BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • nwt Rut 1:1-4:22
  • Rut

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Rut
  • A Biblia. Tradución do Novo Mundo
A Biblia. Tradución do Novo Mundo
Rut

RUT

1 No tempo no que os xuíces se aseguraban de que se fixese xustiza*, houbo unha época de fame no país. Por iso, un home de Belén de Xudá foi vivir coa súa muller e cos seus dous fillos ó estranxeiro, á terra* de Moab. 2 El chamábase Elimélec*, a súa muller chamábase Noemí*, e os seus dous fillos Mahlón* e Quilión*. Eran de Efrata, é dicir, de Belén de Xudá. E cando chegaron á terra de Moab quedaron a vivir alí.

3 Algún tempo despois, Elimélec morreu, así que a súa muller, Noemí, quedou soa cos seus dous fillos. 4 Máis adiante, os seus fillos casaron con mulleres de Moab: unha chamábase Orpá e a outra Rut. Viviron alí uns 10 anos. 5 Despois tamén morreron Mahlón e Quilión, así que Noemí quedou sen home e sen fillos. 6 Entón decidiu volver ó seu país, porque mentres estaba na terra de Moab escoitara dicir que Xehová se lembrara do seu pobo e que lle dera comida*, e as súas noras volveron con ela.

7 Noemí marchou do lugar onde vivía, e as súas dúas noras foron con ela. Mentres ían camiñando á terra de Xudá, 8 Noemí díxolles: “É mellor que marchedes e que cada unha volva á casa da súa nai. Que Xehová vos mostre amor leal, tal coma vós nolo mostrastes a min e ós meus fillos que morreron. 9 Que Xehová vos dea* un marido a cada unha para que poidades ter a seguridade* dun fogar”. Entón bicounas, e puxéronse a chorar desconsoladamente. 10 Elas non paraban de dicirlle: “Non, non imos volver. Iremos contigo e viviremos co teu pobo”. 11 Pero Noemí díxolles: “Volvede, filliñas. Para que ides vir comigo? Eu xa non podo ter fillos cos que poidades casar. 12 Volvede, filliñas. Marchade, que eu xa son demasiado vella para casar. E aínda que puidese casar esta mesma noite e tivese fillos, 13 esperariades por eles ata que medrasen? Quedariades sen casar todo ese tempo? Non, miñas fillas. Xehová púxose na miña contra*, e amárgame moito ver como vos está afectando isto a vós”.

14 Entón empezaron a chorar desconsoladamente outra vez. Despois Orpá bicou a súa sogra e marchou, pero Rut non quixo separarse dela. 15 Así que Noemí díxolle: “Mira, a miña outra nora* volveu co seu pobo e cos seus deuses. Vaite con ela”.

16 Pero Rut díxolle: “Non me sigas pedindo que te deixe nin que me separe de ti, porque a onde ti vaias eu irei, e onde ti pases a noite eu pasarei a noite. O teu pobo será o meu pobo, e o teu Deus será o meu Deus. 17 Onde ti morras eu morrerei, e alí me enterrarán. Que Xehová me castigue con dureza se me separo de ti por algo que non sexa a morte”.

18 Cando Noemí viu que Rut insistía en ir con ela, deixou de intentar convencela. 19 Así que as dúas seguiron a súa viaxe ata Belén. En canto chegaron, formouse un alboroto moi grande en toda a cidade, e as mulleres preguntaban: “De verdade é Noemí?”. 20 Pero ela dicíalles: “Non me chamedes Noemí*. Chamádeme Mara*, porque o Todopoderoso encheu a miña vida de amargura. 21 Cando marchei tíñao todo, pero Xehová fíxome volver coas mans baleiras. Por que me chamades Noemí se Xehová se puxo na miña contra? O Todopoderoso fíxome sufrir moito”.

22 Así foi como volveu Noemí da terra de Moab acompañada de Rut, a súa nora moabita. Chegaron a Belén cando empezaba a colleita da cebada.

2 Noemí tiña un familiar por parte do seu home Elimélec que se chamaba Boaz e que era moi rico.

2 Rut, a moabita, díxolle a Noemí: “Por favor, déixame ir ós campos para ver se atopo a alguén que me permita rebuscar* entre as espigas que van quedando atrás”. E Noemí respondeulle: “Vai, miña filla”. 3 Así que ela foi a un campo e púxose a rebuscar detrás dos que facían a colleita. Resulta que por casualidade chegou a un terreo que era de Boaz, o familiar de Elimélec. 4 Xusto nese momento chegou Boaz, que viña de Belén, e díxolles ós traballadores: “Que Xehová estea con vós”. E eles contestáronlle: “Que Xehová te bendiga”.

5 Entón Boaz preguntoulle ó encargado dos que facían a colleita: “De que familia é esta rapaza?”. 6 O encargado respondeulle: “É unha moabita que veu con Noemí da terra de Moab. 7 Ela pediume: ‘Por favor, podería rebuscar e xuntar as espigas cortadas* que van deixando atrás os que están facendo a colleita?’. E non parou de traballar dende que chegou esta mañá ata hai un momento, que se sentou no caseto para descansar un pouquiño”.

8 Despois Boaz díxolle a Rut: “Escoita, filliña. Non vaias rebuscar a outro campo, non marches de aquí. Queda cerca das miñas traballadoras. 9 Estate pendente de cal é o campo no que están traballando e vai con elas. Mandeilles ós rapaces que non te molesten*. Cando teñas sede, vai beber dos recipientes de auga que enchan os rapaces”.

10 Ó escoitar iso, ela botouse ó chan, inclinou a cabeza e preguntoulle: “Por que te portas tan ben comigo? Por que te preocupas por min, se son unha estranxeira?”. 11 Boaz contestoulle: “Contáronme todo o que fixeches pola túa sogra desde que morreu o teu home, e tamén que deixaches a teu pai, a túa nai e a terra na que naciches para vivir cun pobo que non coñecías. 12 Que Xehová che pague o que fixeches. E que Xehová, o Deus de Israel, che dea unha recompensa completa*, porque buscaches refuxio debaixo das súas ás”. 13 E ela díxolle: “Meu señor, gustaríame ter a túa aprobación, porque me consolaches a min, a túa serva, e porque me tranquilizaches coas túas palabras*, aínda que nin sequera son unha das túas servas”.

14 Ó chegar a hora de comer, Boaz díxolle: “Ven aquí, colle un pouco de pan e móllao no vinagre”. Así que ela sentouse ó lado dos que estaban facendo a colleita. Boaz deulle gran tostado e ela comeu ata que quedou satisfeita, e incluso lle sobrou. 15 Cando Rut se levantou para seguir coa rebusca, el mandoulles ós seus traballadores: “Deixádelle que tamén rebusque entre as espigas cortadas* e non a molestedes. 16 Ademais, asegurádevos de sacar algunhas espigas dos feixes e deixádeas caer para que ela as recolla. E non intentedes impedirllo”.

17 Ela seguiu rebuscando no campo ata a tardiña. Cando lle sacou o gran* a todo o que recollera, había máis ou menos un efá* de cebada. 18 Despois colleu a cebada e marchou para a cidade, e ensinoulle á súa sogra o que recollera. Tamén sacou a comida que lle sobrara despois de quedar satisfeita e deulla.

19 Entón a súa sogra preguntoulle: “Onde fuches hoxe facer a rebusca? Onde estiveches traballando? Que Deus bendiga a quen foi tan bo contigo”. Así que Rut contoulle onde estivera traballando. Díxolle: “Hoxe traballei no campo dun home que se chama Boaz”. 20 Cando escoitou iso, Noemí díxolle: “Que sexa bendicido por Xehová, quen non deixou de mostrarlles amor leal nin ós vivos nin ós mortos”. E engadiu: “Ese home é familiar noso. É un dos nosos recompradores*”. 21 Despois Rut a moabita contoulle: “Tamén me dixo: ‘Queda cerca dos meus traballadores ata que recollan toda a miña colleita’”. 22 E Noemí díxolle á súa nora: “Si, filliña, é mellor que vaias coas súas traballadoras. Así non te molestarán noutro campo”.

23 Así que Rut seguiu facendo a rebusca cerca das traballadoras de Boaz ata que acabou a colleita da cebada e a do trigo. E seguiu vivindo coa súa sogra.

