Libro de Nehemías
10 (10:2) Firmárono: Nehemías o gobernador, fillo de Hakalías e Sedecías; 2 (10:3) Seraías, Azarías, Irmeías, 3 (10:4) Paxhur, Amarías, Malaquías, 4 (10:5) Hatux, Xebanías, Maluk, 5 (10:6) Harim, Meremot, Obadías, 6 (10:7) Daniel, Guinetón, Baruc, 7 (10:8) Mexulam, Abías, Miiamín, 8 (10:9) Maazías, Bilgai, Xemaías: tales son os sacerdotes.
9 (10:10) E os levitas: Iexúa, fillo de Azanía, Binuí de entre os fillos de Henadad, Cadmiel, 10 (10:11) e os seus irmáns: Xebanías, Hodiías, Quelitá, Pelaías, Hanán, 11 (10:12) Milá, Rehab, Haxabías, 12 (10:13) Zacur, Xerebías, Xebanías, 13 (10:14) Hodiías, Baní, Beninú.
14 (10:15) Os xefes do pobo: Parox, Pahat-Moab, Elam, Zatú, Baní, 15 (10:16) Buní, Azgad, Bebai, 16 (10:17) Adonías, Bigvai, Adín, 17 (10:18) Ater, Ezequías, Azur, 18 (10:19) Hodiías, Haxum, Besai, 19 (10:20) Harif, Anatot, Nebai, 20 (10:21) Magpías, Mexulam, Hezir, 21 (10:22) Mexezabel, Sadoc, Yadúa, 22 (10:23) Pelatías, Hanán, Anaías, 23 (10:24) Hoxea, Hananías, Haxub, 24 (10:25) Olohex, Pilhá, Xobeq, 25 (10:26) Rehúm, Haxabnah, Maseías, 26 (10:27) Ahías, Hanán, 27 (10:28) Maluc, Harim, Banah.
28 (10:29) O resto do pobo, os sacerdotes, levitas, porteiros, cantores, servidores e tódolos que se separaran dos pobos dos outros países para serviren á Lei de Deus, as súas mulleres e fillos, todos cantos tiñan uso de razón, 29 (10:30) uníronse ós seus irmáns, os nobres, e xuraron solemnemente camiñar de acordo coa Lei de Deus dada pola mediación de Moisés, servo de Deus, e levar á práctica tódolos preceptos, decretos e mandados do Señor.
30 (10:31) Por conseguinte, non darémo-las nosas fillas ás xentes do país, nin tomarémo-las súas fillas para os nosos fillos; 31 (10:32) se as xentes do país veñen con mercadorías ou calquera xénero de víveres no día de sábado, non lles compraremos cousa mentres dure o sábado e durante os días de festa, e no sétimo ano deixaremos descansa-los nosos campos e pagaremos toda clase de débedas.
32 (10:33) Prometemos ademais dar un tercio de siclo ó ano para o culto do templo do noso Deus, 33 (10:34) para o pan da presentación, para a ofrenda perpetua, para o holocausto perpetuo, os sábados, comezos de mes, festas, para as cousas consagradas, para os sacrificios de expiación dos pecados de Israel e para toda obra da casa do noso Deus.
34 (10:35) Nós —os sacerdotes, os levitas e o pobo— botámo-las sortes con motivo da ofrenda de leña que hai que levar á casa do noso Deus segundo as nosas familias, nos tempos fixados, ano tras ano, para acende-lo lume do altar do Señor o noso Deus, segundo está escrito na Lei. 35 (10:36) Da mesma maneira, deben levarse as primicias dos nosos eidos, as de tódolos froitos de toda árbore, cada ano, para a casa do Señor, 36 (10:37) e os primoxénitos dos nosos fillos e do gando, como está escrito na Lei; así coma os primoxénitos das nosas grandes reses e das pequenas, que se deben levar á casa do noso Deus e ós sacerdotes en función na casa do noso Deus. 37 (10:38) A mellor parte da nosa fariña, das nosas ofrendas, de toda clase de froitos, do viño e do aceite, débense levar ós sacerdotes, para os almacéns da casa do noso Deus, así como tamén o dezmo do noso terreo ós levitas. 38 (10:39) Un sacerdote, fillo de Aharón, irá canda os levitas, cando estes reciban o dezmo, e tamén eles, pola súa banda, apartarán a décima parte do dezmo para a casa do noso Deus e levarana ós almacéns da casa do tesouro. 39 (10:40) Pois tanto os israelitas como os levitas levan as ofrendas de trigo, de viño novo e de aceite ós almacéns, onde están tamén os trebellos do templo, dos sacerdotes que prestan servicio, dos porteiros e dos cantores.
Deste xeito, non abandonarémo-la casa do noso Deus.