Primera Carta ós Corintios
11 Procurade imitarme a min, como eu imito a Cristo.
2 Felicítovos por vos lembrar de min en todo, e por mantérde-las tradicións tal como volas entreguei. 3 Pero quero que saibades que a cabeza de todo home é Cristo, que a cabeza da muller é o home, e que a cabeza de Cristo é Deus. 4 Todo home que reza ou profetiza coa cabeza cuberta deshonra a súa cabeza. 5 E toda muller que reza ou profetiza coa cabeza descuberta deshonra a súa cabeza, pois é talmente igual coma se estivese rapada. 6 Logo, se unha muller non se cobre, que se rape. Pero, se é unha deshonra para a muller corta-lo pelo ou raparse, que se cubra.
7 O home non necesita, xa que logo, cubri-la cabeza, sendo como é a imaxe e reflexo de Deus. Mais a muller é o reflexo do home. 8 Porque o home non procede da muller, senón a muller do home. 9 Nin se creou o home para a muller, senón a muller para o home. 10 Por iso debe a muller levar na cabeza un sinal de sumisión, por mor dos anxos. 11 (Anque polo demais, no Señor nin a muller existe sen o home nin existe o home sen a muller; 12 pois do mesmo xeito que a muller vén do home, o home vén por medio da muller; e todo vén de Deus).
13 Xulgade por vós mesmos: ¿é decente que a muller rece a Deus coa cabeza descuberta? 14 ¿Non vos ensina a mesma natureza que é unha deshonra para o home deixar medra-lo pelo; 15 e que, pola contra, cámpalle á muller o pelo longo? Pois a ela as guedellas déronselle coma pano da cabeza. 16 Ademais, se alguén ten gana de discusións, saiba que non temos tal costume, nin tampouco as igrexas de Deus.
17 Ó facervos estas recomendacións, non podo aplaudi-lo feito de que as vosas reunións produzan máis mal ca ben. 18 O primeiro que oio é que cando vos xuntades en asemblea hai divisións entre vós e, en parte, créoo. 19 Pois é necesario que haxa bandos entre vós, para que se vexa quen entre vós é honesto.
20 Deste xeito, cando vos xuntades en común, iso xa non é come-la Cea do Señor. 21 Ó poñervos a comer, cada un agárrase á súa propia comida e uns pasan fame mentres os outros se emborrachan. 22 ¿Seica non tedes casas para comer e para beber? ¿Ou é que queredes despreza-la Igrexa de Deus e avergonzar ós que non teñen? ¿Que vos vou dicir? ¿Vouvos felicitar? —Non, nisto non vos felicito.
23 Porque eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan 24 e, despois de dar gracias, partiuno e dixo: “Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña”. 25 Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: “Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en lembranza miña”.
26 Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciáde-la morte do Señor, ata que El volte.
27 De maneira que quen coma o pan ou beba a copa do Señor indignamente, terá que responder do corpo e do sangue do Señor.
28 Examínese cadaquén a si mesmo antes de come-lo pan e de bebe-la copa. 29 Porque quen sen recoñece-lo Corpo come e bebe, come e bebe a súa propia condenación. 30 Que por iso hai entre vós moitos achacosos e enfermos e mortos abondo. 31 Se nos examinasemos nós, non nos xulgaría ninguén. 32 Anque, se nos xulga o Señor, é para educarnos, para que non nos condenemos co mundo.
33 Pois logo, meus irmáns, cando vos xuntedes para comer, atendédevos uns a outros. 34 Se algún ten fame, que coma na casa, de modo que non vos xuntedes para condenación. O resto xa o arranxarei cando chegue.