Primera Carta ós Corintios
8 No que toca ás carnes inmoladas ós ídolos, é ben sabido que todos temos coñecemento. Pero o coñecemento incha, mentres que a caridade é constructiva. 2 Se alguén cre que xa coñece algo, aínda non coñece como hai que coñecer. 3 En troques, se alguén ama a Deus, Deus coñéceo a el.
4 Así que verbo de come-las carnes sacrificadas ós ídolos, sabemos que ningún ídolo existe de verdade no mundo, nin deus ningún fóra do Único. 5 Porque, anque haxa moitos deuses de nome, tanto no ceo coma na terra —e hai efectivamente moitos deuses e moitos señores—, 6 para nós non hai máis ca un só Deus, o Pai, de quen todo procede e para quen nós estamos feitos; nin hai máis ca un só Señor, Xesús Cristo, por quen todo existe e por quen existimos nós mesmos.
7 Pero non todos teñen este coñecemento. Algúns, por estaren afeitos ata agora á mentalidade idolátrica, comen esa carne coma se fose sagrada; entón, a súa conciencia, por non estar segura, quédalles lixada. 8 Desde logo, non é a comida o que nos achega a Deus: non imos ser menos por non comer, nin por comer imos ser máis. 9 Pero tede coidado de que esa liberdade vosa non sexa tropezo para os débiles. 10 Porque, se alguén te ve a ti, que tes coñecemento, sentado á mesa nun templo idolátrico, ¿non é certo que, a quen non está aínda seguro, o vai tenta-la conciencia a come-lo sacrificado ós ídolos? 11 Así, polo teu coñecemento pérdese o débil, ese irmán por quen morreu Cristo.
12 Dese xeito, pecando contra os irmáns e ferindo a súa débil conciencia, pecades contra Cristo. 13 Por iso, se unha comida escandaliza a un irmán meu, endexamais non probarei a carne, para non escandalizar a meu irmán.