Libro de Nehemías
4 (3:33) Cando Sambalat soubo que nós levantabámo-la muralla, encheuse de cólera e de furor. Burlouse dos xudeus 2 (3:34) e falou na presencia dos seus irmáns e das tropas de Samaría, dicindo:
—“¿Que fan eses infelices? ¿Déixaselles traballar? ¿Van ofrecer sacrificios? ¿Van terminar hoxe? ¿Farán revivi-las pedras de entre os pardiñeiros, agora que xa están calcinadas?”
3 (3:35) O amonita Tobías estaba ó seu lado e dixo:
—“Eles constrúen, mais, en canto suba unha raposa á súa muralla de pedra, fará nela unha fenda”.
4 (3:36) Escoita, Deus noso, como se burlan de nós. Fai cae-los seus insultos sobre a súa cabeza e entrégaos ó desprezo nun país de catividade. 5 (3:37) Non perdóe-la súa falta, e que o seu pecado non se borre diante de ti; porque cometeron unha ofensa contra os que constrúen.
6 (3:38) Reconstruímos, pois, a muralla, e toda ela foi reparada ata media altura. O pobo tomou moi a peito o facela. 7 (4:1) Cando Sambalat, Tobías, os árabes e os axdoditas se deron conta de que a restauración das murallas de Xerusalén progresaba e de que se empezaban a cerra-las fendas, a súa cólera foi moi grande. 8 (4:2) Xuntáronse todos para viren atacar Xerusalén e causar nelas estragos. 9 (4:3) Entón nós suplicamos ó noso Deus e puxemos gardas para que os vixiasen día e noite. 10 (4:4) Mais Xudá dicía:
—“A forza dos albaneis esgótase,
e hai moitos espolios.
E xa non nos será posible
construí-la muralla”.
11 (4:5) Os nosos adversarios comentaban:
—“Non sospeitarán nin verán nada ata o momento en que nós cheguemos onda eles. Entón matarémolos e faremos cesa-la obra”.
12 (4:6) Os xudeus que habitaban ó lado deles, cando viñan, repetíannos:
—“De tódolos sitios de onde vós vides, están eles sobre nós”.
13 (4:7) Entón eu ordenei o pobo por familias, coas súas espadas, lanzas e arcos, arredor e ó pé da muralla. 14 (4:8) Examinado todo, levanteime e díxenlles ós notables, ás autoridades e ó resto do pobo:
—“Non lles teñades medo. Lembrádevos do Señor, grande e temible, e loitade polos vosos irmáns, fillos e fillas, polas vosas mulleres e casas”.
15 (4:9) Cando se decataron os nosos inimigos de que estabamos alerta, déronse conta de que Deus lles desbaratara os seus planos, e puidemos voltar á muralla, cadaquén á súa tarefa. 16 (4:10) Desde aquel día, sen embargo, só a metade dos meus homes traballaba, mentres a outra metade tiña na man as lanzas, os escudos, os arcos e as coirazas. Os xefes mantíñanse en pé detrás de toda a casa de Xudá. 17 (4:11) Os que construían a muralla e cantos cargaban e levaban os vultos, traballaban cunha man, mentres a outra sostiña unha arma. 18 (4:12) Todo constructor tiña unha espada amarrada á cintura. O corneta estaba ó meu lado. 19 (4:13) Eu díxenlles ós notables, maxistrados e ó resto do pobo:
—“A obra é considerable e ampla e nós estamos espallados ó longo da muralla, lonxe uns dos outros. 20 (4:14) Polo tanto, se oíde-lo soar da trompeta onde queira que esteades, vide logo xuntarvos connosco. O Señor loitará por nós. 21 (4:15) Fagámo-la obra —tendo a metade dos nosos as lanzas na man—, desde o raiar da alba ata que xa se vexan as estrelas”.
22 (4:16) Tamén foi por este tempo cando lle dixen ó pobo:
—“Cada un co seu servidor pasará a noite en Xerusalén; na noite haberá un garda, e no día todos á obra”.
23 (4:17) Ninguén, nin eu nin os meus irmáns, nin os meus servidores, nin os homes da garda que me seguían, ninguén de nós, quitaba os vestidos. Todos tiñan a súa arma na man dereita.