3 Entón, a súa sogra Noemí díxolle: “Miña filla, vouche buscar un home que case contigo para que poidas ter un fogar* e che vaia ben. 2 Boaz é da nosa familia e as traballadoras coas que estiveches son as súas servas. Esta noite el vai aventar* a cebada na eira*. 3 Así que lávate e bótate aceite perfumado. Despois vístete coa túa mellor roupa* e baixa á eira. Pero que el non se dea conta de que estás alí ata que acabe de comer e beber. 4 Cando vaia durmir, fíxate onde se deita. Entón acércate, destápalle os pés e déitate alí. E el dirache o que tes que facer”.

5 Rut respondeulle: “Farei todo o que me dis”. 6 Así que ela baixou á eira e fixo todo o que a súa sogra lle mandara. 7 Despois de comer e beber, Boaz sentiuse ben e foise deitar ó lado do montón de gran. Entón Rut acercouse sen facer ruído, destapoulle os pés e deitouse alí. 8 Á medianoite, Boaz empezou a tremer. Cando se incorporou, viu que había unha muller deitada ós seus pés 9 e preguntoulle: “Quen es?”. Ela respondeulle: “Son Rut, a túa serva. Estende o teu manto* sobre a túa serva*, porque es un dos nosos recompradores”. 10 Entón el díxolle: “Que Xehová te bendiga, miña filla. As cousas que fixeches antes demostraron o teu amor leal, pero o que estás facendo agora demóstrao aínda máis. Porque non buscaches un home que fose novo, sen importar que fose pobre ou rico. 11 E agora, filliña, non teñas medo. Farei por ti todo o que dis, porque toda a cidade* sabe que es unha muller extraordinaria. 12 Pero aínda que son un dos vosos recompradores, hai outro recomprador que é un familiar máis próximo ca min. 13 Queda aquí esta noite. E se pola mañá el decide recomprarte, está ben, que o faga. Pero se non quere, podes estar segura de que te recomprarei eu. Isto é tan certo como que Xehová vive. Agora queda aquí deitada ata que saia o sol”.

14 Así que ela quedou deitada ós seus pés ata a mañá, e levantouse antes de que fose de día e alguén a puidese recoñecer. Entón Boaz dixo: “Que ninguén saiba que unha muller veu á eira”. 15 E díxolle a Rut: “Trae o manto que levas posto, ábreo e agárrao con forza”. Mentres ela o mantiña aberto, el botou nel seis medidas* de cebada e despois colocouno sobre ela. Entón Boaz volveu para a cidade.

16 Rut volveu á casa da súa sogra, que lle preguntou: “Como che foi*, filliña?”. Así que Rut contoulle todo o que Boaz fixera por ela. 17 Tamén lle explicou: “Deume estas seis medidas de cebada e díxome: ‘Non vaias coas mans baleiras para a casa da túa sogra’”. 18 Entón Noemí díxolle: “Filliña, agora espera a ver que pasa, porque el non vai descansar ata que solucione hoxe este asunto”.

4 Boaz subiu ata a porta da cidade e sentouse alí. Cando viu pasar o recomprador do que falara, díxolle: “Compañeiro*, ven aquí e séntate”. Así que el achegouse e sentouse. 2 Despois, Boaz chamou a 10 dos anciáns da cidade e díxolles: “Sentádevos aquí”. E eles sentáronse.

3 Entón Boaz díxolle ó recomprador: “Noemí, que volveu da terra de Moab, ten que vender o terreo que era do noso irmán Elimélec. 4 Así que pensei que debía contarcho e dicirche: ‘Compra o terreo diante da xente que vive aquí e dos anciáns do pobo. Se o queres recomprar, faino. Pero se non queres, dimo para que o saiba. Porque eu son o que ten o dereito de recompralo despois de ti’”. E o recomprador contestou: “De acordo, vouno recomprar”. 5 Entón Boaz dixo: “Cando lle compres o campo a Noemí, tamén tes que comprarllo á muller do seu fillo que morreu, a Rut a moabita. Así manterase* o nome do defunto sobre a súa herdanza”. 6 Ó escoitar iso, o recomprador contestou: “Non podo recompralo, porque poñería en perigo a miña propia herdanza. Usa ti o meu dereito de recompra, que eu non podo facelo”.

7 Naqueles tempos en Israel, se un home quería legalizar calquera tipo de transacción relacionada co dereito de recompra e o seu traspaso, tiña que quitarse unha sandalia e darlla á outra persoa. Esta era a maneira de cerrar un trato en Israel. 8 Por iso o recomprador quitou a sandalia cando lle dixo a Boaz: “Cómprao ti”. 9 Entón Boaz díxolles ós anciáns e a tódolos que estaban alí: “Vós sodes testemuñas hoxe de que lle compro a Noemí todo o que era de Elimélec e todo o que era de Quilión e de Mahlón. 10 E tamén vou casar con* Rut a moabita, a viúva de Mahlón, para que o nome do defunto se manteña* sobre a súa herdanza. Así os seus irmáns e a xente da cidade* non esquecerán o seu nome. Hoxe vós sodes testemuñas”.

11 Tódolos que estaban na porta da cidade e os anciáns dixeron: “Somos testemuñas! Que Xehová bendiga a muller que vai entrar na túa casa para que sexa coma Raquel e Lea, que foron nais da nación de Israel. Que che vaia ben en Efrata e que te fagas un bo nome* en Belén. 12 E que, grazas á descendencia que Xehová che dea por medio desta rapaza, a túa familia chegue a ser coma a de Pérez, o fillo de Tamar e Xudá”.

13 Entón Boaz levou a Rut para a súa casa e ela converteuse na súa muller. El tivo relacións sexuais con ela e, coa bendición de Xehová, Rut quedou embarazada e tivo un fillo. 14 As mulleres dixéronlle a Noemí: “Que Xehová sexa louvado, porque non te deixou sen recomprador. Que se proclame o seu nome en Israel! 15 Este neno devolveuche a vida* e vaite coidar na túa vellez, porque é o fillo da túa nora. Ela quérete moito e é mellor para ti que sete fillos”. 16 Noemí colleu o neno no colo e foi ela quen se encargou de coidalo. 17 As veciñas puxéronlle nome ó neno. Dixeron: “A Noemí naceulle un fillo”. E chamáronlle Obed. El é o pai de Xesé, que é o pai de David.

18 Estes son os descendentes* de Pérez: Pérez foi o pai de Hezrón, 19 Hezrón foi o pai de Ram, Ram foi o pai de Aminadab, 20 Aminadab foi o pai de Nasón, Nasón foi o pai de Salmón, 21 Salmón foi o pai de Boaz, Boaz foi o pai de Obed, 22 Obed foi o pai de Xesé e Xesé foi o pai de David.

Lit. “xulgaban”.

Ou “á rexión”. Lit. “ós campos”.

Que significa “o meu Deus é rei”.

Que significa “o meu agrado”.

É posible que veña dunha palabra hebrea que significa “debilitarse” ou “enfermar”.

Que significa “o que se debilita” ou “o que chega ó seu fin”.

Lit. “pan”.

Ou “regale”.

Lit. “o descanso”.

Ou “A man de Xehová volveuse contra min”.

Ou “a túa concuñada”.

Que significa “o meu agrado”.

Que significa “amarga”.

Ou “recoller as sobras”. Ver glosario rebusca.

Ou quizais “os feixes”.

Ou “non te toquen”.

Ou “un salario perfecto”.

Lit. “me falaches ó corazón”.

Ou quizais “os feixes”.

Ou “lle deu golpes”.

Uns 22 litros. Ver apén. B14.

Ou “un dos nosos familiares que ten o dereito de recomprarnos (rescatarnos)”. Ver glosario recomprador.

Lit. “un lugar de descanso”.

Ver glosario.

Ou “aira”.

Ou “cos teus mantos”.

Ou “a beira do teu manto”.

Ou “Protexe a túa serva”.

Lit. “toda a porta do meu pobo”.

É posible que fosen seis medidas de sea, é dicir, uns 44 litros. Isto equivalía a uns 25 kg de cebada. Ver apén. B14.

Lit. “Quen es”.

Non se menciona o nome da persoa intencionadamente.

Ou “volverá a estar”.

Lit. “adquiro a”.

Ou “volva a estar”.

Lit. “e a porta do seu lugar”.

Lit. “proclames un nome”.

Ou “chegou a ser o restaurador da túa alma”.

Lit. “Estas son as xeracións”.

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir