor nin casaremos os nosos fillos coas súas fillas.

31 ”Se os pobos do arredor veñen vender mercancías e calquera clase de cereais en sábado, non lles compraremos nada nin en sábado nin ningún outro día santo. Ademais, no sétimo ano deixaremos descansar a terra e perdoaremos tódalas débedas.

32 ”Tamén nos comprometemos a que cada un de nós dea unha terceira parte dun siclo* tódolos anos para o servizo da casa* do noso Deus. 33 Servirá para facer os pans colocados en montóns*, para a ofrenda de gran que se fai regularmente, para a ofrenda queimada do sábado e das lúas novas, para as festas establecidas, para as cousas santas, para as ofrendas polo pecado que eliminan* a culpa de Israel e para todo o traballo que se fai na casa do noso Deus.

34 ”Tamén botaremos sortes para decidir en que época lle tocará, ano tras ano, a cada casa paterna dos sacerdotes, dos levitas e do pobo levar leña á casa do noso Deus para queimala no altar de Xehová, o noso Deus, tal como está escrito na Lei. 35 E tódolos anos levaremos á casa de Xehová os primeiros froitos maduros dos nosos campos e de tódalas árbores froiteiras. 36 Tamén levaremos os primoxénitos dos nosos fillos e dos nosos animais, tal como está escrito na Lei, e os primoxénitos das nosas vacas e dos nosos rabaños. Levaremos todo á casa do noso Deus, ós sacerdotes que serven na casa do noso Deus. 37 Ademais levarémoslles ós sacerdotes as primicias* da nosa fariña gorda, as nosas contribucións, o froito de tódalas árbores, o viño novo e o aceite, para que se garden nos almacéns* da casa do noso Deus. Tamén lles levaremos ós levitas a décima parte* do que producen os nosos campos, porque eles son os que reciben nas nosas cidades agrícolas a décima parte do que estas producen.

38 ”E un sacerdote, un fillo de Aarón, ten que estar cos levitas cando reciban a décima parte. Desa décima parte, os levitas teñen que dar unha décima parte para a casa do noso Deus, para os cuartos do almacén*. 39 Porque os israelitas e os fillos dos levitas teñen que levar ós almacéns* a contribución dos cereais, do viño novo e do aceite. É alí onde están os utensilios do santuario e tamén os sacerdotes que están de servizo, os porteiros e os cantores. Non imos descoidar a casa do noso Deus”.

11 Os príncipes do pobo vivían en Xerusalén. Pero botáronse sortes entre o resto do pobo para que unha de cada 10 familias fose vivir a Xerusalén, a cidade santa, e que as outras 9 quedasen nas outras cidades. 2 Ademais, o pobo bendiciu os homes que se ofreceron de maneira voluntaria para vivir en Xerusalén.

3 A continuación está a lista dos xefes da provincia que vivían en Xerusalén. (Os demais israelitas, sacerdotes, levitas, servos do templo* e fillos dos servos de Salomón vivían nas outras cidades de Xudá, cada un na propiedade que tiña na súa cidade.

4 En Xerusalén tamén vivían algúns das tribos de Xudá e de Benxamín.) Da tribo de Xudá estaban: Ataías (que era fillo de Uzías, que era fillo de Zacarías, que era fillo de Amarías, que era fillo de Xefatías, que era fillo de Mahalalel, da familia de Pérez) 5 e Maaseia (que era fillo de Baruc, que era fillo de Colhozé, que era fillo de Hazaías, que era fillo de Adaías, que era fillo de Xoiarib, que era fillo de Zacarías, da familia dos selanitas). 6 Os fillos de Pérez que vivían en Xerusalén eran 468 homes competentes.

7 E da tribo de Benxamín estaban: Salú (que era fillo de Mexulam, que era fillo de Xoed, que era fillo de Pedaías, que era fillo de Colaías, que era fillo de Maaseia, que era fillo de Itiel, que era fillo de Xesaías), 8 e tamén Gabai e Salai. En total eran 928. 9 O seu supervisor na cidade era Xoel, o fillo de Zicrí, e o que máis autoridade tiña despois del era Xudá, o fillo de Hasenuá.

10 Dos sacerdotes estaban: Xedaías, que era fillo de Xoiarib, Xaquín, 11 Seraia (que era fillo de Hilquías, que era fillo de Mexulam, que era fillo de Sadoc, que era fillo de Meraiot, que era fillo de Ahitub, un líder da casa* do Deus verdadeiro) 12 e os irmáns deles que servían no templo. En total eran 822. Tamén estaban Adaías (que era fillo de Xehoram, que era fillo de Pelalías, que era fillo de Amsí, que era fillo de Zacarías, que era fillo de Paxur, que era fillo de Malquilla) 13 e os seus irmáns, que eran xefes das casas paternas. En total eran 242. Tamén estaban Amaxai (que era fillo de Azarel, que era fillo de Ahzai, que era fillo de Mexilemot, que era fillo de Imer) 14 e os seus irmáns, que eran homes valentes e poderosos. En total eran 128. E o seu supervisor era Zabdiel, que era dunha familia importante.

15 E dos levitas estaban: Semaia (que era fillo de Haxub, que era fillo de Azricam, que era fillo de Haxabías, que era fillo de Buní), 16 e tamén Xabetai e Xozabad, que eran xefes dos levitas e que se encargaban dos asuntos externos da casa do Deus verdadeiro. 17 Ademais estaban Matanías (que era fillo de Miqueas, que era fillo de Zabdí, que era fillo de Asaf), que era o director do coro e dirixía as louvanzas durante a oración, Bacbuquías (que era o seu axudante) e Abdá (que era fillo de Xamúa, que era fillo de Galal, que era fillo de Xedutún). 18 En total había 284 levitas na cidade santa.

19 E os porteiros eran Acub, Talmón e os seus irmáns. Eles vixiaban as portas e en total eran 172.

20 Os demais israelitas, sacerdotes e levitas estaban nas outras cidades de Xudá, cada un na propiedade que herdara*. 21 Os servos do templo vivían en Ofel e estaban baixo a supervisión de Sihá e Guispá.

22 O supervisor dos levitas que estaban en Xerusalén era Uzí (que era fillo de Baní, que era fillo de Haxabías, que era fillo de Matanías, que era fillo de Micá, da familia de Asaf, que eran cantores). Uzí estaba a cargo do servizo que se facía na casa do Deus verdadeiro. 23 Había unha orde do rei que establecía que debían cubrirse as necesidades diarias dos cantores. 24 E Petahías, que era fillo de Mexezabel (que era da familia de Zérah, o fillo de Xudá), era o conselleiro do rei* en tódolos asuntos relacionados co pobo.

25 En canto ós poboados e os seus campos, algúns da tribo de Xudá vivían en Quiriat-Arbá e nas aldeas do arredor*, en Dibón e nas aldeas do arredor, en Xecabseel e nos seus poboados, 26 en Xesúa, en Moladá, en Bet-Pélet, 27 en Hasar-Xual, en Beer-Seba e nas aldeas do arredor, 28 en Ziclag, en Meconá e nas aldeas do arredor, 29 en En-Rimón, en Sorá, en Xarmut, 30 en Zanoa, en Adulam e nos seus poboados, en Laquís e nos seus campos, e en Azecá e nas aldeas do arredor. Establecéronse* na rexión que vai desde Beer-Seba ata o val de Hinón.

31 Os da tribo de Benxamín vivían en Gueba, en Micmás, en Aia, en Betel e nas aldeas do arredor, 32 en Anatot, en Nob, en Ananía, 33 en Hasor, en Ramá, en Guitaim, 34 en Hadid, en Seboim, en Nebalat, 35 en Lod e en Onó, no val dos artesáns. 36 E a algúns grupos dos levitas de Xudá díxoselles que vivisen na rexión de Benxamín.

12 Estes foron os sacerdotes e os levitas que saíron do desterro con Zorobabel, que era fillo de Sealtiel, e con Xesúa. Os sacerdotes eran: Seraia, Xeremías, Esdras, 2 Amarías, Maluc, Hatús, 3 Secanías, Reúm, Meremot, 4 Idó, Guinetoi, Abías, 5 Millamín, Maadías, Bilgá, 6 Semaia, Xoiarib, Xedaías, 7 Salú, Amoc, Hilquías e Xedaías. Estes eran os xefes dos sacerdotes e dos seus irmáns nos tempos de Xesúa.

8 Os levitas eran: Xesúa, Binuí, Cadmiel, Xerebías, Xudá e Matanías, que dirixía as cancións de agradecemento xunto cos seus irmáns. 9 E os seus irmáns Bacbuquías e Uní estaban en fronte deles servindo como gardas*. 10 Xesúa foi o pai de Xoiaquim, Xoiaquim foi o pai de Eliaxib, Eliaxib foi o pai de Xoiadá, 11 Xoiadá foi o pai de Xonatán e Xonatán foi o pai de Xadúa.

12 Nos días de Xoiaquim, estes foron os sacerdotes, os xefes das casas paternas: da casa de Seraia, Meraías; da casa de Xeremías, Hananías; 13 da casa de Esdras, Mexulam; da casa de Amarías, Xehohanán; 14 da casa de Maluquí, Xonatán; da casa de Xebanías, Xosé; 15 da casa de Harim, Adná; da casa de Meraiot, Helcai; 16 da casa de Idó, Zacarías; da casa de Guinetón, Mexulam; 17 da casa de Abías, Zicrí; da casa de Miniamín, [?]*; da casa de Moadías, Piltai; 18 da casa de Bilgá, Xamúa; da casa de Semaia, Xehonatán; 19 da casa de Xoiarib, Matenai; da casa de Xedaías, Uzí; 20 da casa de Salai, Calai; da casa de Amoc, Éber; 21 da casa de Hilquías, Haxabías, e da casa de Xedaías, Netanel.

22 Os xefes das casas paternas dos levitas e dos sacerdotes foron inscritos nos días de Eliaxib, de Xoiadá, de Xohanán e de Xadúa, é dicir, ata o reinado de Darío o persa.

23 Os levitas que eran xefes das casas paternas foron inscritos no libro dos rexistros históricos ata os días de Xohanán, que era fillo de Eliaxib. 24 Os xefes dos levitas eran Haxabías, Xerebías e Xesúa, que era fillo de Cadmiel. E os seus irmáns, os gardas, colocábanse en fronte deles, un grupo de gardas ó lado do outro, para louvar a Deus e darlle grazas seguindo as instrucións de David, o home do Deus verdadeiro. 25 Matanías, Bacbuquías, Abdías, Mexulam, Talmón e Acub eran porteiros, e estaban de garda vixiando os almacéns xunto ás portas do templo. 26 Eles serviron nos días de Xoiaquim (que era fillo de Xesúa, que era fillo de Xosadac) e nos días do gobernador Nehemías e do sacerdote e copista* Esdras.

27 Para a inauguración das murallas de Xerusalén foron buscar ós levitas a tódolos lugares onde vivían. Trouxéronos a Xerusalén para celebrar a inauguración con alegría, con cancións de agradecemento, con címbalos*, con instrumentos de corda e con arpas. 28 E reuníronse os cantores profesionais* que viñan do distrito*, dos arredores de Xerusalén, dos poboados dos netofatitas, 29 de Bet-Guilgal e dos campos de Gueba e de Azmávet, porque os cantores construíran poboados arredor de Xerusalén. 30 Os sacerdotes e os levitas purificáronse cerimonialmente e tamén purificaron o pobo, as portas e a muralla.

31 Entón fixen que os gobernantes de Xudá subisen á muralla. Ademais organicei dous coros grandes para dar grazas, e detrás de cada coro ía un grupo de persoas. Un dos coros foi cara á dereita, camiñando sobre a muralla en dirección á Porta dos Montóns de Cinza. 32 Detrás ían Hoxaías e a metade dos gobernantes de Xudá. 33 Tamén ían Azarías, Esdras, Mexulam, 34 Xudá, Benxamín, Semaia e Xeremías. 35 E algúns dos fillos dos sacerdotes seguíanos coas trompetas: Zacarías (que era fillo de Xonatán, que era fillo de Semaia, que era fillo de Matanías, que era fillo de Micaia, que era fillo de Zacur, que era fillo de Asaf) 36 e os seus irmáns Semaia, Azarel, Milalai, Guilalai, Maai, Netanel, Xudá e Hananí. Eles levaban os instrumentos musicais de David, o home do Deus verdadeiro. Esdras, o copista, ía diante deles. 37 Cando chegaron á Porta da Fonte seguiron cara adiante por encima da Escaleira da Cidade de David, pasando pola subida da muralla, e continuaron ata máis arriba da casa de David, ata a Porta da Auga, ó leste.

38 O outro coro que se encargaba de dar grazas foi en dirección contraria. Eu seguino por encima da muralla coa outra metade da xente, pasando pola Torre dos Fornos, seguindo polo Muro Ancho, 39 a Porta de Efraín, a Porta da Cidade Vella, a Porta do Peixe, a Torre de Hananel, a Torre de Meá e a Porta das Ovellas, ata chegar á Porta da Garda, onde paramos.

40 Ó final os dous coros que se encargaban de dar grazas pararon diante da casa do Deus verdadeiro. Tamén paramos eu e a metade dos gobernantes locais que ían comigo, 41 e os sacerdotes Eliaquim, Maaseia, Miniamín, Micaia, Elioenai, Zacarías e Hananías, que levaban as trompetas, 42 e tamén Maaseia, Semaia, Eleazar, Uzí, Xehohanán, Malquilla, Elam e Ézer. Os cantores cantaban moi alto baixo a dirección de Izrahías.

43 Ese día ofreceron moitos sacrificios e estiveron moi contentos, porque o Deus verdadeiro fixo que sentisen moita alegría. As mulleres e os nenos tamén estaban moi contentos. Había tanta alegría en Xerusalén que podía escoitarse desde lonxe.

44 Ese día tamén foron nomeados algúns homes para que se encargasen dos almacéns que se usaban para as contribucións, as primicias e as décimas partes*. Alí tiñan que gardar a parte da colleita que producían os campos que estaban cerca das cidades, a que a Lei lles asignaba ós sacerdotes e ós levitas. Toda a xente de Xudá estaba feliz polo servizo que os sacerdotes e os levitas facían no templo. 45 Os sacerdotes e os levitas comezaron a cumprir coas súas responsabilidades no servizo ó seu Deus e coa obrigación de facer purificacións, igual que fixeron os cantores e os porteiros, seguindo as instrucións de David e do seu fillo Salomón. 46 Porque hai moito tempo, nos días de David e de Asaf, había directores que dirixían os cantores e as cancións de louvanza e de agradecemento a Deus. 47 E nos días de Zorobabel e nos días de Nehemías, tódolos israelitas dábanlles a parte que lles correspondía ós cantores e ós porteiros, segundo as necesidades diarias. Ademais dábanlles ós levitas a parte que lles correspondía, e os levitas, do que recibían, dábanlles ós descendentes de Aarón a parte que lles correspondía.

13 Ese día léuselle ó pobo o libro de Moisés. E viron que dicía que os amonitas e os moabitas nunca deberían ser parte da congregación do Deus verdadeiro, 2 porque non lles deran nin pan nin auga ós israelitas. Todo o contrario, pagáranlle a Balaam para que os maldixese. Pero o noso Deus converteu esa maldición nunha bendición. 3 En canto o pobo escoitou a Lei, empezou a separar de Israel a tódolos que eran de orixe estranxeira*.

4 Antes diso, o sacerdote que se encargaba dos almacéns* da casa* do noso Deus era Eliaxib, que era familiar de Tobías. 5 Eliaxib permitíralle a Tobías usar un almacén* grande. Alí antes gardábanse a ofrenda de gran, o olíbano, os utensilios e a décima parte dos cereais, do viño novo e do aceite que lles correspondía ós levitas, ós cantores e ós porteiros. Tamén se gardaba alí a contribución para os sacerdotes.

6 Durante todo ese tempo eu non estaba en Xerusalén, porque volvera onda o rei Artaxerxes de Babilonia no ano 32 do seu reinado. Pero algún tempo despois pedinlle permiso para ausentarme. 7 Entón volvín a Xerusalén e deime conta da barbaridade que fixera Eliaxib para compracer a Tobías: puxera á súa disposición un almacén no patio da casa do Deus verdadeiro. 8 Isto indignoume tanto que tirei tódolos mobles de Tobías fóra do almacén*. 9 Despois mandei que limpasen os almacéns* e volvín a poñer alí os utensilios da casa do Deus verdadeiro, a ofrenda de gran e o olíbano*.

10 Tamén souben que os levitas non estiveran recibindo a parte que lles correspondía. Por iso os levitas e os cantores que servían alí tiveran que marchar, cada un para o seu campo. 11 Así que reprendín os gobernantes locais e díxenlles: “Por que permitistes que se desatendese a casa do Deus verdadeiro?”. Entón xuntei a tódolos que marcharan, e encargueilles que volvesen para atender as súas tarefas. 12 E todo Xudá levou a décima parte dos cereais, do viño novo e do aceite ós almacéns. 13 Entón puxen a cargo dos almacéns ó sacerdote Xelemías, ó copista* Sadoc e a Pedaías, que era un dos levitas. Como axudante deles puxen a Hanán, que era fillo de Zacur, que era fillo de Matanías. Todos eran homes de confianza. Eles tiñan a responsabilidade de entregarlles ós seus irmáns a parte que lle correspondía a cada un.

14 Meu Deus, acórdate de min e de todo o que fixen. E non borres da túa memoria o amor leal que demostrei pola túa casa e polos que serven alí*.

15 Naqueles días, vin que había xente en Xudá que pisaba uvas para facer viño* en sábado, que recollía cereais e cargábaos en burros e que traía a Xerusalén viño, uvas, figos e todo tipo de produtos en sábado. Así que advertinlles que deixasen de vender alimentos ese día*. 16 Ademais, os tirios que vivían na cidade traían peixe e mercancías de todo tipo, e vendíanllo en sábado ó pobo de Xudá en Xerusalén. 17 Entón reprendín os nobres de Xudá e díxenlles: “Como vos atrevedes a facer algo tan malo como profanar o sábado? 18 E logo non foi iso o que fixeron os vosos antepasados? Foi por iso que Deus nos trouxo todas estas desgrazas a nós e tamén á cidade. E agora vós estades facendo que Deus se enfade aínda máis con Israel ó profanar o sábado”.

19 Así que tan pronto como empezou a facerse de noite*, antes de que empezase o sábado, mandei que se cerrasen as portas de Xerusalén e que non se abrisen ata que terminase o sábado. Tamén lles encarguei a algúns dos meus axudantes que vixiasen as portas para que ninguén trouxese ningunha mercancía en sábado. 20 Por iso os comerciantes e os vendedores de toda clase de mercancías pasaron a noite fóra de Xerusalén unha ou dúas veces. 21 Entón díxenlles: “Que facedes aquí?”. E advertinlles: “Se volvedes pasar a noite en fronte da muralla botareivos de aquí á forza”. A partir daquel momento non viñeron máis en sábado.

22 Ademais, díxenlles ós levitas que tiñan que purificarse con regularidade e vir vixiar as portas para que o sábado seguise sendo un día santo. Meu Deus, acórdate tamén disto e tenmo en conta. Ti que tes tanto amor leal, ten compaixón de min.

23 Naqueles días tamén vin que algúns xudeus casaran con* mulleres asdoditas, amonitas e moabitas. 24 A metade dos seus fillos falaba asdodeo e a outra metade os idiomas doutros pobos, pero ningún sabía falar o idioma dos xudeus. 25 Así que reprendín a eses xudeus e maldicinos. A algúns deles pegueilles, arranqueilles os pelos* e díxenlles: “Xurade por Deus que non casaredes as vosas fillas cos seus fillos, que non casaredes os vosos fillos coas fillas deles e que vós tampouco casaredes con elas. 26 Acaso non foi por iso que pecou Salomón, o rei de Israel? Non había rei coma el en ningunha outra nación. O seu Deus queríalle moito, e por iso fixo que fose o rei de todo Israel. Pero as mulleres estranxeiras fixeron que incluso el pecase. 27 É incrible que vos atrevésedes a cometer este pecado tan grande! Como puidestes ser infieis a Deus casando con mulleres estranxeiras?”.

28 Un dos fillos de Xoiadá, que era fillo do sumo sacerdote Eliaxib, chegara a ser xenro de Sanbalat o horonita, así que boteino fóra.

29 Meu Deus, recorda que contaminaron o sacerdocio e tamén o pacto que se fixo cos sacerdotes e cos levitas.

30 Eu purifiquei o pobo de toda influencia* estranxeira e organicei as responsabilidades dos sacerdotes e dos levitas, segundo o servizo que prestaba cada un. 31 Ademais, fixen os preparativos para que se trouxese leña regularmente e tamén para que se trouxesen os primeiros froitos maduros.

Meu Deus, acórdate de min e bendíceme*.

Que significa “Xah dá consolo”.

Ver apén. B15.

Ou “no palacio”, “na fortaleza”.

Ou “naquel distrito xurisdicional”.

Ver glosario.

Ver glosario decisións xudiciais.

Ou “a advertencia que lle deches”.

Ou “coa túa poderosa man”.

Lit. “temer”.

Ver apén. B15.

Ou “da rexión Transeufratina”, “da rexión Máis Alá do Río”.

Ou “do bosque do rei”.

Ou “do Templo”.

Lit. “a man bondadosa do meu Deus”.

Lit. “servo”.

Lit. “puxera no meu corazón”.

Ou “uadi”. Ver glosario uadi.

Lit. “como a man bondadosa de Deus estaba sobre min”.

Lit. “fortaleceron as súas mans”.

Lit. “servo”.

Ou “santificárona”.

Lit. “non quixeron poñer o seu pescozo para traballar”.

Lit. “pertencían ó trono”.

Ou “perfumes”.

Ou “pavimentaron con lousas de pedra”.

Ou “príncipe”. Ver glosario príncipe.

Lit. “1000 cóbados”. Ver apén. B14.

Ou “na Columna de Apoio”.

Ou quizais “do distrito veciño”.

Ou “do Palacio”.

Ou “netineos”. Lit. “entregados”. Ver glosario netineos.

Ou “do seu salón”.

Ou “ofendeuse”.

Lit. “se volvan contra as súas propias cabezas”.

Ou “Os que levan cargas”.

Lit. “10 veces”.

Ou “príncipes”. Ver glosario príncipe.

Lit. “estaban detrás de”.

Ou “un proxectil”.

Lit. “A nosa carne é como a carne dos nosos irmáns”.

Lit. “de reflexionar sobre estas cousas no meu corazón”.

Ou “estades practicando a usura cos”.

Lit. “a centésima parte”, é dicir, o 1% mensual.

Lit. “sacudín o meu peito”, é dicir, a parte da roupa que estaba á altura do peito e que se usaba como peto no pasado.

Ou “Así sexa!”.

É dicir, 456 g. Un siclo equivalía a 11,4 g. Ver apén. B14.

Lit. “para min”.

Ou “acórdate de min para ben”.

Lit. “do teu corazón”.

Ou “as súas mans vanse cansar”.

Lit. “que fortalezas as miñas mans”.

Ver apén. B15.

Lit. “decaeron moito ós seus propios ollos”.

Lit. “puxo no meu corazón”.

Ou “netineos”. Lit. “entregados”. Ver glosario netineos.

Ou “foron excluídos do sacerdocio por ser considerados impuros”.

Ou “tirxatá”. Título que os persas lle daban ó gobernador dunha provincia.

Lit. “Toda a congregación”.

Ou “tirxatá”. Título que os persas lle daban ó gobernador dunha provincia.

Ou “o tesouro”.

Normalmente este dracma equivalía ó dárico, unha moeda persa de ouro que pesaba 8,4 g. Non debe confundirse co dracma das Escrituras Gregas. Ver apén. B14.

A mina que se menciona nas Escrituras Hebreas equivalía a 570 g. Ver apén. B14.

Lit. “todo Israel”.

Ou “escriba”.

Ou “escriba”.

Ou “Así sexa!”.

Ou “Así déronlle sentido á lectura”.

Ou “tirxatá”. Título que os persas lle daban ó gobernador dunha provincia.

Ou “escriba”.

Lit. “as cousas graxentas”.

Lit. “porque a felicidade de Xehová é a vosa fortaleza”. É dicir, un castelo ou fortificación.

Ou “escriba”.

Refírese a refuxios temporais.

Ou “terrazas”.

Lit. “Toda a congregación dos”. Ver glosario congregación.

Lit. “unha cuarta parte do día”.

Ou “desde a eternidade ata a eternidade”.

Lit. “todo o seu exército”.

Lit. “O exército dos ceos”.

Lit. “verdadeiras”.

Lit. “pola que levantaches a túa man para”

Lit. “fixeron duro o seu pescozo”.

Ou “perdoador”.

Ou “lento para a ira”.

Ou “un becerro de metal fundido”.

Lit. “bo espírito”.

Ou “perspicacia”.

Ver glosario.

Ver glosario cidade fortificada.

Ou “ricas”.

Ver glosario.

Lit. “puxeron a túa Lei detrás das súas costas”.

Ou “esmagaban”.

Ou “ós recordatorios”.

Ou “rica”.

Ou “tirxatá”. Título que os persas lle daban ó gobernador dunha provincia.

Ou “netineos”. Lit. “entregados”. Ver glosario netineos.

Ou quizais “calquera que tivese idade suficiente para entender”.

Ver glosario maldicir.

Lit. “andar na”.

Un siclo equivalía a 11,4 g. Ver apén. B14.

Ou “do templo”.

É dicir, o pan da presenza. Ver glosario pan da presenza.

Ou “expían”.

Ver glosario.

Ou “comedores”.

Ou “o décimo”. Ver glosario décimo; décima parte.

Ou “os comedores”.

Ou “comedores”.

Ou “netineos”. Lit. “entregados”. Ver glosario netineos.

Ou “do templo”.

Ou “na súa propia herdanza”.

Lit. “estaba á man do rei”.

Ou “dependentes”.

Ou “Acamparon”.

Ou quizais “durante o servizo relixioso”.

Parece ser que aquí o texto hebreo omite un nome.

Ou “escriba”.

O címbalo é un instrumento de percusión.

Lit. “os fillos dos cantores”.

É dicir, o distrito da rexión do Xordán.

Ou “o décimo”. Ver glosario décimo; décima parte.

Ou “a tódolos de ascendencia mixta”.

Ou “comedores”.

Ou “do templo”.

Ou “comedor”.

Ou “comedor”.

Ou “comedores”.

Ver glosario.

Ou “escriba”.

Ou “e polo coidado dela”.

Lit. “pisaba os lagares”.

Ou quizais “advertinlles ese día que deixasen de vender alimentos”.

Ou “as sombras empezaron a cubrir as portas”.

Ou “levaran ás súas casas”.

É posible que tamén se refira á barba.

Ou “contaminación”.

Ou “acórdate de min para ben”.

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir